Capa do libro e foto do autor. |
Vermú,
xenebra, espumante, licores varios, viño, cervexa..., todo baixo o rótulo de
Pepa A Loba. Bares, pubs, cafeterías, restaurantes, taparías... recórdana nos
seus letreiros. Editoriais e latas de conserva, camisolas con diversa
iconografía dunha muller forte, baril, fermosa; bufandas celtistas ondeando co
seu nome inscrito; os Herdeiros víranse Cuadrilla
de Pepa A Loba e cinco rapazas enchen salas de concertos convocando a súa Banda.
Festa no Carballiño e asalto ao Pazo da Cruz na Paradanta. Os países vivos
constrúen mitos, inventan a tradición, aquela que non se esvaece con mudanzas
costumistas senón a que permanece ancorada no pasado, forxando a continuidade.
As
historias da capitá de bandidos pasan de boca en boca, de lugar en lugar, esténdense
polo país, que as fai súas, en cada bisbarra xorde un dito, abrolla unha
historia e chántase unha casa na que viviu a Loba. A “experiencia vivida” convértese
en “experiencia transmitida” a través do
relato oral; cando este semella esgotarse xorden as formas literarias para
reinventar a tradición, como fixeron Antonio Rey Soto, en 1918, e Aurelio
Miras, cincuenta anos despois[1]. A poñer negro sobre
branco axudaron investigacións, difusións[2] e recreacións literarias[3] que mantiveron viva a personaxe
da valente, fermosa e decida bandoleira, para entregarllo ás mozas actuais que
non só reivindican, senón que exercen a igualdade de xéneros e ollan na xefa de
gavela un símbolo contemporáneo da tradición estampado como afirmación nunha
camisola.
Unha
primeira cuestión a dilucidar sería a da existencia ou non da famosa
bandoleira. Asunto menor para a tradición. A ninguén dos que durante séculos
peregrinaron a Compostela lles causa desengano a “inventio” politico-militar de
Afonso II. Mesmo, para o fenómeno xacobeo, sería indiferente que a arqueoloxía
demostrase que o herexe Prisciliano está alí soterrado no canto do apóstolo
Santiago. Os peregrinos seguirían chegado, poderán deixar de facelo por moitas
outras razóns, pero non pola ausencia de base material na tradición.
A
inexistencia de documentos sobre a Loba non empece a súa existencia, como
tampouco a debilita a dispersión das localizacións da súas andanzas. Miras Azor
deixoulle ben claro a Carlos G. Reigosa que, nos anos anos que viviu en Lalín,
foi cando recolleu, das voces das xentes
do Deza e Trasdeza, as historias de Pepa e Dorinda, aínda que non visitase os
lugares aos que facían referencia. Foi en conversas na vila onde tomou as
notas. Non hai moita dúbida de que por terras dezás e nas súas lindeiras (O Carballiño,
O Ribeiro, Tabeirós) actuou a Loba, cando menos nunha longa etapa da súa vida.
As intensas referencias ás fazañas da xefa bandoleira na Chá luguesa, nas
terras de Ortegal e noutras zonas do país poden ter explicación diversa. Non
hai dubida de que outras mulleres, Chao Espina cita algunhas, integraran as cuadrillas, aínda que non
ostentasen a xefatura das mesmas; que “Pepa A Loba” se convertese nun xenérico,
tal como no caso de “Foucellas”, empregado, cando menos na area dezá, para
referirse aos guerrilleiros antifranquistas, por mor da popularidade acadada
por Benigno Andrade “Foucellas”. É tamén posíbel que nalgún momento a Loba mudase
de territorio de acción ou asentamento. En canto ás dificultades para delimitar
un espazo temporal, unhas veces sitúanse as súas accións na primeira metade e outras
na segunda do século XIX, nada nos debería estrañar nin é argumento para
considerar a figura da bandoleira unha pura invención. As confusións temporais
nos relatos orais son frecuentes. Na mesma zona dezá escóitanse “historias” do
período das carlistadas e da posguerra española, e a confusión entre
“fauciosos”, en referencia a facción carlista, e “foucellas”, denominación dos
guerrilleiros, é constante.
Á parte das
breves referencia do marqués de Figueroa, da Pardo Bazán e de Concepción Arenal,
que seica a visitou no cárcere da Coruña, o primeiro relato extenso sobre a
Loba é o de Antonio Rey Soto[4]. En pouco se parece ao
elaborado por Miras, agás no alcuño e na actividade ladroeira da protagonista
que, segundo o sacerdote, estendeu a súa fama dende Guitiriz ata a Limia, o
Courel e as ribeiras do Miño. A Loba aterrorizou e roubou tanto a arrieiros, por
máis que xuntasen as súas recuas de mulas e machos para evitar ser salteados,
como a reitorais ou pazos e “históricas y acastellanadas mansiones de los
mayorazgos de linaje”[5] por moito que puxesen
trancas nas portas, pois o seu “maravilloso ejército de espías” a mantiña
informada para dar os golpes máis audaces ou burlar os gardas civís máis
afoutos.
Todos a reclaman |
As xentes
cantaban e contaban as súas fazañas nas noites de invernía; relataban a vida de
María Rosa que aos 15 anos ficou orfa da súa pobre nai, Andrea. Andou a
traballar no que puido ata que a chamaron para apañar aveas entre as viñas do
pazo de Tameirón. Don Pedro Ventura de Somoza y Pérez era o amo. Fillo do señor
e unha “montañesa”; o pai recoñeceuno tras casar coa nai, que pasou de chamarse
Marica a que lle dixesen Misia Mariquiña. Así puido herdar. Don Pedro, con
cincuenta anos, encaprichouse da fermosa rapaza que tan ben cantaba os alalás e
un ano despois María Rosa mandaba en Tameirón co mesmo despotismo que sobre os
sentimentos de don Pedro. Pasou outro ano e a moza mandarica ficou preñada. Foi
tomar os baños a Marín e regresou, catro meses despois, cunha ama de cría e un
rapaciño fillo dunha curmá que esta non podía criar. Cada certo tempo María
Rosa volvía tomar os baños e regresaba con outro sobriño.
Os nenos
medraban, a beleza de María Rosa murchaba, as trécolas do astuto capataz non amainaban
e don Pedro botouse ás corredoiras na procura de carnes duras. Doída, María
Rosa comezou a maltratar os fillos e a desatender a casa. As habilidades de
Adosinda, a filla do muiñeiro, os desexos deste e mais as trampulladas do
“cachican” do capataz, conseguiron que don Pedro a botase da casa. A ela e aos
fillos. Enrabiada, María Rosa rexeitou as catro moedas que lle daba o capataz
por orde do señorito ao que ameazou con cobrarlle en sangue o que con sangue
lle dera.
Vivía agora,
como cando era cativa, nunha cova cos seus famentos fillos. Envelenounos aos poucos
con sénica para matar os ratos. Primeiro o máis cativo. Dous anos despois os outros
dous. Deixou a Amaro, o maior, ao que lle inxectou odio aos ricos. Un día
desapareceron da aldea e comezouse a falar dunha gavela de ladróns. Pouco tempo
despois arrasaron o Pazo de Tameirón, levaron os diñeiros, a prata, as roupas...
e acoitelaron como porcos a don Pedro, Adosinda e dous nenos de berce. Á capitá
da gavela comezaron a chamarlle Loba, pero non volveu matar a ninguén sen
necesidade.
Será a obra
de Miras a que fixará o relato sobre a Loba, a comezar polo nome e a substancia
da trama. Pepiña era filla da Falucha, muller moi pobre, medoñenta e non moi
lista; vivían nunha mísera cova en Moedo. Eran felices ao seu xeito. Pepiña coidaba
das ovellas da tía Dorinda, labor no que a axudaba o seu can Lueiro. O lobo
espreita, ataca, mata unha ovella, vai por outra, pero a nena enfróntase a el
co caxato mentres chama a Lueiro, aquela natureza mítica, protectora dos nenos
sen pai, aquel enorme mastín, para que acuda a salvar a nena das fauces
lupinas. Cando o lobo xa lle botara os dentes ás costas da rapaza, Lueiro chímpase
sobre el e en loita titánica préndeo polo lombo e pártelle a columna. O can
leva a nena ata a cova-casa e lámbelle
as feridas durante días ata que foron curando. Dorinda, sempre aproveitada na
súa actividade mendicante, pide prestado un burro para que Pepa percorra as
aldeas levando o lobo morto en procesión e recolla boas esmolas. Os rapaces
acaban alcumándolle Loba e co paso do tempo guindándolle cantazos polo mal
cheiro do lobo podrecido.
Contracapa do libro de A, Miras, obra, como a capa, de M. Prego |
Aos trece
anos, enferma de febres, ten que observar como o Brután mata a pancadas un mulo
e despois viola a súa nai sen poder facer nada polo seu estado de prostración.
A Falucha fica preñada. Leva mal o embarazo, atendida pola incapaz e envexosa Dorinda.
As veciñas piden axuda ao albeite
Miguel, ex-seminarista, personificación de todas as maldades,matador do seu
propio pai, despois fará o mesmo co irmán, posíbel pai de Pepa e causante da
súa desgraza. No relato noméano pola profesión. Os latíns do albeite non resultan;
o neno nace morto e a Falucha falece.
Pepa queda a
cargo da tía mendicante que lle vai aprender o oficio no que a espelida rapaza
destaca deseguido.Cun falso brazo tolleito, obtén moito máis beneficios que a
tía. Será a escola da Pepa, entre tortas e tramposas pousadeiras, ficticios leprosos,
falsos peregrinos, cegos que ven e a aproveitada Dorinda. Esta decide colocala
de criada na casa-tenda do vello Ramón, home abastado e traballador, irmán do
albeite, coa argucia dos dicires sobre quen era o proxenitor de Pepa e a
esperanza de que as fermosuras da moza lle permitisen a ela asegurarse un
futuro. Dorinda sae coa súa. Tío Ramón acolle a rapaza para atender a tenda e os
labores da casa. A moza pronto se converte na ledicia do vello que lle colleu tanto
cariño que contratou un estudante para que lle ensinase a ler, escribir e os
números precisos para levar a tenda cando el faltase, e mesmo fixo de alcaiote
procurando xuntar a Pepa con Alberto, como ambos tamén desexaban. Converteuse Ramón
no pai real de Pepa e procurou a súa felicidade a través do matrimonio co
escolante.
Mais o odio
axexaba. O albeite agoniábase pensando que as riquezas do irmán fosen parar á filla
da Falucha e ideando estratexias para o mal: matar o irmán, culpar a Pepa e o escolante
e ficar coa tenda e as riquezas. Así aconteceu. Pepa ten sorte, na vez de
aforcala condénana a perpetua.
Don Aurelio subtitulou a súa novela “como la sociedade creó una delincuente”, esa é a súa visión: “No fue sólo el Brután, ni el Albeite, ni el Tribunal; no. Fue la sociedad entera; la sociedad misma, que después sufrió sus ataques, la que fué forjando día a día a la famosa Pepa Loba”. A esa sociedade perversora, vista con anteollos roussonianos, axudou, facéndolle máis dano que o xuíz ou mesmo que o albeite, a súa propia tía, estragándolle a imaxe da súa tenra nai, contándolle, na cadea e como vinganza pola frustración dos seus plans de aproveitada, a concepción de Pepa durante unha borracheira da tolitates da nai, nunha violación múltiple na feira de Padrón.
No cárcere
Pepa planea a vinganza. Foxe disfrazada de cura. Acode a casa da tía para
recuperar a Lueiro e saber que o escolante marchara a América pero que nunca alá
chegará por se afundir o barco. Co enfrontamento final e a morte do albeite, o
seu bautismo de sangue, remata a súa xuventude e a novela de Miras da que a de
Reigosa será, en certo xeito, continuidade, desenvolvendo a figura da Pepa
bandoleira pero rememorando aconteceres e personaxes da etapa xuvenil.
Seguro que
don Aurelio estaría ben ledo de saber do seu importante papel na transmisión da
tradición inventada de Pepa a Loba, ata converterse nun símbolo máis da
identidade galega e nun día de festa no Carballiño.
[1] Rey Soto, A. (1918): La Loba. Madrid: Librería de la viuda de
Pueyo; Miras Azor, A. (1968): Juventud de
Pepa Loba. Vigo: Faro de Vigo;
[2] Chao Espina, E. (1977): Cien Años de Galicia (1850-1950). Tomo
I. Ortigueira: Imprenta Fojo; Costa Clavell, X. (1980): Bandolerismo. Romerías y jergas gallegas. A Coruña: Biblioteca
Gallega; López Morán, B. (1984): El
bandolerismo gallego. Vigo: Xerais
[3] Iglesias Araúxo, B. (2001): A
vida apoteósica. Vigo: Xerais; González
Reigosa, C. (2006): Pepa A Loba.
Vigo: Xerais.
[4] Antonio Rey Soto (1879-1966), o sacerdote que oficiou o matrimonio de
Virxinia Pereira e Castelao, do que era amigo. Licenciado en Dereito e
Teoloxía, foi tamén xornalista e fundou a produtora cinematográfica Celta Film.
A súa obra é case toda en castelán. Bibliófilo, a súa colección doouna ao
mosteiro de Poio que é onde se conserva na actualidade.
[5] Aspecto no que se contrapón coa visión da Loba que ten de banqueira
unha fidalga, é amiga dun “conde”, segundo o relato do marqués de Figueroa, ou
coa explícita negación da Pardo Bazán de que asaltase “castillos y pazos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario