venres, decembro 02, 2022

TRAS O RASTRO DUN MESTRE: ELADIO FERREIRO OTERO


    O de mestre é oficio de serodio recoñecemento. Primeiro porque o obxecto do maxisterio carece do desenvolvemento vital preciso, segundo porque a colleita é tardía. Só o  tempo nos alerta e nos permite intuír a sombra esvaecida daquel mestre ou daquela profesora nas nosas decisións, actitudes ou valores. O matinar acudíame cando me falaban de don Eladio persoas que xa reviraran a vida, polo que estaban lonxe de entusiasmos excesivos.

    Procuraremos seguirlle o rastro ao mestre de Borreiros (Gondomar), que exerceu nesta parroquia ata a súa xubilación en 1946. Ficou unido a esta escola, mais tamén a unha das de fundación de máis farturento percorrido, a promovida pola emigración miñorá dende as beiras do Plata a través da Unión Hispano Americana pro Valle Miñor (UHAP-VM), da que foi director dende o momento auroral, maio de 1909, ata o seu cese fulminante, setembro de 1923.

    Breves notas biográficas.-

    Nado, en 1885, en Ourense. O relato familiar fálanos de estudos de Farmacia que mudou polos de Maxisterio, dos que se titulou na Normal de Valladolid. Exerceu como interino en Montederramo e en San Cibrao de Viñas. Na altura do seu matrimonio con Mª del Carmen Tizón Aguiar, de abastada familia fidalga, procedente do pazo dos Tizón, ou de Eiras, nesta parroquia do San Amaro, o “ilustrado profesor de instrucción primaria” estaba empregado no goberno civil. Concorreu, en 1907, ás oposicións e exerceu en Salceda de Caselas. En 1909, o ano no que se incorporou á escola miñorá, realizou as probas para escolas dotadas.


Pazo dos Tizón ou Casa de Eiras, no San Amaro

    O matrimonio tivo nove fillos. Ambos faleceron no pazo. Ela, en 1961; el, en 1965. Deixaba don Eladio unha manchea de amizades no Val que facían intuír “una nutrida asistencia” ao funeral en San Bieito de Gondomar.

    A carreira profesional.-

    Despois dos anos iniciais que sinalamos, seica lle andou a furar o caletre a aventura americana; mesmo tiña a pasaxe adquirida. Coutouno unha oferta de traballo: dirixir a escola da UHAP-VM. Estableceuse no Val, e aquí exerceu 37 dos 44 anos de profesión. Catorce na escola «Pro Valle Miñor»; o resto na de Borreiros, á que se incorporou en febreiro de 1924.

    Cesado na «Pro Valle», durante a ditadura de Primo, desenvolveu unha intensa actividade política e mesmo, transitoriamente, a función de secretario municipal de Gondomar, e os cargos de concelleiro e tenente de alcalde. Polas mañás, atendía  a escola; polas tardes, na casa, na procura de ingresos extra para manter a extensa prole, preparaba a cativada para se examinaren Vigo, nos xesuítas, en Artes e Oficios ou, máis tarde, no Santa Irene.

    A República non afastou a don Eladio da intervención sociopolítica, agora vinculado ao Partido Radical de Lerroux, dende o que influíu no devir miñorán, en especial de Gondomar, onde Nieto Virostra, do mesmo partido, exerceu a alcaldía.

    Os sublevados en 1936 non molestaron a Ferreiro; ben ao contrario, demandaron o seu apoio, pero soubo rexeitar os cargos que lle ofreceron con boas palabras e lóxicas desculpas e mantívose afastado da intervención política.

    Unha aproximación ideolóxica.-

    O desprestixio da Restauración, o carácter transitorio, en principio, da ditadura e a súa fraseoloxía“rexeneracionista”, achegáronlle apoios diversos, non só os da gran burguesía, senón tamén doutros sectores, como os vellos agraristas ou franxas das clases medias cultas, entre os que poderíamos incluír a don Eladio,e mesmo, temporalmente, de galeguistas e obreiristas. Todos ollaban no xeneral o pai severo pero comprensivo que podería tirar a España do trauma melancólico de 1898.

    Que saibamos, con anterioridade á ditadura, don Eladio, non participara na vida política. Debeuse formar na lectura de Joaquín Costa, quen participara activamente na Institución Libre de Enseñanza (ILE) e estaba moi unido a Giner de los Ríos. Neste ambiente temos que situar a Eladio Ferreiro, bambeándose entre as propostas renovadoras da ILE, o rexeneracionismo de Costa, o paternalismo de Primo,e o republicanismo conservador de Lerroux. En Ferreiro produciuse ademais unha conxunción estelar, en setembro de 1923, mes e ano do golpe de estado e do seu cese como director.

    As Escolas da UHAVM.-

 

    Ferreiro foi o artífice da escola que abriu as portas o 4 de maio de 1909 nun edificio alugado situado na estrada Ramallosa-Gondomar. Ao iniciarse o curso de 1910 a matricula tivo que se suspender nos 250 matriculados.Non había sitio. Cumpría un novo edificio. Tamén desas xestións se encargou Ferreiro, fachendoso dos “altruístas fines de protección a la infancia, de caridad, de progreso y de patriotismo” da UHAP-VM e dos apoios acadados por Ángel Urzaiz e das achegas de Nigrán e Gondomar  e das agardadas de Baiona. As reticencias baionesas tiñan a súa orixe na pretensión de que o novo edificio se localizase en Sabarís.

    O director imprimiulle á escola unha liña xeneralista e, en especial, de carácter comercial. Tratábase, en concordancia coa directiva americana, de formar a rapazada para chegar a América coas destrezas básicas que lle permitisen integrarse axiña sen sufrir os desamparos dos pioneiros. De imprimirlle esta dirección arrepentiuse toda a vida segundo o relato oral familiar que a nós nos chegou.

    A posta en marcha da escola de nenas en 1919 iniciará unha espiral de enfrontamentos que rematarán co cese de Ferreiro en 1923. Por unha banda, Ferreiro coidaba que había outras prioridades, e pola outra que a directora, Julia Sola, con fortes apoios dentro da Comisión Directiva (CD) alén-mar, se excedera na matricula. Era unha disputa pola dirección das escolas. Ferreiro contaba co apoio do Consello no Val (CV). O enfrontamento, en inicio persoal, tomou dimensión grupal e confrontáronse intereses e desavinzas ideolóxicas. O de América, encabezado por Lemos; e o de aquí encabezado polo abastado gondomarés, valedor do mestre, Manuel Losada Carrera. A dimisión deste último como delegado da CD precipita a  confrontación. A chegada ao Val, en 1920, de Lemos, non minguou as tensións. En febreiro de 1921, a CD pratense envía unha nota ao CV miñorán queixándose do autoritarismo de Ferreiro e do mal efecto que causa enviando as súas fillas á escola pública de Mañufe. Cesárono, cun mes de soldo.

As Escolas en construción

    Visto con ollos de hoxe, pode sorprender a aparente contradición entre o Ferreiro renovador pedagóxico e o Ferreiro politicamente conservador, mesmo proto-fascista da Unión Patriótica, ao que lle chiscan o ollo os mozos falanxistas. Mais temos que situar a  súa acción e pensamento no Miñor do arrinque do pasado século, nunha sociedade, a galega, que pretendía modernizarse pero tiña enormes limitacións e a escola precisaba de medios que, ausente o Estado, só os emigrantes podían achegar. Neste contexto temos que entender as anovadoras ideas pedagóxicas de Ferreiro influídas decisivamente pola ILE e o pedagogo Ignacio Ares de Parga, inspirador do modelo educativo da UHAP-VM. Esa aparente contradición pode tamén entenderse con chaves da súa propia “ego historia”, de familia fidalga en declive, que ten que adaptarse a novos destinos profesionais,  agoniada polas alteracións da orde social nun momento de fortes convulsións como o período interbélico.

    Despois das Escolas da UHAP-VM.-

    Tras o cese ficou nunha situación económica complicada e coa sensación dun trato vexatorio. A iso referirase en varias ocasións; tamén Losada.Terá que agardar ata febreiro de 1924 para reincorporarse ao seu posto escolar.

    A conxunción estelar de setembro de 1923 (golpe de estado e cese) afastaron a don Eladio das aulas. O trinta de setembro ás 9 da noite o comandante do posto da garda civil de Gondomar reuniu os 12 concelleiros saíntes, co seu alcalde á fronte, e os 13 entrantes. Destituíu a uns e nomeou os outros. O labor rexenerador ficaba reducido a un golpe de efecto: a detención do secretario e a destitución do oficial primeiro; o funcionario que tería que suplilos, Nieto Virostra, non quixo asumir o posto. O pleno, por unanimidade, acordou nomear, con carácter provisional, a Ferreiro “atendiendo a las excepcionales condiciones de honradez, capacidad y trabajo (...) demostradas durante el largo tiempo que, con general aplauso, estuvo al frente de la dirección de las Escuelas Americanas de este Valle”.

    A praza tiña que cubrirse dun xeito definitivo. O pleno anunciou a vacante. Parecía matinada a medida para Ferreiro. Pero non foi así. Coidamos que a vocación polo maxisterio, a pesar da humilde retribución, estivo por riba de todo, pero tamén, pensamos, o afastarse do rebumbio municipal, e sen dúbida, o novo “estatuto municipal” de Calvo Sotelo, que lle imposibilitaba acceder ao posto.

    Reincorporado a Borreiros, continuou sendo un referente do upetismo, exerceu como cabo do “somatén”, concelleiro e tenente de alcalde, dende onde atendeu, en especial, os asuntos escolares, ademais de ser orador imprescindíbel nos actos sociais. A desaparición das actas dende setembro de 1925 ata o mesmo mes de 1927, impídenos coñecer detalles.Nesta altura Ferreiro xa non formaba parte da corporación.


    Sabemos que tenteou as posibilidades de retornar a unha escola de fundación. O prestixio acadado nas «Pro-Valle» permitiulle colaborar, como inspector técnico, coa tomiñesa «La Aurora del Porvenir» e, por algunhas cartas dirixidas a Alejandro Lustres Carrera, testamenteiro do filántropo corcubionés José Carreras Fábregas, promotor dunha escola de artes e oficios, sabemos que mantiña a ilusión de acceder á dirección  desta escola, pois o ensino “es una vocación” dille, e cre “que había de satisfacerles” pola súa “larga experiencia” que “son las que aún sin serme indispensable, me tienen aquí trabajando desde las 8 de la mañana a las once de la noche, y siempre a gusto”.

    En outubro de 1926, o diario bonaerense La Prensa convocou un premio para pescudas sobre as achegas dos «indianos» á renovación pedagóxica. Fallouse, ao ano seguinte, por un xurado formado por catedráticos da U. de Oviedo. O traballo presentado baixo o lema “Dad lo mejor para la educación de la juventud” resultou o gañador. Era o de don Eladio. O premio substancioso:1.500 pesetas. Na prensa non deixan de sinalar o seu éxito e reclamar a merecida homenaxe de “todos los hijos del Valle”. Eladio acadaba a cima da súa popularidade. Argallouse a entrega do premio para o 1º de maio de 1927 na sala Miramar de Sabarís; dalgún xeito, acochábase un galano polo conflitivo cese. Púxolle o ramo o homenaxeado, amosou gratitude, brindou polo Val e ofertou os cartos do premio para poñer en marcha un periódico miñorán.

    A República recibiuse no Val, segundo a prensa, con “enorme alegría”, pero non supuxo a retirada de Ferreiro do espazo público, nin unha remuda absoluta dos cargos nas administracións e, dende logo, nada que tivese que ver coa brutalidade da sublevación de xullo de 1936.

    O “lerruxismo” tivo unha determinante presenza na provincia. Tamén no Miñor, onde os «radicais» ostentaban a alcaldía de Gondomar e estaban presentes nos outros concellos. Don Eladio preside o partido en Gondomar e participa do mesmo, pero sen a intensidade do período da ditadura, exercendo a súa «autoritas» sobre os vellos upetistas conservadores que se ían adaptando aos novos tempos.

Eladio Ferreiro, no centro á dereita, na escola de Borreiros cos seus alumnos. Arquivo IEM.


    Sete anos despois da súa xubilación, en 1953, argalláronlle outra homenaxe. Reuníronse case dous centos de persoas. Á fronte da comisión organizadora, en representación dos antigos alumnos, o avogado e conselleiro de Tranvías, José Ramón Fontán. Presidírono os tres alcaldes, pero tamén estaban presentes vellos republicanos represaliados, como Sebastián Pena ou Máximino Misa.

    Vives, mentres alguén te recorda.

Publicado en Cousas, outono 2022




Ningún comentario:

Publicar un comentario