domingo, novembro 07, 2021

Míguez Ledo: a cota de sangue.



    Dende a primeira vez que o ollei, emerxendo entre as follas amarelentas e reviritadas dun atado militar, ordenadamente gardado, disciplinadamente conservado, os ollos e o rostro de Míguez Ledo cativáronme. Co seu aquel romántico, o seu peiteado cara atrás, o seu medio sorriso, o ancho nó da garabata, a camisa alistada, os ollos fervedoiros e o seu rostro xuvenil, case adolescente. Non é frecuente, cando menos na miña experiencia, bater con fotos desta traza entre o amoreamento de folios mecanografados ou manuscritos, inzados de literatura retórica, das causas militares. No caso de habelas son case sempre de documentos oficiais que, por outra banda, na altura, case nunca ían acompañados de foto. Seméllame máis unha foto roubada, ao mellor da casopiña familiar que compartía con Esperanza e a súa familia. Secuestrada de enriba dunha cómoda, grande de máis para a escasa roupa dunha parella nova, onde lucía en sinal de prenda amorosa, ou quizais non estaba sobre unha cómoda senón sobre un simple baúl de viaxe. Calquera que fose o moble, o seu contido ficou no desorde no que o deixaron os números da garda civil na procura dos libros; do libro de afiliados ao sindicato da construción e oficios varios de Gondomar, adscrito á UGT, e mais o da hipotética, e tamén real, célula comunista que actuaba neste concello e que se convertera nunha obsesión para o cabo Florencio Márquez Parra, comandante do posto de Gondomar dende había un ano. O libro dos comunistas nunca apareceu; o do sindicato si, pero faltábanlle unha parte das follas na que figuraban os afiliados.

    Os paseos, en especial cando eran numerosos, quedaron fixados con intensidade no imaxinario popular e a transmisión oral reproduciunos co dramatismo dos crimes masivos. A ausencia absoluta de calquera formalismo legalista engadíalle unha dose de arbitrariedade e de xenreira persoal que os facía perdurar na memoria colectiva. Non pasou o mesmo cos asasinatos cometidos baixo o paraugas da verborrea xurídica e da teatralidade banal dos consellos de guerra. En moitos casos, a non ser que as víctimas fosen personaxes socialmente relevantes, a lembranza destes crimes quedou reducida ao ámbito familiar. Fiscais, presidentes de tribunais militares e integrantes dos mesmos actúan cunha aparencia de normalidade, de cousa de todos os días, de algo que cómpre facer, de inevitábel, dunha aparente frivolidade burocrática en que cada quen desempeña o seu rol, representa o seu papel: o fiscal, lograr a máxima pena, o tribunal, que as formalidades se cumpran, e os defensores, reducir o que se poida a pena. Todo nos lembra a idea da “banalidade do mal” que empregou H. Arendt. Esa “aparencia burocrática”, esa terminoloxía xurídica do terror, produciu un efecto xeneralizador da culpabilidade e favoreceu o esquecemento, a traizón da memoria. 

Estas divagacións ocórrenseme ante os ollos grandes e quizais un chisco atristurados  daquel mozo. Tiña 29 anos cando os disparos lexitimados pola forza das armas cobraban a súa cota de sangue para poñer fin á farsa dun consello de guerra que resolvía a causa 805/36 contra varios veciños de Gondomar, entre eles o alcalde José Pequeño Rodríguez. Foi o 24 de outubro de 1936, ás catro da tarde, contra as tapias do cemiterio de Pereiró.

    Miguez Ledo non era orixinario do Val de Miñor, nin debía levar aquí asentado moitos anos; seguramente esta circunstancia explica que  apenas fose recordado polas testemuñas orais. Nacera en Vilasobroso,  no concello de Mondariz,  e era fillo de Jesusa e de “incógnito”, como figura nos papeis. Aínda así, tiña que estar ben integrado na vida social e laboral de Gondomar, pois na altura de xullo de 1936, aínda que dende había poucos meses, presidía o sindicato obreiro de Gondomar, e as “persoas de orde” interrogadas polo cabo Márquez Parra, a versión gondomaresa do cabo Pena, o tenente Rabioso ou tantos e tantos outros executores dos designios de Mola e os sublevados, ben que sabían quen era.

O eficientísimo cabo, furibundo perseguidor de “rebeldes” contra o “Glorioso Movimiento Nacional”, non deu descuberto a “célula comunista” nin tirarlle a vida aos seus dous dirixentes máis destacados, o mestre de Donas José Cribeiro e mais o albardeiro Manuel Rodríguez Gómez. Ambos escorregáronselle entre as regañas das coartadas confirmadas. O primeiro, por estar a participar no tribunal do cursiño de mestres que se estaba a celebrar en Pontevedra; o segundo,   porque, tras unha forte e tensa discusión cos socialistas, maioritarios no sindicato, que lle reprocharon que realizase as reunións dos comunistas nun local que era só para os obreiros, colleu tal rabecha que o señor Pancho “o albardeiro”, así se coñecía, negouse a volver entrar na “casa do pobo”. Cribeiro puido demostrar que entre o día 20 e o 24 de xullo non estivera en Gondomar, e o albardeiro que non colaborara na resistencia pois permanecera sempre no seu traballo. Ambos deron zafado das causas nas que se viron imputados, o señor Pancho en dúas. O mestre foi voluntario ao lugar máis seguro, a Lexión, e salvou a vida; dado de baixa na escala do maxisterio, sobreviviu dando clases particulares ata que o deixaron reingresar. O albardeiro regresou á súa Ribadavia natal, aínda que algún tempo despois argallou para que o fillo se establecese en Gondomar para darlle  continuidade ao  oficio e herdar o apelativo.

O mozo do retrato estaba solteiro, segundo a legalidade eclesiástica imposta tras o golpe, e residía en Vilaza coa súa compañeira Esperanza. Esta convivencia é causa de escándalo para os moralizantes golpistas que non dubidaron en empregala como descrédito para facilitar a consecución da dose de terror adobiada con formalidades xurídicas.

O cabo da garda civil, Florencio Márquez Parra, escribe, no seu informe sobre Míguez Ledo,  o que traducimos: “Vive maritalmente cunha muller na parroquia de Vilaza, familia que é de dubidosa conduta, o que dá lugar a dubidar da do informado”. Descoñecemos a que se refire o cabo co de familia de conduta dubidosa. É probábel que se refira ao irmán de Esperanza, Eduardo, un albanel de 19 anos, imputado na mesma causa que Xoaquín Míguez Ledo, que penaría na prisión de San Cristobal, no monte Ezkaba, en Pamplona, coñecida pola masiva fuga de presos e a carnizaría posterior, a onde chegou procedente de San Simón e da que saíu en prisión atenuada en 1940, pero tamén é moi probábel que insinúe que a nai de ambos, Celestina, non tivese “marido” razón polo que os dous apelidos dos fillos coinciden cos da nai. 

O flamante presidente da xestora de Gondomar, doutor Latino Salgueiro, sempre habelencioso nos seus escritos de verbas suaves e atinada dirección para conseguir o maior mal para o informado, escribe: “persoa de mala conduta, pois vive amancebado na parroquia de Vilaza”.

    Cal foi o delito cometido por este xornaleiro de Vilaza que traballaba de peón na reparación e extensión dos firmes das estradas? Presidir, na altura de xullo do 36, o sindicato da construción de Gondomar, unha activa asociación obreira que determinaba a vida da concello e moito máis naqueles días. Míguez Ledo asumiu o seu papel como dirixente sindical e organizou a defensa do goberno “lexítimo” de Madrid e unha “ilusionada” resistencia aos militares. Detido ao entrar as tropas sublevadas no Val de Miñor, o seu testemuño aparece reflectido na instrución da causa 138/36, pero puxérono en liberdade, como a tantos outros que despois purgarán con longas condenas. Regresou a Vilaza ata o día en que recibiu aviso da alcaldía para que se presentase a prestar declaración. Fíxoo confiado; non se decatara de que o fracaso do golpe provocara unha guerra. Converteuse na “cabeza de turco”, na cota sanguenta coa que aterrorizar a retagarda. 

    Latino Salgueiro, o alcalde sublevado, consciente do influencia das súas palabras, escribía no seu informe ao xuíz militar que Míguez Ledo era “quen verdadeiramente daba as ordenes para armar a xente e para requisa de armas e coches, desempeñando o papel de verdadeiro Xefe”. Mentres que o cabo Márquez considera que “ nesta campaña extremista, axudou á propagación da mesma, xa que a pesar de ser obreiro ten bastante discernimento”.

    O obreiro e líder sindical pagou coa súa vida por defender o réxime democrático e republicano e tamén pola rabia dos represores ao non poder procesar e condenar, en especial, o  mestre de Donas, José Cribeiro González, ao que viu interrogar en persoa o tristemente celebre, na altura, tenente Francisco González Rodríguez, mías coñecido como “Rabioso”. Pola súa banda, o cabo Márquez considera a Cribeiro “autor moral da campaña exercida en favor do partido comunista cuxos froitos son os que hoxe lamentamos”, e considera a Míguez Ledo como un lugartenente do anterior. Segundo Latino Salgueiro, Cribeiro “foi en Gondomar o encargado de facer propaganda comunista, sen que se vise actuar á fronte dos elementos extremistas como dirixente”, cousa que si fixo Xoaquín Míguez Ledo.

Xoaquín Míguez Ledo e Esperanza Hermida Pereira contraerían matrimonio “in articulo mortis”.

                          Publicado en Nós Diario 17/9/2021

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario