luns, maio 21, 2018





Para as persoas que anden  por Compostela ou poidan achegarse recomendo a presentación  de Xaque a Jacobusland. O xadrez e o libro dos viquingos en Galicia de Pablo Culebras, o 24 de maio ás 19.30h na libraría Couceiro, acompañado por Justo Beramendi e Anselmo López Carreira.

Un filme convertido en novela e os vellos bailaríns


Tiñamos preparada, para o remate de maio, unha viaxe, sen programa nin dirección, pola Provenza. Ollar o florecer da lavanda era a difusa proposta. Non sei se chegariamos ata Aubagne ou ficariamos prendidos nos innumerábeis e fermosos enguedellos destas terras. En calquera caso non iremos por mor dun contratempo de saúde do amigo “chauffer”. Fica adiada para a volta do verán coa esperanza de ollar aínda os campos inzados de entretecidos malvas, azuis e lilas sobre a sufrida garriga. Sexa ou non, a atención está na mellora do amigo con quen importa a viaxe e non o destino.


As esaxeradas panoplias informáticas  que permiten ver películas cando a un lle peta ou ler libros cando lle cadra, poden levarte como unha guía, como un destino fatal a casualidades sorprendentes, inagardadas. Pasoume ese outro día cun filme co que estiven dubidando. Animoume a ollalo a idea viaxeira adiada e o agradable recordo do seu director, Claude Berri, pois o seu Xerminal,  foi reiteradamente visitado na compaña do meu alumnado de Historia do Mundo Contemporáneo.

Superei  unha certa reticencia pola lonxitude da metraxe, 240 minutos, ao repasar  a nómina actoral: Yves Montad, Daniel Auteuil , Gerard Depardieu e Emmanuelle Béart. Os dous primeiros nas dúas partes nas que se divide o filme; os outros en cadansúa. A primeira, unha maldade rural, Jean de Florette (El manantial de las colinas, na versión en español). A segunda, unha vinganza agardada e unha traxedia aldeá na Provenza dos vinte do pasado século, Manon des sources; a versión española é tan explícita no seu  título que non só estraga o segredo intuído senón que roza a vulgaridade: La venganza de Manon.

Souben así tanto de Marcel Pagnon, un cineasta e escritor francés, membro da Academia, que alí conserva un certo “aquel”, como dunha curiosidade ou rareza, cando menos para mín. Decateime de que ao revés do que acostuma ser, primeiro foi o cine e despois a literatura. Todos coñecemos grandes, malas ou pésimas novelas que mutaron en magnificos, pasábeis ou pésimos filmes. Mais neste caso foi primeiro o guión transformado en imaxes e despois a elaboración novelada da historia.

Marcel Pagnol
Resulta que Pagnol, un home da garriga provenzal: “Je suis né dans la ville d'Aubagne, sous le Garlaban couronné de chèvres, au temps des derniers chevriers”, dirixiu primeiro os filmes, en 1952, cos títulos de Manon des sources e Ugolin. Abandonadas as súas exitosas actividades cinematográficas virou a novelista, en exclusiva, e dez anos despois publicou L´eau des collines, dividido nas dúas partes das que falamos: Jean de Florette e Manon des surces e sobre as que Claude Berri argallou as súas narracións fílmicas.

Pagnol comezou sendo un importante home de teatro e  foi un dos grandes impulsores da industria cinematográfica francesa, tanto no período de entreguerras como nos anos cincuenta. Descoñecía eu a forza industrial do cinema francés daquel tempo e entendía que a existencia, nos  actuais, da importante industria audiovisual gala era só o resultado da resistencia férrea de  Jack Lang, varias veces Ministro de Cultura baixo a presidencia de François Mitterrand, á apisoadora cultural norteamericana.

Cando as negociacións da coñecida como Rolda Uruguai, comezaron en Punta del Este en 1986 e remataron en Marrakech en 1993, que se concretaron no que hoxe coñecemos como Organización Mundial do Comercio (OMC), Lang, ministro daquela, resistiu o que puido e Francia tardou en sumarse ao acordo. Ademais dos acordos sobre a circulación monetaria debatéronse, con intensidade, cuestións referidas á propiedade intelectual.

Contan que nunha daquelas negociacións, ante a insistencia francesa en manter un 50% da cota de pantalla para as producións europeas, o representante norteamericano recomendoulle ao negociador francés que se dedicasen a facer queixos como sabían e lles deixasen a eles facer as películas que tamén tiñan demostrado que o sabían facer. Lang fixo despois algún comentario nos termos de que o queixo vai ao estómago e as imaxes ao cerebro, ou cousa semellante. Os americanos, como xa lle advertía Nebrija á  moi esclarecida raíña Isabel A Católica, ben sabían que o proxecto imperial se fundamenta na cultura e sostense con canóns.

O caso é que as iniciativas de Pagnol e a afouteza de Lang poden explicar a fortaleza actual da cinematografía francesa cando, por exemplo, a italiana, brillante en nomes (os neorrealistas, Fellini, Visconti, Bertolucci...), languidece.

O díptico de Berri ten evidentes limitacións, pero adianta o discurso visual que brillará en Xerminal, e acerta de cheo ao brindarnos unha ollada descrida sobre a vida rural en Francia, na Provenza de terra avermellada, no mundo do que Pagnol  tira unha historia, pois está seguro de  “qu'une œuvre locale, mais profondément sincère et authentique peut parfois prendre place dans le patrimoine littéraire d'un pays et plaire dans le monde entier”.

Berri atina ofrecéndonos una epopea da avaricia, da hipocrisía, da envexa, do odio, da vinganza, do amor, da fe, da redención, da exclusión... de sentimentos universais enxertados nun territorio concreto, sen condescendencia nin cos personaxes que os encarnan nin coa sociedade rural que os protexe e agocha. Os Souberyan conspiran, maquinan, intrigan para quedarse coas terras herdadas por Jean de Florette, un inocente urbanita trasladado a un inexistente e idílico mundo rural, tras a morte, fortuíta ou non tanto, do propietario. Agochan como raposos a fonte de auga sen importarlle que a insensatez de Jean o arrastre á  propia morte, fortuíta ou non tanto, provocando a ruína familiar co único fin de ficar coa herdade para enriquecerse e, sobre todo,  para engrandecer aos Soubeyran. O desprezo de Manon arrastrará a Ugolin a amosarse como é, un pobre home manexado polo tío,  le Papet. O segredo que a este lle descubrirán converterao nun morto vivinte que deambula polo cemiterio onde se extinguirán, con el, os Soubeyran. Un remate de folletín decimonónico que Berri sabe resolver con contención, sen que unha soa lágrima se deslice pola face cuarteada e reseca, como a terra provenzal, de Papet.

Yves Montand (César, le Papet) e Daniel Auteil (Ugolin)
O filme supera limitacións coas magnificas interpretacións de Yves Montand (César, le Papet) e Daniel Auteil (Ugolin); o avaricioso vello e o sobriño parvioco. Cada un ten os seus momentos de especial brillantez. Ugolin, cando vive, no seu amor apaixonado, o desprezo vingativo de Manon, e César cando descobre o que non sabía da súa propia vida.

As ideas asócianse cando a un lle veñen a conto. A min pasoume co díptico de Berri e as dúas entregas do Novecento, de Bertolucci. Hai xusto dez anos de diferenza; a do italiano é máis vella. A asociación estableceuse  non só polos escenarios rurais, ben diferentes por outra banda: gorentosa e farturenta a Toscana; agreste, basta e ruda a provenzal. Nin sequera polos tons terrosos, avermellados e ferrosos  e a luz nítida da fotografía de Bruno Nuytten ou polos ocres toscanos e os filtros amarelos de Vittorio Storaro, senón sobre todo polos dous vellos bailaríns.

Yves Montand interpreta como se estivese sobre o estrado do Olimpia cantando Les feuilles mortes, como se na vez de ter a cámara diante tivese o patio de butacas a rebordar, móvese como un “chansonier”, como un amante que agarda a parella de baile para danzar a última peza da súa vida. Burt Lancaster faino como se volvese á  xuventude de acróbata, de ximnasta, de espadachín gabeando polas enxarcias dun barco pirata ou de bailarín nunha coreografía de Broadway. A vida foi máis xenerosa co americano,  aínda viviu anos, pero a caracterización de vello na película de Bertolucci achégao ao Montand que falecería cinco anos despois de rematar a filmación desta historia local, como diría Pagnol, que acadou o seu lugar no patrimonio literario dun país e mesmo no do mundo enteiro. Na miña particular sinapse, os dous vellos galáns uniran estes dous dípticos fílmicos.

Le Garlaban
Cando viaxemos á Provenza proporeilles aos meus amigos o de achegarnos a Aubagne, ollar a casa natal de Marcel Pagnol e o macizo de Le Garlaban, mais sempre pensando que tanto dá, pois o que importa é a viaxe e non o destino.

Sábado, 19 de maio de 2018








venres, maio 18, 2018

E ti que pensas dos españois?*


“Distingo (...) los buenos españoles de los malos, y no se crea que es mi intención confundir el criminal con el inocente; aunque por otra parte es positivo que todos los que han venido a América con ideas de mando y autoridad, han sido unos tiranos, ingratos y desconocidos; lo que nos sirve de lección, para que los recibamos siempre con la más severa circunspección.” Así se expresaba Francisco de Miranda  o 5 de xullo de 1811 no Congreso Constituínte de Venezuela que declarou a Independencia. Van alá  máis de douscentos anos.

O líder americano non foi tan despectivo  como Cánovas del Castillo. Segundo se di, cando  Manuel Alonso Martínez, presidente da comisión redactora da Constitución de 1876, lle transmitiu que non atinaban co xeito de definir aos que eran españois, o presidente do consello de ministros espetoulle: “Pongan ustedes que aquellos que no pueden ser otra cosa”. Don Antonio era raposo fino e foise relevando con Sagasta na condución dos restos imperiais cara ao chamado desastre de 1892. Fraga intentouno patrimonializar cando se cría destinado a ser o reformador do franquismo, e o ínclito José María Aznar pretendeuno elevar aos altares patrios.

Aquela Constitución, a máis duradeira das españolas, e paréceme que vai seguilo sendo, definía os españois como aqueles nacidos neste territorio (incluídas as chamadas provincias de ultramar), os fillos de pai ou nai española, os estranxeiros naturalizados e, aquí debería vir a chanza canoviana, “los que sin ella hayan ganado vecindad en cualquier pueblo de la Monarquía”. As constitucións posteriores, a republicana e a actual, deixaron a cousa nunha referencia ao que estableza a lei.

Andan os medios de comunicación, e os políticos, enleados en profundas reflexións ante a insondable cuestión presentada por Domenech, o portavoz dos comúns e delegado territorial de Podemos no Principado; cando lle preguntou ao presidente “en custodia” Torra que pensa dos cataláns que se senten españois?. A tal “questiuncula” sumouse con lostregante rapidez a alcaldesa de Barcelona e con ela “tutti quanti” teñen gañas de amosarse como máis patriotas españois que ninguén. O interrogante semella máis o resultado dunha estratexia madrileña que dunha práctica socrática. O caso é darlle ao presidente formal da Generalitat, máis ben xefe do goberno, xestado en prolongado parto e ameazado con non moi duradeira data de caducidade ben por misión cumprida ou  encarceramento preventivo. Andan os preocupados por gobernar España con xogos de patriotas bailando ao son dos cidadáns extremos. Os comúns aceptan un papel subsidiario en Cataluña e pretenden presentarse como o posibilismo de esquerdas en Madrid. Caneíños en curto que non resolven nada; para iso precísanse políticos e intelectuais dos que non hai.

Sóame un retrouso musicado “o sentimento é libre”. E non vai ser. Que se pensa dos cataláns que se senten españois? Que se pensa dos cataláns que non se senten españois?. Un quixera agardar que non se pensase nada, simplemente se respectasen eses sentimentos. Cada un sente o que sente e o que quere sentir. Cando os deputados de Cs non cantan Els Segadores en sede Parlamentaria, será porque non senten o himno nacional catalán, porque non se senten cataláns. Son tan libres como cando os xogadores rusos respectan en silencio os acordes do himno monárquico español. Outra cousa é que os cataláns,  polo menos cando ían á  mili, tiñan que cantar os himnos patrios ou que os rusos obrigasen os españois a entoar o  canto estepario.

E se os chíos do xefe do goberno, que o presidente está en Berlín, lexitimado pola sinatura da súa maxestade e do presidente do goberno español en diario oficial, poden ser de maior ou menor gusto, ao igual que algúns dos seus artigos, máis que dicir dos inflamados discursos patrioteiros emitidos por radios e televisións (mesmo con petición de bombardeos) ou dos iracundos artigos de prensa entre os que salientan as firmas locais de Barreiro Rivas e Blanco Valdés.

 A solución dos conflitos políticos atópase no territorio da democracia e non no espazo da sentimentalidade. E Torra, por non sentirse español, por sentirse catalán e por coidar que a alternativa para o seu país a estas alturas é a independencia, non é nin xenófobo, nin supremacista. Iso sería impoñerlle a quen non queira ser español que se sinta español, como pode pretender a actual constitución.

Por certo, Estat Català, un partido co que parece que expresou a súa identificación Torra e polo que se sataniza, tiña, en 1936, como secretario xeral a Joan Cornudella, quen nos anos corenta formou o Front Nacional Català, o primeiro partido independentista baixo o franquismo, e terminaría sendo deputado no Parlament nas bancadas do PSC. Aínda máis, de Estat Català, xa nos anos trinta, escindiuse un grupo Estat-Català-Partit Català Proletari, un dos grupos fundadores do PSUC, o partido dos comunistas cataláns, que anos despois promoverían Iniciativa por Cataluña que hoxe forma parte de En Comú-Podem que fala por boca do historiador Xabi Domenech autor da “questiuncula”. En fin, as voltas que dá a vida. Pola súa banda  Torra é identificado tamén con Acció Catalana, un partido que poderíamos encadrar na esquerda liberal e que formou parte das candidatura da Fronte Popular en febreiro do 36.

En fin, descoñezo as publicacións de Torra, xestor empresarial, editor, xestor cultural..., non podo opinar, pero todo semella unha operación de derribo para ver de mandalo a Estremera.

Volvo recuar; 1863; cento cincenta anos: “Ben din que todo neste mundo está compensado, e ven así a sofrir España dunha nación veciña que sempre a ofendéu a mesma inxusticia que ela aínda máis culpable, comete cunha provincia homillada de que nunca se acorda, como non sexa para homilla-la aínda máis. Moito sinto a inxustizas con que nos favorecen os franceses, pro neste momento casi lles estou agradecida, pois que me proporcionan un medio de facerlle máis palpabre a España a inxusticia que ela á súa vez connosco comete”. Isto está no prologo de Cantares Gallegos , Mais adiante na composición 29, A Gaita Gallega, a IV estrofa di: “Pobre Galicia,non debes/ chamarte nunca española,/que España de ti se olvida.../.

A nosa Rosalía debía ser tamén unha supremacista como Torra ou quizais era simplemente unha chorona por  galega, pobre, infeliz y sucia...

·        Publicado en A Nova Peneira, maio 2018

mércores, maio 02, 2018

Biografías de nación



O próximo venres 11 de maio, as 8 da tarde na Libraida de Gondomar estaremos acompañando a Emilio X. Ínsua e Xurxo Martínez falando da Común temos a patria, a biografía dos irmáns Antón e Ramón Villar Ponte


domingo, abril 29, 2018

O conto é vello*


Levaba tempo con ansias de ler, dunha sentada, o libro no que Borrow conta os seus andares pola península, vendendo Biblias (The Bible in Spain, 1843). En verdade é na península e non como se pode mal entender polo título co que o bautizou só en España;  aínda que no subtitulo deixou nidia a referencia peninsular ás súas viaxes, aventuras e prisión no intento de difundir as escrituras.

Coido que parte do moito pracer que atopei na súa lectura é obra do magnifico castelán do tradutor, nin máis nin menos que don Manuel Azaña, un dos escasos, ao mellor o único, xefe dun estado democrático cuxos restos repousan en terra allea, mentres no seu país  se afirma, con sospeitosa reiteración,  o acatamento das  formas democráticas. Sen dúbida hai feridas que seguen supurando.

Azaña, un nacionalista español, demócrata e progresista, decatouse de que sen axuntar os dous termos que nega a España imperial, isto é, república e laicismo, non hai forma de desmontar o proxecto da monarquía nacional-católica erguida baixo o “desgoberno dos Austrias, brutais e sensuais” e “da estupidez dos Borbóns”. Oian, quen escribiu isto foi o tal Borrow, non vaia entender algún xuíz, que sinta agredida a súa sensibilidade patriótica, que o fago eu.  Por “questiunculas”  de chíos ou camisolas estalle a pasar a algúns neste regreso ao “corral nublado” que diría don Max Estrella. Con esa referencia á  escuridade respondíalle o cranio privilexiado ao libreiro Zaratustra cando este sinalaba o sol como envexa dos estranxeiros, na escena segunda de Luces de Bohemia.

O diálogo  entre o libreiro, don Latino, e Max Estrella complémentase coa presenza dun home alto, fraco, tostado ao sol, que escribiu a crónica da súa vida  andadeira nun “rancio y animado castellano”, chamado don Peregrino Gay e mudado en Gay Peregrino. A conversa é interrompida de cando en vez polo  diálogo animalesco “EL GATO: ¡Fu! ¡Fu! ¡Fu!; El CAN: ¡Guau! EL LORO: ¡Viva España!” ou por un rapaz “pelón” que alborota o barrio cunha cana e unha bandeira ao berro de !Vi-va-Es-pa-ña!, ao que segue un ¡Guau! ¡Guau! canino. Oian que dicía Valle, non vaia ser... 

Como alto, fraco e pernilongo, aínda que non tostado polo sol, describe Azaña a “don Jorgito el inglés”, como lle chamaban os abundantes “manolos” de faca lixeira, nun Madrid, xa daquela, con problema cos idiomas. O personaxe, un tanto estrafalario, excéntrico e aventureiro, amante das linguas que a el lle parecían ben e descualificador  doutras con lindezas como “el agrio dialecto de Portugal” ou o gruñido dos cataláns en “su áspero dialecto”, mentres gaba o   “espléndido idioma de España” ou se ilusiona co caló ata facerse especialista e gran coñecedor da etnia cigana.

Borrow seguiu os consellos que lle dera o seu contemporáneo viaxeiro, debuxante e inglés, Richard Ford, de evitar as vagas descricións e as erudicións librescas e, pola contra, narrar feitos, feitos e máis feitos, resultado de observacións directas e, ao tempo, ter o valor de non caer en vulgaridades e gabanzas insulsas. Abofé que lle fixo caso. Borrow luciu como observador. Tamén de nós, aínda que, como sinalou Plácido Castro, “fose algunha vez inxusto” e “non chegase a comprender as realidades da nosa terra”.

Nunhas cantas pinceladas foi quen de describirnos e, aínda que consideremos válido o proverbio árabe de que a xente se parece máis ao seu tempo que á súa terra, semella que o tempo, entre nós, muda moi lento.

Chegando aos lindes montesíos que extreman con Castela bateu, o inglés, con dous paisanos nosos, aos que inquiriu polo estado do camiño. Un afirmoulle que podía pasar con tino; outro que era intransitable co cabalo que levaba; ambos puxéronse a berregar e a se insultar mentres o inglés seguiu camiño.

O vendedor de Biblias realizou a súa viaxe entre 1835 e 1840, en plena guerra entre carlistas e cristinos (1833-1840), nunha España inzada de bandoleiros cun ou outro uniforme, con ningún ou alternado un con outro. O inglés andou polas nosas terras ao longo de 1837. Catro anos despois de que Javier de Burgos decretase o estado centralizado e o dividise en provincias. Borrow, nos poucos meses que por aquí estivo, decatouse das cativezas das cativas elites locais: o que lle preocupaba ao libreiro de Santiago era a capitalidade provincial na Coruña, que non tiña nin catedral nin hospital; mentres que ao notario de Pontevedra que os de Vigo andasen a remexer para mover os marcos e ter a súa propia provincia. Nisto dos marcos seguimos a darlle voltas, ata na política de hoxe se escoita moito, pero é só para sinalar outra leira e non para a concentración parcelaria.

Na visión enleadora de nós, recunca en varias ocasións. Ben por observación directa ou por testemuña. Así, segundo un dos criados que o acompaña, os galegos “parecen muy rústicos y simples, pero son capaces de engañar al filou más listo de París”. Se os homes son capaces de xogarlla ao estafador máis hábil, as mulleres non fan máis que promover disensións e disputas. Mais, pola contra, todos os galegos que hai en Madrid, calquera que sexa a súa condición, se coñecen, e alí, cando menos, “son todos muy buenos amigos y se ayudan mutuamente en cuantas ocasiones se presentan”.

¡Que extraña lengua es el gallego, con su acento quejumbroso y melodioso a la vez, y con su revoltijo de palabras de varios idiomas, pero sobre todo de español y portugués!, comenta Borrow, e engade o criado, tan sagaz observador como o amo: “He oido decir a los gallegos que no hay dos aldeas donde se hable de la misma manera, y que muchas veces no se entienden entre sí”.

Azaña publicou a súa tradución en 1921, oitenta anos despois da publicación orixinal. Os españois non parecían moi interesados en coñecer un dos grandes éxitos editoriais en lingua inglesa do que eles mesmos eran protagonistas. Coido que en portugués non hai tradución, ao mellor polo enganoso título. En galego editouse unha parcial da man de Salvador García Bodaño (Viaxe por Galicia, 1837. Xerais,1993; reeditado en 2015).

Máis o noso tempo parece detido no que observou Borrow. Os dialectalismos locais reviven agora entre sectores das denominadas vangardas culturais e a lea permanente entre  os que por mornura ou outros motivos máis pedestres só viron no noso “revoltijo de palabras”o que máis se achegaba ao español; mentres outros sectores, unhas veces por xenreira e outras por inconsciencia, só quixeron ouvir aquilo que semella portugués.

Os cataláns converteron o seu “aspero dialecto” en lingua de cultura para a que unificaron e acordaron. Aquí non fomos quen de arrincarlle a lingua aos filólogos, continuamos promovendo “disensións e disputas” e botándolle a culpa aos demais. E non só nos asuntos da lingua.

Ao cabo, o vendedor de Biblias observou: “No veo por qué les parece tan malo un país que por su naturaleza es el mas rico y abundante de España. Cierto que la generalidad de los habitantes está en la miseria; pero la culpa es suya, no de la tierra.”

*Publicado en Novas do Eixo Atlántico, maio, 2018

venres, abril 27, 2018

E a heroína?*



Xa me parecía que iamos vivir un dejá vu siciliano.

O primeiro en levantar a lebre foi un  ínclito exalcalde “popular” grovense, de cuxo nome non merece a pena lembrarse, que saíu do seu agocho para demandar o secuestro cautelar do relato xornalístico de Nacho Carretero,  Fariña, publicado en setembro de 2015. Dous anos despois decatouse de que estaban a vulnerar o seu dereito ao honor. A retirada do libro foi unha puñetada para a editora e para Carretero e unha bendición para Antena 3 que, presta e solícita, reprogramou, adiantou a emisión da serie e ante o éxito xa lanzou a primeira tanda de capítulos ata con suspensión da proxección na semana das festas moradas. A posterior e última, polo de agora, detención de Sito Miñanco, o traslado ao cuartel da Garda Civil de Oubiña para declarar sobre non sei que, o asalto á casa dos Charlín... semellan formar parte dunha conxunción interestelar para elevar a cota de pantalla da serie que, por outra banda, na miña opinión, non precisaba desas axudas pois íase defender por si soa, tanto por afastarse desas series cutres que acostuman promover as cadeas privadas españolas, cutres como as súas elites, como por achegarse ás grandes producións da HBO, Netflix e demais, e non só todo está matinado senón que a creatividade brilla en cada recuncho.

Sobresaínte posta en escena, a ambientación, as paisaxes, o vestiario, os coches, os terzos de “estrella”... Todo en enxebre, en país, dende a produtora aos actores, algúns en plan estelar, a música, o elevado número de actores e actrices, a fotografía, a dirección artística e, como ramo, non podía ser doutro xeito, en “esencia” de país, o emprego diglósico da lingua, a vertixe a filmar na lingua propia que fan tan pouco cribles os xiros empregados como simboloxía identitaria como pouco aqueladas as disputas entre Miñanco e Terito en castelán. A “identidade feble”, propia de nós, maniféstase unha vez máis.

A poeira erguida pola demanda e a estrea da serie volverán retrotraernos ás épocas do fume e da fariña; lembrarnos que na Arousa mercábanche os décimos premiados na lotería polo duplo ou triplo do premio; o que gañabas deixando a chave do galpón ou da casa de verán; a Marcial o da motora, o, seica, fillo de Terito; coches, motos e forabordas con varios motores; restaurantes e luxos; alfombras persas que a dona da casa non deixaba pisar; comedores pechados con chave porque só eran para ensinar; pero tamén, unha mocidade desfeita, entregada, derrotada, de zombis adolescentes, de morcegos adoecidos polas primeiras raiolas de luz; de desaliño, desleixo, vómitos e sucidade.

Volveremos remontarnos á Sicilia, ás mafias, aos clans enxebres, a nomes coñecidos, ás necesidades de reprodución das vellas elites franquistas e dos empurróns das novas que querían a súa raiola de sol en forma de cartos para ter poder; ao éxito mundial da caste albariña estercada con billetes fumegantes ou enfariñados; ás bateas millonarias;  ás cetarias e depuradoras que tiraban o prezo do marisco...

Mais terémonos que seguir preguntándonos, tamén despois de ler o libro, tras seguirlle a  pista á  reconversión do fume en fariña, de onde saía a máis perversa de todas aquelas substancias, aquela que se espetaba unha parte da mocidade inconformista da Compostela dos últimos anos setenta, aquela que se difundiu como  un andazo polos barrios proletarios de Vigo nos oitenta, aquela que arrasou vilas como Monforte; aquela  que laminou vidas, estragou familias, limitou ilusións, castrou conciencias; aquela que segue sumida nunha inexplicable escuridade. Segue sen aclarase de onde procedía a heroína que matou os fillos das valorosas nais de Érguete.

Sabemos ben de como chegaba o Winston, sabemos dos ires e vires de Oubiña co seus fardos de haxix, do diñeiro escondido na “vigha” segundo a defunta vampiresa Esther Lago, coñecemos as aventuras colombianas de Sito Miñanco e os seus rallys entre bateas; mais as referencias á heroína son moi escasas nas case catrocentas páxinas do libro: unha á “charlina” e outra aos búlgaros. É todo? quén a introduciu?, quén a distribuíu?.

Seguimos a descoñecer a súa parte máis sinistra e horríbel. Aquela que levou a Nico, un mozo que tratei e do que un día recuperei a súa memoria ao velo na capa dun Futuro imperfecto (Xerais, 2010), o brutal relato escrito polo seu amor, Xulia Alonso.

Descubriume, pola contra, o libro de Carretero (Libros del OK, 2015) dous aspectos dos que, en parte, non me decatara.  Por unha banda, que o asunto do tráfico da cocaína segue máis ou menos igual, só que agora os narcos son máis discretos. Pola outra, que a cantidade de mortos arrastrados nas disputas interclánicas, ben lonxe dos números das grandes estruturas mafiosas, asustan un pouco cando ves a pinga-pinga que Carretero vai anotando.

·        A Peneira, Abril, 2018