mércores, decembro 21, 2016

Alá vai*


Debuxo do libro "Descripción histórica y cronológica de las
dos piedras..." de Antonio de León y Gama,1792.
 
Retomo esta sección que durante anos ocupou un anaquiño desta esperanzadora Peneira, expresión anovada do esforzo pola supervivencia dunha cultura e polo recoñecemento do dereito a decidir dun pobo, seguindo o amable convite do amigo Tino Lago.

“Alá vai!”,  di o meu neto cando lle cae o xoguete ao chan, ás veces, tamén, cando o tira con toda a intención;  así disimula. “Alá vai!” é unha das poucas expresión galegas que lle van quedando nos titubeos iniciais da súa fala premida por un ambiente español abafante: amigos, debuxos, gardería... si, aquela que seica crearan os nacionalistas para lavarlles o cerebro inocentes crianzas. En fin, sei que falándolle en galego ficaralle o son e cando sexa maior recoñecerá as  súas  primeiras vivencias.  Como lle pasou ao seu avó. Tampouco nos poñamos exquisitos que, máis ou menos, aqueles que pasamos a infoadolescencia en cidades ou vilas do franquismo pleno, do tardío ou do prolongado da transición, somos todos neofalantes. Ao fin e ao cabo serán os neofalantes os que salven o idioma porque o farán dende a consciencia do seu valor. Á maioría da xerontocracia  falante chégalle con votar os de sempre. Xa saíu a mala uva!!!

“Alá vai!”. Agardo que a expresión  reiterada con intensidade polo Xandre non asuste a alguén atemorizado pola invasión de refuxiados sirios, polos llighadistas fuxidos de Alepo, por sospeitosos vendedores de alfombras ou irracionais rexeitadores do porco. Déixaos  ho!, que queda máis pra nós, di o meu tío-avó Nilo. Digo, que non se asusten e confundan a infantil reiteración cunha xaculatoria coránica.

O caso é que alá vai o ano, como o anterior, abafado de eleccións.  Case quedamos a vivir no colexio electoral. Total para quedar como estabamos! din os que querían que quedaramos como estabamos. Total para nada! din os que nin foron votar. Total para perder outra vez!, din os que nunca dan acordado. Veremos se cando menos durante dous anos, non o teño moi seguro, non temos que soportar o ruído deformador de realidades complexas.

Ora, no encete de 2017, centenario das revolucións rusas, os ofertantes de solucións e os seus seareiros van ter entretemento abondo. Os de En Marea, como foron os últimos en chegar, van ser os primeiros en comprobar se son franquiciados ou teñen tenda propia. Será aló polo remate de xaneiro. Entrando o segundo mes do ano o PP rememorará o “espírito do 12 de febreiro” para “facer que fai” e seguir igual. Cara a fin de mes os de Podemos semellan dispostos a ofertarnos un duelo a morte no OK-Corral , veremos se algún sae vivo ou se fican todos feridos. Para esas datas tiña concertado o BNG a súa asemblea, mais seica a deixan para o seguinte mes por mor de profundar no debate de se son, ou non son, ou que son. No escuro horizonte próximo o PSOE tamén terá que facer o seu conclave e daquela si que pode haber moito máis que feridos. Temos por diante espectáculo garantido na sexta, para o que guste; pero xa non en viaV, para quen gustase.  

En calquera caso feliz ano e non mancarse.

*Publicado na Peneira, decembro, 2016

mércores, decembro 07, 2016

(Des)enleando o nobelo

    Segundo avanzaba na lectura de Todo canto fomos (Galaxia, 2016), a última novela de Xosé Monteagudo, imaxinábame convertido nun mínimo e aparente sarillo, cos cóbados ben pegados ao corpo e os antebrazos ben abertos sostendo unha madeixa de lá mentres miña nai a desenleaba para dar forma ao nobelo. Na altura xa non beaba a ovellume polo coto do Carrio; a res da aldea non subía cara a cima acirrada pola rapazada pegureira; a roca parara de dar voltas e non se  ensarillaban madeixas. Nos montes inzaron os piñeiros,  desapareceron as pericas e a  lá mercábase no comercio.

    Rematado o meu estático labor, a  nai continuaba a calcetar, con grosas agullas, aqueles abrigosos e coloridos xerseis, nas escuras noites. Que mesturarse dúas cores era frecuente,  tres de cando en vez, cinco extraordinario. Isto último é o que fai Monteagudo na súa novela,  calceta cinco fíos, cadanseu color,cada un deles autónomo para ofrecernos unha peza rematada con primor. Eses fíos son un escritor do que non sabemos o nome, Amaro, Carlota, Anxo e Maribel. Non fun o único ao que se lle viu ao maxín a imaxe da nai/avoa calcetadora; véxase senón a recensión  de Javier Tazón que consultei con posterioridade á lectura.

martes, novembro 29, 2016

E seguiremos a ser derrotados?


Hai un exceso de política. Unha sobrerrepresentación evidente. Unha teatralización excesiva. Sábeno ben os medios de comunicación e manipulación de masas (Chomsky) . Mentres o espectáculo continúe non hai problema. A seguir, unha boa dose de fútbol madrileño; media hora co “tempo” e logo máis rexouba.

Hai un exceso de información, na sociedade de centro comercial predomina o  inmediato, a realidade como sucesión de acontecementos fútiles, evanescentes, volátiles, diluídos, vaporizados... un permanente xa foi (Bauman),  un premeditado subministro de novas que agochen o conxunto.

domingo, novembro 20, 2016

Sobre a presecución franquista de cidadáns portugueses

Partillo o enlace do programa da Rádio e Televisão de Portugal (RTP) Linha da Frente: A guerra tambén foi nossa. Episodio 33, emitido o 19 de novembro de 2016 e do que son responsábeis Ana Luísa Rodrigues (Jornalista) e Carla Quirino (repórter de imagen) sobre a persecución franquista sobre cidadáns portugueses no que colaborei  xunto a outros colegas e amigos




mércores, novembro 16, 2016

P.S. a Eu fun a Trasalba


No anterior “post” intitulado “Eu fun a Trasalba” anunciaba que agardaba acudir a Compostela, ao Auditorio, á homenaxe a Camilo Nogueira. Así foi. Alí estiven, nun emotivo acto que quen desexe pode ollar, e escoitar, nas alcumadas redes sociais. Do mesmo chamáronme a atención tres aspectos. En primeiro lugar non só a presenza das catro portavocías parlamentarias senón a mesurada, comedida e respectuosa intervención de cada unha delas e, sobre todo, a non menos ponderada e temperada actitude do público. Tampouco cabía agardar outra cousa. Mais, ao ter que sinalalo, non semella que fose tan obvio. Estou seguro de que a única persoa que, na Galicia de hoxe, o podería conseguir é Camilo Nogueira. É público que non quería esta homenaxe; xa que logo, nesa lóxica, o deseño da mesma foi cousa da comisión organizadora que se atreveu, ousou, escenificar a atrevida proposta. Seguro tamén, moi seguro estou, que á feliz resolución axudou o carácter e estilo das catro persoas que exercen tal rol parlamentario. Se no canto de Puy, Villares, Leiceaga e Pontón, fosen outras as persoas, a representación non sería tan sosegada ou mesmo non sería.

luns, novembro 14, 2016

Proporción áurea de Auria

Con Bieito e Perfe na Libraida e o Ouro nas máns (Foto Libraida)
Os que viñamos  dos arrabaldos vilegos de Ribadavia ou do Carballiño ao entrar na cidade, ollabamos, á esquerda, a estación, nunha “praza fronteira onde desde hai anos fica varada una vella locomotiva evocadora daquela primeira Fulton que fumegou en marzo de 1881”[1] (p.13).

martes, novembro 08, 2016

O cubano

Ata que punto a decisión, indecisión, acción ou  omisión dunha persoa pode condicionar as actitudes dunha colectividade máis ou menos complexa ou determinar a súa realidade inmediata? Cal sería o futuro da República se 
José Calvo Sotelo
César non pasase o Rubicón ou non acudise ao Senado aquel quince de marzo? Que pasaría se o chofer do Arquiduque Fernando non manobrase para volver á ruta indicada e o motor do vehículo non se detivese? Ou, xa para esaxerar un chisco, que acontecería se Príamo non acollese dentro das murallas o basto cabalo de madeira? Que pasaría se o dirixente máximo de Podemos non  emitise unha orde-chío un cuarto de hora antes do remate do prazo legal para presentar candidaturas nas eleccións galegas?