sábado, marzo 30, 2019

É a organización, estúpido, é a organización



En 1992 Bill Clinton non era máis que gobernador dun estado de segunda fila. Os grandes líderes demócratas evitaban, non con moito disimulo, afrontar o doloroso cáliz de enfrontarse a un poderosísimo Bush (pai), enormemente popular tras a Guerra do Golfo. Mais o mandato remataba cunha recesión económica.

Clinton aceptou o reto e, ben aconsellado, encheu as paredes da súa oficina de campaña cun cartel que poñía, máis ou menos: “É a economía estúpido, é a economía” para que lle lembrase aos seus colaboradores que os votantes querían ouvir falar  de educación e sanidade, benestar e dereitos cidadáns, e non, ou non só, do satán Hussein. Bush-pai, perdeu as eleccións.

En 2008 Bush-fillo, encomiado polos papaleisóns europeos (quen non lembra a famosa foto dos Açores?), inzou o mundo de guerras e mergullou a economía norteamericana, e mundial, nunha recesión da que nin demos saído, nin se lle albiscan mellores brotes verdes que os que intuía a ministra Espinosa ou quería ver na escuridade do túnel o ínclito Luís de Guindos.

Stiglitz publicou, na altura, un libro que poderiamos resumir en “É a guerra, estúpido, é a guerra”. Os tres billóns de dólares, cifra na que estimaba  o Nobel de economía os custos da guerra de Iraq, causara o déficit orzamentario da economía norteamericana e arrastrou as do seu ámbito a unha crise da que dez anos despois aínda non se albisca a súa profundidade.

Rousando para a casa. En 2018, Luís Villares atrévese a dicir, ben aconsellado: “É a organización, estúpido, é a organización”. Sorprende, e gaña unhas eleccións internas aos tres grandes partidos que apoiaban En Marea, cuestionando o modelo de coalición de partidos.
 Ao final as fórmulas organizativas importan. E moito. Tanto que  para centos de persoas activas ou votantes que se interrogan polas diferenzas entre as esquerdas, só hai unha resposta: o modelo organizativo.

O modelo de participación das elites políticas da esquerda tamén se cuestionou durante estes anos. Non se impugnou só o sistema bipartidista. O de “non nos representan” non estaba só dirixido ás elites gobernantes alternantes, senón tamén ás das esquerdas. Ese foi o éxito inicial de “Podemos”. O seu incumprimento é a súa tumba.

Se forzamos a que a participación das persoas se realice a través de subgrupos, e non individualmente, remataremos provocando que as decisións teñan que ser, sempre, a través do acordo entre as cúpulas directivas. O acordo entre subgrupos muda nun imposíbel cando hai desacordo e o seu corolario é o fraccionamento. O que fixo o grupo En Marea no Congreso de Deputados ao obrigar aos seus membros a integrarse no Grupo de Podemos foi transgredir o mesmo modelo de coalición, pois na vez de deixar que cada deputado se adscribise ao seu grupo correspondente, isto é, uns a IU, outros a Podemos e outros ao grupo mixto-Anova, someteunos a unha disciplina imposíbel de respectar.

O mesmo acontece cando un grupo ostenta a condición de maioritario e sente a comprensíbel tentación de facer valer a súa maioría cando hai desacordo. O resultado é o fraccionamento. Neste último caso o modelo de relación UPG-BNG ou PCE- IU é ben coñecido e estaba, e está, cuestionado. O mesmo aconteceu con AGE que ou ben se convertía en algo diferente, un partido de afiliación individual, ou persistía no modelo coalición que lle auguraba e aseguraba o seu fraccionamento.

Agardo que a valentía de Villares ao resistir as imposicións da vella e enviciada esquerda teña un amplo apoio electoral que permita albiscar un futuro prometedor para unha alternativa soberana galega, de esquerda, verde e feminista e de afiliación individual que supere a perversa dinámica de grupos de ineterese.

Publicado en Novas do Eixo Atlántico, abril 2019

xoves, marzo 21, 2019

Hamlet en Tombstone e no colexio electoral

Mature en primeiro plano, Henry Fonda detrás en "My darling Clementine"

Ata as persoas menos cinéfilas saben do tiroteo na parte traseira do O.K. Corral. O cinema recreou unha e outra vez aquela “balacera” entre os irmáns Earp, encabezados polo afamado Wyatt, coa axuda inestimábel do “Doc” Hollyday. Enfronte, os irmáns Clanton e os McLaury, liderados por Billy Claiborne. Ás 3 PM, 30 segundos, 30 tiros, 3 mortos, do bando dos malos, uns cantos feridos, converteron a cidade do condado de Cochise, no estado de Arizona, nunha celebridade mundial que na actualidade, carente de xente e minas, vive do masivo turismo nostálxico da fronteira do vello Oeste.

O mito de Wyatt Earp e “Doc” Hollyday forxou parellas actorais masculinas de maior ou menor fortuna. Burt Lancaster e Kirk Douglas; James Garner e Jason Robards; Harris Yulin e Stacy Keach, Kurt Russell e Val Kilmer; Kevin Costner e Dennis Quaid. Non nos detemos noutras aparicións como secundarios ou en series televisivas.

Sen dúbida, non a primeira, pero si a máis influente das versións daquel exceso de chumbo foi a que o fillo de Irlanda, John Ford, dirixiu en 1946 baixo o rotulo de “My darling Clementine”, (“You are lost and gone forever. Dreadful sorry, Clementine”)  que os creativos versionadores en español denominaron, manda truco, “Pasión de los fuertes”. H. Fonda e Víctor Mature foron os rostros dos míticos pistoleiros.

O “armario”  Mature, aos que os da miña xeración recordamos sempre lucindo curtas saias como gladiador, Anibal, Sansón, Horemheb o exipcio,  ou en “La túnica sagrada”,  dá vida ao atormentado, alcohólico e tuberculoso Doc Hollyday, a quen Ford fai completar o famoso monólogo de Hamlet que comezara un actor borrachuzas ante unha panda de brutos cowboys.

Máis ou menos Mature/Hollyday comeza, despois da referencia do puñal, con “¿Quen podería tolerar tanta opresión, esgotado, xemendo baixo o peso dunha vida molesta se non fose polo temor de que existe algunha cousa mais alá da morte (aquel país descoñecido, dos lindes do cal ningún camiñante volve), que nos inunda de dúbidas e nos fai sufrir os males que nos arrodean; antes de ir na procura doutros dos que non temos coñecemento seguro?”.

Atreveríame a recomendarlle unha nova lectura da escena IV e das palabras que lle deita o príncipe de Dinamarca, incerto segundo Cunqueiro, a Ofelia, aos equipos directivos das tres forzas da esquerda que se citaron nun desafío a morte para as 8 PM tras o peche dos colexios electorais, nun prometedor abril que pode tornarse en turbio e agrisado. Coidan que as súas destrezas vanlle permitir gañar o reto e enviar os outros máis alá dos marcos dos que ninguén retorna.

Mais tras o tiroteo do OK Corral, os Clanton enrabiados furaron os corpos de dous dos Earp. Wyatt e “Doc” andaron, durante anos, tras eles, ata que os remataron. O desatino prolongouse.

Non pense pois o hipotético vencedor, será un de tres, que os despropósitos acougarán tras a cita na “rebotica” dos colexios electorais. Mais pensen tamén, os tres, que os rebotes poden deixar o campo estrado de cadáveres.

Non son tempos de ilusión; mais quen podería tolerar tanta opresión... se non fose polo temor, e a ilusión,  de que existe algo máis alá da morte?


Publicado en A Nova Peneira, marzo de 2019





luns, marzo 11, 2019

Guias caninos en Andel


O próximo xoves ,14 de marzo, ás 20:00 h na libraría ANDEL (Camelias, 102, de Vigo)estarei acompañando aos amigos: o escritor Bieito Iglesias e o debuxante Xulio Gaioso na presentación dos seus Guías caninos (Editorial Aira).

No acto ademais dos autores, intervirán o César Lorenzo en representación da Editorial Aira e o escritor Román Raña.

Coidamos que é tamén unha Boa ocasión de recoñecerlle a Xaime e Concha de Andel o seu labor.

Agardámosvos




luns, marzo 04, 2019

Non sei de que te asustas!

Exposición sobre as exhumacións de San Xián no IES Ricardo Mella de Vigo

Non sei de que te asustas!, os burros ornean, as mulas dan couces,  e no verán, as vacas moscan.  Aquel, non sei de que te asustas!, que daba paso a unha restra de exemplos de natureza tan evidente como certa, arrodeaban a frecuente expresión de meu tío-avó Nilo, escéptico por condición.

O dito veu ao meu maxín despois de ollar un vídeo de iutube que me enviaron por guasap, no que, en senatorial debate orzamentario, unha señora, que representa non sei que e non sei a quen,  con “gracejo” e fachenda de si mesma, ridiculizaba o proxecto gobernamental.

O cumio da súa prédica acadouno facendo chanza, entre xestos e tons de vendedora na feira de Villaconejos, con perdón da súa veciñanza,  dos quince millóns de euros asignados áa “memoria histórica”. Como os bocaabertas das tómbolas de San Bieito, reitera, créndose simpática, ¡miren por donde señores!, ¡aquí no se equivocaron! ¡no! …. ¡quince millones para que “desentierren unos huesos”! Antes engadiu algo que lle escoitara a algún “dirixento” ou “dirixenta” e lle quedara pegado á orella. Non sabía moi ben que quería dicir, pero aos sanchistas, podemitas e separatistas fodíalles moito. Engurrando as cellas e xesto  contundente afirmou que a presada de cartos era para “generar una verdad de Estado”. Non se cortou un pelo. Cando a criticaron nalgúns medios, dubidou; pretendendo rectificar, aclarou que se refería a remexer nos osos de Franco.

Tate, batemos coa verdade de Estado da que falaba a feiranta; na excepcionalidade española, na anomalía hispánica, á que tan difícil é atopar outra explicación que non sexa a dun trastorno conxénito, dunha alteración crónica.

Recapitulemos: unha longuísima ditadura (fase prolongada de trauma), período “transacional” e amnesia gonzalense-aznariana (fase represión); tímida rememoración durante a xeira zapaterina; regreso á represión do trauma durante o período raxoniano. Sen exposición do trauma é imposíbel que a memoria pase ao libro de historia.

A dereita, herdeira predilecta, pero non exclusiva, segue prendida da verdade de estado elaborada polo franquismo e a “transacción” monárquica, fundamentada no carácter inevitable dunha horríbel guerra entre irmáns, na que todos se equivocaron, todos se excederon, todos teñen cousas que perdoar, polo que o mellor é esquecer o incomodo, non falar do trauma...

E o Estado, en máis de catro décadas de autodenominada democracia, non foi quen de xerar instrumentos para achegarse ao coñecemento da verdade. Tivo que ser a cidadanía quen, sen respaldo institucional  ningún, co silencio vergoñento das institucións xudiciais, as que procurasen non só as cifras do xenocidio senón tamén os ósos dos mortos para devolvelos ao fogar dos que os arrincaron.

Non se pode ser máis moderado ao afirmar que un mausoleo megalómano, presidido pola simboloxía dos vencedores, erguido por vontade do ditador, onde se homenaxean os seus restos e máis os do fundador do partido fascista que exerceu durante décadas unha parte máis que significativa do poder político, non pode ser considerado un lugar de reconciliación.  Non se pode ser máis moderado cando se reclama legalmente, con documentación probatoria ata o detalle, que o pazo residencial da familia do ditador foi usurpado pola forza dun réxime totalitario.

Emporiso, non é que unha parte desa dereita poida expresar a súa identificación coa ditadura, co franquismo e co fascismo, senón que a autoproclamada dereita liberal, mesmo centrista e ata europeísta, amosa sen pudor a fortaleza do cordón umbilical que os une á ditadura, ou mellor, ao relato autoritario do nacionalismo español, católico e monárquico, expresión dunha concepción, tan do gusto de Franco, do pobo español como dominado polo xene cainita que o imposibilita para a democracia.

A excepcionalidade emerxe pola mínima, con brutalidade,  de forma incomprensible para a normalidade democrática. Só é preciso que a dereita perda o poder executivo e o relevo precise certas xestualidades para que a anomalía española se exhiba con intensidade.

A señora falaba por boca interposta. “Están todo el día con la guerra del abuelo, con las fosas de no se quién, con la memoria histórica...” dixo Casado en 2008.

Nos momentos límite, dicía Camus, concordando co meu tío-avó Nilo, so hai dous partidos: o da humanidade e o da inhumanidade.

*Publicado en A Nova Peneira, 1ª quincena, febreiro 2019

luns, febreiro 18, 2019

Máis madeira


A celebre frase emitíaa don Groucho para reclamar dos seus irmáns pitolas de leña para mover a locomotora na que facían asneiradas polo Oeste. É a guerra, traede máis madeira! berraba co xaruto entre os dentes mentres Harpo e Chico esnaquizaban asentos, paredes e teitos dos vagóns. Un neomarxista de pro como é Pedro Sánchez non ten empacho algún en seguir a senda dos seus ideólogos e alimentar, mentres quede madeira, o queimador da estartelada locomotora.

O que ninguén lle pode cuestionar é a súa capacidade de supervivencia. Xa resucitou dúas veces. Primeiro no partido; despois no goberno. Agora pretende o máis difícil aínda, facelo nunha terceira ocasión. Será a única vez, non xa na historia humana senón mesmo na divina.
Podía rematar a lexislatura. Os orzamentos prorróganse. Ante os que queren queimalo na propia casa, os que reparten leña no Tribunal Supremo e os pirómanos da Praza de Colón, don Pedro non se arredou e veña, mais madeira!. Eleccións o 28 de abril.

Como os superviventes sono por medorentos, non se atreveu a poñelas o 14 con toda a súa forza emblemática, o cal non quere dicir que a celebración deste 88 aniversario da proclamación da II República non vaia ter unha potencia simbólica e mobilizadora de dimensións impredicibeis ante a ameaza da dereita trifálica; como tampouco tivo a afouteza para facer outra cousa que subliñar a bondade do diálogo cos idependentistas cataláns, cando todo o mundo sabía que era falar por non estar calado. Medroso como é nin ousou convocar o superdomingo, porque os seus, os baróns, como lle din, non lle deixaron. O señor de Abelgrado o primeiro. Pero púxollas antes para comprometelos. Ou eu ou a Triple Alianza argumentará.

Así que máis madeira. A votar, despois de 15 días de campaña electoral, o 28 de abril. A votar, despois doutros 15 días de orneante publicidade, o 26 de maio e con tripla papeleta, algúns, europea,  autonómica e local. Ata setembro as institucións paradas, sen ninguén que tome decisións, coa ameaza de fatiga cidadá nun ambiente que os patriotas españois tensan de forma perigosamente irresponsábel.

Neste caótico remexido, don Pedro xoga a ser o máis votado,recuncando na presidencia e permitindo a terceira resurrección. Daquela ninguén lle poderá tusir. Agás os independentistas catalánsque o teñen claro, e os  nacionalistas vascos que tamén. Estes na súa pouquidade numérica. Aqueles cun Junqueras convertido en único líder independentista, disposto a pasar anos na cadea ata que Estrasburgo condene oestado español e a pacífica derrota xurídica e política o obrigue a procurar un acordo a medio prazo que supoña o recoñecemento xurídico de Cataluña como nación.

Os dirixidos dende Madrid teñen tamén o seu xogo. A hipotética emerxencia de Vox arrastrou oPP cara á dereita máis extrema e deixoulle un espectro máis moderadoa Cidadáns, agás no seu extremismo pola cuestión catalá, pero en disputa electoral co sanchismo, en especial despois do gran erro de Rivera admitindo a foto de Colón. A desfeita de Podemos, arrastrado pola impericia dos seus dirixentes, o seu patriotismoespañol, os xestos sociais do sanchismo e os medios que antes os elevaron, orientan os seus votantes cara ao utilitarismo ou o desencanto.

E nós que? Pois máis madeira!. É evidente que o noso sistema de representación segue sendo propio. Semella que a versión feijoniana do fraguismo pode coutar a emerxencia de Vox como fixo ata o de agora con Ciudadanos. Haberá que velo. O resto a repartirse entre tres ou catro. O sanchismo limitado, o BNG incapaz e Podemos querendo apropiarse dun espazo no que baten con castrexa resistencia. As mostras de sentido común son ben escasas e o fraccionamento do xa de por si reducido espazo pode deixar moitos cadáveres políticos antes do verán.

Nas locais, candidaturas a eito, como os choupíns no outono. Cada un ao seu.

No Senado, serían quen os partidos de abrir unha raioliña de esperanza e concertar unha candidatura democrática e galeguista para facerlle fronte a unha hipotética alianza da dereita trifálica? Aínda que só sexa para unha defensa resistente do actual estado autonómico e impedir a redución de Galicia a “una región mas”. Alguén debería abrir esa xanela e que PSOE, BNG, Podemos e En Marea respondesen. Seguro que persoas de probada traxectoria democrática e capacidade non se negaban a botar unha man.

En fin... o escepticismo galaico é unha sensata forma de ser e estar no mundo.

*Publicado en A Nova Peneira, 2ª quincena, febreiro de 2019


luns, febreiro 11, 2019

Meu querido Alfonso

Fendas nas cores. Técnica mixta70X50. En homenaxe aos nove asesinados na Volta de Baredo

Non lembro ben cando nos coñecemos. Ou, mellor dito, a primeira vez que falamos con sosego. En Gondomar, se baixas á Paradela, coñécese todo o mundo, agás os que non queren ver. Pero si lembro de que falamos. Foi por amigo interposto, ben o sabes que nos andaba a furar no caletre por mor de facer unha asociación cultural no Val que servise de retroalimento ao seu proxecto xornalístico d´O Miñor, e que denominaba, cun exceso de ringo rango, Instituto. Era o Nano Cambeiro, que che vou dicir que non saibas. Foi el quen me indicou, despois da constitución formal do Instituto, que en Gondomar con quen se podía falar era con Alfonso Soliño Troncoso.

Daquela, van alá máis de 20 anos, porque o Instituto debe andar preto de cumprilos, levabamos un tempo acochándonos nestas reviravoltas miñorás entre ríos, vales, chans e outeiros, e ti, un gondomarés, gondemarense ou gundemarino, ou como queiran que digamos, de nación acóllechenos coa naturalidade de quen percibe que a semente dá froitos se se coida con xenerosidade. E a túa desbordaba o caneiro da levada do Bravo como cando a enxurrada do Zamáns inunda a praza de Bar Boo. E daquela botaches todas as mans e chamaches a todas as portas que coidabas se podían abrir.

E fixéchelo tendo que resistir embates. Lembras? Viñamos de inventar unhas paseatas a semellanza do Seminario de Estudos Galegos, inspiradas por Lois Tobío, ben sabes de quen falo, do grande entusiasta do noso veciño don Diego de Gondomar,  e que andando o tempo sentimos revivir cada día no que algún veciño ou veciña nos comenta que foi ao Lois Tobío ver tal ou cal cousa.

Chamámoslle Xeiras. Non sei se foi o primeiro ou o segundo ano. Lembralo ti? Si acordo que foi a primeira que se converteu nunha especie de procesión laica. Argallárala ti. E ti foras quen a guiaras. E alí encumiados nos chanzos da escada da casa do concello, diante do teu lugar de traballo, comezaches a falar e un balbordo inxusto remexeuse entre as fileiras recuadas: “ No entendemos. En castellano!” Ollámonos, con certa, non moita, sorpresa e aguantaches, resistiches o embate de quen nos quería anular como nación-cultura e reducirnos a simples obedientes asalariados desposuíndonos da nosa dignidade de activistas da cultura. Resísteches e resistimos. Ao remate do día lémbrote feliz, quizais como nunca te volvín ver,  e iso que tiveras que volver resistir, non sei se lembras, os sutís matices de altura ante a autoridade condal nas escaleiras do Pazo.

Ben me decatei daquela que non gustabas da representación ante o público. Reflexión e representación non sempre se complementan. O teu é a reflexión. Aínda me decatei máis cando che tocou actuar de embaixador do teu admirado profesor na Coruña, Manolo Gallego Jorreto ou cando tiveches que facer de mestre de cerimonias daquela exposición auroral que argallaches con sapiencia de experto comisario, na luminosa entrada do IES Agua da Laxe, na que con moito esforzo e máis paciencia fuches quen de axuntar seis artistas miñoráns cando menos de acollida. Ao velas agradan, Quae visa placent, chamácheslle. A min, xa sabes, gustábame máis “Dá xenio velas”. Van alá tres lustros.

Foi unha sorte poder colaborar contigo naquela exposición e aprender tanto cos teus  razoares, de idas e voltas, entre ducados e ducados nos dedos da nerviosa man, forte, tensa, pura febra de quen ía remoendo as decisións para retornar ao día seguinte cun: Mira Carlos, isto imos facelo así!.

Non sei se antes ou despois dixécheslle  ao Cruceiro de Mañufe:
“Mantente firme contra a modernidade esquecediza e irrespectuosa; que non te afogue nin desprotexa, que xa basta de loucuras ao teu redor. Ten fe porque, a pesar da túa avanzada idade, sempre haberá alguén que te coide e mime, con amor de fillo, para que perdures nos séculos.
Por min queda prometido.”

E rematabas retornando á única patria de cada un de nós:
“Sabes? Que medo me daba a túa serpe verde cando era neno!”

Sabías ben o que lle prometías ao cruceiro, que a modernidade non pode esgallarse da tradición; que tan papaleisóns son os fetichistas da modernidade como os nostálxicos da tradición; que terra e tempo van xuntos, pero que somos máis fillos do noso tempo que dos nosos pais; que entre tradición e vangarda non pode haber escisión; que a contemporaneidade ou bebe nas tipoloxías pretéritas ou fica en moda temporal de pasatempo. “Coidar e mimar” dis, coñecer, estudar e conservar as vellas formas, as vellas construcións, non imitalas extemporáneamente, reproducilas fóra de contexto ou coa perversa nostalxia do novo rico.
Embarcámonos nos libros de fotos, naquel fermoso Gondomar, o son do río, para o que andaches a recoller e seleccionar vellas imaxes, que serviu para recuperar con sosego ao Lucas de Chaín que a partir daquela andou polo mundo en exposicións diversas.

Na túa constancia, como a toupeira fura, fura, conseguiches facer realidade aquela túa ilusión de dotar a Gondomar dunha sala de exposicións merecente de tal nome e, de paso, sacar o Instituto da súa precariedade. Encargácheste, co tesón e ilusión de sempre, primeiro de conseguir a cesión do local, despois de imaxinar os espazos e procurar solucións, logo de sometelas a unha disciplina orzamentaria excesivamente ríxida. Máis tarde de acometer a ampliación. Eu xa arrombei nos cuartos escuros da memoria aqueles case dous anos de ires e vires, de aforrar por aquí e por alá, de procurar solucións, ata que puideches retomar as obras que realizou a empresa de Benido. Daquel orzamento raquítico ata tíraches unha parte para amoblar o local. E houbo sala de exposicións en Gondomar e converteuse na envexa das xentes da arte e da cultura en todo o país. Temos que quedar para recordar como fora aquilo ata rematar naquelas liñas ensarilladas como unha rosa que significaban a recuperación da Ponte de Rosas, que non sei se eran rosas ou rozas. E Estévez imprimiu a gran escala a foto das mulleres a lavar no río que empregaramos na capa do  Gondomar, o son do río. Todo ficaba como concluído en espiral constante de futuro.

Teño á beira da miña mesa de traballo, para pousar nel os ollos de cando en vez, un cubo de bronce do que emerxe unha media cana a xeito de pluma ou pincel  creador; aínda conserva no seu interior un chisco da area da fundición. É o número 18 das 31 que se fixeron. Foi, lembras, a peza coa que se agasallaron os primeiros relatores da primeira tempada daquilo que foron as Tertulias do IEM. Houbo que mudar de material, que o bronce era luxo de máis. Pasaches ás madeiras nas que es mestre avezado; seino ben cando ollo a peciña empoleirada nos estantes do salón da miña casa. Durante anos o ritual repetiuse: a media tarde do primeiro venres de cada mes, Alfonso Soliño --se paro aquí, dirasme, Troncoso, que tamén teño nai-; pois digo que un pouquiño antes de comezar a Tertulia, chegabas coa peza escultórica nunha discreta bolsiña e cun sobriño branco inmaculado que acochaba no interior unha cuartilla co título, os datos técnicos e un breve texto sobre a concepción da obra.

Sempre vin  naquel teu exercicio de discreta e constante colaboración a forza interior de quen ten en alta estima os comportamentos éticos, porque  resistiu as tentacións da banalidade, de quen é sabedor de que tras o “nulla estetica sine ética” vai máis alá do postureo de artista e sinala o profundo compromiso coa verdade doa artista e da persoa.

A galiña azul. Un conto, de Alfonso Soliño Troncoso; 2004
O outro día, cando nos despedimos en Sabarís, alguén, cando nos vexamos xa che direi o seu nome, díxome que eras un valente. Referíase á túa condición de porteiro de balonmán, aspecto de ti que eu case descoñecía. Logo, matinando, decateime de que a túa valentía vai moito máis alá da cancha dun pavillón deportivo. É un valor enxertado na forza da ética, mesmo rigorosa, podería pensar alguén.

Alfonso Soliño Troncoso comenta con Kristina Berg
a súa homenaxe a Casares o día da inauguración 
Por hoxe vou rematando, Alfonso. Sabes que me lembro sempre de ti cando ollo os ladrillos cerámicos cos que dótaches de personalidade as beira rúas da vila e cada vez que me ilumina o azul do que tanto gustabas e que lle puxeches á reelaboración da galiña de Casares e matino no ben que ficaría na coelleira aquel polbo xigante que fíxeche en cartón para que un día fose en aceiro cortén e que polo de agora non puido ser.

O dito, Alfonso, ata máis ver. Unha forte e tensa aperta de buxo.

PD: Teño que dicirche que como ti, na túa constante resistencia á exposición publica, non cumpriches co compromiso de expoñer na sala de exposicións da Ponte de Rosas como te comprometeras con Fino e o teu irmá Antonio, este agasallounos cunha magnifica mostra, sempre contida, como sabes que é el. Ven mirala pronto e falamos.

Aburiño.

Gondomar de Miñor 9 de febreiro de 2019