Praza e estatua do P. Feijoo. Ourense |
No noso anterior Avieiro
recolliamos as palabras de Luís Pereira Valeiras; o edil carballiñés advertía
que a homenaxe vilamortá era obra de José María Calviño, “infatigable peón de
la Condesa”. Non mentía o alcalde. Nunha carta, asinada no Carballiño
(20/8/1956), Calviño cóntalle os pormenores do seu plan a “Ben Cho S´hey”, escrito
así polo pardobazanista que tamén se refire ao ourensán como Ramón Fernández O´Shea[1]. Di Calviño: “Pro 16 que
ven penso, Dios mediante, sacar un numero extraordinario na “Noite”, todo il
dedicado a Pardo Bazán, o Carballiño e coase o Riveiro, pois coido unha vergonza
de que tanto o Carballiño -Vilamorta pra Dª. Emilia-, como en todo o Riveiro de
Avia, non se teña para esta rexia muller e xenial novelista, unha pequena
demostración de gratitude e lembranza”[2].
A misiva deriva en
especulacións sobre se foi nestes lugares –Banga e o Carballiño- onde dona
Emilia escribiu a triloxía do Avieiro. Estas elucubracións danse tamén coa casa
dezá de Quintela, en Catasós. As tres obras redactounas e publicounas dona
Emilia unha vez consumada a separación de Pepe Quiroga, polo tanto despois de
poñer fin ás visitas ás terras do Avieiro e cun certo aquel de vinganza coa
familia ribeirá e dezá, prototipo, para ela, dunha fidalguía ancorada no pasado.
El cisne estaba rematado en setembro de
1984, e o famoso protocolo de separación matrimonial, que despois non quixo ratificar
o seu home, asinouse en maio. Los pazos...
e a súa segunda parte, La madre
naturaleza, ideounos dona Emilia durante a longa viaxe parisiense que, para
escándalo da sociedade benpensante coruñesa, realizou, en solitario, a finais
dese mesmo ano. Nada disto empece a evidencia de que tanto os espazos nos que
se desenvolven as tres novelas sexa un territorio difuso que poderíamos
denominar Avieiro como que, no caso de El
cisne, a súa localización física concreta sexa o Carballiño.
Quéixase Calviño da
ignorancia que hai arredor de dona Emilia en contraste co moito que dela saben
“forasteiros e extranxeiros” e sinala que un profesor novo chegado a Compostela
puxo Los pazos... de lectura no
“segundo curso de “letras””, cousa que non faría ningún ““besugo” dos nosos
engolados profesores -que todos mexan auga bendita”. Refírese a seguir a uns
seus artigos en La noche que “tiveron
a virtude de que o Axuntamento do Carballiño lle de o nome dunha praza a
Condesa. Eu quixera máis; eu quixera que na casona de Vilamorta -casa emprazada
no millor do Carballiño- que é onde esta escribiu a novela, se puxese unha
praca que a lembrase, e outra en Banga, pazo do seu marido, se colocase outra,
pois alí escribiu as outras dúas maravillas do seu xenio, e que, co pazo de
Cabanelas, dun curman dela, son os famosos “Pazos de Ulloa”.[3] Pídelle a Ben Cho Shey unha
colaboración, pero advírtelle: “o tema ha de ser en col d´ela; outra cousa,
nada”. Fernández Oxea non lle enviou ningunha. Quen si o fixo foi o amigo común
Ramón Otero Pedrayo, “Ramonciño”, segundo o afectuosos apelativo empregado por
Calviño.
Otero achégalle un traballo
sobre os tres momentos de fulgor pardobazaniano en Ourense. A comezar por unha
simple referencia á participación da escritora, en 1900, como mantedora dos
xogos florais da cidade, cun “inesperado, severo y doctrinario discurso
político”. Despois detense noutros dous, relacionados ambos co Padre Benito
Feixoo. O primeiro alto no repaso oteriano á presenza ourensá de dona Emilia é por
mor da disputa dos 4.000 reais que outorgaban como premio a un estudo crítico
da obra do benedictino; era 1876, concorreron a “discutida esperanza entre la
poesía y la prosa” da Bazán, a “severidad conceptual” da Concepción Arenal e a
“esperanza de historiador” Miguel Morayta. Este último retirouse, ante a
evidencia de que a pelexa ficaba entre as dúas galegas[4].
Otero afirma que na disputa batéronse
“dos conceptos de Europa y de la cultura, se enfrentaron en la constante guerra
civil las dos Españas”. Foi unha confrontación, di don Ramón, entre dúas
mulleres e dúas ideas; a católica e tradicionalista da Bazán e a liberal e
progresista da Arenal. A agarrada tívoa que resolver a Universidade de Oviedo,
tras o empate irresolúbel do xurado ourensán, e rematou coa vitoria “aos puntos”
da coruñesa. Non concederon os 4.000 reais pero si o accésit á Bazán, o que
supoñía a publicación da obra dunha noviña Emilia, tan nova que, reflexiona Otero:
“A los 24 años no suele conocer la amargura la mujer nacida en alta cuna y
envuelta en miradas de benéficas hadas. Tal vez toda la enorme y clara aventura
literaria de la autora de Los Pazos de
Ulloa se resienta de la inexperiencia del dolor”. Daquela dona Emilia gañou
tamén a rosa de ouro do certame poético, que durante anos gustou de lucir no
seu busto, con, en opinión de don Ramón, “una oda quintanesca estimable como
ejercicio de retórica mas que de poesía”.
Acto de inauguración do monumento o Padre Feijoo. Ourense, 1887. |
Once anos despois, no día do
seu aniversario, o 16 de setembro de 1887, dona Emilia falou no teatro da rúa
da Paz, tres anos despois de que no número 21 da mesma rúa nacera Vicente Risco
e un ano antes de que o fixera o propio Otero, con motivo dos actos en torno a
inauguración do monumento ao Padre Feijoo convertida xa “en una grande, viva y
discutida figura”, di Otero.
“Ei procurar que o número
saia o millor que se poida” dille Calviño a Ben Cho Shey, e coméntalle que lle
consta “que moitos farsantes se han faguer cruces ante a pretensión de honrar a
este xenio sin pare, único no seu sexo e estilo. Eiqui sabemos moitas cousas e historias,
hasta de xudeos... pero nada sabemos do noso. Os “chanchos” que nos veñen
d´America pra lucir a sua vanidade, os seus cartos e a sua ignorancia, somentes
corren cara o recordo da nosa Santa Rosalía e Curros, que teño a certeza
absoluta, de que nada leeron d´eles, mais que as vulgaridades faciles de
dixerir. Ademais, mais que honrados, se han sentir ofendidos de tanta
estupidez”
Con certeza Calviño fixo in
bo traballo ao xuntar a Azorín, Saínz de Robles e a Otero na paxinas de La noche que completou cun escrito do
secretario da Academia de San Fernando, José Francés, critico de arte e
seguramente coñecido de Calviño por estar ambos nalgún momento relacionados co
servizo postal.
[1]Así era coñecido Xosé Ramón Fernández-Oxea (1896-1988), escritor,
mestre e investigador, pseudónimo que adoptou para enviar as súas crónicas da guerra
de África, nas que amosaba simpatía pola causa rifeña. De basta obra:
dialectoloxía, heráldica, arqueoloxía, etnografía, historia da arte e creación
literaria; colaborador nas máis diversas publicacións e membro activo das
Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista.
Sancionado despois da sublevación militar. Inspector de primaria en Lugo e
despois en Madrid, onde actuou como embaixador e protector do galeguismo na
capital do estado. Ver Ermida Meilán, X. R. (5/4/2011). "O bo de
Ben-Cho-Shey". Terra e Tempo. Agradecémoslle
a Ermida que nos facilitase a consulta das cartas de Calviño, gardadas no fondo
Ben Cho Shey do Arquivo da Deputación de Ourense.
[2] A carta de Calviño reproducímola sen ningunha corrección.
[3] A idea calviñista da placa na casa carballiñesa dos Quiroga satisfíxose,
en setembro de 2017, sesenta anos despois. A casa de Banga está convertida nun cortello
de porcos. A de Cabanelas non era de ningún curmán de dona Emilia, senón do seu
cuñado Eduardo.
[4] Sobre toda a
lea do premio sobre a obra do P. Feijoo pode consultarse Barreiro Fernández, X.
R. (2003): “O Estudio Crítico das
obras do P. Feijoo de Pardo Bazán, Concepción Arenal e Miguel Morayta. O
certame de Ourense de 1876” en La Tribuna.
Cadernos da Casa-Museo de EPB nº 1. A Coruña: Casa-Museo de EPB.
Ningún comentario:
Publicar un comentario