Que
destacarías da dialéctica social e política do Val Miñor no período
republicano?
O Miñor é unha comarca ben
definida e integrada, dividida, por certos intereses, en tres concellos:
Nigrán, Baiona e Gondomar. Daquela era unha sociedade complexa e diversa, co
pequeno núcleo urbano-vilego baionés, o mariñeiro de Panxón e outros centros
que ansiaban converterse en viliñas comerciais: Sabarís, A Ramallosa e Gondomar.
A integración social e a modernización do Val, dende principios dos anos vinte,
viuse favorecida polo tranvía que o unía a Vigo e o intercomunicaba.
Baiona era un pouco
diferente, cunha intensa vida social e cultural e unha maior estratificación:
armadores, conserveiros, certas elites de servizos e unha masa de mariñeiros e
traballadoras da conserva. Os armadores, progolpistas; os conserveiros, poucos,
republicanos; en fronte, o sindicato da construción e o poderoso sindicato mariñeiro
(SIP-CNT) con lideres experimentados. Un Panxón de pequenos armadores e
mariñeiros agrupados en “El despertar del Valle” (CNT). E logo un Val agrario
que pivotaba arredor da feira de Gondomar, o concello máis poboado, onde se
desenvolve un agrarismo que rematará por agruparse na Federación Provincial
Agraria e facer a Alonso Ríos deputado da FP.
Que trazos presenta
a lóxica represiva na comarca após 1936 e cal foi o seu alcance?
Os sublevados teñen dous
obxectivos. Os agraristas e os seus colaboradores esenciais, os mestres; os
dirixentes mariñeiros e os dirixentes dos sindicatos obreiros: os de Gondomar e
San Pedro da Ramallosa, adscritos á UGT, e o de Sabarís, con presenza anarquista
e socialista.
E os gobernos municipais, os
tres alcaldes foron procesados: Pequeño (Gondomar) e Alonso (Nigrán),
vinculados ao agrarismo, e o ceenetista (P. Sindicalista) Villafines de Baiona.
Os tres foran destituídos e repostos nos seus cargos tras o trunfo da FP. A
persecución estendeuse tamén a moitos concelleiros.
Que significarías
sobre os vitimarios e sobre o aparato do terror na zona?
Cada vez estou máis
convencido de que o exército -a garda civil é, aínda hoxe, un corpo militar-
foi quen deu todas as ordes e as executou. Dos postos de Gondomar e Baiona
partían os informes, os atestados e os asasinos, algúns de fama ben merecida,
como o cabo Pena; por aquí andou tamén “O Rabioso”. En Nigrán non había posto,
dependía de Baiona, pero polos moitos agochados e fuxidos estableceron, en
Priegue, un destacamento de soldados mandado por garda civís.
Ningún comentario:
Publicar un comentario