O daquela principe Juan Carlos xura lealdade ao xefe do estado,Franco,e ás leis fundamentais do Movimiento (23-6-1969) |
É posíbel que non lle acaia adxectivación ningunha. Que a memoria sexa só iso, memoria; e que a pretensión de arrexuntala non sexa máis que unha trampullada. Primeiro engadíronlle o de “histórica”, sen reparar no simil que propuxera o finado historiador británico T. Judt de comparalas con dúas medias irmás. Unha, a memoria, nova, espelida e fermosa, a outra, vellouqueira, aburrida e de escaso atractivo; pero que non poden vivir a unha sen a outra. A historia precisa do rego constante da memoria e esta vese alterada con frecuencia pola primeira.
Agora quérenlle aquelar o engadido “democrática”, cando é evidente que pouco
democrático hai na memoria, sempre persoal, verdadeira, indiscutíbel,
subxectiva, certa, “vasmo dicir ti a min que o vivín”, pódeche retrucar unha
testemuña si lle argúes dende o andel da aburrida academia.
Así que, na verdade, do que vai o asunto é de non chamarlle as cousas polo
seu nome. Se na vez da “lei de memoria histórica” de 2007 ou “de memoria
democrática” como agora propón o ministro denominado da presidencia, de
relacións coas cortes e de memoria democrática, Félix Bolaños, denominasen o anteproxecto “lei de condena da
ditadura franquista” ou algo parecido non teriamos que andar con estes
equilibrios verbais.
Juan Carlos xura como rei o principios fundamentais do Movimiento (22-11-1975) |
O que, de novo, se pretende é cumprir cun “inescusábel deber moral”, loábel nos termos e expresións que emprega e nos que se inspira, pero que ten uns reparos de substancia aos que nos referiremos máis adiante. O borrador supón un avance substancial no rexistro e recoñecemento das vítimas; na retirada da simboloxía, revisión de condecoracións e títulos, extinción de fundacións, etc; na localización e identificación das persoas desaparecidas e nas exhumacións; no acceso a arquivos e rexistros civís así como na salvagarda dos lugares de memoria; de recoñecemento do movemento memorialista; mesmo dunha certa protección para os investigadores ao considerar que dar a coñecer nomes de autoridades e funcionarios públicos non é contraria á normativa de protección de datos, ou mesmo ao crear a figura dun fiscal de sala para a materia e un réxime de sancións. Xa veremos que percorrido ten este último aspecto e mesmo o anteproxecto, só unha proposta que nin aprobada foi polo goberno.
E os reparos. No noso parecer, o primeiro, a validación da lei de amnistía
46/1977 de 15 de outubro, anterior polo tanto á constitución de 1978 a que con
tanta fachenda se alude como configuradora do actual réxime, e á que se lle procura unha lexitimidade
democrática foránea na sinatura por parte do estado español, o 30 de abril de
1977, do pacto internacional de dereitos civís e políticos. Non é preciso ser
moi perspicaz para decatarse de que na práctica se converteu nunha verdadeira “lei
de punto final” empregada para frear os procesos xudiciais, como pon de
manifesto que as propias vítimas tivesen que recorrer á xustiza arxentina ou o procesamento
de Martín Villa pola xuíza Servini.
Adolfo Súarez presta xuramento como vicesecretario xeral do Movimiento (23-4-1975) |
En segundo lugar, porque ao longo do preámbulo procurase a lexitimidade en disposicións externas, como a recomendación do Consello de Europa de 2006, empregada xa como apoio argumental da lei de 2007, ou o informe de 2014 do relator de Nacións Unidas, Pablo de Greiff, na vez de facelo, en exclusividade, nun proceso de reflexión propio, interno; o que ven a demostrar que unha parte da sociedade española segue a considerar o golpe do 36 como necesario e a ditadura que o seguiu un inconveniente comprensíbel, ou, cando menos, que unha parte substancial dos seus representantes políticos así o considera. Nun caso ou noutro estariamos ante a pervivencia desa “anomalía hispana” á cal nos referimos para simplificar unha análise máis acaída.
Repúdiase e condénase o golpe de estado do 18 de xullo e decláranse nulas
todas as condenas e sancións e ilexítimos os órganos que as emitiron; pero non
ilegais. Se así se declarase, tamén o seria a monarquía fundamentada na
legalidade franquista que o anterior monarca xurou por dúas veces, a primeira
como príncipe en 1969, a segunda como rei en 1975, poucos días despois da morte
de Franco. Tamén o sería o actual monarca herdeiro daquela legalidade
ditatorial.
Rodolfo Martín Villa, ministro de interior entre 5-7-1976 e 5-4-1979 |
En todo momento se pecha a porta a calquera tipo de recoñecemento patrimonial, por parte do Estado, de calquera administración pública ou de calquera particular, a calquera caste de reparación ou indemnización de índole económica ou profesional. Simplemente a reparación será parcial, pois esta non afectará á acumulación apropiada por parte do estado ou de empresas do traballo escravo, e as propiedades roubadas, polo estado ou por particulares, non serán devoltas ou resarcidas. Nin se repara o mal causado as vítimas por funcionarios do estado durante a denominada “transición”, nin se fai o mínimo aceno para que algunhas institucións, como a igrexa e outras, emitan algún xesto en demanda de perdón polo moito dano cometido.
Pódese coincidir ou non na valoración política da transición, no que era ou
non posíbel na altura, pero máis de catro décadas despois andar a canear ata
cos xestos só serve para poñer de manifesto a escasa consolidación da
democracia española, xustamente pola súa orixe transaccional e non de quebra coa ditadura.
Veremos se chega a bo porto o anteproxecto e en que condicións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario