sábado, decembro 11, 2021

Marta Dacosta nas “Lecturas poéticas de “La Mini”

 


    O pasado mes de novembro dende “La Mini” (Fonte de Zeta 9, Baiona), puxemos en marcha un novo proxecto para arrexuntar poesía e gastronomía ou cunha simple copa de viño, as “Lecturas poéticas”, argalladas en conversas sobre mesa e mantel, serán coordinadas por Xosé María Álvarez Cáccamo. Foi el mesmo quen daquela abriu o lume.

    Toca agora a segunda das “Lecturas poéticas” que comezará ás 12.30 cunha duración aproximada de 45 minutos. A intervención poética está pensada para celebrarse no exterior, o pé mesmo da Fonte de Zeta, pero como non sempre os deuses do tempo acompañan, no caso de ser preciso poderemos resgardarnos no interior da taparía.

    E será a poeta Marta Dacosta quen nos fará algunhas lecturas do seu último libro Notas sobre a extinción (Galaxia, 2021) e doutros dos seus máis recoñecidos poemarios  As amantes de Hamlet (2003), Acuática alma (2011) Dun lago escuro (2014) e Na casa da avoa (2017).

    Agardámosvos o sábado 18 de decembro, un chisco despois do medio día.

    Ben sabedes que para que o motor arrinque, cumpre empuxar.

    Graciñas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario