Así foron as que puidemos gozar grazas ao traballo da Comisión pola Memoria Histórica do Baixo Miño - A Louriña.
Primeiro, na tarde do mércores 13, no Centro Goianés onde argallaron
a presentación do meu novo libro O terror
nas Tebras e outras catas na memoria (Laiovento, 2022). Foi unha honra
poder facelo acompañado polo amigo, músico e historiador, Quico Paz Antón, en
representación da Comisión, e polo amigo de longo percorrido, e durante tantos anos
compañeiro de traballo no IES Escolas Proval de Nigrán, Manuel Caldas Fernández.
Non teño palabras para agradecer tanto a acollida dos amigos e amigas goianeses
e tomiñeses que se achegaron a escoitar a presentación do libro, como á
comisión e ao concello de Tomiño pola súa franca e aberta colaboración, así
como, aínda que non puidese asistir por mor destes diañiños que nos teñen no
amargor, a Sandra González, alcaldesa de Tomiño, que sacou un tempiño para
facer o prologo do libro. Déixovos algunhas imaxes da primeira presentación d´O terror na Tebras. Virán máis.
Ao día seguinte, pola mañá, puidemos asistir a colocación dunha
placa cos nomes das doce persoas asasinadas naqueles altos das Tebras, no Alto
do Couso, Entre dous ríos ou no Monte Salgueiro, un pouco antes de comezar a
baixar cara o Miñor. Completábase así o conxunto de monólito pétreo e a
oliveira que a Comisión da Memoria Histórica do Baixo Miñor - A Louriña ten
establecido como elementos simbólicos para sinalar os lugares de memoria. Tan pronto
se colocou, en 2019, foi agredido pola irracionalidade non nostálxica senón
fascista. No emocionante acto puidemos escoitar de novo a Quico Paz Antón e
máis ao amigo e compañeiro de longa traxectoria Raúl Francés, que acudiu na
compaña do seu pai, do mesmo nome. Alí ficaban gravados, xuntos aos demais
compañeiros de infortunio os nomes dos seus tíos-avós, Eleazar e Antonio
Francés Carpintero; uns días antes fusilaran o seu avó José, en Tui. Déixovos
algunhas imaxes do guardés Santiago Baz Lomba.
Tras o descubrimento da praza baixamos cara o Miño, outra vez a
Goián, a unha das súas institucións gastronómicas e sociais máis celebres, o “Cupo
sen fundo”, para festexalo cun cocido republicano, lembrando a Lito Oliveira e
Mario Rodríguez, e para homenaxear ao vello amigo Paco Lores Santacecilia,
referencia do sindicalismo de cerna galega, nacionalista; primeiro con “Galicia
Socialista”, despois co Sindicato Obreiro Galego e logo ao Intersindical
Nacional Galega, precedentes da CIGA, e en especial un dos referentes do movemento
obreiro vigués, que xunto ao de Ferrol fixeron abanear o réxime franquista naquel
1972 de dura, pero orgullosa, lembranza. Paco, ou Fuco, como sempre, de escasa
palabra e decidida acción. Parabéns.
PS.- Hai tempo dedicámoslle un traballiño ao estudo da causa
militar aberta contra o pai de Paco Lores, chamado tamén Francisco, e resolta
cun pelotón de fusilamento. Titulámolo O
cabo Lores no ollo do furacán;
publicouse tamén nunha versión moito máis curta en Nós diario o 17/7/2020 co rotulo de Viaxe,
delación e morte do Cabo Francisco Lores. Pódese acceder a través dos enlaces.
Ningún comentario:
Publicar un comentario