luns, maio 09, 2022

Sexta “Lectura poética” en “A Mini” con Baldo Ramos

 


  

    Amigos e amigas

    Nesta sexta xeira das “Lecturas poéticas” estará con nós o poeta e artista plástico Baldo Ramos, que aínda tendo as súas raiceiras chantadas na Celanova de San Rosendo e vivindo e traballando na area compostelán, ten unha intensa relación co Val de Miñor, onde traballou nos seus tempos iniciais como profesor, e deleitase nos tempos de lecer.

    Dende moi novo cultivou a súa vocación artística comezando a escribir poesía mesmo antes de iniciar os estudos de Filoloxía Hispánica na USC, que remata en 1994, cando xa comezara a pintar, empurrado pola necesidade de empatar escrita e plástica, expoñendo por primeira vez nese mesmo ano, en Santiago de Compostela.

        Autor dunha extensa obra tanto poética como plástica en formatos variados: libros de poesía, libros de autor, exposicións individuais ou colectivas, libros colectivos, ou realizados a catro mans como Quérote canto, en colaboración con Eva Veiga, que foi recoñecido co premio Losada Diéguez do pasado ano. Algúns dos seus últimos títulos publicados son Porque te quero (Galaxia, 2020) e Palabras sen ninguén. Palabras sin nadie (Tigres de Papel, 2019.

    Esta sexta das “Lecturas poética”, coordinada, como sempre, polo poeta Xosé María Álvarez Cáccamo que ademais ten colaborado con intensidade e constancia con Baldo Ramos, partillando libros, exposicións e iniciativas culturais diversas, celebrarase o sábado 14 de maio e comezará ás 12.30, cunha duración aproximada de 45 minutos. Para limitar posíbeis  interrupcións durante a lectura A Mini abrirá as súas portas ás 12.

    As intervencións poéticas están pensadas para celebrarse no exterior, o pé mesmo da Fonte de Zeta, pero como non sempre o demo do tempo nos deixa, no caso de ser preciso poderemos resgardarnos no interior da taparía.

    Se vos presta alí estaremos nesta atractiva mestura entre plástica e poesía.

    Graciñas

    Nota: De ter interese en compartir mesa e mantel co Baldo Ramos podedes facer a reserva no 646 74 93 28 ou en resposta este post.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario