Cando recibín o convite de
Chiño Barral para participar nesta posta de longo miñorá do seu último libro[1],
estrañoume un pouco que propuxese para o acontecemento o Casino de Sabarís. Informoume
antes de que empezase a lelo. Despois decateime de que escollera o lugar por
dous motivos. Primeiro por ser Sabarís, vila, diría Iglesias Viqueira, que ten
a unha beira o barrio de Baiona, o centro fúnebre de todo o Val, o que, para unha
sociedade abondosa en pretendentes a ocupar o centro do velorio, converte a
capital de Santa Cristina en duplo, e único, centro referencial. A segunda,
aínda que, coido, non pasa dunha sospeitosa dúbida razoábel e supoño que todos
ignorades, é que o Chiño debe ter accións nesa multinacional dos seguros de decesos
que é a Santa Lucía e debe querer que nos fagamos socios para, por módicas
cotas mensuais, aforrar un pouco no momento no que se rache o fío e só fique o
alén.Fóra chanzas. A razón é simple, pretende veñamos presentar os nosos últimos
respectos a esa alma desterrada que pasou tres décadas nun frigorífico de
Londonderry.
Sobre o papel coincidimos na
denominación para os nosos estudos universitarios, emporiso non debemos cruzarnos
moito polas rúas compostelás, pois el, como podedes apreciar, aínda está de bo
ver e un xa vai collendo praza na liña de saída cara ao velorio. Mais ambos
troupeleamos sobre as pedras molladas en tempos de incertezas e medos, estas non
eran as de hoxe, pero, non só os que nos dedicamos á historia sabedes que esta
non se repite, pero ben que somos conscientes de que hai contextos que se
asemellan.
Rúas sobre as que
literaturizou en, libro que non lin pero que me gustaría facelo, Último peaje, no que reflicte, segundo
leo nas recensións, os andares composteláns e vigueses durante as décadas finais
do pasado século, que foron tamén as miñas paisaxes naqueles tempos. Con todo, unha
capital en plena transformación social e condicionada pola visita papal, de Ratzinger, inspirou, con
fortuna, o seu Cruzados en Compostela.
En asuntos da cátedra de San Pedro, o Chiño é todo un especialista, como podemos
apreciar nesta nova entrega literaria, e, como ben sabedes das visitas papais
non nos damos librado.
Mais o Chiño, coido eu, ten
moita máis querenza polo seu territorio natal que polo compostelán. Eu, que
teño con el un trato superficial, ou non tanto, a través da lectura dos seus
libros, imaxínoo como un ghicho de Lavadores, ou quizais das Travesas, mesmo, o
mellor de Teis, movéndose en tranvía para achegarse a Vigo. Ese xeito de transporte
que tan aquelado sería para a actualidade e foi varrido na súa potencialidade
por modernidades temporais e a avaricia
dos de sempre, como nos lembrou no seu Blues
da Florida.
Así que eu imaxino ese
ghicho, o Chiño, habelencioso con toda caste de trebellos mecánicos, mesmo
obsesionado con eles, tanto os inventados como os aínda por inventar,
repousando as costas contra a casa da esquina, fronte por fronte co Airiños,
mentres apura ansioso o Winston que viña de mercar no quiosco para cabreo do
colega co que o compartía, que, coma sempre, alporizouse por quentarlle o pito.
Sitúoo en fronte do Airiños
e non dentro, porque coido que unha virtudes do Chiño, cando menos como
narrador, é a de voyeur, de observador de sucesos para fixalos na súa
memoria e despois recuperalos para deixarnos un sorriso nos beizos. Así é dende
a primeira á última das páxinas deste conxunto de contos. Tres conceptos sobre
os que me quero deter, con lóxica brevidade: contos, voyeur e humor.
Sobre os contos, estráñame
moito o abandono deste termo para referirse a un dos, non sei se pode
cualificar así, xéneros literarios máis complexos; o relato breve. Ata hai
unhas décadas, non se dubidaba en titular os relatos curtos como contos,
distinguíndoos así das novelas; penso agora na Pardo Bazán, pero pódese dicir
Cortazar, Poe, Chejov, Borges ou Ferrín; mesmo os editores seleccionaban algúns
destes relatos e agrupábanos baixo o simple rótulo de Contos e debaixo púñanlle o nome do autor ou autora. Quizais, digo
eu…, o éxito da narración oral en teatros e cafeterías, os chamados
"contacontos", provocou o abandono do termo e mesmo quizais, matino…,
o cultivo deste tipo de narración de escasos personaxes e sen elementos
secundarios que desconcentren ao lector. Técnica literaria non doada.
Ao voyeur xa me
referín. O ghicho no córner; o solitario na terraza; o flâneur sen
rumbo; os ollos tras as cortiniñas; o observador a traizón. Espiando
transeúntes, arrimando as orellas á conversa, atentos ás noticias raras, lectores
da paxina de sucesos do Faro, seguidores
das novas estrambóticas dos matinais televisivos ou raposeiros na conversa para
espreitar xestos ou anotar palabras. Todo cun só fin, apañar material para elaborar
a narración e, no caso de Chiño, cun medido ton fantasioso e a ironía como permanente
compañeira, botando a voar a imaxinación sen afastarse da realidade física
e mecánica, da terra, das xentes e dos
aparellos, agás cando trata temas espirituais, que daquela, como é natural, ascende
aos ceos perceptivos para poñerse á altura do Espírito Santo.
O terceiro concepto, o do
humor, expándese por todo o libro; entendido á maneira de Celestino Fernández de la Vega, sempre sen chegar
ao exceso de traxedia, é dicir, de maldade inhumana, como tampouco ao da
comicidade momentánea, gargalleira e barulleira; senón aquelando graza e ironía,
o punto alegre co instante melancólico. Os galegos e galegas pertencemos a unha
cultura na que o humor forma parte da vida cotiá; sen esbardallar, procuramos unha
actitude crítica, achar respostas axeitadas ante os acontecementos para poder
rirnos de todas e cada unha das manifestacións da vida, pero sen que a morte
nos sexa tan antipática como para non poder facer chanza dela, iso si, asegurándonos
de que non teña moita présa en darnos a aperta definitiva, e, sen esquecer que,
aínda sendo Deus moi bo, o demo, o diaño, tampouco é malo, e non deixa de ser
un ghichiño simpático, algo traste, argalleiro, cómplice dos nosos segredos inconfesábeis
e dos nosos proxectos mais desexados.
De todo isto, apegado á
terra, ao devir cotián, achéganos Chiño este mangado de contos nos que moitos
dos que hoxe aquí estamos, cando menos eu, podedes rememorar momentos, vervos
retratados, lembrar aquel personaxe, aquel instante, aquel momento, aquela
circunstancia, sen que desapareza do voso rostro o sorriso que a fina ironía e
habilidade literaria de Chiño provoca na persoa lectora.
Sabarís de
Santa Cristina 11 de xuño de 2026
P. S. Infelizmente este comentario xa necesita un
triste pé de páxina. O noso querido Iglesias Viqueira realizou a súa última
visita ao tanatorio; non lle ficaba moi lonxe. Sempre o lembraremos cun ducados
entre os longos dedos amarelecidos, o abondoso cabelo atrapallado e o sorriso
irónico de vello ácrata curtido en mil follas de papel prensa. A terra seralle
leve.

Ningún comentario:
Publicar un comentario