sábado, maio 29, 2021

Vindicación de gaiteiro. Polo Avieiro de dona Emilia (44)

 

O gaiteiro de Carballiño e máis o Ventosela

    En 1880 Curros publicaba unha serie de composicións poéticas baixo o rótulo de Aires da miña terra. Nunha delas, fálanos do “arrogante gueiteiro”, que gozo daba miralo!, na festa do San Trocado; aquí nas bocarribeiras do Avieiro: “Calzón curto, alta monteira,/verde faixa, albo chaleque,/i o pano na faltriquiera;/sempre na gaita parleira/levaba dourado fleque” mentres “botábanlle as nenas frores/ledas copras os cantores/foguetes o fogueteiro”, sendo “cousa de ademirar,/aquel sembrante bulrón, aquel aire picarón/i aquel modo de mirar.../. Era o gaiteiro, non unha creación imaxinaria, senón a poetización de Manuel Castro González, nado, en 1832, no lugar de Penalta, na parroquia de  Mourillós no concello de Celanova[1]. Segundo Antonio Piñeiro, Manuel chegou a ser mestre do afamado Faustino Santalices[2].

    A inspiración temática currosiana ben podería vir do repoludo e rosaliano gaiteiro “de pano sedán vestido,/como un príncipe cumprido,/cariñoso e falangueiro” que “sempre pola vila entraba/con aquel de señorío;/sempre con poxante brío” para as nenas enganar, que Rosalía recreou nos Cantares Gallegos (1863).

    Dona Emilia seguiu a pulsión gaiteira para crear o seu personaxe do “Gallo” que namoriscaba a contundente Sabel para desespero do marqués de Ulloa, na novela que lle  deu sona. Descríbeo así: “vestido de pana azul, en actitud de cansancio, dejando desinflarse la gaita, cuyo punteiro caía sobre los rojos flecos del roncón, se limpiaba la frente sudorosa con un pañuelo de seda, y los reflejos (...) permitían distinguir su cara guapota, de correctas facciones, realzada por arrogantes patillas castañas”.

    No era santo de devoción pardobazaniana aquel “rústico artista” a pesar das dotes que lle apoñía:

El gaitero prodigando todos sus recursos artísticos, acompañaba con el punteiro desmangado de la gaita y haciendo oficios de clarinete. Cuando tenía que sonar entera la orquesta, mangaba otra vez el punteiro en el fol; así podía acompañar la elevación de la hostia con una solemne marcha real, y el postcomunio con una muñeira de las más recientes y brincadoras, que, ya terminada la misa, repetía en el vestíbulo, donde tandas de mozas y mozos se desquitaban, bailando a su sabor, de la compostura guardada por espacio de una hora en la iglesia.

Igrexa parroquial de Sagra

    Hai unha substancial diferenza entre a ollada rosaliana, feminina, ou a currosiana, masculina, do gaiteiro, tanto do que namoriscaba a todas as nenas que lle deran o seu pensamento como de que era arrogante como non houbo outro no mundo. Pola contra o gaiteiro pardobazaniano é un pousafoles aproveitado, basto, presuntuoso e inculto que se aproveita do desleixo da aristocracia rural para empoleirarse no seu lugar cando este xa é un monte de esterco arruinado, para o que, raposeiro, se deixa manipular pola “astucia salvaje, mas propia de un piel roja” de Primitivo. Ben sabe o lector, o mordomo dos pazos. A diferenza está na ollada despectiva e clasista que loce sempre a aristocrática escritora fronte á comprensiva e solidaria da padronesa ou do Curros que lle axustou as caravillas á condesa no Divino Sainete (1888)  despois de sentirse interpelado de mal xeito en El cisne de Vilamorta (1885).

Xan Míguez, "O Ventosela"

    Se houbo gaiteiro de sona no Avieiro, este foi sen dúbida Juan Míguez (1847-1912), o de Ventosela. Aínda así un pode deixarse levar pola imaxinación e matinar en que, se non foi  “O Ventosela” o inspirador do “Gallo” emiliano, ben puido selo o Rogelio Rodríguez (1845-1910),  “O Carballiño”, de non menos sona, quen, segundo conta Camilo de Cela[3], “gallea en tierra de Masidaos”[4]. Ambos, Ventosela e Carballiño, foron compañeiros de soados triunfos musicais. Digo, que ben puidese ser calquera dos dous, aínda que por proximidade acaería máis que fose o do Carballiño, pois o “Gallo” da Bazán era de “Naya” e un, considerando o costume de dona Emilia de mudar os nomes pero non os lugares, quere escoitalo temperando o instrumento “en el atrio tapizado de hierba” da igrexa de Sagra, mentres a procesión se preparaba e “la cruz y los estandartes oscilaban sobre el remolino de gentes amontonadas ya en la estrecha nave” e despois “de dar dos vueltas por el atrio y detenerse breves instantes frente al crucero, el santo volvió a entrar en la iglesia”. Un intúe, tras o topónimo literario de Naya, o de Sagra e non o de Banga, aínda que tamén podería ser, pero é que don Eugenio, o cura de Naya, ten a reitoral, algo afastada, aínda que non moito, dos pazos, sexan estes os de Banga, os de Cabanelas, ou ambos mesturados.

    En calquera caso trátase de vindicar a memoria do que, sen ter tanto márketing como o de Ventosela, nin tan influentes propagandistas ou detractores, e mesmo aínda que o de Ribadavia o considerase o seu segundo, é un dos grandes gaiteiros do último terzo do século XIX, cando os concursos argallados nas principais cidades e vilas do país axudaron a que a sona dos gaiteiros transcendesen os lindes parroquiais ou comarcais. Roxelio, “O Carballiño”, formando un insuperable triunvirato, tocou xunto ao propio Míguez e o betanceiro Manuel Rilo (1829-1907), “o gaiteiro das Mariñas”, nun certame na Coruña en 1896[5]. Outro dos soados foi Antonio Castiñeira “O Fresco de Baio”. Aos catro dedícalle Camilo de Cela un laudatorio artigo:

    A Antonio Castiñeiras, el Fresco según unos, el Bayo según otros, debemos la conservación, en toda su pureza, de la Alborada; a Juan Míguez, el de Ventosela, debemos la adaptación de la gaita a otras composiciones nacionales; a Rilo debemos la ejecución irreprochable de la Muiñeira sin variaciones extrañas; a Rogelio el de Carballino, debemos el clasicismo gaitero.

Antonio Castiñeira, "O Freso de Baión"

     El Fresco personifica el entusiasmo, Ventosela la ejecución, Rilo el amor al arte y Carballino el estudio de los buenos modelos.

     El de Bayo es un maestro de cuerpo entero, desconocido para muchos por su modestia nativa; Ventosela un triunfador en la mayoría de los certámenes; Rilo un competidor temible por su aversión a floreos musicales, y Carballino un discípulo de altos vuelos.

     El primero tiene querencia a las montañas de Corcubión; el segundo recorre Galicia y ambas Castillas; el tercero se hace de rogar y el cuarto gallea en tierra de Masidaos.

     El Fresco se contenta con el aplauso rural; Ventosela aspira a la gloria... eterna; Rilo apetece la aprobación de los doctos y Carballiño tiende a la popularidad.[6]

    Foron dos primeiros profesionais famosos, moito antes que os Dezas de Lalín ou os Cachafeiro de Soutelo, por limitarnos aos lindes do Avieiro, e introduciron variacións, non do gusto de todos, como ritmos de moda ou para bailar “agarrado” e mesmo o abandono da indumentaria tradicional ou comezar a tocar en locais pechados como teatros, etc.

O gaiteiro Rilo
nas festas Betanzos en 1905

    O Ventosela e o Carballiño colaboraban en ocasións. Mesmo substituíndose, como cando Roxelio supliu a Xan na festa agostina da casa do Marqués de Riestra, na Caeira de Poio, dende a que se dicía dominou a provincia durante décadas, pois o Ventosela non puido acudir “por circunstancias imprevistas” e fíxoo o de Carballiño “que en realidad sabe también arrancar a la gaita notas delicadas y tiernas”[7]. Uns meses antes, en 1896, no ano da consagración popular de Míguez, o Roxelio, xunto a un fillo de Míguez que tocaba o tamboril, acompañouno a Madrid. Viaxaron como auténticas estrelas,  os xornais anunciaron a súa marcha, cando subían ao tren, os seus ires e vires, a chegada á capital do reino e difundiron en detalle a “Fiesta Gallega” argallada polo “Centro Gallego”, no teatro da Zarzuela. Foi por finais de xuño. As gabanzas eran continuas e a actuación do “Ventosela” e o seu segundo “O Carballiño”, á beira do Orfeón galego dirixido polo mestre Pascual Veiga, que ficaba nun segundo plano, ante a presenza estelar de Juan Míguez, ocupaban páxinas da prensa madrileña e galega. Especial cobertura prestoulle La correspondencia de España. O mesmo día da actuación, Camilo de Cela gababa os gaiteiros en xeral e a Ventosela en particular.

    Mais a cousa non foi a gusto de todos e os reproches chegaron nas mesmas páxinas de La  correspondencia e, posibelmente, da mesma pluma de Camilo de Cela. Di o redactor que aínda que nas butacas estaba o mellor “de la colonia gallega en la corte” e nas localidades altas os entusiastas fillos de Galicia “que trabaja dando vida a multitud de industrias”, e aínda que a festa resultou ben, puido resultar mellor de combinarse as cousas, pois o que alí se ía procurar era “la nota regional” e esa foi “la que se sirvió en más pequeña dosis”; o orfeón do centro galego cantou ben, pero cantou “composiciones poco castizas, que en su mayor parte no estaban escritas en idioma gallego, privando de este modo a los oyentes de saborear las melodías de la dulce fala de Rosalía”.

Cartel do último concerto de Juan Míguez,
O Ventosela


    O gaceteiro continua relatando unha nova decepción. Todos agardaban que os gaiteiros lucisen o traxe “gallardamente descrito por Curros”, pero presentáronse vestidos “de señorito”; emporiso, punteando a gaita, demostraron que o habito no fai o monxe e portáronse como mestres. A cousa soubo a pouco e como moita xente non puidera adquirir entrada acordaron celebrar un novo concerto cun programa distinto no que tomarían parte “el gaitero de Ventosela y el de Carballino, y el orfeón gallego que dirige el maestro Veiga” e no que “la mayor parte de los números serán de música popular gallega”. O exito de Ventosela e o máis discreto do de Carballiño serviu mesmo para rexouba no Eco compostelán[8] que relata que moitos personaxes políticos andan “medio locos” co de Ventosela “a quien traen y llevan con el fol hinchado de un lado para otro”. Ventosela percorrería Europa coa súa gaita e daría o chimpo á outra banda do mar bandeándose nas súas atrevidas adaptacións de ritmos parisienses e caribeños do momento. O discreto Roxelio foi ficando esquecido. Ben faría o Carballiño en lembralo.

 

 

 



[3] Pseudónimo do xornalista e economista Modesto Fernández González (Ourense 1838-Madrid 1897) que dedicou moitas colaboracións xornalísticas a gabar a música popular galega.

[4] Camilo de Cela (1897): “Los gaiteros en Galicia” en Galicia Moderna, nº 16, 15/12/1897.

[5] El diario de Galicia, 18/8/1896. Sobre o Rilo ver Torres Regueiro, X. (1990): “Un lexendario gaiteiro das Mariñas: O Vello Rilo” en Anuario Brigantino, nº 13, 1990, pax. 257-278

[6] Camilo de Cela (1897) op. cit.

[7] Diario de Pontevedra 20/9/1897

[8] El eco de Santiago, 10/7/1896

Ningún comentario:

Publicar un comentario