luns, maio 17, 2021

Quen é o da última fila, o da esquerda? O obreiro das Irmandades.

 

Xosé María Calviño Mariño
 (Fundación Otero-CCG)

    Hai unha imaxe icónica no camiñar do galeguismo, tamén por tratarse dun momento convulso. Nas escadas de S. Vicente do Pino, en Monforte, un grupo de asistentes á IV asemblea das Irmandades posa con conciencia de posteridade. Era febreiro de 1922. Entre os retratados, seis persoeiros aos que se lles dedicou o día das letras e algún que o ten ben merecido.

    Sobre as persoas retratadas hai diversas identificacións. Atendendo á opinión de amigos expertos, e aínda que cunha dúbida, coidamos que se trata dos que anotamos ao pé da primeira imaxe. Hai outra foto, máis espontánea, no mesmo día e lugar, da que tamén achegamos identificacións. Na da escada, o primeiro pola dereita da foto na derradeira fila, e, na que están de pé, o terceiro pola dereita é Xosé María Calviño Mariño.



1ª fila: Castelao, Arturo Noguerol, Losada Diéguez e, máis afastado, coa boquilla na man, Antonio Sánchez González; 2ª: Á. Casal ou Peña Novo?, A. Villar Ponte, Blanco Torres, Otero e Vázquez Monxardín; 3ª fila: Manuel Antonio, Lustres Rivas, R. Villar Ponte e Xosé María Calviño Mariño. F: Fundación Otero



O terceiro pola esquerda da foto é Xosé María Calviño Mariño, na compaña, a comezar pola dereita: Losada, Otero, R. Villar Ponte, Blanco Torres, Manuel Antonio, A. Villar Ponte, Castelao, Casal ou Peña Novo?, Antonio Sánchez  e Monxardín. O que está no centro da imaxe, en plena reviravolta, coidamos que é o xornalista Lustres Rivas. Foto: F. Penzol.


    Seguimos as achegas biográficas de M. Igrexas e Arias Chachero. Calviño (1892-1971) naceu en Figueroa (Cerdedo) e faleceu no  Carballiño. Con pouco máis de 17 anos marchou á Arxentina. A curta aventura americana serviulle para aprender oficio e experiencia sindical. Retornado, estableceuse na Coruña e traballou no H. Palace, segundo el mesmo, “en tres distintas etapas y en largas temporadas”. Rematadas as obrigas laborais, íase, di, “a mi peña del Kiosko Alfonso” presidida por Rof Codina con Vilar Ponte, Cebreiro e outros.

    A reunión monfortina rematou en ruptura. Por unha banda, a Irmandade coruñesa, con Peña Novo como referente; pola outra, a I. Nazonalista que comandaba Risco. Ao ano seguinte celebrouse a V asemblea Nazonalista. Nela encétase un achegamento ao proletariado, acordando estudar “no prazo máximo de tres meses o xeito millor para a creación da Confederación do Traballo Galego”[1]. Nesa resolución tivo moito que ver o camareiro Calviño, activo no movemento sindical e orador en representación do seu sector no gran mitin convocado pola Federación Local Obreira tras as folgas e mobilizacións[2] contra a guerra de Marrocos e a condena a pena de morte dun cabo coruñés. Un mes despois, Primo de Rivera  daba o golpe de estado.

    Esta querenza libertaria e radical no social mantívoa sempre o Calviño. En maio de 1932 escríbelle ao seu amigo “Ramonciño” Otero Pedrayo: “A contestación á Constitución lla vai dar, pra tristura e ruína de todos, a C.N.D.T., que é onde se atopan os homes” e, anos máis tarde, xa no 44, dille: “Pra min, ti, encarnas o honor, a nobreza e as libertades de Galiza. Nada digo da xusticia social, pois ista s-aproxima en alas do comunismo...”. Noutra carta do 47, preocupado pola viaxe do Ramonciño a América, dille:

Xa sabes que son pouco crente, pero encarézoche d´ende Galiza que lle teñades unha misa a os que cobardamente foron asesinados por querer a liberación da Terra. Por aqueles que non volveremos a ver máis. A eles debémoslle todo; e prepararnos pra honralos cando a hora chegue, que chegará... TERRA A NOSA!.

    Pasaran vinte e un anos da foto de Monforte; dos 13 retratados, a catro chimpáronos as balas dos sublevados: Quintanilla, Casal, B. Torres e Lustres Rivas. Losada falecera en 1929, M. Antonio en 1930 e A. Vilar Ponte en 1935; Castelao no exilio. Ficaba Peña Novo, anulado como Calviño, e a “bandeira ergueita” que mantiña Otero que “Queiras ou non queiras, o patriarca eres TI”.

    A familia de Calviño debía ter algunha caste de parentesco co popular abade agrarista, Basilio Álvarez, quen oficiou a súa voda. Tras a cerimonia, o crego pronunciou “una sentida plática en gallego”[3]. Risco foi o padriño. Otero Pedrayo e “Froro” Cuevillas asinaron como testemuñas.

    En 1927, aos 35 anos, Calviño chega a Lalín como carteiro urbano, dende onde se sumará por telegrama á homenaxe que lle argallaron a Otero en Ourense en 1930[4]. Di Calviño:

Galiza, a Galiza ceibe que todos cobizamos pra incorporala ás grandes democracias d´Europa, atoparase hoxe ahí á veira d´ise home estraordinariamente bo é xeneroso capaz de ser na nosa terra en política un De Valera, en poesía un Tagore e en amor e sacrificio por Galiza, un Gandhi ou un alcalde de Coor.

    Refírese Calviño a Terence MacSwiney, membro do Sinn Féin, elixido alcalde de Cork, en 1920, en plena guerra de independencia; encarcerado por sedición, faleceu tras 74 días de folga de fame que situaron o conflito irlandés na primeira plana dos xornais Pode interpretarse esta escolla de persoeiros de renome internacional como unha apurada  síntese ideolóxica do pensamento de Calviño na altura.

    Tamén foi punido polos sublevados. En carta a  Ben Cho Shey dille : “e a suspensión no 36, que durou algúns anos”. Cando se puido reincorporar a Correos, en 1940, destinárono a Vigo e pronto lle concederon o traslado ao Carballiño, onde se xubilou.

    Da correspondencia de Calviño que puidemos consultar, despréndese a súa relación con moitos dos persoeiros da cultura galega. As referencias a Risco, Blanco Amor, Basilio Álvarez, Sofía Casanova, Cuevillas... son constantes, algunhas pouco agradábeis para os citados. En especial chama a atención  a frecuente correspondencia con Virxinia Pereira, a viúva de Castelao.

    En Arcos do Carballiño faleceu aos 79 anos. No “mes de defuntiños”, escribiría Calviño de ter que facer a súa propia necrolóxica.


Publicado no suplemento Coñecer de Nós-Diario, 15/5/2021

 

 

 



[1] Beramendi (2007)

[2] El ideal gallego, 30/8/1923

[3] EPG, 7/11/1928

[4] EPG, 8/6/1930

Ningún comentario:

Publicar un comentario