O IGADI cumpriu trinta anos. Para celebralo a súa dirección agasallou ao seu presidente de honra, Xulio Ríos, non cun, senón con dous libros. Nun deles, Unha vida de compromiso para unha Galicia universal. Libro homenaxe a Xulio Ríos Paredes, acheguei unha pinguiña de nostalxia. Parabéns ao IGADI e o seu construtor.
Ondadas
contra o Boi
Véxome, hai case trinta anos, nun
despacho ordenado con meticulosa pulcritude, repousado nunha cómoda cadeira e
derredor dunha mesa redonda, máis ampla e plural que unha simple mesa-camiña. Ás
veces, un lapsus de distracción ou un aquel de reflexión orientan a miña ollada
cara á luminosa xanela, tras da que se enxergan as vagas boureando no curuto
rochoso sobre o que se empoleira o elegante
perfil da torre de non sabemos que príncipe.
Ollos e mente retornan quizais á
Polonia convertida[1] ou ao soño que viñera do
leste[2]
para esvaecerse como a neboeira por tras das Estelas ou quizais derivase a
conversa sobre a Galicia recoñecida como nación na Suíza de entreguerras. A
nostalxia dos tempos idos obrígame a procurar entre os cartafoles embutidos nos
andeis; nunha carpeta abrancazada polos anos dou co primeiro número dunha
revistiña que leva por título Tempo
Exterior. Presentábase como “O correo do IGADI”.
O seu número 1 corresponde ao verán de
1997, o seu prezo era uns redondos vinte pesos, ou, traducido a moeda de curso
legal, 100 pesetas. Oito páxinas, dous A3 colados que lembraban máis o Lume
de vinte anos atrás, a revista dun grupo estudantil, de fonda pegada no
movemento nacionalista dos anos setenta e posteriores, denominado “Estudantes
Revolucionarios Galegos”, en acrónimo ERGA; o “A” final tiña só a función de
facilitar a pronuncia de dúas consoantes seguidas e non chiscarlle o ollo a fantasiosos
heroísmos. Entre as brumas da memoria, atoutiño, no fondo dos espellos, ao
Xulio coidando da edición dalgún daqueles Lume(s).
Foi cando eu o coñecín. El, nos últimos cursos de bacharelato; eu nos
derradeiros universitarios, entre “saltos”, manifestacións, peches en Fonseca,
creación de sindicatos, primitivas e pírricas campañas electorais e sobre todo
reunións, moitas reunións, inmensidade de reunións, un mundo de reunións.
Nalgunha delas coincidimos, na altura quizais de 1977 ou 78, el representando,
ou algo así, os rapaces e rapazas do Morrazo, eu por algún que outro motivo;
coido que na compaña do amigo dende aqueles tempos afastados pero presente na
querenza actual, Pepe Miranda. O Xulio
foi un activo na consolidación de ERGA que aínda troulearía unha década máis.
Quizais o mellor xeito de constatar, en
toda a materialidade da palabra escrita sobre papel, o labor titánico de Xulio
Ríos sexa comparar aquelas 8 páxinas do primeiro número de Tempo Exterior coa revista de estudos actual inzada de analistas de
todos os recunchos do planeta, recoñecida en todas as universidades e
bibliotecas e achegando sempre unha visión do mundo dende aquí; pois esa foi a
palabra de orde do IGADI, e segue a ser.
Nas reviravoltas da vida, a principios
dos noventa do pasado século asenteime en Gondomar. Xulio mudárase había pouco a
Baiona, para, entre o ir e vir das ondas
na Cuncheira, imaxinar a proxección de Galicia no mundo. Alí, mesmo á beira de
onde se tivera noticia, en occidente, de que indo polo camiño oposto, a
contrafío, chegábase á China, aínda que na viaxe se interpuxese un continente. Alí
medraron, tomaron corpo, os proxectos que con tenacidade, delicadeza de
carácter, farturenta mente e ordenada axenda se fixeron realidade aos poucos,
sen présas, sen pausas.
Naqueles anos noventa tivemos a
oportunidade de colaborar con Xulio dunha forma intensa. Non só nos libros que
partillamos xunto a Lino Pellitero[3];
este encargábase da documentación xeográfica, eu das achegas históricas e Xulio
matinaba nas análises prospectivas; agora, co repouso do tempo, podemos
constatar o seu bo tino. Cómo exemplo, dez anos antes da renuncia de Castro,
Fidel, xa adiantabamos que o substituto sería o seu irmán Raúl. Hoxe parece unha
evidencia lóxica; na altura era unha incógnita intensa.
Mais tamén nos repartimos o planeta,
nunha especie de primitiva especialización para achegar unha colaboración
semanal, como mínimo, ao “Canal Mundo” de Vieiros
e de forma máis esporádica noutros medios e revistas. Os tempos, coma sempre,
non deixaban de mudar. A tecnoloxía anunciaba
a prensa dixital que hoxe domina. Aquel fermoso proxecto de xornal dixital en
galego esbarrancou por algún lado, e tantos esforzos ben feitos ficaron sen dar
os froitos desexados que xente alerta albiscara. O malo é que os países negados
e as culturas agochadas polas maquinarias estatais non poden estragar as
fiestras de oportunidade, diriamos en expresión actual, que se lle presentan.
Mais volvamos ao folleto nº 1 de Tempo Exterior. Alí estaban enxergados,
da propia man de Xulio, os campos de traballo das dúas décadas seguintes. Na
paxina 8 facíase unha recensión dun libriño da colección “Galegos na historia”
da editorial Ir Indo sobre outro Castro, o Plácido[4];
volvendo aos andeis, atopo o meu exemplar e, no medio, unha folla cuadriculada
de cando empregabamos cadernos, manuscrita por min; era unha moi breve recensión
do libriño, que debín enviar a algún xornal, posibelmente A Peneira. Un lustro
despois Xulio sería o motor difusor da fundación co nome do que fora secretario
de relacións internacionais do Partido Galeguista, cuxa acción Xulio estudara
coa minuciosidade que o caracteriza nun libro de 1992[5].
Naquel nº1, sen sinatura pero que desprende
o arrecendo do autor, facíanse explícitos os obxectivos do IGADI, resumidos na
consigna “pensar o mundo desde aquí”, e ese aquí non era un punto topográfico, senón
unha concepción de nación. Alí sinalábase que introducir as cuestións internacionais na
reflexión colectiva, observar os conflitos internacionais con visión propia e
impulsar a proxección de Galicia no mundo eran os obxectivos e para acadalos propúñanse
unhas liñas de actuación: un centro de documentación, un observatorio exterior,
a difusión das cuestións internacionais nas aulas, o impulso e xestión da
solidariedade e a creación de grupos de reflexión. Volvendo a mirada atrás, Xulio e o
IGADI, ou o IGADI e Xulio, pódense dar por ben satisfeitos.
No cambio de milenio impliqueime nun
proxecto cultural e comarcal, inspirado, en parte, no propio concepto IGADI que
lle escoitara a Xulio ao longo desa década. Foi o Instituto de Estudos Miñoráns
(IEM) que rematou por absorber todas as miñas forzas extraprofesionais e
desviar a miña atención dos asuntos internacionais e do IGADI. Emporiso, había
outros asuntos transversais que nos seguirían achegando. En especial a figura
recorrente do diplomático Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar, que nos
achegou o tamén diplomático Lois Tobío, membro do consello asesor do IGADI. O
IEM promoveu o recoñecemento de Tobío na vila de Gondomar polos estudos sobre don
Diego, primeiro denominando o auditorio
municipal co seu nome e posteriormente nomeándoo fillo predilecto, aínda que
fose a título póstumo.
Mais regresemos ao Tempo Exterior fundacional. Aquelas paxinas centrais estaban
ocupadas por unha serie de preguntas e respostas sobre Hong Kong. Non era a
primeira vez que Xulio se achegaba aos problemas dese inmenso espazo cultural[6];
esa atracción oriental, que o acabaría succionando ata converterse nun dos
grandes especialistas no mundo chinés. Quixo o devir que o meu, cada día,
lembrado fillo Uxío acordase facer o mestrado sobre cultura chinesa na Pompeu
Fabra barcelonesa. Nun principio pensou en facer as prácticas correspondentes
en Hong Kong, pero razóns económicas orientárono cara a Taipei. Se te das
acostumado á comida e ao seu carácter todo irá ben! lembro que lle dixo un día
Xulio, naquel despacho fronte ao que se erguía o Monte Boi. Uxío fixo uns meses
de practicas no IGADI e despois en Taipei. A sorpresa foi que unha vez rematado
o mestrado decidiu establecerse en Taiwan, outra atracción oriental. Alá pasou
anos, indo e vindo polo mundo. Pretendía establecer algún negocio de hostalaría
en Taipei. A fatalidade impediullo.
Agora sei do mundo chinés a través de
Xulio, cando redacto estas liñas agárdame sobre a mesa de traballo a
“metamorfose”[7] para asentar a análise
política, económica e cultural dun século do Partido Comunista Chinés, e tamén
dalgunhas recomendacións que me fixo
Uxío, sobre todo de Yu Hua e de Gao Xingjian[8].
Teño dúas imaxes relativamente recentes
de Xulio. A primeira en Viveiro, finais de maio de 2018. Xulio fixérame o
galano de me convidar a partillar co amigo Emilio Insua unha charla sobre Tobío
e o galeguismo[9], no marco dunhas xornadas
que el, coordinador da comisión de acción exterior do Consello da Cultura
Galega, organizou en Viveiro, reincidindo nesa diagonal Viveiro-Gondomar da que
ten falado Ramón Villares. O noso relatorio abría a xornada no Pastor Díaz;
erguinme cedo para estar con tempo para as indicacións previas; a verdade é que
coidei que esaxerara na previsión temporal, polo que optei por dar un paseo
calmado polos arredores; neste labor bato co Xulio en peripatético matinar,
despois de asegurarse de que todo no teatro estaba en perfecta orde para o
comezo da xornada.
O outro día atopeino en Baiona, ía
recibir a alguén de Navarra, coido; díxome, xa traballei moito!, ben seguro,
aínda que me parece lle vai custar baixar o ritmo. Tamén nisto o Xulio sóuboo
facer. Deu o relevo no IGADI para que siga a prestar tan bos e precisos servizos
á sociedade galega como durante estes trinta anos.
[1] Ríos, X. (1991): A conversión de
Polonia. Vigo: Cumio.
[2] Ríos, X. (1992): Que foi daquel soño?.
Vigo: Xerais.
[3] Méixome, C., Ríos, X., Pellitero, L. (1994): O conflicto dos Balcáns. Vigo: Ir Indo.
Ríos, X., Pellitero, L., Méixome, C.
(1996): Rusia: Das orixes á crise
dun modelo. Vigo: Ir Indo.
Pellitero, L., Méixome, C., Ríos, X.
(1998): Cuba. Independencia e revolución.
Vigo: Cumio.
[4] Ríos, X. (1997): Plácido Castro.Vigo: Ir Indo
[5] Ríos, X. (1992): Galicia e a
Sociedade das Nacións. Vigo: Galaxia
[6] Naquel mesmo ano de 1997 Xulio publicara: China ¿superpotencia del siglo XXI?. Barcelona: Icaria; ao título
só lle sobraron os interrogantes; e dous
libros máis en Laiovento: Hong Kong,
camiño de volta e China, a próxima
superpotencia. Aquel ano, moito do matinado por Xulio dende o 4ºB do número
7 da avenida Joselín de Baiona tomaba forma impresa
[7] Ríos, X. (2021): A metamorfose
do comunismo na China. Pontevedra: Kalandraka
[8] De Ju Hua, Uxío agasalloume con tres novelas: Crónica de un vendedor de sangre, Vivir e Brothers as tres
publicadas por Seix Barral, pero sobre todo recomendoume China en diez palabras publicada pola editorial catalá en 2014,
sendo a primeira edición de 2011, Do premio Nobel, Gao Xingjian, agasalloume
con El libro de un hombre solo (De
bolsillo, Barcelona, 2012). Sobre todos eles pairan con pesadume os anos da
revolución cultural.
Ningún comentario:
Publicar un comentario