luns, xullo 17, 2017

A elaboración mítica da memoria

Robert Capa. Morte dun miliciano, 1936
A memoria é subxectiva, está sometida a unha rememoración (non a unha deturpación) constante, individual ou grupal e xa que logo a unha reelaboración permanente. A memoria non é historia, senón un dos materiais para elaborar a historia.

Estas afirmacións poden ser mal interpretadas polos activistas da memoria vivos; por aqueles que conservaron a fonte primixenia para reconstruír os datos da  brutal persecución que os militares-fascistas exerceron sobre os leais á orde democrática. Poden ser interpretadas como unha desconfianza, como un manter a distancia ante a súa “verdade” gardada durante anos de silencio; ata poden ser consideradas como unha falta de respecto ou desconsideración. Ben lonxe fica a nosa intención.

A permanente reelaboración da memoria, a adecuación da mesma á realidade subxectiva, dá lugar a erros de vulto, como o de quen nos aseguraba que vira, falara e xogara, con tal ou cal personaxe represaliado, ata que tivo que admitir que cando o mataran el acababa de nacer e polo tanto non podía lembrarse del,  nin das conversas  e xogos; ou do fillo dun asasinado que insistía que o mataran en febreiro de 1936, varios meses antes do golpe de estado. Quere dicir que ambos mentían, pretendían enganar?; non, simplemente estaban a rememorar conversas, informacións escoitadas a familiares, ben fose entre disimulos ou en reiterados relatos, que rematan por axeitar os feitos ao que lle parece adecuado aos relatores. Nese proceso de adecuación o relato tende a “humanizarse”, a “mitificarse”, a afastarse do feito histórico.

Viñéronme estas cousas á cabeza tanto porque mañá vou presentar o libro de Bernardo Maiz sobre Amada García en que nos descobre como unha muller militante vai ser transformada nunha mociña bordadora que pagou as culpas do home e de pertencer a unha familia de esquerdas, como polo retrouso do caso doutro personaxe de Ferrolterra, José Rodríguez Brage, “O Luxo”, de Cabanas, asasinado en Vilarmaior, seica  tras a denuncia da muller da que se estaba a divorciar. Nos dous casos a memoria adáptase a unha lóxica mítica, a da muller contemplada dende a ideoloxía patriarcal, ben como unha pobriña que nada podía facer ou dende os celos vingadores dunha muller abandonada.

A desconfianza ante as fontes debe ser a actitude do historiador, o seu cinto de seguridade, pero non só ante as orais, ou memoriais, senón tamén ante todas as fontes escritas, dun xeito especial na historia contemporánea. Ata os datos máis aparentemente obxectivos poden estar alterados nunha causa militar, nunha nova do xornal, nunha acta de defunción, nun escrito memorialista ou nunha reportaxe fotográfica.

Quen non se lembra das falsidades de Enric Marco e outras falsas testemuñas do holocausto ou as dúbidas sobre a famosa foto do miliciano morto de Capa?.

Mércores, 12 de xullo de 2017


sábado, xullo 15, 2017

Volver a San Simón

Un ano máis procurarei navegar polo mar dos Cobres, dende Santadrán ata San Simón, non para honrar a Meendinho, que ben o merecía, ou camiñar baixo a sombra dos buxos, ou deitar os ollos sobre Cesantes, senón para pasar a ponte ata a de Santo Antón e pousar un caravel vermello, porque é preciso para que non se apague a memoria insatisfeita.

Porque nesta España dos horrores, 150.000 cadáveres seguen inhumanamente enterrados nas “cunetas”, oitenta anos despois do seu asasinato (un número só superado en Camboxa); porque nesta España o estado dedica recursos ínfimos a desenterralos e devolverllos dignamente aos seus familiares (dende 2009, orzamento “cero”); porque neste estado pódese argumentar que por mor da crise os cadáveres das cunetas poden agardar; porque neste estado os familiares e as asociacións da memoria teñen que seguir desenterrando cadáveres cos seus propios medios, trasladándoos e volvéndoos soterrar co absoluto desinterese de instancias xurídicas e policiais; porque este estado segue sen asumir a súa responsabilidade nas exhumacións; porque neste estado séguese a chamar Val dos Caídos a un campo de concentración e traballos forzados; porque neste estado dáselle a volta polo forro a unha lei de amnistía  ata convertela nunha de punto final; porque neste estado séguese a argumentar dende unha perversa equidistancia que pretende igualar culpabilidades entre os sublevados contra un réxime democrático e os defensores da súa legalidade; porque neste estado as sentenzas ilegais de tribunais de militares golpistas seguen a ter validez (agás en Cataluña, e xa veremos); porque neste estado o roubo de propiedades ficou legalizado polas pistolas; porque neste estado séguese a poñer dificultades aos investigadores con arquivos dispersos, sen sistematizar, fragmentados...; porque neste estado séguese a ter medo a dicir o nome dos asasinos e instigadores; porque nas rúas e nas prazas segue a haber símbolos franquistas e nomes de asasinos; porque a verdade histórica segue a ignorarse nos centros educativos; porque segue sen repararse o dano cometido; porque a administración de xustiza segue sen colaborar coas instancias internacionais; porque o último xefe de estado democrático segue soterrado en Montauban.

Por todas estas razóns, e máis que se poderían engadir, iremos un ano máis a San Simón.

Martes,11 de xullo de 2017





xoves, xullo 13, 2017

Miradas

Viña un chisco desgustado, mesmo enfadado.

Toquei o freo por que aló, ao fondo, a uns trescentos metros, o semáforo estaba en vermello. O coche foi amansando. Ese acougo obrigado polo ollo encarnado empoleirado nun varal verdoso permitiume ollar, por facer algo, para a beirarrúa da dereita, ampliada cun anaco pintado de ocre que seica é para que circulen as bicicletas; na realidade ten como función que os políticos, diversos, e os xornalistas falen de que hai carrís-bicis, que queda moderno.

Un  rapazolo, un mozote adolescente, discreto na súa aparencia, ben feito, case imberbe, cunha camiseta vermella sen debuxos de ningunha caste, un traxe de baño azul e branco e na man unha toalla laranxa, chancletas como dos chinos de cor marrón suxeitas por unha cincha negra; camiña pola beira da estrada. É evidente de onde  vén.

O que me chama a atención é que cada poucos segundos mira á  súa dereita, sorrí; dá uns pasiños moi lentos, volve mirar á dereita, sorrí, baixa os ollos ao chan; dá outros pasiños con sosego, volve mirar á  dereita, sorrí, baixa os ollos, camiña outro pouco; colga a toalla ao lombo e mira á  dereita, sorrí; amaña o cabelo, non excesivamente longo, mira á  dereita, sorrí. El mira á  súa dereita sempre.

É evidente que teño que mirar á miña esquerda.

Unha rapaza morena, tamén adolescente, discreta, cunha camisa negra sen debuxos; ao pescozo unha toalla azul sobre a que pousa a  súa media melena negra como tinta de lura; un pantalón curto, como de deporte, tamén de cor escura, quizais gris e unha cinta branca no bordo lateral, calza unhas fanequeiras coloradas, medio laranxas, ou así; camiña pola beirarrúa da miña esquerda. Amaña o cabelo e  sorrí, mirando á  dereita; da uns pasos, non deixa de mirar e sorrí, baixa os ollos un momento e o sorriso é mais grande, amplo, os dentes relocen entre os beizos carnais.

Volvo á  miña esquerda. O sorriso do mozo perdeu timidez, é  franco, aberto, ensinando os dentes e abrindo un chisco a boca; agora os ollos xa non baixan ao chan, só miran á súa dereita.

O semáforo en laranxa. Volvo miralos sorríndose ledos. Verde. Acelero.

Pasoume o desgusto e o enfado e sinto que estou sorrindo.
Luns, 10 de xullo de 2017



mércores, xullo 12, 2017

Historias da vida horríbel III

Turrou dos pés con dificultade evidente, o brazo inútil pegado ao corpo e agarrado pola man que aínda lle responde, a cabeza virada cara á  dereita, a boca torta cun chisco de cuspe pingando. Dixo que non se lembraba de nada, de nada, que estaba desmemoriado, que estaba perdido, que de nada se acordaba.

A defensa argúe inconsciencia, trastorno mental transitorio e anuncia recurso. A sentenza afirma que controlaba as facultades intelectivas e volitivas.

Non facía máis que ver a tele, alí sentada, adurmiñada toda a tarde, roncando de cando en vez. Apañou o martelo e deulle na cabeza. Sangraba moito. Desvariou os ollos e mirouno incrédula, como se non entendese, como pedíndolle explicacións. Non sabía que facer, golpeouna outra vez. Tirou cadeiras, partiu o cristal da porta da cociña, abriu caixóns, baleirou bolsos. Bateulle co martelo na cabeza por terceira vez e saíu pola porta berrando: matáronme a muller, matáronme a muller!!!

Os veciños sosegárono e a bruxa de enfronte chamou a ambulancia. Cando escoitou o ni-no-ni-no dando a volta na curva da estrada, matinou en que ao mellor non lle dera o suficiente. Cando chegou a Garda Civil, decatouse de que non lle crían o conto. Cando soubo que ela non morrera, convenceuse que malo sería, que había que agardar.

Segundo pasaban os días, os gardas seguían a preguntar e ela sen morrer, matinaba na salvación da súa honra e da familia. Ver a filla e  o xenro facer garda agoniados no hospital, íalle mal. Escribiu a carta; nela concluía “fago todo isto para non ter máis líos”. Un día que ficou el con ela espetoulle o coitelo que trouxera da casa e logo quíxose matar, pero non tivo forzas máis que para quedar tolleito.

Estas tres historias son tan reais como horríbeis. Catro vítimas, todas mulleres.

Domingo,9 nde agosto de 2017



Historias da vida horríbel II

O fiscal le as conclusión e comeza a esbagullar. Aquelas catro paredes escoitaron, durante moitos e moitos anos, relatos de crimes terríbeis pero ningún tan brutal como para escachar a coiraza incorporada baixo a toga dos xuristas. A defensa expresa a conformidade coas penas solicitadas. Uns poucos minutos antes das dúas da tarde a presidenta da sección cuarta da Audiencia de Pontevedra le de viva voz a sentenza unánime das nove persoas que integraban o xurado, tras unha breve deliberación. Prisión permanente.

Recoñezo os feitos relatados pola acusación fiscal, dixo, lacónico.

Con xesto beatifico, barba recortada, gafa-pasta de novidade, arracada na orella, estrafalario corte de cabelo de monxe medieval, vestido de elegante “casual”, cores combinadas, como se fose un  disfrace, como se quixese que ninguén o recoñecese, como se procurase aparentar un estado de chaladura, como se procurase representar un pesar baleiro, frío, impasíbel, carente de emoción, mesmo con mirada arrogante cando o fiscal se derruba.

Sentenza firme. Acatada por defensa e acusación.

Preparou con tino a mestura de somníferos e diluíno no cola-cao das nenas.  Para Anaya, de catro anos, foi suficiente, incapaz de mirarlle aos ollos cando se achegou coa radial prendida e o coitelo da cociña. Pero a Candela non, miroulle aos ollos entre o aletargado pestanexo, poderá esquecer a mirada da cativa?; inmobilizouna con cinta americana, enchufou a rebarbadora e rematou a faena.

Non era para elas o castigo. Era interposto para que ela, e todos, sufrise o lume do martirio do que el está a salvo.


Sábado,8 de xullo de 2017

Historias da vida horríbel I

O home uniformado agardou, por cortesía, que se esgotasen os quince minutos  por riba da hora sinalada. Ollou para a porta de entrada, remirou os recantos, encolleu os ombros, afastou un chisco a cabeza e esparexeu as cinzas sobre a herba vizosa do cativo xardín do cemiterio de Feáns, na Coruña.

A veciñanza das vivendas dormitorio non arrombaban o seu nome dos beizos. Unha veciña afirmaba que a ela non lle ía pasar que para iso tiña a cadela; un home que tampouco, que para iso quedaba cun amigo todos os días para pasear; outros senten vergoña por ter ignorado tantos anos da súa ausencia. Acadou o coñecemento público, incluso a fama, que evitou con excesiva discreción ou illamento depresivo, durante toda unha vida. Os medios escritos e audiovisuais repetían o seu nome e aireaban as circunstancias, causándolle un enorme desagrado. Ela ocultárao con decisión, durante, xa non lembra cantos anos... cinco... seis?.

Aquel día, pouco despois de que morrese a mamá, revisara a cartilla do banco e as domiciliacións, aparcara o coche, baleirara a caixa de correo; sentou no corredor e non lembra o que pasou. Foise consumido con sosego, con lentitude discreta, calada como vivira, como para non deixar pegada do seu paso, nin cheiro...

As ordes bancarias seguían a se executar, o po a pousar sobre a carrozaría do Peugeot, as cartas do banco a rebordar da caixa ata que o presidente da comunidade lle ordenou ao da limpeza que as gardase nunha bolsa.  Primeiro cortáronlle a auga, pero non a precisaba. Despois a luz, éralle igual. Só cando deixou de pagar o alugueiro se decidiron a entrar.

Alí estaba discreta, silenciosa, como a súa vida. Morta.


Venres, 7 de xullo de 2017

martes, xullo 11, 2017

O lume de Feijoo

Foto: Xoaquín/Libraida

Regresa P. Feijoo cos protagonistas da súa primeira novela, Mariña e Simón, dous personaxes cribles tanto na súa vulgaridade  diaria como no dinamismo heroico. Ela, unha licenciada en Historia da Arte, un chisco malhumorada e moi mandarica, guapa e decidida. Simón, un arquitecto rexoubeiro e atrevido só para ir detrás de Mariña, ata o memento xusto en que a ten que salvar e que chegou tarde ao reparto de dividendos da burbulla. El, Simón, é o narrador de tres dos cinco capítulos da novela. Os outros dous, construídos sobre senllos documentos redactados por contemporáneos dos feitos, desenvolven  a trama histórica.

Os protagonistas presencian o asasinato do alcalde vigués, César Escudeiro, o día mesmo da festa da Reconquista e cando este, nun atrevemento propio dun ególatra, vai representar  o mesmísimo Vázquez Varela. O rexedor está enleado nunha trama urbanística na que tamén participan outros membros da elite viguesa integrantes da Confraría do Cristo da Vitoria.

Dicía onte que non se trata dunha novela histórica senón dunha novela que emprega material histórico. Por fortuna, Os fillos do lume nunca perde o ton do relato de ficción, a diferenza  dalgúns bastante frecuentes na literatura galega que se moven nos terreos lamacentos da indefinición e nin son novela nin tampouco historia. Non son novela porque a trama ficcional é débil  e desatendida por centrarse na descrición exhaustiva do momento histórico ou de detalles marxinais (vestimentas, dicires, instrumentos, vexetación...) e non son historia porque non empregan nin as técnicas nin o aparato crítico e bibliográfico propio desta disciplina. Fican no terreo de ninguén.

Insiste Pedro Feijoo nunha literatura de diálogos rápidos,espelidos, enxeñosos, de acción e divulgación histórica coa manifesta intención de gañar lectores para a literatura, e para a literatura galega. Para iso retorna ás claves da súa primeira novela Os fillos da auga (Xerais, 2012), que en certa medida continuou con A memoria da choiva (Xerais, 2013) afastándose do exceso histriónico de Morena, perigosa e románica (Xerais, 2015).

Que prenda o lume lector.


Xoves,6 de xullo de 2017