Será todo un pracer poder
compartir con todos e todas vós un anaquiño de tempo para presentarvos o meu novo
libro O terror nas Tebras e outras catas
na memoria (Edicións Laiovento, 2022) no acto a celebrar o próximo venres 22 de abril de 2022 a iniciativa
do concello de Nigrán e que terá lugar no seu Auditorio Municipal.
Neste novo libro
ademais de abrir o foco a concellos lindeiros (Tomiño, Oia, Mos) non deixo de
centrarme no Val de Miñor, tanto recuperando datos sobre persoas do Miñor
asasinadas no territorio destes concellos como, sobre todo, achegando unha
memoria do movemento memorialista das últimas dúas décadas no Val de Miñor e
realizando unha cata fonda sobre a fundación e o funcionamento da denominada
Falange da Ramallosa, que en realidade o era de todo o concello de Nigrán,de parte
do de Baiona e dalgunhas parroquias de Gondomar, polo que se converte na
milicia que controla na práctica todo o Val de Miñor.
Teño o honor de poder estar acompañado polo alcalde, amigo e
historiador, ademais de pioneiro do movemento memorialista, Juan González, así
como polo amigo e veciño da Ramallosa, José Pintado Valverde, investigador de
departamento de Ecoloxía e Recursos Mariños do Instituto de Investigacións
Marinas e tamén por Alba Costas Lorenzo, antiga alumna do IES Escolas Proval,
mestra no Colexio de Mallón, familiar de represaliados polo franquismo e ademais
voz do grupo musical Braava Band, que nos agasallaran con media ducia de pezas
musicais interpretadas con todo o seu saber facer e sensibilidade. Déixovos un
enlace para que poidades ir facendo boca. https://www.youtube.com/watch?v=qHzinxGY2XA
Por se vos presta e
vos cadra, agora que parece se vai contando o andazo, vémonos o próximo venres 22 ás 20h. para poder
falar de memoria, historia, da Ramallosa, Panxón e do Val de Miñor, e
agasallarnos os ouvidos coa música de Braava Band.
Ningún comentario:
Publicar un comentario