Monumento ao Sagrado Corazón (1919) |
España non entrou na Gran
Guerra, pero esta si que o fixo nela. Aquela tolería rematou por converterse na
primeira parte do terríbel enfrontamento que arrasou Europa na primeira metade
do século XX. En ningunha das fases participou formalmente España, aínda que na
segunda desempeñou un papel decisivo.
A guerra do 14 ao18 xerou un crecemento industrial acelerado e un profundo cambio demográfico do que é bo exemplo a medra dunha cativa cidade que no albor do século supera con dificultade os vinte mil habitantes e tres décadas despois, impulsada polos estaleiros, a pesca, a conserva e o comercio, achégase con decisión aos setenta mil. É ben certo que, por fases, fora absorbendo Bouzas, pero aínda non o fixera co extenso Lavadores e a súa parroquia costeira de Teis coa súa Guía vixiante. Mais a Gran Guerra trouxera tamén temores e malos agoiros, que espantaban, amedrentaban, as elites europeas e as fraccións de clases que lle servían de apoio: a extensión do sufraxio universal, a democracia de masas, maiores niveis de igualdade, mudanzas na condición da muller e en especial o pánico, o pavor, o espanto, á revolución que viña do leste, difundida por bárbaros asiáticos inimigos de occidente.
Alfonso XIII na inauguración (1919) |
Os que tiñan medo a perder
os seus privilexios, o dominio social e mesmo o seu benestar económico
iniciaron unha guerra cultural contra todo o que lles cheirase a democracia
pluralista, republicanismo, feminismo ou igualitarismo social. A esa perda eran
especialmente sensíbeis algúns sectores de apoio ás elites, como curas e
militares, que percibían como a súa consideración social minguaba con rapidez.
O fenómeno non foi exclusivo de España.
Nesa guerra de culturas, en termos de Helen Graham[1], a disputa do espazo público entre o conservadurismo tradicionalista e o republicanismo democrático tivo unha gran relevancia. Nese marco, en maio de 1919, Alfonso XIII consagrou o seu país ao Sagrado Corazón de Xesús, inaugurando unha colosal estatua de 28m. no Cerro de los Ángeles, en Getafe, no centro xeográfico da península. O acto consistiu nunha elaborada representación da alianza entre Monarquía e Igrexa, con presenza do exercito e da garda civil, como única alianza posíbel para a unidade e identidade nacional española. Teno analizado María Thomas[2]. Despois replicouse noutros lugares.
Alfonso XIII durante a consagración do Sagrado Corazón (1919) |
Mentres o crecemento
económico se mantivo, o réxime foi quen de controlar a situación, aínda que
tivese que botar man da ditadura de Primo; mais, cando o crac do 29 arrasou a
economía mundial, a forza do movemento obreiro, do republicanismo democrático e
da “nova muller” acabaron con el.
O mesmo día da proclamación da República, ao Sagrado Corazón alfonsino penduráronlle un gorro frixio; despois o goberno democrático disolveu os soldados de Cristo, secularizou cemiterios e retirou os crucifixos das escolas. Dende o mesmo 14 de abril, as elites e os sectores que se sentían desautorizados pola emerxente cultura republicana comezaron a conspirar e converteron as procesións en manifestacións, as peregrinacións en marchas, os sermóns dominicais en mitins e o Corazón de Xesús de Getafe no oratorio para salvar España e librar a igrexa do sufrimento inflixido. Remataron planeando e executando un golpe, e unha guerra, contra os invasores, inimigos da nación.
O monumento ante un dos pelotóns de fusilamento milicianos (1936) |
A primeiros de agosto de 1936, pelotóns de milicianos e milicianas fusilaron simbolicamente, e de verdade, cinco mozos que pretendían defender o monumento, a xigantesca estatua que tiña gravada no seu pé a “Gran Promesa” que lle fixera, en 1733, Xesús ao místico presbítero xesuíta Bernardo de Hoyos: “Reinaré en España”. Durante máis dunha semana, a marteladas e macetadas, con pausferro e palanquetas, tentaron derrubala; tiveron que dinamitala. Cando venceron os sublevados, reconstruíron o monumento e o Sagrado Corazón ocupou outra vez o simbólico espazo público nesta guerra de culturas.
O monumento derruído polos milicianos (1936) |
Hai uns días o amigo Pepe
Álvarez recordábanos no seu magnífico blog[3] a causa militar 498/36,
instruída para saber dos cadáveres que apareceran en distintos sitios da cidade
de Vigo o 20 de xullo de 1936. En Pereiró atópanse 28 cadáveres, 8 máis de
descoñecidos dos que dous serán identificados con posterioridade; dúas persoas
máis faleceran no sanatorio Troncoso. Esas trinta e oito persoas, documentadas
polos sublevados, faleceron baixo os disparos do exercito na Porta do Sol. Outras
fontes elevan a cifra. Nada os recorda no centro da cidade. Mentres, o goberno
municipal e a deputación provincial anuncian un novo empoleiramento do Sagrado
Corazón por riba da capela “encumiada” no monte da Guía. Seica non será tan
grandiosa como a inaugurada por aquel Borbón fuxitivo, pero engadiralle cinco
metros á torre para marcar territorio na disputa permanente polo espazo público.
Non consideren a frase unha
encerellada, un xogo intelectual inocuo, senón expresión dunha intensa
preocupación, cando o “pasado non dá pasado”, pode xerar cotas de alta tensión
e mesmo de fe violenta.
O alcalde de Vigo e a presidenta da deputación de Pontevedra diante da imaxe do Sagrado Corazón que se vai colocar na Guía (2020) |
Publicado no suplemento “Coñecer de Nós-diario
20/3/2021
Ningún comentario:
Publicar un comentario