luns, outubro 30, 2017

Notas para agardar 3

Fresco de Pompeia

Cando se aprobou a constitución de 1978 escoitábase o renxer de sables arrastrados pola Carrera de San Jerónimo. Aquel parto, custoso, viu a luz tras o pacto fraguado entre o aparello franquista máis avisado, a esquerda española, a pactista e a resucitada, e tras un acordo non só coa burguesía catalá senón tamén coa maioría social catalá, aquela que tivera un papel sobranceiro na derrota, nas rúas, do continuísmo franquista, nucleada, en parte, no ámbito do PSUC e de diversas formacións socialistas que, andando o tempo e en casos de mala gana, remataron por incorporarse ao que se denominou PSC. Ese pacto explicaría o amplo apoio á  carta en Cataluña (90,5% de votos si e 67,9% de participación). Naquel acordo non tivo relevo o nacionalismo vasco, non tanto por carencias políticas senón numéricas, (69,1 si e 44,7 de participación) e  que queren que lles conte, Galicia non existía (89% si e 50,2 de participación).

Unha parte daquela dereita de orixes franquistas ficou fóra do pacto e, andando o tempo, usurparía o espazo do centro dereita. A representada por personaxes como Fraga, Aznar ou Rajoy, a que podemos identificar coa Alianza Popular, predecesora do Partido Popular, que incorporou xentes da UCD de Suárez mais sempre respondeu ás pulsións ideolóxicas autoritarias do franquismo político, ou se queren, para facelo algo máis suave, “sociolóxico”.

Aquel pacto constitucional entre España e Cataluña leva unha década escachado polo nacionalismo español incapaz de recoñecer as nacións que se reclaman como tal. Tamén co conxunto da sociedade española que ve aquel pacto propio doutros tempos e con dúas cuestións pendentes: a forma do estado e o seu artellamento territorial. Lembremos que por estas alturas, hai unha década, Feijoo reuníase con Touriño e Quintana para acordar un novo Estatuto, estaban en todo de acordo, menos na palabra nación, referida a Galicia, que se pretendía incorporar no preámbulo. Feijoo levantouse da mesa e nunca máis se soubo do novo estatuto.

Barruntábase un choque de trens. Teño a sensación de que no último momento, dígoo por hoxe, as locomotoras, ao chegar á estación, colleron por vías paralelas e ficaron paradas. Non bateron de fronte, están detidas en paralelo. Nunha vía a do 155, na outra a da DUI. Aí ficarán tentando arranxar os estragos durante uns meses. Se estivésemos en abril de hai un século,  atopariámonos ante unha “dualidade de poderes”, a da Duma burguesa e a dos soviets que os bolxeviques pretendían, e conseguiron, dirixir; dúas lexitimidades, dúas legalidades,  o goberno de Kierenski e o soviet de Petrogrado. E unha situación revolucionaria que nin por asomo se parece á de hoxe.

Agardo non equivocarme e que non aconteza o que ata en dúas ocasións se repetiu durante o pasado século. Rememoracións. Primeira: 18 de decembro de 1913, constitúese a Mancomunitat de Catalunya presidida por Prat de la Riba; 18 de setembro de 1923, Primo de Rivera, co apoio do rei, dá un golpe de estado;12 de xaneiro de 1924, a ditadura disolve a Mancomunitat, o seu president Puig y Cadafalch marcha ao exilio.

Segunda: 17 de agosto de 1930, asínase o pacto de San Sebastián entre as forzas republicanas e as catalanistas; abril de 1931, proclámase a II República; apróbase o estatuto de Nuria, Maciá, de ERC, president da Generalitat; outubro de 1934, Compayns proclama o “estado de Cataluña dentro de la República federal de España”; o goberno radical-cedista suspende a autonomía e encarcera a Compayns; febreiro de 1936, tras a vitoria  da Front d´Esquerres, Compayns é amnistiado e volve presidir a Generalitat restaurada.

Despois xa saben o que pasou. As dúas veces que se suspendeu a autonomía catalá a ditadura estableceuse en España.

Agardo que se poida coutar a pulsión autoritaria que comeza a asomar tras as ameazas, xa nin tan veladas, de aplicar o 155 a quen se poña por diante.

Venres 27 de outubro de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario