O sábado 18
de decembro, ás 12h. na alameda de San Miguel de Tabagón estarei ben orgulloso
de participar na homenaxe popular a José Cardoso Martínez “O barbeiro de
Tabagón” que se suspendera o pasado ano por mor da pandemia.
E todo un
honor recibir o convite do CS Fuscalho, a AC Xulica, a AC Carballas e o concello do Rosal e poder
participar xunto ao amigo Moncho Leal, a poeta Marisa Guerra e a cantoautora
Lara Villaverde así como do bisneto do “barbeiro”, Marcos Pérez, e a alcaldesa do
Rosal, Anxela Fernández, nesta merecida homenaxe ao popular barbeiro de Tabagón
asasinado o 5 de agosto de 1936 en Goián.
Déixovos
unhas liñas na que fago referencia a José Cardoso Martinez no meu próximo
libro:
“A relación de asasinatos cometidos nos lindes territoriais de Tomiño está encabezada por unha das primeiras vítimas do exterminio, o rosaleiro José Cardoso Martínez[1]. Home popular, coñecido en todo o Baixo Miño, pola súa profesión, como o “Barbeiro de Tabagón”. Foi o cinco de agosto, “sacado da casa a altas horas da noite e asasinado nas proximidades de Goián, a uns cincocentos metros do Regatiño, con dirección a Tui”, escribe Noya (1996:236-238); foi no Poste, en Goián, especifica a acta de defunción levantada por Manuel de Santiago. Identificouno ao día seguinte o seu cuñado, Luís Rivero González. En Fuxidos hai varias referencias ao “Barbeiro de Tabagón” nas que se indica que era un dos colaboradores do Nuevo Heraldo[2] que, na vila do Trega, dirixía o propio Noia, quen escribe: “Ó final do 36 foran xa inmolados a elite de redactores e colaboradores (...): Brasilino Álvarez, Francisco Rodríguez Otero, Manuel Noya, Hipólito Gallego, José Cortés e Luís Cardoso”. O primeiro, alcalde da Guarda, fusilado. O segundo, secretario de xulgado de Tomiño, paseado en Mondariz. O terceiro, irmán do autor, paseado en Oia. O cuarto, mestre de Forcadela, paseado en Mondariz. O quinto, mestre de Goián, fusilado en Pontevedra. O sexto, o “Barbeiro”, paseado en Goián”.
Alí estaremos para axudar na recuperación dun anaquiño da memoria da persecución franquista.
[1] De
30 anos. Natural e veciño de San Miguel de Tabagón. Fillo de Manuel e María.
Casado con Teófila Rivero González coa que tiña tres fillos: Antonio, Sara e
Argentina. Noya (1996) refírese a el como Luís, pero no rexistro aparece como
José.
[2] Nuevo Heraldo, subtitulado “Semanario republicano independiente” e “Periódico
defensor del agrarismo. Informaciones-Deportes-Política”, apareceu o 30 de xuño
de 1934. Fundado e dirixido por Xoán Noia, debe considerarse o continuador do Heraldo Guardés que fundara, en 1904,
José Darse Sobrino. En ambos colaboraron Guillermo Vicente, Francisco Rodríguez
Otero, Manuel Álvarez Rivero, Serafín Carrera Fernández, Rafael Fernández Casas
e Xoán Noia. O Heraldo Guardés, de
tendencias liberais republicanas, defensor do agrarismo, anticlerical,
antiforal e anticaciquil (Santos Gayoso, 1995), despois da morte do seu
fundador, en 1932, cambiou de orientación ideolóxico-política pasándose á
dereita caciquil ata que fechou en 1935. O Nuevo
Heraldo continuou na tradición agrarista, anticlerical e anticaciquil cunha
forte impregnación galeguista e anarcosindicalista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario