A torre da Vera Cruz rematada, 1960. |
O entusiasmo pardobazaniano de Calviño víñalle de
tempos ben recuados, cando de mozo, a finais da primeira década do pasado
século, tras de regresar da súa estancia americana, traballou de camareiro no
café Oriental do hotel Palace da Coruña. “Por última vez, allí la vi”, escribe
nun dos artigos preparatorios da futura homenaxe[1]. Dous anos despois
conseguirá que o nome da condesa de Pardo Bazán substitúa o do marqués de Vega
de Retortillo.
Ao ano seguinte Calviño conseguiu realizar un
suplemento especial de La noche con
motivo das festas do setembro, en especial para celebrar a chegada do tren a
unha vila que cada ver se parecía menos á Vilamorta de dona Emilia, que nin
igrexa tiña, e agora contemplaba como enfilaba cara aos ceos a torre da Vera
Cruz. Deulle moito máis que un verniz cultural ás catro follas do suplemento.
Abriuno, na marxe superior esquerda, cunha foto da casa de Banga e unha
referencia á Pardo Bazán e debaixo un texto “El grave y hermoso caminar de las
formas”, como é evidente, só polo título, de Otero Pedrayo, no que don Ramón se
achega a “una breve ciudad como Carballiño, bellamente inscrita en matizada
composición de paisaje” á beira da cal “con aire de himno o cántiga fluye el
Arenteiro”. Sendo fermoso descubrir, matina Otero, o tema dun río, máis aínda o
é comprender “la belleza cifrada en el fluír del relieve”, e percibir na
Martiñá, no Testeiro e na Madanela os “tiempos, medidas y acentos” de J.S.
Bach.
Estación do Carballiño. Foto Felipe L. López (1962 |
Acompaña o texto oteriano un escrito do alcalde,
Pereira Valeiras, sobre o camiño de ferro central de Galicia e unha recensión
sobre o “feixe” de Poemas o xeito vello
pra unha vila nova de Fariña Jamardo. Na mesma, o Calviño da mostras da súa
habilidade para a supervivencia nun réxime no que se sentía, el e moitos,
aferrollado; di: “Mi deber inexcusable sería (...) el expresarme en nuestro
idioma, pero ¿cómo hacerlo ante la belleza, el saber y la elegancia con que lo
hacen don Ramón Otero Pedrayo y el autor de tales poemas?”; ben sabía que non o
podería facer nas páxinas do xornal. Tras expresar certa desconfianza a
respecto de como as xentes do Carballiño ían acoller o libro deste “forastero
pillado”, sen que tampouco lle importase moito, si estaba seguro de que cando chegase
“a los desterrados por la miseria del otro lado del mar” íano recibir “con
emoción y cariño de exiliados por necesidad”.
Calviño non perde oportunidade para gabar as obras
da Bazán. Roxerius[2],
o seu compañeiro de militancia galeguista, afirma: “Eu pasei polo
Carballiño...”, pero non deixa de lembrar a dona Emilia; Fariña Jamardo expurga
no arquivo municipal para recuperar as festas do setembro de 1882 ás que debeu
asistir dona Emilia e lle serviron para compoñer as andainas de Nieves e
Segundo en El Cisne...
Péchase o suplemento cunha páxina en exclusiva para
dona Emilia. O presidente da RAG, Manuel Casás Fernández, acude, a pesar da
elevada idade, á chamada de “persona amiga, a la que ya hace muchos años no
veía y con ella tenía relación, el entusiasta de nuestras glorias José María
Calviño”. Tamén responde á petición de Calviño o xornalista Manuel Fraga de
Lis, cun artigo no que recolle algunhas notas tiradas dun “diario íntimo”
doutro xornalista, Waldo A. Insúa, fundador do xornal habaneiro Eco de Galicia no que anotou, tras unha
entrevista con dona Emilia (4/1/1901), que esta lle comentou: “Galicia solo ha
tenido dos escritores Feijóo y Emilia Pardo Bazán. Fuera de los cuatro versos
de dos o tres poetas, no hay –en lo moderno- mas literatura que la hecha por mi
pluma”.
Máis interese ten a colaboración dun bo lector da Bazán,
que exercera de notario no Carballiño onde faleceu en 1962, Ramón Ferreiro Lago[3]. Envíalle a Calviño, bo
amigo do seu xenro, dende Valencia, un artigo no que fai referencia tanto ás
polémicas xeradas por Al pié de la Torre Eiffel e as
acusacións de estranxeirizante contra dona Emilia, pero que: “Más que otra cosa
(lo recordamos bien) lo que dificultó su elección para la Academia fué su
condición de mujer”. Interpreta o decano dos notarios que o realismo da Bazán é
debedor máis da picaresca clásica que do “naturalismo crudo de Zola”, polo que
carecen de xustificación as acusacións que se lle fixeron de ser unha
“vulgarizadora” das ideas do escritor francés. Lémbraa como unha “elocuentisima
defensora de los derechos civiles y políticos de la mujer”, amosándose
agradecido por un articulo da de Meirás no que gabou o seu estudo, de 1902,
acerca da “Condición jurídica de la mujer. Estudio filosófico, histórico y del
código civil”.
E aínda que na Coruña, conclúe, xa lle ergueron un
monumento, “doña Emilia pertenece a todos los pueblos gallegos y más a aquellos
donde escribió sus mejores páginas” entre eles o Carballiño que estaba
“resurgiendo de sus cenizas de Vilamorta”.
[1] Calviño Mariño (1954): “El
paisaje de Carballiño. Inspiró a la Condesa de Pardo Bazán”. La noche 18/9/1954
[2] Roxelio Pérez González
(1897-1963).
[3] Ramón Ferreiro Lago (1872-1962). Faleceu no Carballiño, aínda que
residía en Valencia, na casa do seu xenro o dentista Porfirio Fernández
Quinteiro, que tivo a súa consulta na casa dos Quiroga e foi protagonista dun
destes Avieiros, o número 8. Entre 1926 e 1934 exerceu no Carballiño,
participando na vida social e política e colaborando con Felisindo Álvarez
Xesteira (1899-1989) que foi alcalde do Carballiño entre 1931 e 1934,
destituído polo goberno radical-cedista, recuperou a alcaldía tras a vitoria da
Fronte Popular, cargo do que dimitiu para presidir a deputación provincial ata
o golpe de estado de 1936. Ambos promoveron xornais locais e camiñaron xuntos
na acción política, primeiro no Partido Radical-Socialista de Marcelino
Domínguez e despois no Partido Republicano Galego que se integrou na Izquierda
Republicana. Xesteira foi membro da dirección xeral do partido azañista,
mentres que Ferreiro Lago presidiu o partido no Carballiño ata o seu traslado a
Carballo. Ao notario, na altura tiña 64 anos, os sublevados abríronlle causa
militar por rebelión, que lle foi sobresida; volvérono prender e xulgárono, en
1939, por inxurias ao xefe do estado.
Xesteira desempeñou cargos na república,
na zona de Valencia; ao remate da guerra detivérono e puxérono en liberdade
provisional en 1941.
Ningún comentario:
Publicar un comentario