domingo, agosto 09, 2015

Retallo 5


Tanto pola súa extracción popular como pola súa
tortuosa historia; pola non correlación entre
sentimento nacional e expresión política da nación;
pola particular estrutura social encabezada por unhas
elites burguesas que ou son foráneas ou optaron por
renunciar ao seu liderado a cambio das “trinta moedas”
da influencia política en Madrid; o nacionalismo galego
precisa dunha estratexia de ampla alianza social. O
liderado desa gran alianza (coas febles elites
económicas interesadamente incapaces para asumir a
expresión da vontade nacional) só pode ser exercido
polos sectores sociais subordinados e sectores das
clases medias cultivadas.
Ante esta realidade que limita en gran medida a
expresión política da vontade nacional, o nacionalismo
galego precisará tecer alianzas con aqueles sectores
que, aínda non asumindo o proxecto de vontade nacional,
non sexan refractarios a el. Este proceso de
acumulación non pasa por un proxecto de nación brando,
dondo, livián, lixeiro, senón pola pretensión dun
proxecto político compartido baixo a hexemonía da
“posición orixinal” da lingua e da cultura galegas e do
recoñecemento do dereito dos pobos, que se reclaman de

seu, a decidir.

sábado, agosto 08, 2015

Retallo 4


Liberté, egalité, fraternité. Os socialistas mornos,
coma os liberais, colleron a primeira palabra, como se
puidese existir a liberdade entre os que son desiguais;
os comunistas gaban a segunda, como se fose posible
convivir co despotismo; só os anarquistas teñen en conta
o triángulo, pero a súa proposta de abolir o Estado

devólvenos ás sociedades primitivas.

venres, agosto 07, 2015

Retallos 3

A pesar do seu fracaso histórico, na súa forma
socialdemócrata ou comunista, a alternativa ao
capitalismo salvaxe ou domesticado non é outra que o
socialismo. Sobre as cinsas da experiencia fracasada do
socialismo real e da socialdemocracia xestionadora temos
que elaborar as bases do proxecto socialista. O
nacionalismo galego non pode, nin debe, eludir este
debate. Pola contra ten que facer achegas, formular
propostas e fomentar o diálogo coas correntes europeas e
mundiais que andan na procura dun novo proxecto. A
política do disimulo, de que nós o que temos que facer é
defender o país, de que isto non vai comigo, de evitar a
cuestión... en realidade non é máis cá pretendida
evasión de quen non asume o fracaso histórico do
socialismo soviético ou non son quen de asumir que a
socialdemocracia derivou simplemente en

social-liberalismo.

Retallos 2

Galicia, pola súa formación social, pola súa estrutura económica, pola historia do seu territorio,pola psicoloxía das súas xentes, pola impúdica e onanista traizón das súas elites económicas, fixo que fosen as clases populares, subalternas, as que asumisen o proxecto nacional e popular. Dende Antolín Faraldo ata hoxe, o nacionalismo galego foi, agás casos individuais moi concretos, sempre progresista ou de esquerda.

Escindir nacionalismo e esquerda coa idea de configurar un nacionalismo galego “centrado” non responde aos trazos sinalados. Pretendelo facer a partir da base socialhistórica do nacionalismo é o xeito máis doado de convertelo en ineficaz.

xoves, agosto 06, 2015

Retallo 1


Semella unha pulsión esquizoide pretender escindir o
nacionalismo galego da esquerda. Non resulta doada a
defensa das clases subalternas esquecendo a condición
subalterna da lingua e da cultura que estas clases
criaron. Non me parece posíbel defender as clases
subalternas esquecendo que residen nun territorio
subalterno a respecto dos centros de decisión estatais e
do euro. Non se pode escindir a subalteridade.

Precísase dunha esquerda que asuma todas as loitas
contra calquera caste de discriminación ou marxinación 
sexa de xénero ou cultural, lingüística ou sexual,económica ou relixiosa, de territorio ou de idade...



xoves, xullo 16, 2015

Identidade, tradición e modernidade: O universalimo da cultura galega



Déixovos o texto base dunha charla pronunciada en Baiona o pasado 9 de xullo de 2015, nun ciclo dirixido nomeadamente a “veraneantes tradicionais” da vila. Non está todo o que se dixo, nin se dixo todo o que está. A alguén pódelle interesar.


    Agradecer a Antonio Piñero o convite para participar neste ciclo de conferencias que dende hai anos organiza coa xenerosa vontade de darlle un pouco de vida cultural á Baiona veraneante, ou sedentaria. O esforzo ben merece a pena ser gabado. Agradecerlle tamén a sensibilidade por convidarme para falar na lingua propia do país e sobre a cultura propia do país.

luns, xullo 13, 2015

Vinte e cinco. Esperanza

Para Antonio (Juan) Valverde


     O meu tío-avó Nilo era ben aproveitadiño. Participaba da común cultura das “tres erres”, agora de moda. No seu tempo, sen innecesarias teorizacións verdes, as xentes reducían, reciclaban e reutilizaban o que pillasen por diante. Ora, como o meu tío-avó, poucos. Cando se furaba un penico ou unha pota poñíalle uns remaches, ata que o penico, ou a pota, era máis remache que outra cousa.