mércores, agosto 16, 2017

A máscara de ferro e a Torre do Príncipe II

O elemento arquitectónico máis antigo da fortaleza do Monte do Boi de Baiona é, sen dúbida, o coñecido como Torre do Príncipe, situado na entrada do porto, mirando cara ao mar.  As informacións máis recuadas no tempo sobre esta construción fornécenolas Herminio Ramos na súa Crónicas históricas de la villa de Bayona, publicación na que reproduce unha carta do rei Afonso XI, asinada en Mérida a 26 de decembro de 1375, na que concede á Vila de Baiona un pedreiro para erguer unha torre no lugar que lle chaman de Monte do Boi, por onde entrou a frota do rei de Portugal, e evitar deste xeito que a vila quede erma e despoboada e a rouben ou queimen.

No comezo tivo pois unha función defensiva, aínda que a cotío era máis empregada como atalaia ou torre de vixía. Tanto para escudriñar no amplo mar a chegada de hipotéticos navíos inimigos (nalgúns tempos esta función tivo unha importancia salientábel) como, sobre todo, para guiar os barcos na súa entrada na enseada de Baiona. Tanto para un como para outro labor queimábanse toxos, facendo un facho que servía de sinal xunto cos de Cabo Silleiro e Monteferro. Os navegantes orientábanse e podían eludir os perigosos baixos da entrada do porto baionés.

Pouco debe quedar da primitiva traza ordenada por Afonso XI . Sabemos que en 1563 se realizaron obras na Torre, mudanzas de seguro substanciais xa que son os anos nos que a fortaleza se consolida como estrutura militar e defensiva. Non remataron daquela, nin moito menos, as alteracións na Torre, xa que cando o Marqués do Pazo da Mercé mercou a fortaleza, en 1875, mandouna reconstruír pois seica estaba medio derruída. Esta última intervención, a que hoxe podemos contemplar, transformou substancialmente a fasquía primitiva. É evidente que a fábrica máis antiga é a base circular, o resto foi engadido nas dúas reformas que citamos.

Non é máis que unha lenda perdida no tempo, sen datos concretos e estendida por outros moitos lugares. Mesmo deu lugar a elaboracións literarias de éxito, como a novela de Alexandre Dumas, pai, última da serie sobre os mosqueteiros, titulada O vizconde de Bragelonne, na que a historia do príncipe encarcerado ten un  papel secundario.

Sería no cinema onde a lenda do herdeiro coa carauta de ferro acadaría máis éxito. Ata 39 versións se fixeron deste fragmento da obra de Dumas. A primeira en 1929 con Douglas Fairbanks como protagonista; logo viría, xa sonora, a interpretada por Peter Cushing e dirixida por James Whale en 1939; despois moitas outras, ata chegar á última, que baixo as ordes de Randal Wallance presentábanos uns vellos e estupendos mosqueteiros interpretados por Jeremy Irons, John Malkovich, Gérard Depardieu e Gabriel Byrne e con Leonardo di Caprio no rol do príncipe preso.

Ademais da coñecida elaboración literaria de Dumas houbo outras. Xa que isto foi o que fixo José Mª Castroviejo en colaboración con Alvaro Cunqueiro na súa Galicia: Guía espiritual de una tierra, publicada en Madrid en 1960. Neste libro Castroviejo, levado pola súa erudición e desbordante imaxinación, identifica o  príncipe oculto tras a máscara de ferro e as portas da Torre de Monte do Boi cun “príncipe austríaco”. Castroviejo detense aí. Agora ben, hai quen, como Carmen Debén, autora dunha guía do Parador de Baiona, chega a afirmar que o príncipe non era outro que don Carlos, primoxénito de Filipe II.

Aquel estraño príncipe, quen tanto desgustos lle causou ao seu “augusto” e din que “prudente” pai, era fillo de dona María Manuel, a filla de Xoán III de Portugal, quen morrería aos catro días do  parto. Carlos chegaría  a ser recoñecido como herdeiro polas Cortes de Castela, reunidas en Toledo en 1560. De conduta escandalosa, non moi cordo aínda que ambicioso dabondo, chegou a proclamarse Rei dos Países Baixos e de Sicilia, mesmo a pretender matrimonio coa raíña María Estuardo e a cruzarse no camiño do sentimento real ao contemplar á terceira esposa de Filipe II, Isabel de Valois, máis coma unha amante que coma unha madrasta. A cousa foi que o díscolo, apaixonado e escaso de luces don Carlos faleceu sobre 1565 en circunstancias aínda hoxe escuras, logo de que o seu pai o mandase recluír.

Vincular a don Carlos co príncipe da máscara de ferro da Torre do Príncipe de Monte do Boi non é máis que unha fermosa elaboración dunha imaxinación culta que xa chegou aos papeis, que terman do que lle poñen. Non esquezamos que na traxedia ambiciosa e atolada deste príncipe baséase gran parte da “lenda negra” dos Austrias e nela inspirouse Schiller para compoñer ese gran drama sobre a amizade, as ideas políticas e as decisións históricas que titulou Don Carlos. Anos máis tarde o gran Verdi retomaría o tema para a célebre ópera do mesmo título.


Mércores, 16 de agosto de 2017

A máscara de ferro e a Torre do Príncipe I

Onte comentabamos a elevación da estupidez protocolaria ao grao sumo, aínda que el se considerase brillante como o sol, realizada por Luís XIV na súa corte de Versalles.

Quizais como castigo á  súa grandeza egocéntrica e á  súa lonxevidade, difundiuse, inspirado dende círculos da nobreza e acollido con fervor entre os súbditos, o mito do Home da Máscara de Ferro, prisioneiro no cárcere da Bastilla. Dicíase que o encarcerado era o irmán xemelgo do rei, uns minutos máis vello e ao que por iso lle correspondería o trono. O gran Luís sería un usurpador. Aínda máis, había quen afirmaba que o prisioneiro era o verdadeiro rei, xa que Luís XIV era un bastardo froito dos pecaminosos amores entre a raíña Ana María de Austria e Mazzarino. Como di Tabori: “No tempo de Luís XII, o adultério tornou-se, em França, um passatempo; no de Luís XIV passou a regra; e na época da Regência transformou-se mesmo em dever”.

A raíña, irmá do rei pasmón español do que falamos onte, participara nun complot para asasinar o  seu home, Luís XIII, así como en labores de espionaxe a prol da monarquía hispana, a familia sempre é a familia, coa que estaban en guerra. Chegouse a falar de repudio e de divorcio. Mais Luís XIII foi amansando as augas premido pola súa debilidade internacional. Tras  23 anos agardando Dieu donné ao soleado Luís. A verdade é que ben lle acaía algún conto ou lenda.

Sería pois aquel herdeiro destronado, bastardo ou non, o que se ocultaba, forzado, baixo a máscara de ferro para que ninguén puidese recoñecer no seu rostro as borbónicas faccións. Hoxe sábese, con non moita seguridade, que o preso era un conde italiano, embaixador do duque de Mantua, a quen o rei sol desprezando todas as regras mandara prender. Seica tamén a máscara non era de ferro, nin permanente,  senón de seda e que lla poñían para estirar as pernas fóra da cela.

En calquera caso o relato da máscara de ferro é obra de Voltaire  n’O século de Luís XIV e sobre todo de Alexandre Dumas (pai) n’O vizconde de Bragelonne (Le vicomte de Bragelonne)  última parte da triloxía dos mosqueteiros.

Mais non precisamos ir á Francia do rei sol, de Versalles e da Bastilla. En Baiona temos un relato semellante, tamén perdido entre as brumas do tempo, na Torre do Príncipe. Por que Torre? Que príncipe?.

Seica alí estivo encerrado, co rostro cuberto por unha máscara de ferro, o herdeiro dunha dinastía. Nada sabemos, con certeza, do ilustre preso.

Martes, 15 de agosto de 2017






martes, agosto 15, 2017

Asunto de “parecencias”

A nacenza dun cativo, ou cativa, vén sempre acompañado dunha cuestión irresoluta, a quen se che parece? Afortunadamente as diferenzas nas “parecencias” non acostuman xerar debate, senón un dubitativo encoller de ombros ou unha expresión, entre insegura e indiferente, de,  non sei que che diga!, que deixa as portas abertas a que uns días, ou meses, despois se poida afirmar, oes tes razón, é cuspidiña a tal!; ou tamén,  e dicías ti que non se parecía a cal cando é o vivo retrato, eh!.

Como entre nós houbo novidades desta caste, o debate das semellanzas, do ten un aire ao pai..., cala, cala que é como a nai..., non sei eu pero o queixelo é dos de alí..., pero a boca e dos de acolá..., avanza xa retrotraéndose en xeracións pois nos ollos é como a avoa tal..., si pero o corte do nariz é da bisavoa cal...

A min dáme que nestes asuntos a cousa está no que a ti che pareza e que se mete entre os miolos unha “parecencia” e  xa non a das quitado da cabeza.

Hai moitos anos lin: “persoa miúda e de poucas carnes, case amarelo de cor, pequeno, calvo e desdentado”. Era o xudeu Xacobe do breve relato homónimo que Casares incluíu en “Os escuros soños de Clio” (1979). Libro do que Torrente Ballester, sabía do que falaba, dixo: “Son bromas gastadas á Historia con enxeño xoguetón e perspicaz, cunha graza de fondas raíces que, se unha se enrosca no corazón a outra se crava na intelixencia, e dá ese resultado indefinible que é a flor da literatura”.

A lectura da descrición casariana influíu en min de tal xeito que sempre chamei “o xudeu”, por Xacobe, a un home, de idade provecta que atendía unha tenda “de todo”, fronte á  praza de abastos de Gondomar. Era, é, un espazo reducido no que collía dende sacos de patacas ou cebolas ata a máis estraña das especies asiáticas, as máis variadas bebidas alcohólicas ou o máis sofisticado dos produto de beleza. Por riba, estaba aberto a calquera hora do día e parte da noite. Aquel home miúdo a quen podías demandar calquera rareza que non só che respondía de forma inmediata senón que descentellado aparecía con ela sobre un mostrador, que delimitaba con contundencia o espazo reservado ao público e coa mesma espampanante celeridade facíache a conta sobre unhas resmas de papel de envolver, foi sempre, para min, a encarnación do xudeu Xacobe.

Onte volvín ler o conto e ao chegar a descrición amentada apareceume a imaxe fugaz, lostregante , coma dun escáncer liscante, movéndose por entre a inmensa variedade de produtos equilibradamente ordenados, daquel home que fixo da súa vida atender os clientes. Dicían que non pechara nunca.

Infelizmente faleceu, non como o xudeu Xacobe, que nacera nos tempos de Cristo e non morría porque  “non era outro que Cartáfilo,(...) aquel porteiro de Pilatos que arrempuxara a Cristo camiño da rúa para que saíra pronto ao seu suplicio e que quedara por esto condenado a agardar a volta de El Señor ata o fin do mundo”. Esperaba Xacobe pola morte reparadora, canso de padecementos e sufrires, sentado nun tallo na porta da súa casa pontevedresa.

Para as persoas da cultura da imaxe quixera expoñer as miñas “parecencias” identificadoras entre o xudeu Xacobe, o meu tendeiro de Gondomar co personaxe creado por Matt Groening dentro dese magnífico retrato da sociedade norteamericana destes tempos que é a serie Os Simpson, Charles Montgomery Burns, máis coñecido como o señor Burns ou Monty Burns.

Os tres son cuspidiños, mais as “parecencias” son só físicas, xa que tanto o xudeu Xacobe,  que agardaba estoico o día do xuízo para que non se nos acabase o mundo aos demais,  como o tendeiro dilixente, eran boas persoas, cousa que non se pode dicir do eterno, este si que non quería morrer, señor Burns dono da central  nuclear de Springfield ao que non lle chegaba o tempo para ser máis rico.

O único que non eran, nin o millonario norteamericano nin o comerciante  gondomarés, era desdentados. Ambos tiñan unha brillante dentadura postiza.


Luns, 14 de agosto de 2017

luns, agosto 14, 2017

O rei pasmón

Foto: Fundación Carlos Casares
Entre as tiriñas escollidas nas lecturas que cada mes se fan ao abeiro de “Unha tapa con Casares”, das que falamos en varias ocasións, repítese con frecuencia o nome de Torrente Ballester. Nada ten de estraño. Como é sabido, don Gonzalo pasaba o verán na casa da Romana e por este mes no que andamos acostumaba “tertuliar” con Casares e outros amigos no Monterreal de Baiona ou na Ramallosa. Como tamén sabemos, as “ocorrencias” do escritor ferrolán foron fonte de inspiración para as páxinas “de verán” de “Á Marxe”.

Onte falei de piratas, que tanto na nosa ría como nas costas do país tiveron moita importancia baixo a forma de corsarios, e acordei do “Conde de la Peña Andrada”. Aquel nobre galego con patente de corso, solar no val de Valdoviño e base naval nos portos de Cedeira, Ortigueira e Cariño que imaxinou a farturenta mente creadora e o xenio narrador de don Gonzalo.

O tal “Peña Andrada”, alcaiote de Felipe IV, provocou no rei o  irrefreable desexo de ollar a  raíña espida. Esa é a trama da Crónica del rey pasmado (1989) que despois Imanol Uribe converteu en El rey pasmado (1991) interpretado por un Gabino Diego ao que non lle fixo moita falla mudar de cara. O relato, nun ton de humor, é unha parodia da corte do momento e emprega  numerosas expresións do tratamento cortesán e eclesiástico de inicios do século XVII. A acción desenvolvese nun caloroso outubro de 1625, un ano antes de que falecese don Diego de Gondomar e xa co histriónico e inútil Conde Duque de Olivares (no filme Javier Gurruchaga) mangoneando a decadencia imperial.

Evidentemente descoñezo se don Gonzalo coñecía o libro de Tabori que citei onte. Mais de seguro que consultou algúns dos moitos libros que este apunta no seu capítulo segundo, dedicado á estupidez das cerimonias de corte das que: “arquétipo de todo o cerimonial era, sem dúvida, a célebre –acrescente-se notória- etiqueta espanhola”. Seica a súa rixidez provocou tantas anomalías que forneceu dunha fonte inesgotábel tanto os cronistas como os coleccionistas de anécdotas, mais tamén, parécenos a nós, e ao autor, dos que gustaban do esaxero.

Contan que nunha ocasión o cabalo dunha raíña espantouse e o pé da súa alteza ficou preso no estribo. Dous oficiais interviñeron e salváronlle a vida. Ambos tiveron que fuxir do país a fume de carozo para evitar ser axustizados polo delito de tocar o sacrosanto corpo da soberana. Din que Filipe III faleceu no lume da lareira mentres agardaban a que chegase o funcionario encargado de mover a poltrona real. No inverno, a raíña de España tiña que ir para a cama ás nove da noite, se se despistaba uns segundos  as damas de honor tiñan que collela, espila e metela na cama de inmediato.

Dise tamén que cando a futura (e descoñecida para el) segunda esposa do rei pasmón,  María Ana de Austria, viaxou para  casar, ía deténdose en cada cidade onde a recibían co protocolo  debido; nunha ocasión o correxedor agasallou a  futura raíña cun par de medias de seda, mostra excepcional da manufactura local; o mordomo rexeitou o cofre de talla que as contiña, dicíndolle: “Senhor Alcaide, é tempo que saiba que a rainha de Espanha não tem pernas...”. Remata o conto dicindo que a moza austríaca desmaiouse ao cavilar en que para cumprir coa etiqueta íanlle amputar as pernas ao chegar a Madrid.

As pernas era o que lle quería ver  o rei pasmón, excitado polo perverso conde e corsario galego, á primeira muller do rei Filipe IV, Isabel de Borbón. Esforzo lle custou, segundo don Gonzalo, e supoñemos que despois de cumprir o protocolo para o caso de visita conxugal á raíña. Tabori recolle de Lüning, ao que cualifica de súbdito leal incapaz do sentido do humor, a etiqueta establecida:

“Calça chinelas; tem sobre os ombros um manto de seda negra; na mão  direita empunha uma espada nua; na esquerda balouça-se-lhe uma lanterna. Do braço esquerdo, pende um vaso guarnecido de fitas, que usava, não para beber, mas para outros fins nocturnos”.

Non sei como a pobre raíña María Ana, tiña quince anos, entre a ameaza de rabenarlle as pernas e o susto que debeu papar a primeira noite que o rei pasmón quixo cumprir coas obrigas conxugais, non imitou os oficiais salvadores da súa colega e fuxiu a toda pastilla daquela corte que, como tamén nos conta Tabori, na altura xa estaba a ser superada na súa estupidez pola versallesca babosería de Luís XIV.


Domingo, 13 de agosto de 2017

domingo, agosto 13, 2017

O ouro de Rande

Pasei una boa parte desta mañá nun atasco na ponte de Rande. Entre o para, avanza, para, avanza... a que nos someteron tiven tempo tanto a prestar atención á música que soaba no trebello do coche como a matinar en cousas inútiles ou estúpidas, inspiradas na lectura dun libro magnifico, divertido e ante todo sensato, obra dun xudeu erudito, de orixe húngara e escritor en inglés despois de salvadora fuxida, Paul Tabori, autor da História Natural da Estupidez (Book Builders, 2017; a obra orixinal,  The Natural Science of Stupidity, publicouse en 1959).

O caso é que Tabori esqueceu relacionar no seu libro, entre a minuciosa relación de historias da estupidez humana provocada pola obsesión coa posesión de ouro, o Tesouro de Rande. Ben saben as persoas lectoras do que falo: o 23 de outubro a escuadra anglo-holandesa desfixo a Flota de Indias española (19 buques) e os 22 navíos franceses que os protexían. Con anterioridade tiveran  tempo de retirar as mercadorías en Baiona en 1.200 carros do país que marcharon cara a Madrid, e pouco antes da batalla o que ficara. O mando francés mandou queimar as naves para que non caesen en mans inimigas. En España e Francia a cousa calouse pero no norte de Europa falouse das enormes riquezas afundidas e naceu o mito do Tesouro de Rande que orixinou paxinas de literatura, Verne incluído, e procuras infrutuosas cada certo tempo.

Supoño que,  cando menos, tan custosas como as tamén infrutuosas procuras do galeón (o San Juan de Sicilia ou San Juan Bautista) cheo de ouro, afundido, en 1588, na baía de Tobermory (Toba Mhoire en gaélico escocés) na illa de Mull, nas Hébridas escocesas. Aquí Tabori comete a imprecisión de nomear o galeón como Tobermory, aínda que poida que a confusión estea orixinada nunha inadecuada tradución ao portugués. Ou os abundantes escritos, Stevenson incluído, e as pouco farturentas procuras dos tesouros dos piratas, cando menos tres, Daves (1684), Benito “Espada Sanguenta” Bonito (1819) e Thompson (1825), agochados na costarricense illa de Coco.

Pero “a mais brilante e mais trágica personificação do ouro foi o sonho de El Dorado”, afirma o sensato Tabori. Sempre relacionei a historia da mítica cidade de ouro co Aguirre a quen lle puxo rostro Klaus Kinski, en 1972, baixo o pulso director de Werner Herzog, pero polo libro de Tabori sei que non foron conquistadores españois  os únicos, nin os primeiros, nin os últimos en armar expedicións, “arrastrados pela gula insaciável do ouro”, na procura do mítico territorio.

A primeira, segundo o noso autor, seria xa en 1530, menos de corenta anos despois de saberse en Baiona que os que foran con Colón toparan as Illas indo polo camiño inverso. Seica o alemán Ambrose von Alfinger, financiado pola banca Welser de Augsburgo, alá foi con douscentos soldados e unha recua de escravos. Matouno unha seta.

Seis anos máis tarde outro alemán, Georg Hohemut, e, en  1541, o seu compatriota, Filipe von Hutten, volveron andar na súa procura. As expedicións máis celebres foron as de Pedro de Ursúa en 1552 e 1560. Esta última era a que se reflectía no filme de Herzog sumándolle a que xa dirixiu Aguirre, o sádico asasino do nobre navarro e que rematou na tolemia que nos transmitiu Kinski.

A derradeira tentativa foi, nada máis e nada menos, que a de Sir Walter Raleigh, o célebre Guatarral da literatura española da época,  entre 1598 e 1618. O seu fracaso, lémbranos o autor, provocou o encarceramento e posterior execución con don Diego de Gondomar empurrando o machado que lle rabenou o pescozo.

Nestas inútiles matinación ía eu entretido ata que cheguei á peaxe e entón decateime de onde estaba o tesouro de Rande.

Sábado, 12 de xullo de 2017


Dous no café

Ademais de papar a mosca teño como segundo pracer poñer a orella. A verdade é que tampouco se precisa moito esforzo, entre nós o amplificador vén de serie. Así que un vasiño de zume, un café con leite grande, un anaquiño de lambonada e a colocar o pavillón auditivo mentres fago que leo o xornal.

Chega un segundo corentón. Algo suado, por suposto en roupa deportiva; como o que agardaba por el xa co café pimplado. Ambos semellan acomodados. Aos dous notáselles que rebordan éxito, seguridade, triunfadores, homes de empresa, de mundo... non máis que empregados, pola zona de residencia, pero dun certo nivel. Téñense por novos, dos que miden os anos polo tamaño da barriga. Corte de cabelo coidado, afeitados, amosan a súa modernidade, un cunhas letras que semellan chinesas, e serán, a altura do xemelgo externo da perna dereita, inscritos en vertical; o outro cunhas letras góticas que arremedan un nome breve, ao mellor de muller, no bíceps esquerdo e que se albiscan por debaixo da manga da camiseta deportiva. Deduzo que un debe ser destro e o outro manicho. No físico, no das ideas véselle que comungan.

O que agardaba, entre os tres ou catro exemplares da prensa libre e independente, escolleu o Marca. Nótase que son xente lida. Por suposto, non é preciso sinalalo, pero un que é un repugnante faino, exprésanse na fermosa lingua impropia do impaís.

  • -         Que se fodan os cataláns!!!
  • -         Si pero con 222 millóns pódense reforzar
  • -         Que va oh! Vanse poñer nerviosos e van fichar ao tun tun, como cando lle  metemos a de Figo
  • -         Agardemos, mentres... nós a facer caixa e co mellor equipo do mundo. Este Flo é un fenómeno, que tío! Colocoulle ao James ao Bayer para que lle pague a ficha e apañou 80 millóns por Morata
  • -         Boh, ao tío tampouco lle vai mal con nove millóns libres de po e palla ao ano
  • -         Xa. Deixa...,  o que dicías, que se fodan os cataláns. Xogoulla o catarí. Ten cartos coma area. E agora o Mbappé por tantos como Neymar. Que tío!
  • -         Cala que ao mellor aínda o traemos nós. Un crío de 19 anos con vinte millóns ao ano!
  • -         O que che dicía, que se fodan os cataláns. Non queren a independencia, pois que xoguen entre eles e sen o brasileiro. Están acabados, que aprendan a respectar
  • -         Din que é unha manobra para desanimalos co do referendo ese
  • -         Pois non che diría eu que non. Este Flo é moito. Ademais os Borbóns e os árabes sempre foron amigos; non ves que veñen veranear a España.
  • -         Oe, e non che preocupa que tantos millóns poidan producir unha burbulla como a inmobiliaria
  • -         Que va. Mentres haxa televisión e se vendan camisetas todo vai ben. Se o saberá Flo
  • -         Xa. Ben, a cousa vainos ben


Debe estar a piques de comezar o choio ese do fútbol.

Venres, 11 de agosto de 2017


Medo

O berro. Edvard Munch (1893)
 Óleo, témpera e pastel sobre cartón. 91×74
Galería Nacional de Oslo
No seu club de golf. Traxe negro, camisa branca, garabata vermella, pelo de rata,  infantil enfado de brazos cruzados, xesto displicente, torta mirada torba, ameazante xesto bucal, dentes afiados : “Enfrontaranse cun lume, unha furia e unha forza, francamente, nunca vistos neste mundo”. Moi sensatas non semellan estas palabras emitidas polo responsable da máxima potencia militar.

Do outro lado, unha muller verde ou rosa, un home negro, refírome aos vestidos, cara de enfado eterno, xestos de berregarlle a quen respire dicindo cousas que non entendo;  a cada pouco imaxes dun rapazolo que debeu papar moitos bollycaos, luxoso traxe de aparencia estoica e corte maoísta, actual e innovador corte de cabelo coa metade inferior da cabeza rasurada e na superior empoleirada unha ensaimada negra enzoufada en brillantina. Ás costas e a prudente distancia,  uns señores maiores uniformados, co peito apoucado ante tanta medalla, cubertos con estrafalarios quepis ou gorras de prato. A voz enfadada infórmanos de que cando queiran poden lanzar catro mísiles Hwasong-12 que sobrevoarían as prefecturas xaponesas de Shimane, Hiroshima (amour, letra de  Marguerite Duras, ollo de Alain Resnais; horror de Little Boy, Enola Gay e Truman) e Kochi que percorrerán 3.356,7 quilómetros en 1.065 segundos para bater a uns 30 ou 40 km. de Guam, anaco daquel desastre español causante, din,  da permanente crise intelectual de España.

O máis estridente dos emperadores desde Calígula e o máis estrafalario dos réximes gobernado por un personaxe das pelis de James Bond andan a xogar co quen é máis valente e co  medo da xente. O meu fillo vive na capital da vella Formosa e un non deixa de pensar que, sendo o máis posible que non pase nada, non é grato sentirse permanentemente ameazado.

Que quere Corea? Falar de colega a colega co imperio mentres non lle cheguen os mísiles ao continente.  A cousa non é unha broma, unha guerra nuclear non é un chiste, aínda que vaian de farol. As armas cárgaas os demo, di o refraneiro.

É evidente que non estamos na crise cubana de 1962. Non hai forzas nucleares equiparables. Mais quen sería Kennedy e quen Kruxev para chegar a un acordo do que todos saísen vencedores?.

Pola contra aquí temos a un Trump que conseguiu caerlle mal a todo o mundo, mesmo ameazado pola posibilidade dun “ impeachment” e caracterizado por decidir dependendo de onde veña o vento. En fronte un réxime que durante máis de medio século non houbo quen dese feito bo del, nin con aloumiños, nin con ameazas. Agardar por un estoupido interno é simplemente admitir que o problema vai continuar.

Ora ben, medo dan!

Xoves, 10 de agosto de 2017