Resumo:
Eladio Ferreiro Otero, o mestre de
Borreiros (Gondomar), exerceu nesta parroquia miñorá ata a súa xubilación en
1946. Mais a súa figura está unida a unha das «escolas americanas» de máis
longa proxección na historia da educación de Galicia, da que foi director dende
a andaina inicial, maio de 1909, ata o seu cese en setembro de 1923. Estamos a
falar das escolas que puxo en marcha a «Unión Hispano Americana pro Valle Miñor
(UHAVM)», institución fundada en 1905. Ferreiro foi o encargado de facer
realidade a iniciativa impulsada dende as beiras do Plata pola emigración
miñorá. O labor educativo da mesma quedou unido á personalidade do pedagogo ourensán
que exerceu ampla influencia política e social no Val de Miñor.
Palabras: Unión Hispano Américana pro Valle Miñor; Eladio
Ferreiro Otero; Val de Miñor; Gondomar; escolas americanas.
Absract:
Eladio Ferreiro Otero was the teacher of
Borreiros (Gondomar) until his retirement in 1946. But his figure is linked to
the «American school» that reached the greatest repercussion in the history of
education in Galicia; we are talking about the school started up by the «Union
Hispano Americana pro Valle Miñor (UHAVM)», an institution founded in 1905. He
run it from its initial stage, May 1909, until his dismissal in September 1923.
Ferreiro was in charge of carrying out the initiative promoted from the banks
of the River Plate by Miñor’s emigration. Its educational work was linked to
the personality of this pedagogue, born in Ourense, who exerted broad political and social influence in the Val de Miñor.
Words: Palabras: Unión Hispano Américana pro Valle Miñor;
Eladio Ferreiro Otero; Val de Miñor; Gondomar; American schools.
BREVES NOTAS
BIOGRÁFICAS.-
Naceu o noso protagonista na cidade de
Ourense en 1885. Segundo o relato do seu fillo Eustaquio,[1] realizou estudos de Farmacia na
universidade compostelá, mais non deberon ser do seu agrado pois mudounos polos de Maxisterio
dos que titulou na Normal de Valladolid.[2] Nos momentos iniciais da súa carreira
exerceu como interino en Montederramo,[3] en 1904, e, ao ano seguinte, en San Cibrao de Viñas;[4] ambos concellos da bisbarra ourensá.
Casou con María del Carmen Tizón Aguiar
(1884-1961), de abastada familia fidalga, procedente do pazo dos Tizón ou de
Eiras, nesta parroquia do San Amaro. O matrimonio tivo nove fillos: Eladio,
Carmen, Dolores, José, Roberto, Isabel, Ángeles, Aurora e Eustaquio. A voda
celebrouse na igrexa ourensá de Santa Eufemia do Norte en novembro de 1904. Na
altura, o «ilustrado profesor de instrucción primaria» estaba tamén empregado
no goberno civil.[5]
Descoñecemos se era da familia
Tizón, pero da «Casa Grande de Eiras» saíu o anónimo protagonista do relato do escritor
cubano Comas Paret[6]
no que nos deixa trazos suficientes para identificar o lugar: escudo na frontal
da casa; unha imaxe de san Roque, segundo el, que parece ser era de san
Antonio; un cruceiro que desapareceu nos anos setenta do pasado século e a
centenaria carballa que aínda se conserva.
Pazo de Eiras ou Casa dos Tizón, no San Amaro. Ao fondo pode apreciarse a centenaria carballa |
A carballa de Eiras |
Víctor José Tizón fora concelleiro
na cidade das Burgas e, só nos papeis, sogro de Eladio, pois faleceu na casa de
Razamonde, Cenlle, en 1898.[7] A familia Tizón Aguiar
residía habitualmente en Ourense, así nolo indica a necrolóxica da sogra de
Ferreiro, María del Carmen Aguiar Iglesias (1857-1935).[8] A condución do cadáver
realizouse dende o domicilio familiar na «Plaza de San Lázaro» ata «Puente
Nuevo» e dende alí ao cemiterio de Eiras. Na nota figuran os nomes dos fillos:
Avelino; Alberto, oficial de facenda en Ourense, e José, un abastado
«capitalista» que amasara fortuna na Arxentina e, en 1928, na compaña da súa
esposa e fillos, visitou a Eladio e Carmen na Ramallosa, camiño da casa
familiar de Eiras.[9]
Do cuarto dos irmáns Tizón Aguiar, Roberto, achéganos información o
investigador David Simón Lorda,[10] segundo o cal, o cuñado
de Ferreiro, sendo aínda estudante de medicina, desempeñou un importante papel
na loita contra a gripe de 1918; exerceu como odontólogo no Carballiño e Madrid
e tras o remate da guerra de España exiliouse en Francia.
Tanto Carmen como Eladio faleceron
no Pazo de Eiras. Ela, o 20 de marzo de 1961;[11] el o 18 de maio de 1965.[12] Ambos están soterrados no
panteón familiar situado en fronte do pazo, na bocarribeira do Miño, como diría
Otero Pedrayo, ben pretiño do castro de San Cibrao de Las. Alí descansan os
restos dun dos protagonista da vida política e educativa do Miñor da primeira
metade do século XX. Tiña 80 anos cando faleceu e unha manchea de amizades no
Val que inducían ao gaceteiro a intuír «una nutrida asistencia»[13] ao funeral na igrexa de
San Bieito de Gondomar. Dos nove fillos de Carmen e Eladio, tres non puideron
estar no enterro da nai (Eladio, José e Eustaquio) e os dous últimos tampouco
no do pai. Estaban na outra beira.
Panteón da familia Tizón Aguiar no cemiterio de Eiras (San Amaro) |
A
CARREIRA PROFESIONAL.-
Ademais dos traballos
como interino que sinalamos, Eladio Ferreiro concorreu, en 1907,[14] ás oposicións celebradas
en Santiago e exerceu na escola completa de Salceda de Caselas.[15] En 1909 realizou as
probas para escolas dotadas.[16]
Segundo nos confirmou o seu fillo
Eustaquio e se recolle nunha nota de prensa,[17] publicada con motivo da
homenaxe que lle tributou a sociedade miñorá, semella que lle andou a furar o
caletre a aventura americana. Seica xa tiña preparada a pasaxe, pero cancelouna
ante a oferta de traballo no Val de Miñor.
Ante as dificultades de comunicación entre a
cidade da oliveira e o Miñor demandou que o traballo fose acompañado de vivenda.
Así foi como, en 1909, se estableceu no Val para exercer a docencia durante 44
anos. Ao longo de 14 anos, dende maio de 1909 ata outubro de 1923, na Escola
Hispanoamericana, e dende febreiro de 1924[18] ata a súa xubilación,
como mestre na escola de Borreiros.
O prestixio que acadara durante este periplo permitiulle colaborar, como inspector técnico, coa escola tomiñesa «La Aurora del Porvenir», que comezara a súa andaina coincidindo co seu cese como director das escolas miñorás.
Eladio Ferreiro nos tempos das “Escolas” da UHAVM. Vida Gallega |
Durante a Ditadura de Primo,
Ferreiro desenvolverá unha ampla actividade social e política como presidente
da «Unión Patriótica (UP)», e, transitoriamente, como secretario do concello de
Gondomar e tenente de alcalde do mesmo.
Polas mañás atendía a escola de
Borreiros; polas tardes, na súa casa, na procura de ingresos extras que lle permitisen
manter tan extensa prole, impartía aulas preparatorias para os cativos que se
ían examinar por libre en Vigo, primeiro nos xesuítas ou na Escola de Artes e
Oficios e, despois, no Santa Irene. Esta actividade mantívoa durante décadas.
A proclamación da II República non
afastou a don Eladio da actividade social, agora presidindo o Partido Radical
de Lerroux, dende o que influíu no devir político miñorán, en especial do concello
de Gondomar, onde Nieto Virostra, do mesmo partido, exerceu a alcaldía nos
primeiros tempos republicanos.
Tras o golpe do 18 de xullo de 1936
mantívose á marxe da acción política ou de calquera intervención social; aínda
que seguiu fomentando as relacións de amizade.
UNHA
APROXIMACIÓN IDEOLÓXICA.-
O desprestixio do réxime da
Restauración, as promesas «rexeneracionistas» e o carácter, en principio,
transitorio do «goberno militar» instaurado en setembro de 1923 achegáronlle
diversos e amplos apoios á ditadura primorriverista. É moi probábel que don
Eladio coincidise coa expresión do ditador de que: «El pais no se impresiona ya
con películas de esencias liberales y democráticas; quiere orden, trabajo y
economía»[19].
Ata as esquerdas foron, en inicio, pouco belixerantes, ou incapaces de facerlle
fronte.
Un deses apoios relevantes foi o do
agrarismo, parte do cal non se sentiu satisfeito co decreto de redención de
1926, pero unha das habilidades de Primo foi sempre a de lle botar auga ao viño,
como diría o historiador Shlomo Ben Ami,[20] cousa que tamén fixo
achegándose á gran burguesía catalá (Cambó) para rematar disolvendo a
mancomunidade de Cataluña, ou, mudar a súa postura «abandonista» en Marrocos, e
isto foi crucial para conseguir o apoio do exército, por un discurso de
intervención e resolución.
Mais, nomeadamente, contou co apoio de sectores das clases medias, cultas e conservadoras, ademais de, por suposto, co da gran burguesía que o inspirou. Estes sectores, xunto coa igrexa e o exército, viron naquel xeneral de boa planta, vestires elegantes e aires aristocráticos o pai severo que podería tirar a España do trauma melancólico no que se afundira tras o «Desastre de 1898». Moitos achegáronse ao ditador a partir das propostas de Joaquín Costa e intuían, coma o aragonés, que a «rexeneración» tiña que fundamentarse en dous piares: a educación e a resolución da cuestión agraria. Costa participara activamente na Institución Libre de Enseñanza (ILE) e estaba unido a Giner de los Ríos por unha profunda amizade; criticaba o viciado sistema da Restauración e converteuse nun defensor das reivindicacións campesiñas e ata, aínda que só temporalmente, se achegou ao republicanismo de Salmerón. Ao tempo, e sen caste algunha de contradición, coidaba que a solución dos problemas de España precisaban da revitalización dos vellos costumes e organizacións tradicionais. Aínda que non houbese un espírito antidemocrático no «rexeneracionismo» que o puidese confundir cos fascismos dos anos vinte, del está absolutamente ausente un pensamento da esquerda social, e basculou sempre entre o centro e a dereita. A carencia dunha forte conciencia social permitiulles ás ditaduras españolas do s. XX, tanto a de Primo como a de Franco, presentarse como herdeiras dun programa rexenerador, e que nel fundamentasen as súas bases programáticas. Os dous militares serían os «cirurxiáns de ferro» que reclamaba Costa, aínda que este nunca pensase en ditadores, senón en homes fortes e decididos que exercesen a autoridade co apoio e os votos populares.
Neste ambiente temos que situar a formación ideolóxica de Eladio Ferreiro, bambeándose entre as propostas renovadoras da ILE, o costismo rexenerador, o paternalismo argallante de Primo ou o republicanismo conservador aglutinado arredor de outro rebuldeiro encantador de serpes como Lerroux e o seu mandadeiro pontevedrés, o avogado ponteareán, residente en Barcelona, Emiliano Iglesias. Deses mesmos fundamentos ideolóxicos participaba Manuel Losada Carrera (1865-1934), o abastado emigrante gondomarés, valedor do mestre durante os catorce anos nos que Ferreiro dirixiu as «Escuelas».
Manuel Losada Carrera |
A relación de Ferreiro e Losada fundábase, máis alá da coincidencia en disputas momentáneas, nunha identificación ideolóxica que dende posicións conservadoras, de orde, procuraban un renacer da nación española. Aínda que Losada estivese ben afastado das preocupacións ilustradas e das técnicas da escola anovadora que ocupaban os matinares de Eladio Ferreiro, razóns ideolóxicas e persoais convertéronos en aliados na disputa co outro persoeiro da UHAVM, o nigranés Manuel Lemos.
DESPOIS
DAS ESCOLAS DA UHAVM.-
A destitución de Ferreiro como
director das escolas da UHAVM, cun mes de soldo, segundo nos informa Manuel
Losada,[21] deixouno nunha situación
económica complicada. No seu momento solicitara a excedencia do sistema público
e agora tiña que agardar o reingreso que non se produciría ata o 20 de febreiro
de 1924.[22]
Eladio Ferreiro, no centro á dereita, cos rapaces de Borreiros. Arquivo IEM. |
Na política local tamén se deixou
notar a nova situación, aínda que só fose como unha remuda entre as elites que,
a diferenza das catalás, nunca se sentiron ameazadas por caste algunha de inminente
revolución e observaron os trocos como un novo quítate ti que me poño eu, ou o
que é o mesmo, outra quenda do «turnismo» ao que estaban afeitos. O trinta de
setembro ás 9 da noite o comandante do posto da garda civil de Gondomar, Juan
Miguel Nieto, reuniu os concelleiros saíntes, co seu alcalde Domingo Manzanares
Pinzás, e os entrantes. Destituíu a uns e nomeou os outros. Os novos escolleron
alcalde a Domingo Estarque Misa.[23]
O labor rexenerador prometido polo ditador non foi máis alá dun golpe de efecto para aparentar que as cousas mudaran unha miga. Anunciouno o novo alcalde na sesión plenaria do 21 de outubro, menos dun mes despois da súa toma de posesión. Así se recolle no libro de actas coa linguaxe burocrática e monótona deste tipo de documentos.
A ausencia do concello do chamado a
substituír ao secretario, o primeiro oficial, Manuel Gonda Márquez, non só
estaba xustificada, senón que se prolongaría durante ben máis dunha década, ao
igual que a do seu sobriño, o secretario Urbano Alonso Gonda,[24] que estaba detido, abriríaselle
expediente e sería destituído. O oficial 1º tamén sería expedientado e destituído,
ao igual que outros dous empregados da secretaría, que serían sancionados baixo
acusacións de corrupción e malversación. Este foi todo o anticaciquismo do novo
réxime ditatorial. Ambos, secretario e recadador, regresarán aos seus postos,
despois de múltiples ires e vires, reclamacións diversas e avogados para aquí e
para alá, dous anos despois de proclamada a República.
Actuaría como secretario temporal Pablo Nieto Virostra, futuro alcalde republicano da vila, pero ante a renuncia deste, «[...]a pesar de rogarle reiteradamente que continuase en el cargo», e a proposta do alcalde, o pleno acordou nomear, con carácter provisional, a Eladio Ferreiro Otero como secretario: «atendiendo a las excepcionales condiciones de honradez, capacidad y trabajo [...] demostradas durante el largo tiempo que, con general aplauso, estuvo al frente de la dirección de la Escuela Americana de este Valle [...] con el sueldo consignado en el presupuesto de seis mil pesetas.»[25] O acordo tomouse por unanimidade e, no seguinte pleno municipal, Ferreiro estampaba a súa primeira sinatura como secretario.[26] A coincidencia entre o cese e a remuda ditatorial permitiulle a Ferreiro garantir uns ingresos durante os poucos meses que tería que agardar para reincorporarse ao ensino público.[27]
Algunha das actas redactadas por
Ferreiro recollen visitas extraordinarias como, a do delegado gobernativo para
o partido xudicial de Vigo, o tenente coronel de artillería Carlos Gil de
Arevalo.[28]
Home de verbo pomposo e alambicado, despois de saudar a corporación, «[...] dedicó en bellísimos periodos galante saludo a la mujer
miñorana modelo de belleza y de virtud, en elegantes frases [...]», continuou apelando
ao «[...]sacrificio de todos, (para) hacer de
esta España, tan maltratada por gobernantes sin conciencia una patria grande» e
esforzándose todos, el tamén, a «contribuir
al triunfo de la moralidad, del orden, de la justicia y de la cultura.»[29]
Pero a praza de secretario tiña que
cubrirse. O pleno anuncia a vacante e abre un período de 15 días para a
presentación de solicitudes, sinalando que entre os pretendentes escollerase
entre os que: «domiciliados en este término
municipal, gocen de buena conducta y de probidad y arraigo a juicio de la
Corporación, previo conocimiento y aprobación del Ilmo, Sr. Delegado
gubernativo». Semellaba que a cousa fose aquelada para Ferreiro. Pero non foi
así. Coidamos que foi a vocación polo maxisterio e quizais a seguridade, aínda
que humilde en retribución, da praza de mestre a que, por riba doutras
consideracións, o decidiu a deixar un cargo sometido á inquietude do debate
público e o continuo rebumbio do consistorio, mais tamén que o novo «estatuto
municipal», decretado polo Directorio militar, na practica, pecháballe o acceso
ao posto de secretario.
En efecto, o 13 de febreiro de
1924, preséntase de novo o militar e elocuente delegado gobernativo para
comunicarlle á corporación que:
A escena de había uns meses
volvíase repetir. Presentes os destituídos e os substitutos; uns abandonan as
cadeiras que ocupan os novos edís. A vez anterior fíxose o relevo en presenza
do comandante do posto da garda civil, agora diante do militar en funcións
gobernativas. O único que permaneceu na corporación foi o alcalde, Domingo
Estarque Misa, mais agora como primeiro tenente de alcalde. O novo alcalde será
Felipe Gestal González. Outra remuda entre as elites. Ferreiro decatouse da súa
incapacidade para recoller as floridas verbas do militar e fai constar que:
«[...] sería difícil consignar en acta
sin desvirtuarlo tanto en el fondo como en la forma[…]».[30]
Ferreiro presenta a súa renuncia
como secretario interino ante a comisión permanente reunida o 17 de abril de
1924 «por haber sido nombrado Maestro nacional de Borreiros» e esta:
Podemos pois albiscar que aquela
pretensión manifesta, expresada nas condicións sinaladas para cubrir a praza de
secretario e que semellaban tan aqueladas para que Ferreiro ocupara o posto,
ficaron imposibilitadas polo «Estatuto municipal» aprobado, por decreto, o 8 de
marzo de 1924 e que constituíu a consagración política do director xeral da
Administración, José Calvo Sotelo.
Abandonada a secretaría do concello
e incorporado á escola de Borreiros, Ferreiro continuou sendo un referente tanto
da primoriverista Unión Patriótica, mesmo presidindo o partido, cómo do
«somatén» local, que encabezou como cabo, ademais de exercer como concelleiro e
tenente de alcalde.
O Directorio militar estendeu o
modelo catalán do «somatén» a toda España tanto como forza auxiliar para manter
a orde pública como para «acicate de los espíritus» e estimulo da colaboración
cidadá. A pesar de que Primo de Rivera, nun discurso ante Mussolini, pretendeu
equiparalo coas «camiscie nere»,
na realidade non foi máis que un corpo armado de orde, creado dende, por e para
o poder, e tendo, segundo o mesmo ditador, «por lema paz, justicia y orden, que
son los tres postulados de la verdadera democracia».[32]
Alistarse no «somatén» ou/e
afiliarse a UP fíxose imprescindíbel, non só para ascender dentro do réxime,
senón tamén para asegurar particulares intereses ou manter posicións sociais de
privilexio. Ferreiro era unha personalidade de relevo no Val de Miñor dende
había anos; o prestixio e preponderancia social que acadara nos anos de
dirección da escola americana quería mantelo, para o que precisaba a confianza do
upetismo local.
Na verdade había unha substancial
diferenza entre o «somatén» rural e o urbano. O primeiro servía para a
promoción política e social dos seus membros e, en menor medida, para a
represión de determinados delitos «comúns» e engalanar os actos do réxime. Pola
contra, o «somatén» urbano empregábase na persecución dos delitos sociais, na
persecución de sindicalistas, como quebrafolgas, na disolución de
manifestacións e en ataques contra piquetes de folguistas.
En xullo de 1924 constituíse a UP
de Gondomar. A tal fin regresou á vila condal o florido militar ao que xa fixemos
referencia, que pronunciou unha «conferencia» sobre a necesidade dun partido de
«hombres honrados sin distinción de clases» que velase pola boa administración
e combatese o caciquismo. Gil de Arévalo gabou o directorio militar, resaltou a
benevolencia coa que foron tratados os culpábeis da anterior situación, sinalou
que unha vez máis «la cruz y la espada» salvarán a España e afirmou que despois
da constitución do partido dos homes honrados, os militares retiraríanse e devolveríanlles
aos cidadáns todas as súas liberdades.
O delegado gobernativo dedicoulle
ao maxisterio «frases de admiración» por consideralo a panca precisa para o
rexurdir de España. Por este motivo, afirmou, o goberno militar afanouse en
mellorar as instalacións e dotacións e a condición do «anónimo y sublime artífice de ciudadanos y de hombres y modesto funcionario
de la institución más trascendental de la vida de cualquier pueblo» que é o
mestre.
Integran o comité directivo do
partido, presidido por Fernando Pérez, «ajeno en absoluto a todo partidismo
político», en representación dos mestres nacionais, Eladio Ferreiro e Enrique
Rodríguez Márquez, director da graduada de Gondomar. Como vicepresidente figura
o médico Latino Salgueiro; a directiva completábana o párroco de Gondomar,
Carlos Fernández; o de Peitieiros, Bienvenido Pousada; mentres que en
representación do pobo figuraba o tamén médico Andrés Gestal; do sindicato
agrario, Celso Castuera, e do comercio, José Quintas.[33] Doce anos máis tarde o
médico Latino Salgueiro será nomeado alcalde da vila polos militares, outra vez
sublevados, aínda que agora sen «benevolencia cos anteriores». Na persecución
franquista desempeñarían papel de relevo o médico, o cura Carlos Fernández e
máis o comerciante José Quintas.
En xuño de 1925 Ferreiro incorpórase
á comisión municipal de goberno, presidida por Domingo Domínguez Rodríguez, como
terceiro tenente de alcalde.[34] A súa presenza debeu ser
útil tanto para que, nesa mesma sesión, se acordase o pago dos alugueiros das
casas-escolas dos mestres, como para que se atendesen as demandas de material
realizadas polos mestres. En sesións posteriores aprobouse executar de
inmediato o informe do inspector de sanidade sobre limpeza, branqueo e
reparación das escolas, así como a adquisición de novos materiais escolares e a
posta en marcha da xunta de primeiro ensino. Os asuntos educativos serán unha
constante, tanto nas reunións da comisión permanentes, como nas das sesións
plenarias nas que participa Ferreiro.[35]
A presenza do mestre no goberno debeu
influír tamén para que se decidise organizar unha festa escolar, con convite aos
mestres do municipio, e se concedesen premios a alumnos e alumnas. A festa
escolar rematou nun grandilocuente acto que se fixo coincidir co 12 de outubro
«Día da raza» de 1925.[36] O gobernador civil,
alcaldes do Miñor e de Vigo,[37] párrocos, mestres, elites
funcionariais, médicos e abastados propietarios xuntáronse a xantar, non sen
antes escoitar as lecturas da cativada, as presentacións dos respectivos mestres
e os discursos do, sempre presente, abade de Gondomar, do mestre de Borreiros e
tenente de alcalde, Eladio Ferreiro; ademais dos do celebre «Joselín»,[38] alcalde Baiona, e do
gobernador, Rodríguez Villamil.[39]
Infelizmente, a desaparición do
libro no que se recollen as actas de entre setembro de 1925 e o mesmo mes de
1927 impídenos achegar máis detalles sobre o labor de Ferreiro no cargo
municipal. Cando podemos consultar de novo as actas, Ferreiro xa non forma
parte da corporación.
Reincorporado á escola de
Borreiros, Ferreiro tenteou incertas posibilidades de retornar a unha escola de
fundación, das que tiña unha valoración moi positiva. Xa sinalamos o seu labor
de inspector técnico das escolas tomiñesas. Sabémolo por unha carta[40] remitida a Alejandro
Lustres Carrera, sobriño, avogado e testamenteiro do filántropo corcubionés
José Carreras Fábregas, promotor, na súa vila natal, dunha escola de artes e
oficios, rematada en 1926, oito anos despois da morte do mecenas, pero que non
iniciou as súas actividades ata 1931.[41] Na misiva, dirixida ao
avogado Lustres, non sen certa fachenda, Ferreiro coméntalle que nun concurso
convocado, non había moito, polo xornal La
prensa de B. Aires para recoñecer a mellor institución promovida por
emigrantes, o primeiro premio recaera nas Escolas da UHAVM «que son obra mía en
su parte pedagógica». Tan importante consideraba o sistema das fundacións
privadas que bastantes anos antes, referíndose ao problema educativo español, escribira:
«Este importante problema debe resolverse
con el auxilio de los poderosos; es un egoísmo, un crimen, dejar este asunto de
vital interés a la acción exclusiva del estado». E engadía: «La regeneración de España solo podrá conseguirse
multiplicando estas escuelas para que difundan el saber y la verdad de las
clases desheredadas».[42] Noutras moitas ocasións enxalzou
o labor das fundacións porque «[…] la
obra de estas instituciones es más beneficiosa a la patria que todos los
estériles discursos y pomposos decretos que, en materia de instrucción, han
hecho nuestros más insignes políticos»[43].
Nalgún momento debéuselle pasar
pola maxín aceptar a dirección da escola de Corcubión e así llo manifesta a
Alejandro Lustres;[44] cando lle achega recomendacións
técnicas sobre as fundacións benéficas, dille que quizais se decida a solicitar
o posto de director; ao preguntarlle polo soldo, maniféstalle que, aínda que a
súa economía non pasa de regular, o seu verdadeiro interese é o ensino que «es
una vocación» e que, de tomar a dirección, cree «que había de satisfacerles» pois «esta
vocación y larga experiencia, unida a una actividad incansable, son las que aún
sin serme indispensable, me tienen aquí trabajando desde las 8 de la mañana a
las once de la noche, y siempre a gusto». Tiña na altura 41 anos. Sen
dubida os retrasos na posta en marcha da escola corcubionesa fixeron que
desbotase a idea.
Durante o «Congreso Pedagógico» celebrado
na Coruña, outubro de 1926, o delegado do xornal bonaerense La Prensa deu a coñecer a convocatoria
dun premio para investigacións sobre as achegas dos «indianos» de Galicia,
Asturias, Santander e as Vascongadas á renovación pedagóxica[45]. Ferreiro animouse a
concorrer ao prestixioso certame, gorentoso tamén no económico.
O concurso fallouse, en febreiro de
1927, na cidade de Oviedo. Integraban o xurado os catedráticos daquela
universidade, Leopoldo García-Alas García-Argüelles, de dereito, e Benito
Álvarez-Buylla, de física, así como o inspector de primeiro ensino en representación
do xornal arxentino, Benito Castrillo. Concorreron vinte traballos. O xurado concedeu
o primeiro premio ao presentado baixo o lema «Dad lo mejor para la educación de
la juventud»; o segundo ao denominado «Nerorium litere» e recomendou a
publicación de outros tres traballos. Eladio Ferreiro Otero resultou ser o
autor do gañador. O segundo era obra de José María Rodríguez, mestre da
Fundación Fernando Blanco de Cee. O substancioso primeiro premio era de mil
cincocentas pesetas; de cincocentas o segundo.[46]
Os xornais resaltan o triunfo do «ilustre
maestro entre todos los españoles» e que «debía ser homenajeado y felicitado
por todos los hijos del Valle, pues supo dejar muy alto su nombre y el de todo
el Valle Miñor».[47]
O prestixio social de Eladio Ferreiro consagrouse nos ambientes miñoráns máis
cultos e conservadores que argallaron a demandada homenaxe.
O, na altura, mestre de Parada
(Nigrán), Sebastián Pena, futuro compañeiro de Ferreiro nas filas do Partido
Radical e despois depurado polo franquismo, sería un dos promotores[48] do recoñecemento. Un pergameo
asinado por antigos alumnos foi o simbólico agasallo que agochaba, dalgún
xeito, un galano pola conflitiva saída da dirección das escolas da UHAVM. O
propio Pena, xunto co antigo alumno Serafín Manuel Pantaleón, foron os
mantedores do acto. O mestre de Mañufe (Gondomar), concelleiro primorriverista
e logo tamén castigado polos franquistas, Celestino de la Granja, recitou uns
poemas en galego. Púxolle o ramo o homenaxeado, amosando a súa gratitude,
brindando pola prosperidade do Val «que fue donde vi nacer a mis hijos, que
llevan el sello del trabajo, símbolo sublime de todos los miñoranos» e
ofertando o metálico do premio para poñer en marcha un periódico miñorán.[49]
Había anos que Ferreiro abandonara
a dirección da escola americana cando o marqués de Estella se dignou poñer os pés
enfardados en zapatos ingleses no edificio escolar que os recursos emigrantes,
a pericia dos canteiros, o deseño arquitectónico e o ollo vixiante de Ferreiro,
ergueran sen pausa. Don Eladio non puido, pois, acompañar o líder do «partido
dos homes honrados», cando menos formando parte da panoplia receptora. En loor
de masas, damas e personalidades, acompañado por «Joselín», o alcalde baionés ao
que viña de imporlle a medalla ao «mérito civil», recibiu ao ditador o
presidente da comisión directiva e un dos iniciais impulsores da UHAVM, Eduardo
Lemos, o vocal da mesma Fernando Costas, o administrador Eulogio Pino, así como
o director Enrique Valverde e os profesores Alvaro R. Alar e Eloísa Vidal. A
flor e nata das familias conservadoras e acomodadas do Val déronse cita no
patio escolar para agasallar o ditador e retratarse á súa beira. Era o sete de
agosto de 1929[50].
A popularidade do xeneral caía en picado; non tardaría moito en dimitir.
O ditador Primo de Rivera, no patio da escolas da UHAVM. Arquivo IEM |
Segundo a prensa do momento, a
devecida República recibiuse no Val con «enorme alegría», pero nin supuxo a
retirada de Ferreiro do espazo público nin unha remuda de cargos nas
administracións, como acontecera tras o golpe de Primo e era tradición no
réxime da Restauración, nin, por suposto, da forma brutal coa que se producirá tras
a sublevación militar de xullo de 1936.
A versión do «lexurrismo»
pontevedrés é o «emilianismo», en referencia a Emiliano Iglesias, o seu mandadeiro,
que exerceu un férreo control persoal sobre o Partido Republicano Radical na
provincia. No Miñor, os radicais contan con importante presenza en Gondomar e
exercen a alcaldía. Á fronte do comité radical de Gondomar figura Eladio
Ferreiro e como tal interveu no mitin celebrado no hotel «La Palma» de Baiona onde
presentou os oradores, os deputados López Varela[51] e Ramón Salgado.[52] Tras o mitin celebrouse
un xantar «con nutridas representaciones del comité provincial, del de Vigo y
de los de Gondomar y Bayona» no que pronunciaron discursos, entre outros, o
alcalde Nieto Virostra e o mestre e director da graduada da vila condal, Rodríguez
Márquez. Despois os deputados trasladáronse á Ramallosa, onde participaron
noutro mitin.[53]
O transito pola vida republicana de
Ferreiro careceu da intensidade do período da ditadura. Semella gustar máis dunha
actitude presidencialista e exercer unha autoridade moral sobre os vellos «upetistas».
O «emilianismo», por outra banda, non tardará moito en esborrallarse, tanto pola
deriva dereitista do radical-cedismo como pola corrupción na que se veu envolto
o «lerruxismo». Moitos dirixentes agrarios, que no primeiro momento se
integraron nas filas «radicais», viraranlle as costas e encamiñaranse cara á Federación
Provincial Agraria que rematará integrándose na Fronte Popular. Deriva da que
en ningún momento participou Eladio Ferreiro.
Os sublevados en xullo de 1936 non
molestaron a Eladio Ferreiro a pesar da intensa persecución sobre o maxisterio.[54] Pola contra, os golpistas
demandaron o seu apoio, como reclamo social e arrastre das dereitas
conservadoras que participaran na vida política republicana. Así o intentou o
seu ex alumno e xefe local de Falanxe da Ramallosa, Julio Roade, que lle
ofertou a delegación local do Servicio Español del Magisterio (SEM). Ferreiro
rexeitou[55]
o ofrecemento tras lembrarlle a súa «[...] acción intensísima como Presidente de UP y cabo de Somatén durante toda la
dictadura[…»], aducindo que «[...] no puedo prescindir de ningún modo de la vida casera,
monótona por tranquila que llevo, sin grave peligro para el sostén de esta
familia [...]». O mestre de Borreiros mantívose
afastado de cargos no franquismo aínda que seguiu coidando a súa presenza
social e as relacións coas elites miñorás, que non eran todas, nin moito menos,
franquistas, como ficou ben patente na homenaxe que lle realizaron, iso si,
sete anos despois da súa xubilación, en setembro de 1953.
O recoñecemento a Ferreiro reuniu preto de dous centos de persoas.[56] Na presidencia figuraba o
mestre Álvaro Mourelle, alcalde de Nigrán; Blas Agra Mancebo, que fora
correspondente do Faro de Vigo; o
avogado e secretario do consello de administración de Tranvías, José Ramón
Fontán, que presidiu tamén a comisión organizadora en representación dos antigos
alumnos; o mestre Álvaro Rey Alar; os secretarios dos concellos de Nigrán e
Gondomar, Román de Lis e Alonso Gonda; os alcaldes de Gondomar e Baiona,
Vicente Vázquez e José Pereira; Modesto Pequeño, representante dos ex alumnos
na emigración; e outras personalidades, como o cura Quinteiro, Faustino
Álvarez, Eladio Ante, Manuel Núñez Sanromán, Eulogio Costas ou o futbolista
“Nolete”. Na quenda dos parlamentos tomaron a palabra, ademais dalgúns dos
citados, o ex alcalde republicano Nieto Virostra, o ex presidente da «agraria»
de Parada, Máximino Misa, perseguido tras o golpe militar; o mestre depurado Sebastián
Pena e Ángel Valverde Prado como alumno de máis idade de Ferreiro.
REGRESANDO ÁS ESCOLAS DA UHAVM: CRÓNICA DUN CESE.
Recordatorio a Manuel Losada en Gondomar |
Losada recolle no libro xa citado:
«Para Director de la Escuela, desde que se abrió, fue nombrado el maestro
nacional Eladio Ferreiro Otero [...]». Foi, en efecto, o artífice das escolas,
elaborando a documentación precisa para presentar ante o reitor da universidade
compostelá,[57]
que era quen tiña que conceder o permiso de apertura. A escola comezou a
funcionar o 4 de maio de 1909 nun edificio alugado, polo que se pagaban 720 pts
anuais, pero de contado se comezou a procura de terreos para a construción dun
edificio, o que desencadeou tensións interparroquiais, en especial entre
Sabarís, isto é Santa Cristina da Ramallosa (Baiona), e San Pedro da Ramallosa
(Nigrán), separadas polo Miñor pero unidas tanto pola ponte medieval como pola que
se comezara a construír sobre 1865. O emprazamento definitivo do edificio
escolar, xusto no linde de demarcación dos concellos de Nigrán e Gondomar,
escolleuse, procurando unha centralidade territorial que o fixese accesíbel ao
maior número de parroquias.
Acto inaugural das "Escolas" no primeiro edificio |
Eladio Ferreiro cos primeiros alumnos en 1909 |
Eladio Ferreiro cos alumnos en prácticas agrícolas. |
A estas disputas interparroquiais refírese
Jaime Solá nunha reportaxe publicada contra o remate do ano inicial da escola:
Remata Solá
ofrecendo unha alternativa: «Haced miñoranos ricos, que corra alguna vez el
tranvía eléctrico entre Vigo y vuestros hogares campesinos, y los hijos de
Bayona y Gondomar podrán concurrir con los de La Ramallosa y Sabarís –que son
los más favorecidos- a esas limpias aulas».[58]
O relato de Losada engade que o
mestre: «hubo de solicitar permiso de la
superioridad […] pero dejando de gozar de los beneficios del escalafón oficial,
para los ascensos y demás privilegios».[59] Ao sinalar
as renuncias de Ferreiro, Losada quere salientar o maltrato por parte da
Comisión Directiva ao cesalo. O propio Ferreiro quéixase, na carta ao xefe da
Falanxe da Ramallosa á que nos temos referido, de que: «Todo el tiempo que he
estado en la Dirección de la Escuela “Pro Valle” en que tantas energías he
derrochado han sido absolutamente perdidos para mi retén».
O salario inicial do director era
de 2.000 pts anuais e o orzamento das escolas ascendía a 7.300 pts, incluíndo
tamén o salario do profesor secretario, Javier de Mendoza (1.200 pts) e de dous
profesores auxiliares, Enrique Sánchez Solera e Alfonso Philippot, 1.000 pts
cada un.[60]
No mes de agosto de 1910 a escola tiña 212 alumnos matriculados;[61] polo que Ferreiro urxe a
construción dun edificio «ad-hoc» e reclama que o novo espazo educativo conte
con cociña escolar pois «hay alumnos que acuden de 5 o 6 km. de distancia».
Claustro de profesores. Dereita, sentados: Enrique Sánchez, Eladio ferreiro. De pé: Alfonso Philippot, Cándido del Río, Javier Mendoza (Vida Gallega) |
O edificio realizouse segundo o
proxecto do arquitecto vigués Jacobo Estens Romero,[62] sobre un terreo san e
permeable, elevado a respecto da estrada e rodeado de xardíns, como postulaban
os preceptos hixienistas da época. O traslado da escola ao novo edificio
realizouse en 1913.
Manuel Losada tería moito que ver
na modificación e integración do territorio miñorán, non só pola súa
participación no proceso construtivo do edificio da escola, senón de xeito
especial porque, sendo presidente de Tranvías Eléctricos de Vigo, retomou o
vello proxecto de prolongar a liña dende a estación da Florida ata A Ramallosa
e dende alí bifurcar dous ramais: un a Baiona e outro a Gondomar. O traxecto
Vigo-Baiona inaugurouse o 3 de setembro de 1926; o ramal ata Gondomar o 28 do
mesmo mes e ano.
O edificio das Escolas na segunda metade dos anos vinte do pasado século |
O obxectivo das escolas
ficaba explícito no primeiro da longa serie[63] de boletíns mensuais que
publicará a UHAVM en B. Aires. No número de outubro de 1909, na súa primeira
páxina e como presentación afirmase:
Esta asociación fundada por la Colonia Gallega residente en Buenos Aires, en vista de las condiciones precarias en que llega a estas playas, la mayoría de la inmigración gallega, sin oficio determinado, desconociendo completamente las condiciones geográficas y económicas de la República Argentina, ha fundado y sostiene en Galicia, en la Región compuesta de los Ayuntamientos de Nigrán, Bayona y Gondomar, que forman la del Valle Miñor, una Escuela Práctica de Artes y Oficio, y una sección de Agricultura con personal docente seleccionado.
Esta idea fulcral xa a sinalara
Cándido del Río[64]
no relato do acto inaugural para Vida
Gallega que viña de fundar uns meses antes Jaime Solá.[65] O daquela director do
xornal El Miñor[66]
sinala: «Esos hijos del Valle no quisieron que cuando sus hermanos vayan a
América tengan que pelear más en lucha desigual originada por falta de luces de
enseñanza». Cándido del Río, que remataría sendo profesor auxiliar da escola,
foi un dos oradores na inauguración, xunto a dous representantes da sociedade,
o mestre Javier Mendoza e máis o director. O edificio provisional, situado na
estrada Ramallosa-Gondomar a «unos pocos metros del sitio en que afluye á la de
Vigo- Bayona», tiña un baixo con dúas aulas e a vivenda de Ferreiro; na fachada
colocouse unha placa co texto «Escuela Práctica, fundada bajo los auspicios de
la Unión Hispano Americana “Pro-Valle Miñor” de Buenos Aires».
En novembro
de 1910,[67]
chufábase Ferreiro do atinado, aínda que breve, percorrido, tanto polo labor da
sociedade en América, cheo de éxitos nos «altruistas fines de protección a la
infancia, de caridad, de progreso y de patriotismo» como polos apoios acadados para
o proxecto educativo e as axudas comprometidas para a construción do novo
edificio polo goberno da monarquía grazas ás xestións realizadas polo ministro
Urzaiz,[68] así como das achegas dos concellos
de Nigrán e Gondomar e da que, agardaba, prestase o de Baiona, por ser de onde
procede o maior número de alumnos. En setembro de 1910 a matricula tivo que se
suspender ao chegar aos 250 matriculados por falta de capacidade dun edificio
que a pesar das súas vantaxes non deixaba de ter deficiencias.
Visita ao deputado Ángel Urzaiz no pazo de Cadaval, en Nigrán. (Vida Gallega) |
A publicación do Boletín, saudado con alborozo por
Ferreiro, permitíalles aos mestres facer achegas de carácter pedagóxico ou
cultural. Nunha delas,[69] o director láiase do
moito que inflúe a situación social e económica da familia na formación dos
alumnos. Di Ferreiro: «Los mas pudientes, como resultado de su asitencia
asidua, son los mas adelantados; los mas pobres, cuya asistencia puede
suponerse en dos días por semana, son los mas atrasados». A ignorancia dos
adultos é a causante, segundo Ferreiro, da falta da concorrencia escolar;
calcula que debería haber 400 alumnos matriculados para que acudisen
regularmente entre 250 e 200, e que todos os medios que se puxeron en practica
resultaron inútiles. Vixiar o aseo persoal e investigar as causas das ausencias
absorbía gran parte da enerxía do profesor. Para resolver o enguedello propón, tanto
adoutrinar os pais mediante conferencias, a celebrar os domingos para non
interromper os seus labores e que poderían mesmo ser obrigatorias para os que
quixesen matricular os fillos, como establecer unha cociña económica, tanto
para os que viven a certa distancia como para os que teñen que gañar o sustento
desde as máis curtas idades, e tamén, na perspectiva futura dun internado para
os máis afastados do Miñor.
Entre as funcións de Ferreiro
estaba a de presentar a memoria do curso, que se publicaba, extractada e
fraccionada, en varios números do Boletín.
Nos correspondentes a febreiro e marzo de 1912, reflicte os problemas derivados
das carencias do edificio e do exceso de alumnado; pois, aínda que o ensino é
graduado, con catro grados (inferior ou elemental, medio, superior e de
ampliación),[70]
e como en cada grao se establecían tres seccións, o labor do mestre tíñase que
realizar entre grandes dificultades que non só imposibilitaban unha ensinanza
individualizada senón que, ao non haber no edificio máis que dúas aulas e en
cada unha ter que convivir dous graos coas súas correspondentes seccións, entorpecíase
grandemente a practica escolar. O problema, afirma Ferreiro, resolveríase co
novo edificio que disporía de 8 aulas, polo que non deixa de demandar a súa
pronta construción.
As materias comúns aos graos medio,
superior e de ampliación eran lingua materna (enténdase castelán), moral e
instrución pública, aritmética e xeometría, ciencias físicas e naturais,
coñecemento do ser humano e hixiene física,[71] traballos manuais,
tecnoloxía e economía domestica. Había materias especiais do grao de ampliación,
como xeografía e historia de España e da Arxentina, nocións de álxebra e trigonometría
e comercio, das que se encargaba Ferreiro. Había tamén materias extraordinarias,
como lingua francesa, agricultura[72] ou música[73]. Ferreiro aproveita estes
informes, publicados en distintos números do Boletín, para ir deitando o seu pensamento pedagóxico práctico.
Aos poucos a «escola americana» ía
dando pasos tanto no proxecto educativo como no benéfico. Segundo o Boletín: «La instrucción es completamente gratuita; y a los niños pobres, cuyo número
excede de 190, se les da además de libros y útiles, ropa y calzado»;[74] a cantina comezaba a
funcionar e anunciábase a construción do novo edificio, nunha finca de 10.500m²,
preparado para acoller 500 alumnos.[75] Contra finais de 1914 remátase
o traslado da escola ao novo edificio: «Soberbio, arrogante es el palacio que
se alza en medio del Valle Miñor como un templo».[76]
A posta en marcha da escola de
nenas en abril de 1919 iniciará unha espiral de enfrontamentos que rematará co
cese de Ferreiro en 1923. O conflito desátase porque a directora do centro,
Julia Solá, familiar de Jaime Solá, o director de Vida Gallega, matriculara, en opinión de Ferreiro, máis nenas das
que permitía tanto o local como as ratios de ensinanza. Na práctica era unha
disputa pola dirección dos dous centros. Ferreiro conta inicialmente co apoio
do consello no Val, mais as tensións continuarán e a directora da escola de
nenas acusará a Ferreiro de querer «mangonear» a súa escola. Esa queixa
transmitiulla a Losada o xornalista Solá. O primeiro respóndelle:
Os enfrontamentos, en inicio
persoais entre Julia Solá e Ferreiro, toman unha nova dimensión ao conformarse
dous grupos confrontados tanto por intereses persoais e grupais como por desavinzas
ideolóxicas. Por unha banda, Manuel Lemos e os seus apoios defenden a directora
das escolas; pola outra Losada eríxese en protector de Ferreiro. As
discrepancias resólvense, en principio, considerando o director como inspector
da escola de nenas, pero na práctica, cando menos, segundo Losada, esa función
vese imposibilitada polos múltiples impedimentos que presenta a directora.
Losada dimite, segundo el, tras a
chegada de Laureano Lemos, «portador de una serie de ukases de su hermano», en
maio de 1919 como membro do Consello do Val e delegado directo da Comisión de
B. Aires. A chegada ao Val de Manuel Lemos, en 1920, non serviu para suavizar
as tensións. O seu regreso á Arxentina, febreiro de 1921, provoca que a
Comisión Directiva envíe unha nota ao Consello no Val na que explicita as queixas
sobre o autoritarismo de Ferreiro, salientando o mal efecto que causa que non
envíe as súas fillas á escola de nenas e o faga á escola nacional de Mañufe. A
nota da Comisión de B. Aires ameázao abertamente e anúncialle que no caso de
reincidir será separado do seu posto. Mais o Consello do Val négase a
transmitir o apercibimento ao interesado por carecer de fundamento. O momento
álxido chegou coas «crónicas escolares», redactadas polos alumnos do
preparatorio, que, corrixidas por Ferreiro, eran enviadas á Comisión
bonaerense.
Imaxe 15.- Recordatorio
de Manuel L. Lemos en “Praia América”.
En outubro de 1923 cesan a Ferreiro
coa asignación dun mes de soldo. En decembro, as actas da Comisión Directiva fanse
públicas no Boletín; a medida xustifícase
nas extralimitacións do veterano director e no emprego do alumnado, a través
das denominadas «crónicas escolares», para reivindicacións particulares e
inxuriar á Comisión Directiva. Enrique Valverde foi o seu substituto.
A destitución de Ferreiro provocou un
gran malestar na comunidade miñorá que a considerou esaxerada. O semanario Correo de Galicia publica[77] unha carta asinada por un
grupo de veciños do Val Miñor na que, entre outras cousas, indícase que o cese:
Sobre a disputa con Lemos, o fillo
máis cativo de Ferreiro, Eustaquio, comentábanos que o primeiro «era un poco
engreido, se peleó con Losada, se peleó con mi padre, pero tenía un gran
capital», e sobre a causa das disputas díxonos: «Yo creo que era para tener a
toda la gente bajo su dominio, el que mandaba era él».
Mais quen era Manuel Lemos? En
breve síntese, seguindo o traballo da profesora Rosa Pacual Abal[78], nacera en 1875 en
Mallón, na parroquia nigranesa de San Pedro da Ramallosa. Era o maior de cinco
irmáns e aos 17 anos emigrou, xunto co pai, a Uruguai. En Montevideo coñeceu a
que logo sería a súa dona e trasladáronse a B. Aires, onde atopou emprego como
dependente nun comercio de viños. Aprendido o oficio, estableceuse pola súa
conta na distribución, aplicando unha manchea de innovacións que lle permitiron
mellorar tanto as calidades como baixar os prezos. «Vinos La Superiora» foi un
éxito rotundo: abriu sucursais nos barrios porteños e noutras localidades,
chegando a ter 365 expendedorías todas pintadas de cor celeste e presididas
pola bandeira galega e arxentina.
En 1905, xunto a un pequeno grupo
de miñoráns,[79]
impulsa a constitución da UHAVM como un proxecto social e progresista, de carga
ideolóxica difusa. Faleceu en 1946. A intervención de Lemos foi decisiva en
todo momento e, como Ferreiro, expresábase no Boletín, asinando como «Dirección» e amosando un interese especial
nas cuestións sociais e laborais, no cooperativismo e na colaboracións social
entre o capital e os traballadores.
Lemos puxo en marcha un proxecto
turístico nos areais de Lourido e Panxón, inspirado nas áreas balnearias dos
anos vinte; mercou terras, abriu estradas e construíu unha serie de chalés
modernistas. Ao conxunto denominouno «Playa América».
Os anos de disputas entre Lemos e
Ferreiro produciron neste un certo desacougo, expresado nunha carta[80] enviada ao avogado
Lustres, na que lle dicía que non podería concretar con precisión as razóns do
seu cese:
EMIGRACIÓN
E EDUCACIÓN.
A disxuntiva presentábase nidia a
nivel conceptual. Tratábase de preparar os mozos para que se defendesen nos
lugares aos que ían emigrar ou ben de educalos para desenvolver iniciativas no
propio país e minguar a enxurrada migratoria?
O proxecto da escola miñorá partía
dunha visión da emigración non tanto como positiva, aínda que tamén, senón como
inevitábel. O seu labor orientouse a preparar os mozos para defenderse nos
países de acollida, nomeadamente na Arxentina e o Uruguai. A este respecto
Ferreiro salientaba, en novembro de 1910, a «patriótica y provechosa iniciativa»
da institución, predicando co exemplo «el verdadero remedio para salvar
nuestros emigrantes de esa ignorancia que les imposibilitaba en la lucha por la
vida, en la gran República Sud Americana», poñendo en práctica «la única
solución a las cuestiones sociales y políticas que aquejan al pueblo español». Dentro
destes parámetros debemos entender non só que na «Escola» se impartisen
materias como Xeografía e Historia da Arxentina e Comercio, das que se encargaba
o propio Ferreiro, senón que se seguisen os programas que elaboraba o Consello
Nacional de Educación da República Arxentina converténdose así en algo máis que
nun país de referencia. Ferreiro sostiña que o costume de emigrar xa existía
moito antes de instituírse a escola, «pero ya que los hijos del Valle emigran,
que lo hagan siquiera en condiciones de defenderse mejor», indicando que «se
enseña a los alumnos todo cuanto pueda servirles en el país a donde se supone
que han de marchar».
O seu fillo Eustaquio, case un século despois,
dicíanos que para o seu pai foi un «horror», esa foi a verba que empregou, que
os seus tres irmáns maiores marchasen para a Arxentina. A partir daquela colleulle
tal zuna á «ensinanza comercial» que a todos os demais fillos mandounos ao instituto
onde non se ensinaba nada de comercio. Sinalábanos, ao tempo, que entendía que a
idea de «La Aurora» de Tomiño era que non se emigrase, mentres que a da «Pro Valle»
era, pola contra, para que se emigrase. Concluía: «la preparación era más para
ir a América».
Ferreiro mantivo coas escolas de
Tomiño estreitos vínculos desde a súa inauguración, en 1923, xusto o mesmo ano
do seu cese nas do Miñor. Daquela pronunciou o discurso de apertura da escola
de Estás.[81]
Probablemente esa relación viñese a través de Enrique Lobit, un dos mestres da
tomiñesa que exercera na do Val.
Ferreiro achegará a súa experiencia
docente e organizativa; El Correo de Galicia, setembro de 1928, sinálao
como: «guía, consejero e inspirador de la obra cultural y educativa». O premio
gañado no concurso de La Prensa
serviu para enxalzar de novo a figura de Ferreiro no Boletín dos miñotos, desexándolle «nuevos triunfos al digno maestro
de Borreiros (Gondomar) e Inspector técnico de la escuela»,[82] gabanza á que lle responde
animando os baioxomiñotos a continuar o labor augurándolles que «en plazo breve será uno de
los primeros establecimientos de educación en España».
Sorprende, visto con ollos de hoxe,
a aparente contradición entre o Ferreiro renovador pedagóxico e o Ferreiro
social e politicamente conservador. Mais a perspectiva actual só é unha densa
tea que dificulta a comprensión de tempos recuados. Temos que situar a acción e
o pensamento de Ferreiro na Galicia e no Miñor do arrinque do pasado século.
Unha sociedade que pretendía modernizarse pero que tiña enormes limitacións
para facelo e a escola precisaba de medios que, ausente o Estado, só os
emigrantes podían achegar. Losada escribe nun artigo publicado en xaneiro de
1915 en Correo de Galicia de B. Aires
que recolle no libro que xa temos citado:
Neste contexto temos que entender
as anovadoras ideas pedagóxicas de Ferreiro influídas decisivamente pola ILE e o
pedagogo Ares de Parga, natural de Ourense, aínda que asentado en B. Aires, e
inspirador do modelo educativo da UHAVM. Esa aparente contradición entre o
avanzado mestre e o cidadán conservador, mesmo proto-fascista, presidente da UP,
cabo de somatén, ao que lle chegan a chiscar o ollo os mozos falanxistas, só é
comprensible nese marco temporal do primeiro terzo do século pasado e dentro
dos lindes da súa propia «ego historia», dentro dunha familia tradicional, da fidalguía
en declive que precisaba adaptarse a novos destinos funcionariais ou
profesionais, agoniada por hipotéticas alteracións da orde social, nomeadamente
en momentos de gran convulsión política, económica e militar como as que lle
tocaron vivir naquelas tempos bélicos e interbélicos.
Sobre as súas ideas e prácticas
pedagóxicas ten investigado con tino e miudeza o prof. Malheiro Gutiérrez; aos
seus moitos traballos ao respecto remitímonos. O propio Ferreiro deixounas
explícitas tanto nas súas colaboracións no Boletín
como de xeito sintético e ordenado no “Reglamento General”, publicado en 1920, documento
de carácter organizativo e articulado que o mesmo Ferreiro, en carta ao
corcubionés Alejandro Lustres Carrera, consideraba o instrumento máis útil
dende o punto de vista pedagóxico.[83]
Ferreiro no momento da homenaxe pola xubilación |
O
FINAL DAS ESCOLAS DA UHAVM.
O 24 de outubro de 1929
o mercado de valores de Wall Stret comezou a caer. Era xoves; o luns e o martes
seguiu baixando. O pánico estendeuse. Aínda hoxe non é doado sinalar con
precisión os factores que determinaron aquela grave crise cíclica do
capitalismo. O crac arrastrou a economía norteamericana á Gran Depresión e con
ela a dos demais países do continente. Quen ía pensar que aquel acelerado
devalo económico ía levar consigo o esforzo persoal de tantos anos?
Xa contra os restos de
1930 a UHAVM emite sinos de alarma. Daquela no Boletín iníciase unha subscrición «Pro-vida propia» das Escolas. A
idea era chegar a xuntar 30.000$. No Boletín
de novembro informábase de que se acadaran os 9.700, ademais da doazón da finca
«A Mourisca», en Chaín (Gondomar), por parte do doutor Dámaso Alonso, e
metíanlle présa aos que pensasen facer doazóns para poder preparar a placa de
mármore que co nome dos subscritores se colocaría «en el “hall” de las
escuelas»[84].
En xaneiro de 1931 os
ánimos seguían altos e o Boletín
dedicaba unha das súas páxinas á recadación baixo un contundente titular «Es un
hecho». Mais. dende aquela, o Boletín
tería que demandar en todos os seus números axuda dos amantes da cultura e da
confraternidade Hispano-Americana para asegurar a «existencia definitiva» das
escolas. Quizais aquela intuición que Ferreiro sinalara, anos atrás, en carta
ao avogado Lustres Carrera, sobre a súa constante e desatendida reclamación de
constituír un capital social propio por seren as cotas mensuais dos socios «un
recurso demasiado contingente para asegurar la vida de la Institución»,
arrastraban o proxecto educativo a un funil cada vez máis estreito.
Lemos acabará por
recoñecer esta realidade, pero segue confiando en acadar o obxectivo, pois, di,
non se precisan máis que dez persoas que acheguen 1.000$, e vinte, por cada
cifra, que o fagan con 500, 200 e 300, que, sumados aos da rifa e os beneficios
das funcións teatrais, sumarían os 50.000 precisos, e pedía «un último esfuerzo
a los amigos de aquí, de Montevideo, de España y de Nueva York». Mais xa non
había esas persoas.
En abril de 1931, a
comisión, a petición dalgúns futuros doantes, acorda prorrogar o prazo en tres
meses «dada la momentánea crisis porque estamos pasando». O ton expresa a
anguria de que o obxectivo estaba tan lonxe de acadarse como de que a crise
rematase.
A capacidade de Lemos
para liderar a comunidade miñorá estaba en cuestión. O Boletín amosa a reacción do porco espín, pecharse e protexerse coas
pugas afiadas. Nun longo artigo sen asinar, infórmase de que Lemos está de
viaxe no Miñor; nel o redactor considera necesario defender tanto o labor da
filla de Lemos á fronte da comisión de «señoritas» para darlles «vida propia»
ás escolas como a xestión do propio Lemos, que tivo que recorrer a todas as
súas amizades e mesmo poñer a disposición das escolas o seu «establecimiento
industrial-comercial», pois foron as relacións comerciais de «La Superior SA»
as que lograron as doazóns de sociedades e persoas que o único vínculo que tiñan
coas escolas era a relación comercial. O redactor, ex alumno das escolas, denuncia
que moitos naturais do Val e por riba antigos alumnos nin colaboraron coa venda
de rifas. Era un comentario amargo, pois aínda que se segue a aparentar o éxito
da recadación, o sr. Lemos só colleitou «sinsabores que al final como “muy
humanos” pasarán».[85]
Recordatorio a M. Lemos na praia de Lourido |
As cousas ían de mal en
peor. O presidente e o secretario no Val diríxense ao alcalde de Gondomar pedindo
un amento da achega municipal ao financiamento da «Escola»,[86] por mor da diminución das
rendas do capital social a consecuencia do «bloqueo de la divisa española en
los países sudamericanos». Á petición responde o socialista Rogelio Lorenzo
González, o personaxe de máis influencia na corporación naquel momento,
considerando que o concello ten creado as suficientes prazas escolares para
atender a ensinanza primaria, e propón que as «Escolas» se dediquen ao ensino superior,
e engade que, tendo en conta o estado da facenda municipal, non considera posíbel
ese aumento. Así o acordará o pleno municipal por unanimidade.[87]
Será despois o propio alcalde,
José Pequeño, quen presente unha moción, aprobada por unanimidade, en apoio á
petición de axuda da UHAVM, asinada o 26/2/1934, ao ministro de instrución.[88] A instancia tivo resposta
en forma de visita. A comezos de agosto[89] estivo na escola
Filiberto Villalobos González, o liberal e centrista ministro con Samper e con
Lerroux, acompañado polo deputado López Varela, o líder radical na provincia
Emiliano Iglesias e máis Isidoro Millán.[90] As «Escolas» non
aguantaron máis.
Un mes despois
decidíase o peche: «parece ser que la base principal del cierre es la falta de
recursos que venían de la Argentina y Uruguay para el abastecimiento del
profesorado, material, etc.» di El Pueblo
Gallego. Aos poucos días o mesmo xornal[91] reproduce unha orde
cablegráfica: «Buenos Aires, 31 de agosto.-
Comisión Directiva resolvió cierre inmediato de las Escuelas tiempo
indeterminado motivado situación económica rogándole haga cumplir resolución».
A carencia de postos escolares nalgunhas parroquias
de Nigrán, entre elas San Pedro, agravouse co peche das escolas americanas, e
os mestres reclamaban a creación de novas escolas ao concello e ás autoridades
provinciais de primeiro ensino, entre elas ao «inteligente y activo» inspector
Caselles.[92]
Será este quen, en abril de 1936, presente, ante a corporación gondomaresa, un
escrito demandando que o concello olle con simpatía a creación, no antigo edificio
das «Escolas», dunha escola primaria superior de orientación agraria que
puidese actuar como modelo experimental dunha futura «Escola Rural Galega». O
pleno municipal, ademais de agradecer ao inspector a proposta e o interese que
sempre ten demostrado pola instrución pública, expresa non só a súa simpatía
senón o decidido apoio moral e pecuniario, na medida das súas posibilidades.[93]
Mais despois chegou o
trebón.
Gondomar de Miñor, xaneiro
de 2022
Publicado en Sarmiento. Revista galego Portuguesa de Historia da Educación, nº 26, 2022
https://revistas.udc.es/index.php/sarmiento
Fontes documentais e bibliografía
Arquivo Municipal de Gondomar. Libros de actas
Arquivo persoal do autor
Arquivo sonoro do Instituto de Estudos Miñoráns
Faro de Vigo. Hemeroteca
Galiciana. Hemeroteca
Bibliografía
Ben-Ami, S. (1983): El cirujano de hierro. La dictadura de Primo de Rivera (1923-1930). Política y sociedad. Madríd: Síntesis.
Comas Pedret, E. (2007): Da vendima á zafra. Cónica dun emigrante galego en Cuba. Santiago:
Sotelo Branco. Tradución de X.M. García Crego e G. Luca de Tena.
Garrido Rodríguez, J. e Iglesias Veiga, J.R. (2000):Vigo:arquitectura urbana. Santiago: Fundación Caixa Galicia.
González Calleja, E.
(2005): La España de Primo de Rivera. La
modernización autoritaria 1923-1930. Madrid: Alianza.
González Pérez, J.A. (1998): Nigrán. Memoria dunha guerra 1936-1939. Vigo: Cumio, pp186-187
Lamela, L. (2020) “José Carrera, el filántropo olvidado” en La voz de Galicia, 22/2/2020.
Losada Carrera, M. (1927): Vigo y su progreso (Un puñado de verdades). Alicante: Imprenta Lucentum.
Malheiro Gutiérrez, X.M (2021): “La modernización educativa en España en un escenario de cambio social y de apertura democrática: Conversaciones con Pedro Caselles Beltrán, Director General de Educación Básica (1976-1982)” en Historia y Memoria de la Educación, nº 14.
Malheiro Gutiérrez, X.M. (2003) “Ignacio Ares de Parga e a educación democrática. Un mensaxeiro de tempos novos entre Arxentina e Galicia” en Revista de Estudos Miñoranos nº 3. Gondomar:IEM.
Malheiro Gutiérrez, X.M. (2004): “A 'Escuela Americana' do Val Miñor: modernización e reforma pedagóxica na Galicia do primeiro tercio do s. XX” en Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación, nº 8. U. Coruña:A Coruña.
Malheiro Gutierrez, X.M. (2006): As escolas de emigrantes e o Pensamento Pedagóxico : Ignacio Ares de Parga e Antón Alonso Ríos. Sada:Castro.
Malheiro Gutiérrez, X.M. (2011): “A influencia do contexto arxentino na Unión Hispano Americana Pro Valle Miñor a través do pedagogo Ignacio Ares de Parga” en Malheiro Gutiérrez (coord.): Actas do Congreso Emigración e Educación (1900-1936). I Centenario das Escolas da Unión Hispano-Americana Valle Miñor (1909-2009). Gondomar: IEM.
Méixome, C. (2011): “Noticia dun mestre: Eladio Ferreiro” en Malheiro Gutierrez, X.M., coord. (2011): Actas do Congreso. Emigración e Educación (1900-1936). I Centenario das Escolas da Unión Hispano-Americana Valle Miñor (1909-2009). Gondomar: IEM.
Méixome, C. (2021): Catas na memoria. Santiago: Laiovento.
Pascual Abal, R. (2011): “Dous benfeitores: Manuel Losada e Manuel Lemos” en Malheiro Gutiérrez (coord.): Actas do Congreso Emigración e Educación (1900-1936). I Centenario das Escolas da Unión Hispano-Americana Valle Miñor (1909-2009). Gondomar: IEM.
Porto Ucha, A.S. (2008): Mestres e mestras pontevedresas depuradas polo franquismo. Ponteareas: Alén Miño.
Consultas en internet
Simón Lorda, D. https://diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com/2012/09/historias-y-fotos-de-la-grippe-de-1918.html. Consultado 12/1/2022
* Este
traballo é unha substancial ampliación e reelaboración dun máis breve que co
mesmo título, se publicou en Malheiro Gutierrez, X.M., coord. (2011): Actas do Congreso. Emigración e Educación
(1900-1936). I Centenario das Escolas da Unión Hispano-Americana Valle Miñor
(1909-2009). Gondomar: IEM; pax. 389-412.
[1] Entrevista realizada en
novembro de 2003. Tiña na altura 81 anos, faleceu dous anos máis tarde.
Estudara medicina en Compostela e desenvolveu a súa carreira profesional en
Nova York. Unha vez xubilado estableceuse en Vigo. (Arquivo sonoro do Instituto
de Estudos Miñoráns).
[2] Gaceta de Galicia, 5/1/1907
[3] El
correo de Galicia, 28/11/1904
[4] El correo de Galicia, 5/12/1905
[5] La correspondencia gallega, 24/11/1904
e Diario de Pontevedra, 24/11/1904.
[6] Comas Pedret, E. (2007)
[7] La correspondencia gallega, 28/9/1898
[8] La zarpa, 6/12/1935
[9] El pueblo gallego, 7/11/1928
[10] https://diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com/2012/09/historias-y-fotos-de-la-grippe-de-1918.html
[11] Hoja del lunes, 20/3/1961
[12] EPG, 18/5/1965
[13] EPG, 18/5/1965
[14] Gaceta de Galicia, 5/1/1907
[15] El correo de Galicia, 27/3/1907
[16] El correo de Galicia, 7/6/1909
[17] Faro de
Vigo,7/7/1953
[18] El compostelano 28/2/1924.
[19] González
Calleja, E. (2005).
[20] Ben-Ami,
S. (1983): El cirujano de hierro. La dictadura de Primo
de Rivera (1923-1930). Política y sociedad. Madríd: Síntesis.
[21]
Losada Carrera, M. (1927).
[22] Galicia, 28/2/1924; Diario de
Pontevedra, 5/3/1924
[23] Arquivo Municipal de Gondomar
(AMG) Libro de actas do concello de Gondomar 21/4, 30/9/1923,
f. 12v a 15v.
[24] De familia abastada con orixe
en Morgadáns, era irmán de Manuel, que tamén foi secretario do concello de
Gondomar, perito e industrial que promoveu numerosas empresas en Vigo e en toda
Galicia, entre outras de distribución de gas e na compañía de tranvías de Vigo
e da Ramallosa. Outro irmán, Severino, médico e masón, foi, en Nigrán, o último
alcalde da monarquía e primeiro da República; encarcerado en San Simón,
prohibíronlle exercer a profesión durante anos. Eran fillos Asunción Gonda
Márquez e de Manuel Alonso Pérez, falecido en 1916, secretario municipal e
cabezaleiro na localidade do partido liberal ou liberal-progresista liderado no
distrito de Vigo por Ángel Urzaiz (1856-1926), ministro en varias ocasións, e
máis por Eduardo Iglesias Añino (1850-1916), veciño de Teis, e alcalde de Vigo
entre 1887 e 1888. O primeiro oficial sancionado, Gonda Márquez, era, pois,
irmán da nai.
[25] AMG. Libro
21/4, 2/12/1923, f. 41.
[26] AMG. Libro
21/4, 10/1/1924, f. 50v, 51, 51v.
[27] La integridad, 13/12/1923.
[28] Galicia Nueva, 4/1/1924.
[29] AMG. Libro 21/4, 9/12/1923, f. 41.
[30] AMG.
21/4, 13/2/1923, f. 66v,67,67v.
[31] AMG. 21/4,
17/4/1924, f. 91, 91v.
[32] González Calleja, E. (2005:164-165)
[33] EPG 22/7/1924
[34] AMG.
Libro21/4, 18/6/1925, f.183.
[35] AMG, Libro
21/4, 6/8/1925, f.193; 21/4, 20/8/1925, f.194v-195; 21/4, 17/8/1925, f.196;
21/4, 3/9/1925, f.196v, 197
[36] EPG, 13/10/1925.
[37] Tratábase de
Gregorio Espino.
[38] José Rodríguez de Vicente
“Joselín” (1895-1958). Periodista, político e actor. Fillo dun administrador do
pazo do conde de Gondomar. En 1916 marchou a Uruguai e traballou no semanario Tierra Gallega, onde creou o personaxe
de «Joselín», un aldeán de poucas letras e moita sabedoría. Regresou,
participou na fundación das «Irmandades da Fala» e instalouse en Baiona, da que
foi alcalde en dúas ocasións, durante a ditadura de Primo, quen o recoñeceu coa
Orde do Mérito Civil. Trasladouse a B. Aires, onde faleceu, traballando no
teatro e na radio, como xornalista, guionista e documentalista.
[39] José María Rodríguez Villamil
López (1885-1968). Avogado do Estado. Gobernador de Pontevedra durante a
ditadura de Primo. Membro da Asociación Católica de propagandistas de Herrera
Orio. O franquismo nomeouno fiscal del Tribunal Supremo.
[40] Carta de Eladio Ferreiro a
Alejandro Lustres Carrera, asinada o 4 de xullo de 1924. Alguén me fixo chegar,
cunha notiña, hai moitos anos, estas cartas de Ferreiro así como unha copia dos
estatutos das escolas da UHAVM, redactados por Ferreiro como el mesmo afirma.
No momento de darlle forma a este traballo, non lembro quen foi o meu xeneroso
colaborador e só conservo unha notiña cunha sinatura ilexíbel. Pido desculpas.
[41] Lamela, L. (2020)
[42] Boletín UHAVM, nº4, xaneiro 2010.
[43] Boletín UHAVM, nº14, novembro 2010.
[44] Carta de Eladio Ferreiro a
Alejandro Lustres Carrera, asinada o 2/11/1927.
[45] EPG, 12/10/1926
[46] El noticiero gallego, 18/3/1927 e 4/5/1927
[47] El Correo de Galicia, Argentina 24/4/1927
[48] Xunto a Manuel Veira de
Baiona, o comerciante Núñez de Gondomar, José Amorín de Sabarís, Ignacio Barros
da Ramallosa e Gonzalo Prado de Panxón. Tivo lugar o primeiro de maio de 1927
na Sala Miramar de Sabarís.
[49] EPG, 3/5/1927
[50] EPG, 8/8/1929
[51] López Varela (1893-1940).
Mestre e inspector de educación. Deputado en 1931 e 1933, chegou a desempeñar
varios cargos no goberno Lerroux. Partidario da educación laica e do divorcio,
opúxose ao sufraxio feminino. En 1936, concorreu, xunto a Paz Andrade, na
candidatura do «Centro» de Portela Valladares. Tras a sublevación militar
dérono de baixa na escala. Baixo o franquismo sobreviviu exercendo a avogacía
en Vigo.
[52] Ramón
Salgado Pérez. Agrarista católico de longa proxección política dende as
primeiras décadas do século ao lado de Basilio Álvarez. Deputado polo Partido
Radical. Salgado tamén sería vixiado, marxinado e castigado durante o franquismo.
Despois estableceuse en Vigo onde exerceu como avogado.
[53] EPG, 10/5/1932
[54] Sobre a persecución franquista
do maxisterio no Val de Miñor ver Méixome, C. (2021:cap.1) e Porto Ucha, A.S.
(2008).
[55] González Pérez, J.A. (1998:186-187)
[56] La noche, 5/5/1953; Faro de
Vigo, 4/7/1953; EPG, 7/7/1953
[57] La correspondencia española, 9/4/1909
[58] Vida Gallega, nº
12, decembro de 1909
[59] Losada Carrera (1927:72)
[60] Boletín da UHAVM, nº1, 1º de outubro de
1909
[61] Boletín da UHAVM, nº1, 1º agosto de 1910
[62] Ver: Garrido
Rodríguez, J. e Iglesias Veiga, J.R. (2000)
[63]
Publicáronse 307 números. O primeiro en outubro de 1909; o derradeiro en abril
de 1935.
[64] Cándido del Río Giménez
(1855-1935). De orixe vallisoletana; xornalista e farmacéutico. Tivo farmacia
en Baiona e despois en Bouzas. Dirixiu o xornal El Miñor dende 1905 ata a súa desaparición en 1911.
[65] Jaime Solá (1874-1940).
Xornalista. Creou e dirixiu a revista gráfica Vida Gallega dende xaneiro de 1909 ata a súa desaparición en 1938.
[66] Xornal fundado por José María
Barreiro. O seu primeiro número saíu en novembro de 1904 e pechouse en 1911. De
vena satírica e vinculado ao agrarismo, Barreiro deixou a dirección no nº 47
(outubro de 1905), sendo substituído por Cándido del Río.
[67] Número 14 do Boletín; novembro de 1910.
[68] Ángel Urzaiz Cuesta
(1856-1926), avogado e político, foi ministro de facenda da monarquía en tres
ocasións. A súa relación co Val de Miñor procede do seu matrimonio coa herdeira
do pazo de Cadaval, en Nigrán, lugar de residencia durante longas tempadas.
[69] Boletín nº 23, agosto de 1911
[70] Na altura
Enrique Sánchez Solera encargábase do grao inferior ou elemental; do medio, Javier
Mendoza Feijoo; mentres que o superior corría a cargo de Manuel Fernández
Álvarez; o propio Ferreiro era quen se encargaba do grao de ampliación.
[71] Materia da que se encargaba
Cándido del Río Gimenez
[72] Impartidas
por Manuel
Fernández Álvarez.
[73] A cargo de Ventura Alar.
[74] Boletín nº 43, abril de 1913
[75] Boletín nº 47, agosto de 1913
[76] Boletín, nº 67, abril de 1915
[77] Correo de Galicia, 6/4/1924
[78]Tanto sobre Manuel Lemos como
sobre Manuel Losada, ver Pascual Abal, R. (2011:321-342).
[79] Seica as primeiras reunión
tiveron lugar en 1903 entre Manuel L. Lemos, Eduardo Lemos e Francisco Cano
Rivas. Ademais dos citados foron os seus principais impulsores: Manuel Losada,
Manuel Salgueiro, Fernando Costas, os doutor Dámaso Moreira e José González
Paglyeri, Ramón Álvarez, Vicente Costas, entre outros. El correo de Galicia, 6/11/1921.
[80] Asinada en
Gondomar o 4 de xullo de 1924.
[81] Galicia, 1/9/1923
[82] El correo de Galicia,
17/4/1927
[83] Reglamento General a regir en las escuelas de
la Unión Hispano Americana Pro Valle Miñor (1920). Vigo: Tip Heraldo- J. Varela
[84] Cando se reformou o vello
edificio e se construíu un novo na finca das escolas, conxunto que que hoxe é o
IES Escolas Proval, arrincaron a placa e guindárona no monte de entullo. Ao
conserxe José Manuel Misa pareceulle que non era apropiado e gardouna, xa
partida, no vello garaxe do autobús, reconvertido en almacén. Unha década
despois fun destinado a este centro. Nos primeiros falares para preparar a
conmemoración do centenario da “Escolas”, José Manuel comentoume o da placa
arrombada no almacén e pouco despois fomos quen de volvela colocar no «hall».
[85] Boletín da
UHAVM, maio de 1932
[86] Non sabemos canto achegaba o
concello nese momento; a mediados dos anos vinte Gondomar aportaba
50 pts. por trimestre. AMG, 24/1, 31/10/1934, f. 132
[87] AMG. Libro de
actas do pleno 23/2, 30/5/1934, f. 18, 18v.
[88] AMG. Libro de
actas do pleno 23/2, 13/6/1934, f. 21v, 22.
[89] EPG, 8/8/1934
[90] Isidoro Millán Mariño
(1890.1983). Deputado pontevedrés de centro liberal. Formou parte do goberno
coa CEDA e foise achegando a Calvo Sotelo. Despois da guerra foi depurado e
deportado por masón.
[91] EPG, 9/9/1934 e 16/9/1934
[92] El noticiero gallego,
25/9/1934
[93] AMG.
Libro de actas do pleno 24/1, 8/4/1936, f.
60, 60v. Sobre o inspector Pedro Caselles pódese consultar: Malheiro Gutiérrez,
X.M (2021:695-745).
Ningún comentario:
Publicar un comentario