Pasaporte. Arquivo familiar. |
Cando
falamos noutro Avieiro do desterro de don Aurelio, fixemos referencia a encerelladura argallada por
vixiantes de morais alleas e da rectitude política da Nova España que rematou
coa marcha do autor de El agüísta a
Venezuela. Mais esquecemos, por ignoralos daquela, substanciais detalles que
nos achegou o seu fillo Xan.
Na altura
as corporacións municipais elixíanse, segundo a Lei de Bases do Réxime Local de
1945, por terzos. Unha terceira parte dos concelleiros representaba os cabezas de familia, o chamado terzo familiar;
elección que se rexía polo recuperado artigo 29 da Restauración, segundo o cal,
se non había máis candidatos que postos non se realizaban as votacións, daquela
só quedaba facer coincidir o número de candidatos co de postos a cubrir. O
terzo sindical elixíase entre os representantes do sindicato único, e o outro
terzo, a proposta do gobernador civil, entre entidades económicas, culturais e
profesionais, era o chamado terzo corporativo. Coidamos que a este terzo
representaba na corporación municipal
Juan Corral Pajariño, gran amigo de don Aurelio co que colaborou durante
décadas, que non asistiu ao debate pero fórono a buscar á casa para que estivese
presente no momento da votación, tal e como se recolle na acta levantada polo
secretario Xosé Fariña Jamardo. O pleno celebrouse o 20 de outubro de 1950 cun
único asunto a tratar, “La novela El
agüista y el pueblo de Carballino”, baixo a presidencia do alcalde Camilo
de Novoa González. Na sesión interviñeron todos os concelleiros, así figura na
acta, que manifestaron a “unánime repulsa” coa que se acolleu a publicación da
novela. Estaban presentes, Luís Pereira Valeiras, Jesús Pereiras Penas, Antonio
Rodríguez Pereira, Antonio Barreiro Fernández, Camilo Rodríguez Pérez, Jesús
González Iglesias e Antonio Munín Díaz, ademais de Juan Corral, que “entra en
el salón” unha vez “iniciada a discusión”. Tras o debate apróbase por
unanimidade expresar “la mas completa y absoluta repulsa (...) hacia la novela El agüista” e que así se lle comunique
ao autor, ao tempo decídese poñelo en coñecemento do gobernador civil “a los
efectos que estime oportunos”, que se lle envíe un exemplar da obra e se lle
comuniquen as protestas que orixinou.
No momento
da lea pública na vila apoucada, daquela si, don Aurelio tomouno como unha
brincadeira; considerou que os que se daban por aludidos non eran máis que uns
vaidosos, uns fatuos que querían converter a novela en realidade, uns
presumidos que só desexaban que se falase deles. Tamén lle resultaba xocoso o
seu lostregante descenso dende as alturas do heroísmo ata as fochancas do
indigno vilán, que agredía con palabras de bufón a “dignísima colonia
forastera”. En efecto, no ano anterior á publicación da novela, que “ofendía la elevada moralidad” dos
carballiñeses, segundo consideración do pleno municipal, ata xerar un “estado de ánimo” que podería orixinar
“alteraciones de orden público”, o avogado Miras Azor acadara un “resonante
triunfo” na Audiencia coruñesa que mereceu o recoñecemento das elites locais,
como reflectiu a prensa da altura[1], as mesmas que despois o
defenestraron. De súpeto o seu nome era degradado por falabaratos de calquera
condición, a súa capacidade como avogado cuestionada, os pasquíns ocupaban
recantos nos soportais e dedicábanselle cancionciñas de fácil rima.
A cousa foi
acougando, e don Aurelio seguiu tomando a chacota aquela efervescencia de
orgullo vilego paifoco. O tempo foi pasando.
O “rara avís” do Miras, licenciado en Filosofía e Dereito, políglota, dominaba
árabe e alemán, que daquela se impartía na universidade; despois aprendería francés,
do que tamén impartiu aulas, seguiu coa súa vida familiar e profesional; entre
ollares atravesados, si, pero sen máis leas.
Título de avogado. Arquivo familiar |
Pero unha
mañá de remate de verán de 1954, pouco antes da hora de xantar, bateron con
firmeza na porta. Saíron abrir os rapaces. Era a Garda Civil. Viñan prender a
don Aurelio para levalo a Ourense e interrogalo por mor de certas denuncias
presentadas. As alarmas familiares saltaron. Todos se puxeron en movemento. A
familia de Esperanza, conservadora e economicamente máis que acomodada; o
procurador dos tribunais Bernardo Castro Pérez, popularmente coñecido como Baíto;
o tenente coronel xefe do rexemento Zamora nº 8 cando se instalou no convento ourensán
de San Francisco, Ángel Martín Mouriño[2]; os amigos, como o médico
e forense Paco de los Arcos ou o farmacéutico Manuel Campos Sobrino[3]. Todos arrimaron o
ombreiro e aos poucos días don Aurelio recuperou a liberdade baixo sospeita. O informe
que orixinou a detención seica procedía de Campo de Criptana e referíase aos irmáns Miras Azor, pero sen
dubida a reclamación de investigación solicitada polo concello catro anos antes
tamén tivo que ver nesta pesada entroidada.
Don Aurelio
deixouse aconsellar. Recomendáronlle desaparecer unha tempada. Tras a visita de
Eva Perón (1947) e, en especial, tras os Pactos de Madrid (1953) que permitían
instalar catro bases militares norteamericanas en España, rompíase o illamento
internacional do réxime e este púñase rufo de novo, nomeadamente o sector falanxista. Cumpría
pois andar con tino; deixar correr o aire e o tempo e preparar os papeis para
ir dar unha volta. Un novo problema, os papeis; mover axudas por aquí e por acolá...,
matinar ben as cousas. Advertíronlle que non solicitase o pasaporte como
mestre, nin como avogado, e moito menos como filósofo. Así o fixo. Aproveitando
que puxera unha granxa de polos no coñecido como monte de Corzos, cubriu o
apartado de “profesión” como “avicultor”; con este oficio concedéronlle o
“pase de frontera” tal e como reflectiu a prensa da altura[4]. Cinco días despois de
saír nos xornais cuñáronllo en Ourense; era o 17 de decembro de 1954. Dez días máis
tarde ollaba como o barco se afastaba das luces do porto de Vigo; aquel fin de
ano pasouno vendo medrar o “ancho mar amargo”[5]. Desembarcou en La Guaira
o 7 de xaneiro. Durante uns meses dirixiu un centro educativo en Caracas. O 10
de outubro dese mesmo ano, no porto vigués, estampáronlle o selo de regreso. Volveu
a Venezuela con brevidade, para arranxar papeis, e instalouse de novo na vila
balnearia.Titulo licenciado en Filosofía.
Arquivo familiar
Nas súas
visitas oficiais ao noroeste peninsular, os xerarcas franquistas non deixaban
de gabar, cando menos nos tempos anteriores aos “25 anos de paz”, o decisivo
papel de Galicia como subministradora de recursos e alimentos para gañar a
guerra, falaban da “despensa galaica”. Era ben certo, aínda que non
compartisen, como é lóxico, a análise colonial que o galeguismo político
comezou a elaborar naquela altura. Mais este rol de despensa alimentaria e
enerxética é unha malandanza da que
aínda no se deu ceibado o país. Nin moito menos!
O papel galego no acougo da fame que a sublevación militar provocou en toda España foi salientado en diversas ocasións, como tamén o foi, sen dúbida de ningunha caste, para que nas mesas dominicais das familias de traballadores, industriais ou administrativos, houbese carne fresca, aínda que fose branca, en forma dun polo asado que emerxía en arrecendo a gloria, dourado e brillante dos fornos das cociñas de butano para satisfacción do pai asalariado e ledicia da espelida e aforradora nai-ama de casa. E, máis adiante, por ventura daquel, ou daqueles, aos que lles acordou chantar nos arrastreiros, chamados Lemos e Andrade, cadanseu frigorífico conxelador permitindo ás familias operarias do interior peninsular xantar, de cando en vez, peixe case fresco e de calidade. Referímonos, pois, á revolución alimentaria que hoxe identificamos cos nomes de Coren e Pescanova. Mais esta comezara no Carballiño.
O domingo
primeiro de setembro de 1957, na casa sindical da vila, con presenza das
autoridades do sindicato único e da irmandade de labradores, os avicultores da
comarca reuníronse para constituír unha cooperativa. Así se acordou por
unanimidade, aprobándose os estatutos, remitindo a documentación necesaria ao
ministerio correspondente e elixindo unha xunta rectora provisoria presidida
por Evaristo Carballo Nóvoa e na que Aurelio Miras Azor estaba á fronte do seu
“Consejo de Vigilancia”.[6]
Na altura,
as granxas de polos, para carne ou para ovos, pasaban unha dura crise, despois
duns anos de expansión rapidísima e gorentosos beneficios, por mor do
encarecemento, moito máis rápido aínda, dos pensos e a consecuente escaseza dos
mesmos. Na comarca do Carballiño, dado o “espírito emprendedor” das súas
xentes, segundo o correspondente de “El
pueblo”[7] abrollaran moitas destas
granxas que agora tentaban sortear a crise agrupándose en cooperativa que
impulsaban, segundo a mesma nova de prensa, Evaristo Carballo, Aurelio Miras e
Perfectino Vieitez, sobriño do abastado Perfectino Vieitez Rodríguez, que
falecera en 1940.
Os tres
amósanse esperanzados co futuro da avicultura carballiñesa e achegan algúns
datos para sustentar a súa afirmación a partir da realidade das tres granxas de
reprodución e das case un cento de
produción de ovos e carne. A suma daría unha cifra de 25.000 aves que producían
uns cinco millóns de ovos/ano, que, xunto ao xerado pola carne, achegaríase á cifra
dos doce millóns de pesetas/ano. Esas serían as cifras da altura que agardaban
superar en breve; para iso cumpría seleccionar as razas das poñedoras, mellorar
a alimentación e axeitar as instalacións, o que permitiría superar a posta de
200 ovos ave/ano. Para consolidar estes avances precisábase que as galiñas
melloradas se xerasen nas propias granxas de multiplicación da cooperativa sen
ter que procuralas fóra, para iso importaran reprodutoras de Dinamarca.
Deixámolo aquí. Esta cata non procura profundar en cuestións avícolas; só
sinalar que dous anos despois da formalización da cooperativa carballiñesa,
nacía, da man de Eulogio Gómez Franqueira, en Santa Cruz de Arrabalde,
“Cooperativas orensanas”.
O que me interesaba era dar conta, entre as
brumas da memoria adolescente, da lembranza dun señor pequerrechiño, fino coma
un garabullo; xa maior, ou así o recordo, e case cego, onda quen me mandaba, de
cando en vez, a miña nai na procura do gorentoso polo dominical. Era o señor
Evaristo, o compañeiro de Miras na cooperativa avícola; coñecido polo alcume,
descoñezo tanto a súa orixe como se era de boa ou mala consideración, de Espírito
Santo. Achegábase atoutiñando ata a cancela metálica que gardaba o acceso a
unha casiña tipo chalé, cun xardinciño frontal sempre inzado de flores
coloridas, e dábame o encargo. Na parte posterior da casa estaba a alongada
granxa de polos, seica tiñan outra por Maside, que vendían nun posto externo á
praza de abastos. Crieime coa lóxica de que os polos do Coren non valían para
nada, que os bos eran os do Espírito Santo.
Miña nai
trabou confianza con el e amizade coa muller, Maruja, de orixe berciana. É a
súa memoria, non tan bretemosa como a miña, quen recorda. Cando se atopaban encetaban
conversa. Ela, agoniada, relataba os seus sufrires. De cando o perseguiron; de
que un día viñeron na súa procura; de que foi quen de riparse e subir ao
tellado, de que andou espelido e se anicou na parte sombriza da cheminea; de
que a ameazaron; de que eran de tal e
cal apelido; de que se entobou na casa e lle dicía que levase aos nenos, tiñan
tres, un home e dúas mulleres, a xogar á beira do pozo para poder velos; de que
lle chamaban comunista, de que lle preguntaban de onde sacaran os cartos, que se
lle viñeran de Rusia; de que lle rexistraban a casa e a ameazaban con
obscenidades sexuais, de que nunca lle ia faltar home co que durmir; de que foi
quen de saír do tobo da casa e agocharse noutro na Xesteira, en Mudelos, na
casa dunha irmá; de que botaba o día entre o millo; de que acabou entregándose
e deu zafado; de que traballaron moito
para saír adiante; de que cantaba moi ben e estaba no coro das Hijas de María,
e aínda así mira o que nos fixeron, dicía; de como a marxinaron, de como lle
daban as costas, de como se negaban a venderlle roupa...
O que non
conta miña nai, quizais enleados os recordos nos laios de Maruja, é que o señor
Evaristo, o Espírito Santo, que presidira a Casa do Pobo, púxose moi maliño
mentres estivo agochado no tobo que fixera na Xesteira. Alí foino atender, con
grave risco da súa vida, o médico forense que o precedera na presidencia da
Casa do Pobo, Enrique de los Arcos Fajardo[8]; sabémolo polo inmenso
traballo do estudoso, entre outras moitas cousas, da persecución franquista do
persoal sanitario na provincia de Ourense, o médico psiquiatra David Simón
Lorda[9].
Miña nai
recorda o enterro do señor Evaristo e que Maruja, quen nunca deu esquecido os
seus penares, rematou nunha residencia peiteando sen acougo unha boneca.
Memoria que cumpriría documentar.
Publicado en Badalnovas 22/5/2021
[1] La Región, 4/6/1949.
[2] Rafael Salgado, https://ourensenotempo.blogspot.com/.
[3] Prenderano en Asturias, sometido a consello de guerra e condenado a 20
anos e un día de prisión; http://vitimas.nomesevoces.net/gl/ficha/14913/.
[4] El Pueblo Gallego,
12/12/1954.
[5] La Noche, 12/10/1955.
[6] EPG, 8/9/1957. O xunta reitora
completábana Agustín Domínguez Villanueva (secretario); Perfectino Vieitez
(tesoureiro) e, como vogais, José Ricoy Rodríguez, Manuel Escobar Fraguas e
Maximino García Nóvoa.
[7] EPG, 18/9/1957.
[8] Enrique de los Arcos Fajardo (Madrid, 1884-O Carballiño, 1948) foi o
iniciador dunha saga de médicos carballiñeses, onde se estableceu en 1925,
sendo tamén forense e médico municipal. Comprometido coa vida social e cultural
da vila, promoveu unha escola para a alfabetización de adultos onde impartía
leccións de hixiene; pero tamén participou na vida política e sindical,
presidindo a Casa do Pobo en 1932 cando se convocou un paro xeral pola
suspensión da construción do ferrocarril Zamora-A Coruña. Foi destituído do
seus cargos de forense e médico municipal pola súa “destacada significación
entre los elementos extremistas”, segundo o gobernador civil de Ourense dos
sublevados, o tenente coronel Manuel Quiroga Macías. Parece que o seu castigo
non foi a máis dos cinco anos de suspensión polo seu trato con Calvo Sotelo,
por ser o médico das monxas do asilo e a amizade cun médico do Irixo, próximo
ao falanxismo. Ver: Simón Lorda, D. (2010): Médicos ourensanos represaliados en la guerra civil y en la posguerra.
Santiago de Compostela: Fundación 10 de marzo, p.144 e 391. O seu fillo, don
Paco de los Arcos, foi o médico da miña familia, e o
seu neto Pepe, un amigo moi e ben lembrado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario