Cando o amigo Bieito Alonso
me chamou para propoñerme un traballo en común sobre o Tui do século XX, o
primeiro no que matinei foi en 1936. De seguido aclaroume que sería xusto ata
1936. Ficariamos ás portas, como os inimigos do titulo do seu último libro
publicado en Galaxia. As razóns que me deu para non traspasar esa soleira foi
que era campo de estudo doutros historiadores e historiadoras, entre outros eu
mesmo e o propio Quico Paz Antón. Deille a razón, pois traspasar as portas sería
entrar no corazón das tebras de J. Conrad, e, a esta altura, xa non se pode reconstruír
o momento cunha pinga de aquí e outra de alá, coa memoria desta vítima ou
daqueloutra, analizando esta ou aquela causa. Cómpre un traballo sistemático,
global, que algunha vez se terá que facer, sobre o que, aproveitando o termo do
filósofo Paco Sampredo, poderíamos denominar, non teño a menor dúbida ao
respecto, como "violencia excedente", a “violencia extrema” queos
facciosos sublevados aplicaron na área tudense, no vello distrito electoral e
no partido xudicial. O concepto de "violencia excedente" axudaríanos
a explicar o inexplicábel, a brutalidade, a saña, a ansia vingativa, a obsesión
perseguidora contra os lideres republicanos e a militancia obreira ou agraria,
máis tamén contra os mandos militares ou os representantes das clases medias
que se desencadeou o 18 xullo de 1936. Insistamos unha vez máis, foi o golpe de
estado, fracasado, o "punch" duns cantos militares insubordinados aos
seus mandos e rebeldes contra a lexitimidade democrática, a primeira e única causa
da guerra de España e non os hipotéticos desacertos dos gobernantes
republicanos.Entre os tres acordamos
un criterio historiográfico para dividir e dividírmonos o traballo. O resultado
foi este libro que hoxe traemos aquí[1].
Os meus parceiros, Quico e Bieito, tivérono máis doado; puideron someterse á
disciplina cronolóxica ao coincidirlle o seu período cunha clásica organización
do tempo histórico dentro do século XX. Dende o golpe militar de setembro de
1923 ata a proclamación da República, no caso de Quico; e no caso de Bieito dende
abril de 1931 ata aquel xullo do 1936.
A min tocábame, pois queriamos circunscribir o traballo a este primeiro
terzo do século XX, desenvolver o tempo da Primeira Restauración Borbónica. Pero
alonga duración deste réxime, iniciado con outro golpe de Estado, o de Martínez
Campos en decembro de 1874 que puxo fin á primeira República e empoleirou outro
Borbón por riba dos súbditos da decadente España, fíxome pensar, e os meus
parceiros consentiron, que debería afondar un chisco nos primeiros momentos da
Restauración, aínda que para iso tivese que retrotraerme aos anos finais do
século XIX.
Non hai moito tempo, no mes de outubro pasado, neste mesmo espazo, nun
acto en lembranza de Darío Álvarez Blázquez, sentei á beira dunha prezada amiga
tudense, quen, ante a insistencia dos oradores de referirse a Tui como vila,
bisboume ao ouvido: "Se chega a estar aquí o meu pai, levantábase e
marchaba". Pois si, aquel decreto publicado ao dia seguinte da morte de
Fernando VII, "o rei felón", o último día de setembro de 1833, que
lle tirou a capitalidade, sumiu a cidade nun duradeiro desacougo, tanto pola
acelerada perda de poder político, xurídico, administrativo e militar en favor
de Pontevedra como porque, ao outro lado do Aloia, se consolidaba un potente
porto pesqueiro e mercante que mudara xa en gran centro comercial e industrial.
A este real desasosego engadíase o permanente temor a que nalgún momento se
perdese a capitalidade episcopal, tentativas houbo, polo que o sector
eclesiástico colleu na cidade unha dimensión extraordinaria.
Non todo o que veu co liberalismo foi malo, por iso a inauguración da ponte, en 1886, cando xa
levaba case dous anos funcionando, supuxo unha revitalización, un novo pulo da
faciana comercial da cidade. Dez anos despois chegou outra modernidade liberal,
laica e capitalista, a iluminación eléctrica, o que lle permitiu á cidade
recuperar un certo aire de capital e que mesmo poderiamos considerar como algo
extraordinario que Tui teña aínda hoxe a súa propia compañía eléctrica. Referirémonos
ao que consideramos os dous trazos excepcionais da vida política e social
tudense, do distrito e do partido, durante todo o réxime da Restauración.
En todo o tempo da Restauración a presenza militar, aínda que a gornición
de infantería foi minguando para desgusto das elites comerciais, mantívose ata
tempos republicanos, como tamén o destacamento da garda civil e o de
carabineiros, unha canoneira coa súa dotación de mariñeiría e mesmo unha
pequena comisaría de policía. Non era moco de pavo, na altura, un 20% dos
orzamentos do estado, por certo o primeiro deles obra do tudense González-Besada (1865-1919) como subsecretario
de Facenda, eran para o exército, na práctica o segundo poder, só por detrás do
monarca e por riba do goberno e do parlamento, tanto por ser o encargado de
manter a orde pública por mor do tardío desenvolvemento da policía nas cidades,
como porque no rural a responsabilidade recaia sobre a garda civil, tamén un
corpo militar.
Mais a Primeira Restauración nacía con dúas eivas que non limitaron a
súa prolongada xeira, a guerra cubana dos dez anos (1868-1878) e a terceira
carlistada (1872-1876). Esta última careceu da intensidade das anteriores,pero
non por iso deixou de marcar o devir da
cidade, durante décadas, pois reavivou a cultura tradicionalista, prendida pola
nostalxia da organización territorial do Antigo Réxime e agravada pola
macrocefalia eclesiástica que sempre culpou ao liberalismo, fose conservador ou
progresista, da perda da capitalidade.
O novo réxime nacía obsesionado coa estabilidade. Atopárona tanto no "turnismo"
dun bipartidismo estrito como nos apazugados ánimos eclesiásticos,satisfeitos tanto
pola confesionalidade constitucional, como polo control ideolóxico a través do
uso, case en exclusiva,da ensinanza, e por recuperar parte do poder económico
que a desamortización puxera en cuestión. Non toda a igrexa achantou. Este
sería o caso da tudense.
No modelo da Restauración, o poder político non se disputaba, senón que
se compartía, reducindo o corpo electoral e axustando o “mecanismo” de relevo
político acordado antes das eleccións. As vinte eleccións celebradas durante as
cinco décadas da Primeira Restauración gañounas sempre o goberno que as
convocou. O “mecanismo” que o permitía era o "encasillado", é dicir,
o ministro da gobernación asignaba un deputado en cada distrito uninominal, repartindo
os números entre o partido entrante e o saínte; nos distritos plurinominais non
era tan doado, pero procurábase, ao tempo que se lles facía un oco ás forzas
minoritarias ou a persoeiros de relevo.
O réxime funcionou ata a morte dos seus lideres, Cánovas, o conservador,
e Sagasta, o liberal. Despois foi devalando de crise en crise. No proceso, os
deputados crearon mecanismos de control do distrito, e moitos acabarían converténdose
en "deputados naturais". No primeiro momento, o distrito de Tui foi
territorio en disputa pretendido polos bugallalistas e os de Elduayen, pero
rematou por quedar nas mans de Ezequiel Ordóñez (1845-1918), que tivera que
andar de "deputado cunero" ata conseguir a propiedade de Tui,
distrito polo que foi elixido entre 1879 e 1903 en dez ocasións. Ao xubilarse
como deputado pasou a ser senador vitalicio; o seu escano nas Cortes pasou a ser ocupado
polo seu herdeiro, o seu fillo Mariano (1874-1938), que foi elixido noutras dez
lexislaturas entre 1903 e 1923; en ocasións polo "carallo do 29", o
artigo da lei electoral de Antonio Maura (1853-1925) que permitía que, no caso
de haber un só candidato, non se celebrasen as votacións, aínda que tivo que
baterse "a cara de can" nas eleccións de 1923 contra toda unha
primeira espada como foi Portela Valladares (1867-1952).
Nada de estraño houbo, pois, na reiteración ordoñista. Era o propio do
sistema. Era o mesmo caso que os Bugallal en Ponteareas e noutros distritos ou
o que facía Augusto González-Besada nos que controlaba.
Cal é, pois, o que denominamos "excepcionalidade tudense"? A
primeira. Que a oposición ao ordoñismo non a realizou, como se podería agardar,
o liberalismo, senón que saíu do pazo episcopal dacabalo da versión máis
radical do carlismo, o denominado "integrismo". O enfrontamento, que
xa viña de antes, converteuse en guerra aberta coa chegada do gaditano
Francisco Hué, en 1882, á cadeira episcopal, o que lle permitiu ao circulo
eclesiástico tradicionalista tanto o control do poder episcopal como poñer en
marcha (1888) o semanario La Integridad,
que se acabará por converterá en diario e se manterá durante case corenta anos.
Foi nese momento estelar do tradicionalismo tudense cando, hai hoxe 135
anos, se convocaron os Xogos Frorais. Foron os seus impulsores dous dos máis
destacados membros do círculo eclesiástico, o cóengo Antonino Cerviño,
verdadeiro ideólogo do grupo, e o aínda ben mozo Manuel Lago González, que abriu
o seu discurso cun verso de Añón, “Desperta ouh Galicia!”. Todo o mundo sabe
que aquel día falaron Murguía, cun celebre discurso, Brañas e Cabeza de León.
Pero é menos coñecido que, ao día seguinte, Antonino Cerviño pronunciou o
sermón, na catedral, no acto litúrxico en honor de San Telmo. Non foi en
galego, pero si cun contido tan fondamente rexionalista que mesmo se achegaba a
un nacionalismo que tardaría tres décadas en manifestarse como tal[2]. Sen dúbida, Antonino Cerviño foi o ideólogo
do grupo, que tivo en Manuel Lago, bispo de Burgo de Osma e despois de Tui,
ademais de arcebispo de Compostela, e no irmán do primeiro, Florencio, bispo de
Ourense, os seus cumios eclesiásticos.Así o recollemos
(p. 95):
Ningún pueblo es tan desgraciado como el gallego y
ninguna clase mas digna de lástima que el labrador de nuestros campos. He aquí
la primera causa de mi regionalismo (…). La segunda (…) porque [o castelán] no
puede expresar lo que sentimos y pensamos los gallegos; eso solo puede
expresado nuestra habla…
E continúa: “Queremos
ahora curar nuestras llagas y para eso que nos dejen en paz los que ahora nos
han chupado la sangre…Llevamos en el corazón unha espina que debe interpretarse
por un ansia de una nueva existencia, por un deseo de que Galicia se emancipe y
viva una vida libre e independiente”.
Cando Lago regresou a
Tui, en 1918, despois dos anos en Lugo e Burgo de Osma, Antonino estaba a
agardar por el, pero o tradicionalismo integrista xa non era o mesmo. Xa non
estaba Pío IX en Roma, os Nocedal radicalizáranse ata a total ineficacia, o
rexionalismo estaba esquecido e o liberalismo xa non era o inimigo a bater.
Agora había que seguir a "doutrina social da igrexa" propugnada polo
novo Papa, León XIII, e combater as ideas xeradas polas novas culturas urbanas,
proletarias e femininas, que se estendían aos arrabaldes urbanos mentres os
ventos do leste enchían as súas velas. Agora a batalla dábase dende o agrarismo
católico, e de argallalo encargábanse de novo Antonino Cerviño e mais o bispo
Lago. O inimigo a bater era o agrarismo antiforal, que apañou aquelas pingas
galeguistas que os vellos carlistas foran abandonando. Así recolleu La Integridad as palabras deste último
nun gran mitin católico no Teatro Principal; deixámolo recollido na p. 103:
… canta la redención de Galicia, redención fundada
en el sindicalismo agrario católico. Comparó la acción católica basada en el
amor y la caridad, acción positiva y fecunda, con la acción nefasta del
socialismo político, acción negativa, sin fruto alguno, porque el odio no puede
fructificar. Nada ha hecho el socialismo por nuestras clases laboriosas. No ha
enjugado una lágrima, ni remediado una necesidad. No ha sabido, ni sabrá jamás,
sembrar mas que perturbación y recoger miseria.
E cal é a segunda excepcionalidade tudense? Apuntámola en brevidade.
Tamén por ser máis coñecida. Na reviravolta do século, na cidade comezaron a
xurdir unha serie de actividades fabrís vinculadas ao sector primario
(serradoiros, cerámicas, fábrica de galletas, chocolate, eléctrica...) que
provocaron a aparición dun proletariado urbano que se sumaba aos traballadores
de "taller" artesanal nunha cidade rodeada dun potente mundo agrario,
que contaba tamén co seu proletariado. Este mundo simbiótico dos obreiros non
tardou en acordar para elaborar unha alternativa conxunta. Se Antonino Cerviño
e Manuel Lago foron os construtores ideolóxicos do proxecto católico
tradicionalista, agora virado en social, Gumersindo Rodríguez Costas
"Santiaguiño", o "santo laico" en palabras de Darío Álvarez
Blázquez, e Enrique Jaso Paz, foron,
cada un ao seu xeito, os argallantes dunha alianza entre os obreiros de
"taller" e do "campo" que tomou dimensión nos anos finais
da Restauración para enfrontarse á nova alianza entre os vellos integristas e os
non menos vellos ordoñistas, para, tras sobrevivir á ditadura primorriverista,
emerxer con forza nos anos republicanos.
O ano de 1922 marcaría un antes e un despois no espazo tudense. En xullo
celebrouse o Congreso Agrario, con Basilio Álvarez como estrela e Enrique Jaso
axustando os motores. Non pagar os foros, autonomía para Galicia e ata República
Galega, como demandou Quintillán, o agrarista de Poio. O abolicionismo gañáballe
o congreso ao redencionismo. Un mes despois, Lago recibía os delegados dos
sindicatos católicos e Cerviño pronunciaba a conferencia inaugural; pretendían
obviar a cuestión foral e dirixir as reivindicacións agrarias dende a óptica
dos propietarios. Mais a cuestión foral non se podía agochar, e moito menos
tendo Ordóñez a responsabilidade política da súa solución.
A tensión foi e aumento, alguén, ou algúns, matinaron que unhas cantas provocacións poderían achanzar o camiño
para uns severos castigos que asustasen os agraristas e os metesen de novo na
casa. Foi o que pasou en Sobredo. A matanza.
Ao ano seguinte, as elección foron a cara de can. Ordóñez gañou. Portela
e os agraristas, coa indiferenza dos obreiristas de Gumersindo
"Santiaguiño", saíron derrotados; pero para eles foi unha futura vitoria.
As elites tiñan que cortara
emerxencia das novas culturas urbanas e a consolidación da alianza
campo-cidade. En setembro Primo deu o golpe. Mandaron a Alejo Diz Jurado, que
fora alcalde conservador e ordoñista, ao que se enfrontou, ao cárcere.Remataba
a Primeira Restauración.
Volverían dar o golpe, agora con “violencia excedente”. Diz Jurado
podería simbolizala.
Tui, 24 de xuño de
2016.
No 135 aniversario
dos primeiros Xogos Florais de Tui.
[1]Tui
1900-1930. Vigo: Galaxia.
[2] Tal e como xa ten
sinalado Darío Álvarez Blázquez. O discurso pode consultarse en https://biblioteca.galiciana.gal/
no número 7-8 de La Patria Gallega

Ningún comentario:
Publicar un comentario