Mentres Calvo Sotelo iniciaba a súa particular “tournée” polo
centro da provincia coruñesa; Primo e Guadalhorce fixérono polo norte da de
Lugo. O obxectivo, amosar a fortaleza da conxunción dereitista antes de chegar á
Coruña e consolidala nas visitas a Ourense e Lugo. Calvo iniciou a xira o 26 de
agosto de 1930; pasou por Santiago, sen deterse, camiño de Noia e percorreu durante
dous días o distrito. Tíñalle lei á circunscrición pola que se presentara a
deputado, aínda que con fracaso, en 1918.
Aínda que o ex ministro non quixo recibimento publico, coa
desculpa de ser unha visita privada,
entrevistouse cun gran número de comisionados e de mariñeiros “que tanto o
admiran”, segundo El Ideal.... O
avogado, Blas Agra Cadarso (1891-1956), secretario xudicial e xerente do
curtidoiro da Chaínza (Obre), acolleuno na súa casa noiesa. Ao día seguinte,
festa do Carme, achegouse ata a Pobra do Caramiñal, acompañado do seu hóspede, de
Arturo García Rudiño (1877-1966) e de Ramón Mariño Neu, médico e alcalde de
Noia durante a ditadura. Se Agra era o xefe dereitista no distrito; en Noia, dende
o casino e a secretaría do concello, exercía
tal función García Rudiño.
A vella curtidoría da Chaínza en Obre (Noia) |
Na Pobra visitaron o duque consorte de Sevilla, Francisco de Paula de Borbón y de la Torre, que alí veraneaba e mesmo recoñeceran como fillo adoptivo. Este militarote chegou a tenente xeneral, conspirou na “sanjurjada” e foi vogal do Tribunal Especial para a Represión da Masonería e do Comunismo; remataría afastado do exército por corrupción, aínda que, segundo nos informa Paul Preston, o castigo debeuse ás súas manifestas actividades “juanistas”. Visitaron despois a “Ribeiriña”, finca do abastado armador e conserveiro Andrés Díaz de Rábago y Aguiar, que será pouco despois un dos activos da CEDA. Tras a xentil visita trasladáronse a Boiro para saudar o médico cirurxián e conflitivo persoeiro Benigno López.
Ramón Mariño Neu alcalde con Primo 1924-1929 |
Ao día seguinte visitou o Son, onde o recibiu “un xentío”. A
mediodía acudiu a Ribeira acompañado polos automóbiles dos membros do comité
provincial da UMN cos que se reuniu pola tarde. Tras recibir, na casa do
concello, diversas comisións, almorzou no domicilio de Andrés del Río, que xa
fora o seu acompañante durante a triunfal estadía nas terras do Barbanza, na
mesma altura agostada, pero de 1924 (El
Ideal... 28/8/1924). Daquela como un César, o flamante “cerebro” da
ditadura, camiñara sobre rúas
alfombradas de pétalos e plantas recendentes, seguido polos ilustres apelidos citados.
Pola contra, nesta ocasión, segundo El Compostelano (28/8/1930), circulou por Noia e distrito unha
folla que lle afeaba o incumprimento na rebaixa dos impostos de consumos e
contribucións, recrimináballe a censura a funcionarios co seu “Estatuto Municipal”
e reprendíao polos seus discursos anticaciquís de falabarato, tan falsos como a
promesa do ferrocarril a Santiago. En fin, que ningún beneficio trouxeran para
o distrito os seis anos de ditadura. O percorrido barbanzán de Calvo rematou na
casa boirense de Gómez Gororda, que convidou a “pastas, champaña e cigarros”.
Antes visitara, en Palmeira, o arcipreste José Hermo García. O crego acadara
sona tanto por encabezar un “acto de desagravio” para rexeitar o establecemento
dunha comunidade protestante en Cabo de
Cruz como por que alguén lle “limpara”, da propia casa reitoral ,unha fortuna.
A Ribadeo chegaran Primo e Guadalhorce e ata alí se acercou Calvo
para, de paso, visitar a súa avoa Manuela
Lafuente Rogina, que na altura residía na vila na que nacera. O avó materno de
Calvo, Joaquín Sotelo Valledor, era natural de Viveiro, dende onde se achegou unha
nutrida comisión encabezada polo ex deputado José Soto Reguera (1881-1953), adscrito
á UP, que o “decretou” presidente do Ateneo de Madrid.
A xornada ribadense rematou cunha selecta cea, na que, ademais de
triunviros e acompañantes, participaron o propio Soto Reguera e o avogado
lucense José Gayoso Castro (1883-1946), que dirixira El Progreso e gozaría de longa carreira política no franquismo.
Asistiron tamén o delegado do Banco Pastor e representante dos editores de El Ideal... José María Taboada Lago, que
se convertería nun activista profesional do propagandismo católico e máximo
dirixente da “Quinta Columna” en Madrid; os tenentes coroneis Antonio Villamil
e José Martínez Pardo; o avogado e xuíz municipal, sobriño dos Moreno, os
indianos, Pedro Martínez Moreno; o párroco de Ribadeo, durante 54 anos, Enrique
López Galuá, inspirador, tras o golpe do 18 de xullo, de depuracións varias e
autor dunha delirante recolleita de visións proféticas sobre a futura grandeza
de España; o farmacéutico Francisco Díaz Braña; o indiano, madeireiro, e
alcalde de Ribadeo na ditadura, José Acevedo Martínez; así como o presidente do
Ateneo ribadense, Félix Fernández.
Camiño de Ribadeo, para atoparse cos outros lideres “umenistas”,
Calvo Sotelo detivose en Ortigueira, na casa de Dámaso Calvo Moreiras.
Regresaría, ao pouco, xa na compaña dos dirixentes dereitistas para iniciar, en
propiedade, a campaña de mitins.
Publicado en Nós-diario 27/11/2022
Ningún comentario:
Publicar un comentario