luns, abril 25, 2022

Presentación en Gondomar de “O terror nas Tebras e outras catas na memoria”.

 


    Será todo un pracer poder compartir con todos e todas vós un anaquiño de tempo para presentarvos o meu novo libro O terror nas Tebras e outras catas na memoria (Edicións Laiovento, 2022) no acto a celebrar o próximo venres 29 de abril de 2022 a iniciativa do concello de Gondomar que terá lugar no Auditorio Municipal “Lois Tobío”.

    Neste novo libro ademais de abrir o foco a concellos lindeiros (Tomiño, Oia, Mos) non deixo de centrarme no Val de Miñor, tanto recuperando datos sobre persoas do Miñor asasinadas no territorio destes concellos como, sobre todo, achegando unha memoria do movemento memorialista das últimas dúas décadas no Val de Miñor e realizando unha cata fonda sobre a fundación e o funcionamento da denominada Falange da Ramallosa, que en realidade o era de todo o concello de Nigrán,de parte do de Baiona e das parroquias gondomareñas de Donas e Borreiros, polo que se converteu na milicia que controla na práctica todo o Val de Miñor.

   



    Terei o honor de poder estar acompañado polo alcalde Paco Ferreira, así como polo amiga, profesora, escritora e recoñecida poeta Marta Dacosta e polo amigo, orixinario da miña terra dezá de nacenza, Gonzalo Navaza, escritor de variados rexistros, profesor, membro da Real Academia e filólogo especialista en toponimia.

    Por se vos presta e vos cadra, agora que parece vai minguando o andazo,cando menos na súa forma máis perigosa, vémonos o próximo venres 29 ás 20h. para falar de memoria, historia, e da persecución franquista no Val de Miñor.

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario