luns, abril 11, 2022

Entre Miñor e Miño

 


    Os territorios miñotos e miñoráns seguen a ser difusos para moitos galegos e galegas de nación, na verdade uns poucos montes, e non moi altos, nos separan polo Aloia, Couso, Pinzás ou a Groba e as relación foron sempre fondas.

    É una ledicia podervos informar que o próximo mércores, 13 de abril, víspera da conmemoración republicana estarei a presentar o meu último libro O terror nas Tebras e outras catas na memoria (Laiovento, 2022) no que en media ducia de traballos achégome a momentos de intensa actividade memorialista nos que ademais de regresar ao Val de Miñor sometido ao terror desatado en xullo de 1936 amplío as miñas pescudas ao Tomiño baixomiñoto e detéñome na persecución a que foron sometidas as xentes deste concello e dos outros do Baixo Miño, último lugar de resistencia aos sublevados, e en especial nalgúns dirixentes baixomiñotos como Antón Alonso Ríos, Paquiño de Figueiró ou os mestres de Forcadela e Goián, así como na descrición da ducia de “paseos” cometidos nos lindes das dúas parroquias de Tebra. Ao tempo achego unha cata sobre a persecución no  Mos da Louriña e un estudo sobre o campo de concentración de Santa María de Oia.



    A presentación, será as oito da tarde e terá lugar no Centro Goianés da vila de Goián (Tomiño) e estarei acompañado pola prologuista do libro e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, así como polo profesor de Historia no Instituto de Tui, Manuel Caldas Fernández.

    O acto enmarcase dentro do programa de actividades argallado pola Comisión pola Memoria Histórica do Baixo Miño- A Louriña que terá continuidade ao día seguinte, 14 de abril ás 12 da mañá cando no alto do Couso, no lugar de Entre dous Ríos, na parroquia de Santa María de Tebra, se procederá a colocar, a beira do monólito chantado en 2019, unha placa cos nomes do asasinados nesta parroquia tomiñesa.

    Ao remate, ás 14:30 no Copo sen Fundo de Goián terá lugar o xantar pola República no que esta ano farase un recoñecemento ao prezado amigo Francisco Lores Santacecilia construtor do sindicalismo nacionalista dende “Galicia Socialista” e o Sindicato Obreiro Galego,  que na altura de 1972 traballaba en Citroën cando as folgas de aquel ano abanearon o franquismo dende Ferrol e Vigo.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario