Aurelio Miras e Esperanza Portugal. (A. familiar) |
Esta
permanente gabanza do “xuvenil” na que se desenvolven os costumes sociais de
hogano téñenme sorprendido en máis dunha ocasión. Ocorre que, ás veces, nalgún
lugar de tapas, mesmo nalgún restaurante, o grácil mozo ou moza que atende,
cheo de dinamismo e profesionalidade que non hai moitos anos nin se sospeitaba,
éntrache cun “chicos, que vai ser?”. Un que
xa non se ve “chico” dubida entre dicir algo ou pedir un Ribeiro; optando, como
é lóxico, por esta segunda opción, ao tempo que se che debuxa un medio sorriso
de papaleisón.
Cando
eramos rapazolos, pola contra, era conveniente medir as formas no tratamento, se
non querías ter un desgusto ou, cando menos, levar unha berregada. Había a quen
indefectibelmente cumpría aplicarlle o “don” ou “dona”; eran os ricos,
poderosos, políticos, médicos, avogados, farmacéuticos, xerarcas do partido
único, mestres, directores bancarios e similares, coas súas correspondentes
esposas; mulleres con eses cargos non existían (agás algunhas mestras), nin se
vían nin se supuñan. Algún outro conseguira elevarse á categoría de “don” polo
temor que infundían nos seus arrabaldes sociais.
Despois
viñan os “señores” e señoras”. Persoas que, estando nunha escala máis baixa, aqueláballes
por gañaren o respecto social. En xeral, o “señorío” derivaba dun oficio ben
exercido: a tendeira ou a panadeira, o albanel e o canteiro, os escribáns de distintos
tipos de oficinas etc. De xeito xenérico, había que dirixirse así ás persoas de
máis idade.
Logo viñan
os atuados, sinónimo de igualdade social, e finalmente os “motes”, como lle
diciamos nós, que noutros sitios dinlle alcumes, alcuños, chatas, etc... Entre
estes últimos había dous grandes tipos, aqueles que se podían dicir en presenza
do alcumado e os que, polo seu carácter ofensivo, ou consideración como tal por
parte de amentado, había que pronunciar con reserva.
Caso á
parte era o das persoas que infundían respecto, mesmo admiración, e parece que
o tratamento de “don” era inseparábel da propia persoa. Este é o caso, para min,
de don Aurelio Miras. Non se me ocorrería pensar que alguén lle chamase Aurelio
ou mesmo señor Aurelio ou simplemente Miras, aínda que deste xeito si que o
escoitaba.
O caso é
que don Aurelio Miras Azor foi o meu profesor de Historia no Corral, así se
coñecía un colexio, denominado co imperial nome de “Isabel la Católica”, que
rexentaban don Juan Corral e a súa esposa dona Matilde. Que recorde só foi un
ano, pero ao mellor foron dous, pois en 3º e 4º curso de bacharelato elemental impartíase
a materia de Historia de España e Universal. Logo estudei fóra do Carballiño. Non
sei se don Aurelio tivo algunha influencia misteriosa en que máis dunha década
despois eu rematase sendo profesor de Historia, aínda que os meus estudos, en
principio, non estivesen orientados cara a esa materia e fose a práctica docente
a que me levou á dedicación case exclusiva a ela.
Poucos
recordos nidios podo ter de hai máis de cincuenta anos. Pero conservo dúas
anécdotas de don Aurelio que me quedaron gravadas. A primeira, porque me
converteu en protagonista cando un estaba acostumado a procurar pasar desapercibido, seguindo o
preventivo consello de é mellor que non te vexan moito! Un día, supoño, chamoume
a dar a lección, decatouse deseguida de que prendía no “erre”. Explicoume que era
conveniente corrixilo, para o cal precisaba realizar certos exercicios. A
partir daquel día, na súa clase, poñeríame de pé, na esquina do estrado, metería
unha “rubia” na boca, así se lle chamaba á moeda dunha peseta, mentres pronunciaba
“erres” a fin de emendar a miña chata. Todos me miraron como un suxeito raro e ríanse
cada vez que procuraba zafarme e don Aurelio reclamaba a miña presenza no
recanto para emitir “erres” en bucle.
Supoño que
un día o mesmo don Aurelio caeu na conta de que a representación no córner do
estrado era un pouco excesiva. Daquela acordou liberarme da exhibición diaria e
pedirme que, cando menos unha vez ao día, repetise un trabalinguas que tiña que
aprender de memoria. Así foi e así fixen durante un tempo. Aquela encerellada,
propia da terra orixinaria de don Aurelio, dicía: “Guerra tenía una parra/ y
Parra tenía una perra y la perra de Parra/ rompió la parra de Guerra/ : Entonces Guerra con una porra pegó / a la perra de Parra./
Oiga , compadre Guerra:/ ¿Por qué ha pegado/ con la porra a la perra de Parra?/
Porque la perra de Parra rompió la parra de Guerra. Si la perra de Parra/ no
hubiera roto/ la parra de Guerra/ entonces Guerra con una porra no hubiera
pegado a la perra de Parra.”
Non sei se
o consello foi efectivo, pero hai anos que ninguén me acena cun cómo?, cando
pronuncio un erre forte.
Carné de identidade. (A. familiar) |
O segundo
recordo foi ver anoxado a quen coidaba que nunca se podería enfadar. O Corral
tiña internado. Alí chegaban rapaces, como se chegasen a un correccional, que contrastaban cos do Carballiño, que iamos
polo noso ano. Algúns daqueles internos eran un chisco rebeldes, descoñezo se
tiñan causa, e nas clases dos profesores máis consentidores armaban as da cana
verde. Iso tentaba de coutalo don Juan Corral, que era pequerrecho, en especial
en comparanza con don Aurelio, que era un homazo para daquela. A escasa altura
de don Juan obrigábao a dar uns chimpiños para poder ollar, a través dun
ventanuco acristalado que había na franxa superior da porta da aula, as
trasnadas que facían algúns dos nosos colegas. Ao ver subir e baixar a cabeza
do propietario do colexio, os que estaban máis preto da porta pasaban a
consigna “espía!”. Entóntodos formais e atentos. Un daqueles días debéranlle armar
unha boa a don Aurelio; púxose moi nervioso, enfadouse, berrounos, e foise ao
recanto ao que me mandaba a min a emitir erres, sacou tremente un paquete de
cigarros e púxose a fumar, cun estilo elegante e botando o fume cara ao ceo.
Todos ficamos en silencio. Cando rematou seguiu coa lección. Lembroume a don
Aurelio, ata nos vestires, o Fernando Fernán Gómez que daba vida a don Gregorio
n´A lingua das bolboretas, dirixida
por aquel namorado e residente no Avieiro que foi o José Luís Cuerda.
Don Aurelio
era, cóntame o seu fillo Xan, director técnico do colexio, e daba Historia, materia
na que era licenciado, nun só curso para poder figurar como tal. Catro décadas
e media despois rebusco datos para achegarme a aquel home que dende as terras
polas que troupeleou un fidalgo enxeñoso, ao que coñecemos por vontade de don
Pedro Fernández de Castro, conde de Lemos, aconchegouse nestas do Avieiro.
Domingo Miras Reche. Tomado de franciscocronistacriptana.blogspot.com |
Procedía
dunha familia de mestres. O pai, Domingo Miras Reche (1870-1950), aínda que
almeriense de orixe, exerceu o maxisterio no Campo de Criptana. De gran
prestixio profesional, intelectual e moral, xa que, segundo se recolle na prensa
do momento, renunciou a formar parte dun tribunal ao figurar como opositor o seu
fillo Joaquín, que acabaría obtendo, en 1929, á praza da graduada de nenos de
Criptana[1]. De Domingo Miras Reche déitanos
información o profesor Francisco Escribano Sánchez-Alarcos no seu blog[2]; segundo este
investigador, o pai de don Aurelio estivo a piques de cantar misa. Exerceu o
maxisterio en Somontín (Almería) dende 1888 ata 1907. Nesta data trasladouse a
Criptana como titular da escola de nenos, que máis tarde se convertería en
graduada e da que sería director, posto dende o que exerceu unha grande influencia
na vida cultural da vila. Tras a sublevación militar-fascista, exerceu ata marzo
de 1938, data na que se xubilou cunha certa antelación á idade, parece que algo
forzado polas autoridades republicanas locais. Tras o triunfo dos insurrectos
na guerra tivo que someterse á preceptiva depuración. Así o fixo, indicando que
prefería continuar na situación de xubilado. O proceso seguiu un rápido curso e
o instrutor solicitou información ao novo alcalde sobre a conduta moral,
privada e pública, así como da actuación política de don Domingo e outros
mestres, entre eles o seu fillo Joaquín. Tocaba pois arrexuntar informes para
non ser sancionado. Conseguiunos, e moi bos, do cura, do alcalde e do xefe da
falanxe de Somontín, que incluso estendían as súas positivas consideracións a
respecto das visitas vacacionais. Tamén dos pais dos rapaces de Criptana, de
empresarios, do médico, do xuíz municipal, etc., pero o goberno municipal dos vencedores
acusouno de colaborar “intimamente” co partido socialista e a UGT, antes de
1936, e “permanentemente” despois da sublevación, de propagar ideas marxistas,
e de que aínda que antes era católico, despois colaborou contra a relixión. Don
Domingo tiña unha boa situación económica, sobre a que lle deberon botar o ollo
os xestores municipais, pois din que, ademais do soldo, posuía unha bodega,
cerca da súa residencia, e edificios de casas de gran valor e recente
construción. O informe da falanxe local é demoledor. Acúsano de ideoloxía
esquerdista, de “rojo”, de actuacións revolucionarias, de propagandista e de
colaborar, el e toda a súa familia, cos partidos da Fronte Popular, de insultar
publicamente o exército, de ateo, de mala conduta pública. O informe da garda
civil concreta que en 1934 solicitou firmas para o indulto dos revolucionarios
marxistas de Asturias[3] e declarou laicas as
escolas que rexentaba, polo que o considera “instigador” dos feitos vandálicos
cometidos durante a guerra na localidade por mor das ensinanzas que lle deu aos
seus discípulos e ás persoas maiores, aos que sempre lles amosou as súas ideas;
así que, conclúen, aínda que non se lle poidan imputar delitos non o consideran
apto para o desempeño de cargos públicos e moito menos da súa profesión de
inspector das escolas. Os informes de Criptana son asumidos pola comisión
depuradora de Ciudad Real, que resolveu a suspensión de emprego e soldo por un
ano, o traslado forzoso de provincia e o conseguinte rosario de prohibicións e
inhabilitacións. Don Domingo, a quen,
segundo memoria familiar, déranlle un bárbaro maltrato físico, escolleu para o
seu desterro regresar a Somontín e alí viviu ata a súa morte. Afirma o autor do
blog:
Pero el tiempo
es implacable y justiciero. El franquismo
pasó a mejor vida –aunque es cierto que
hay quien lo añora- y el nombre de
Domingo Miras no ha sido olvidado en Campo de Criptana: un colegio de enseñanza infantil y primaria
lleva su nombre y, si las fuentes históricas
son propicias, algún día podrá
ver la luz un estudio sobre su vida y sobre su
obra educadora y cultural, con la que Campo de Criptana,
pese a quien pese, tiene contraída una deuda
nada desdeñable.
Domingo Miras Reche, á esquerda do cura, no campo de Criptana en 1909. Tomado de aulatercerciclo.blogspot.com |
Curso 31-32 Campo de Criptana Domingo e Joaquín Miras. Tomado de aulatercerciclo.blogspot.com |
O máis novo
dos cinco irmáns Miras Azor nacera en 1915, chamábase Luís, era militar no
exército republicano, de artillería, e acadou cando menos o grado de tenente[4], rematou os seus días,
aínda longos, ingresado nun psiquiátrico, polas feridas de metralla na cabeza.
Joaquín, o máis vello, nacera en 1902; mestre como o pai, obtivo, nos primeiros
anos vinte, praza na escola de Xirazga, en Beariz, ao pé da serra do Cando, nos
lindes montesíos do Avieiro, onde casou e tivo unha filla en 1926. Enviuvou. En
1929 regresou ao Campo de Criptana,exerceu, na compaña do seu pai, na escola
graduada, e volveu casar. Tras a derrota foi sometido a consello de guerra o
seis de setembro de 1941[5], segundo se recolle no
Boletín Oficial do Estado no que se revisa unha denegación anterior sobre
recoñecemento dos trienios entre o 3 de agosto de 1940 e o 16 de marzo de 1963.
Encarcerado, cando saíu en liberdade, e tras o expediente de depuración que o
apartou do maxisterio, trasladouse a Purchena (Almería); despois asentouse en
Madrid. Nalgún momento permitíronlle reingresar. Un fillo de Joaquín, o
dramaturgo Domingo Miras Molina[6] , viviu no Carballiño
entre 1950 e 1952, na casa do seu tío Aurelio, mentres estudaba Dereito en
Compostela.
O segundo,
en orde cronolóxica, dos irmáns, Antonio, tamén mestre[7], e que debía ter boa man
para a pintura[8],
naceu e 1903. Serviu o goberno republicano que o agregou á embaixada cultural
en París. Tras a vitoria franquista convenceu as súas amizades para sacar presos
dos campos de concentración franceses; cada cidadán francés podía facerse cargo
de dous refuxiados, así puido conseguir que moitos marchasen para México. Tras
a invasión nazi trasladouse a Orán (Alxeria), que ficou baixo o control do
réxime de Vichy, e dedicouse á compra e venda de froitas. Cando chegaron os
americanos queimáronlle os tres camións, pero pagáronllos máis que ben. En 1960
regresou a España con diñeiro suficiente para levar unha vida de solteiro “bon
vivant”; instalouse en Madrid entre “tertulias”, viaxes a México e visitas ao
Carballiño, onde ás veces coincidía co seu irmán Joaquín. De Encarnación, a
única irmá, sabemos que tivo un fillo e conviviu, nos seus últimos anos, co seu
irmán Antonio.
Certificación depuraciòn do maxisterio. (A. familiar) |
Como xa
comentamos noutro Avieiro, o autor de Juventud
de Pepa Loba obtivo escola en
propiedade en Tomiño pero permutouna pola de Lebozán, nas terras do Deza, para
estar máis preto de Santiago, onde estudaba Filosofía e Letras; licenciouse en 1940.
A, na altura, boa situación económica familiar permitiulle continuar os estudos
e pagarlle o soldo integro ao substituto, apelidado Portabales, que despois lle
axudaría cando teña que incorporarse, sen moito papeleo, ás filas do exército franquista.
A don Aurelio sorprendeuno o 18 de xullo en Compostela, regresou ás présas a
Lebozán. Tiña 24 anos, sabía que ían recrutalo e que tería que pasar o proceso
depurativo sen que se soubese moito sobre a súa militancia ugetista, máis ou
menos intensa, segundo información familiar. No mes de setembro de 1936 foi
mobilizado, ficando no seu posto de mestre ao ser funcionario público; así
transcorre o ano seguinte ata que o 5 de maio de 1938, tras decretarse a
agregación ao exército dos funcionarios e a mobilización do seu reemprazo, incorporouse
como cabo furriel á Plana Maior do Batallón de Zapadores e Minadores nº8; quince
días despois marcha, coa 25 compañía, para a fronte de Teruel. Durante as
refregas posteriores á gran batalla foise quedando nas retagardas ata deixarse
prender polo bando republicano onde loitaban os seus irmáns. Na certificación
militar[9] dise que “el día 19 de Septiembre del mismo año (refiriese a 1938) fue hecho
prisionero por el enemigo en la posición de Masía de Don Pedro (Puebla de
Valverde)[10],
en la retirada realizada por la compañía para evacuar el campamento”. Tras
a derrota, ao non topar sitio nos barcos prometidos e que non chegaron ao porto
de Valencia e tras os masivos desprazamentos cara a Alicante, por divulgarse o
rumor de que ían atracar alí os barcos ingleses e franceses, trasladouse,
seguramente en compaña do seu irmán, a un campo de presos, onde os mandos
republicanos o entregarían, como a moitos outros que se cambiaron de bando, como
prisioneiro de guerra.
Segue o
informe militar, asinado na Coruña, dicindo que o 20 de abril de 1939, a guerra
rematara o primeiro día dese mes, presentouse na Plana Maior clasificado coa
categoría “A”[11]
polos responsábeis dos entregados en Purchena (Almería), lembremos que é a vila
onde residirá nalgún momento o seu irmán Joaquín, probablemente integrante
tamén destes “prisioneros y presentados” na vila almeriense. O 17 de xuño de 1939 licénciano do exército. Regresou
á súa escola, rematou Dereito, obtivo o título en 1943, e realizou as practicas
cun avogado de Lalín ao tempo que impartía aulas de Historia nun colexio
privado da capital dezá[12]. Cando considerou que
podía establecerse como avogado, trasladouse ao Carballiño cumprindo a norma de
non exercer no mesmo lugar no que se aprendera o oficio. Aquí fixo o seu niño.
Certificación militar. (A. familiar) |
Publicado 2021/05/15/ en badalnovas.com
[1] Cañas Reíllo, J. M.
(2012, 2014): “Don Domingo Miras y su escuela (Campo de Criptana, 1910-1929)” e
“La “Fiesta de la Raza” (Campo de Criptana 1921) (V): El discurso de Domingo
Miras” https://criptanaeneltiempo.wordpress.com.
[2] Escribano Sánchez-Alarcos: Ayer
y hoy de Campo de Criptana. crónicas de la villa. http://franciscocronistacriptana.blogspot.com/.
[3] Refírense á petición de indulto
de Ramón González Pena (1888-1952), mineiro, sindicalista e socialista,
dirixente da UGT, deputado do PSOE e un dos líderes da revolución de outubro de
1934 en Asturias. Condenado a morte, conmutóuselle a pena. Tras as eleccións de
febreiro de 1936, elixido deputado, ficou en liberdade. Durante a guerra foi
ministro de xustiza con Negrín. Morreu no exilio en México.
[4] Diario Oficial del Ministerio de la Guerra, Valencia, 22 de abril de
1937.
[5] BOE 30/5/1970, nº 129, 8421.
[6] Naceu no Campo de Criptana en 1934. Entre 1951 e 1956 estudou Dereito
en Santiago e Madrid, onde reside. Foi Premio Nacional de Lietaratura Dramática
en 2000.
[7] https://todoslosnombres.org/content/personas/antonio-miras-azor.
[8] https://criptanaeneltiempo.wordpress.com/2015/04/22/perfumeria-floralia-el-concurso-infantil-campo-de-criptana-1916/.
[9] Asinada na Coruña o 17 de xuño de 1939 por Miguel Alonso Becerra, capitán do
batallón que mandaba, na altura, o tenente coronel Andrés Fernández Albalat.
[10] Ao sur de Teruel, preto de Valencia, na altura, sede do goberno
republicano.
[11] As comisiones clasificatorias que funcionaban nos campos determinaban
o destino dos internados: os declarados “A” (afectos) ficaban en liberdade.
[12] Trátabase do colexio “Sagrado Corazón”, fundado en 1939 pola mestra
Maruja Gutiérrez e o astrónomo e profesor da USC Ramón María Aller. A mestra
dirixiuno durante un cuarto de século e tivo despois continuidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario