mércores, marzo 08, 2017

Area loura

Din que foi a maior transformación que se produciu ao longo do século XX. As exclusividades tenden a esaxerar. Semella que xunto a urbanización, a revolución rusa,  á desfeita dos imperios, as conquistas sociais dos trinta anos gloriosos, a revolución das comunicacións... e algunha outra máis, a conquista de dereitos da muller e, a partir da década dos sesenta, os cambios de costumes sexuais, foron unha mudanza de fondo no comportamento das sociedades do norte euroamericano. Para decatarse de tan grandes diferenzas só é preciso repasar a Historia da vida privada que dirixiron, hai anos,  Ariés e Duby. Do resto, a enorme maioría do planeta, non falamos.

Emporiso a violencia contra as mulleres, o maltrato, o asasinato, seguen a ter tráxica presenza nese anaco do mundo que temos como parcial referencia. Á beira da brutalidade, aparentes minucias, hoxe case ridículas, seguen a amosarnos a orixe patriarcal na que se asenta a discriminación de xénero.

Estes días o Bloco de Esquerdas reclamou unha modificación do Código Civil, datado en 1966. É evidente que as modificacións, a resultas da Revolución de Abril e da Constitución de 1976, foron intensas. Mais o código portugués segue contemplando, segundo o BE, que:  “Após o divórcio, dissolução ou nulidade de casamento, os homens podem voltar a casar após 180 dias. Já as mulheres só podem fazê-lo após 300 dias”. No mesmo código contémplase a excepcionalidade de as mulleres poderen casar 180 días despois do divorcio, disolución ou nulidade matrimonial no caso de achegar unha  declaración xudicial de non estar grávida ou non ter parido logo da disolución do matrimonio. Eses catro meses de diferenza agochan séculos de discriminación.

Hoxe camiñei polas rúas da cidade da oliveira da man das amigas da Area Loura miñorá, entre xentes novas e vellas que mesturaban o negro lutuoso co violeta reivindicativo cun gusto semellante a como o fixo Teófilo Edicións no Libro das Abandonadas de Xosé Luís Franco Grande. A súa lectura fica en espera.

Mércores 8 de marzo de 2017


Vadear o río

De cando en vez paso o río común para facer a “compra”, dar un paseo, xantar coas amizades, mercar viño ou tomar un café.

Nestas xornadas de reparación corporal e mental xorde, convertida xa en lugar común,  a conversa admirada sobre as vilas do sur: o gusto polo patrimonio construído, o coidado do natural e dos xardíns, a limpeza das rúas, a amabilidade dos vendedores, o falar baixiño nos restaurantes... O contraste entre unha e outra beira é tan salientábel que fai ineludíbel que os falares camiñen pola diferenza.

Despois vén o debate sobre as causas. Aquí xa non hai unanimidade. Uns falan da cultura. Outros de que o salazarismo non era tan ignorante como o franquismo. Os de máis alá dos recursos chuchados ás colonias. Os de máis acá da explotación dos “camponeses”.  E outros da pegada das escolas de arquitectura... Eu apoño tamén o meu parecer; o de que do lado de abaixo teñen soberanía e do de arriba non.

Refírome á “soberanía estética” que reclamaban, en Lugo,  as Irmandades da Fala, hai case un século, sobre “as costruciós urbanas e ruraes”. Demandaban os irmandiños daquela unha lei que obrigase os propietario a “axeitare o estilo das suas costruciós”, permitise a expropiación de “moimentos e paisaxes” e organizase o “ensiño artistico”.

Cada vez que viro cara a Mañufe e ollo o centro simbólico do Val Miñor sen fuste nin capitel, rodeado de piche e de coche e atraveso o río por riba dunha plataforma de formigón sostida por unha ponte do século XII caéme a soberanía estética aos pés.

Martes, sete de marzo de 2017




luns, marzo 06, 2017

Séculos

O 21 de agosto de 1612, a Diego Sarmiento de Acuña, aínda non era Conde de Gondomar,nomeárono embaixador ordinario de Filipe II ante Inglaterra. Había tres séculos que esta comezara a súa expansión colonial, por Irlanda. Gondomar, o conde, apañou fortes dores de cabeza para axudar os seus correlixionarios católicos de Irlanda. Tamén os ingleses e mesmo a fanáticos na procura de martirio.

Case cen anos despois (1706) da embaixada do de Gondomar,  a católica Escocia uníase, mediante o Tratado da Unión, a Inglaterra; nacía o Reino Unido da Gran Bretaña que se consolidaba como potencia imperial ao tempo que a Monarquía Católica, xa en mans dos Borbóns, agravaba o seu declive.

Nese mesmo ano o Decreto de Nueva Planta de Filipe V abolía os Foros e Constitución dos reinos de Aragón e Valencia. Uns anos despois os de Mallorca e as Pitiusas, o 16 de xaneiro de 1716 a constitución do Principado de Cataluña.

O outro día o Sinn Féin acadou un gran apoio electoral en Irlanda do Norte. O entrambilicado sistema de equilibrios deseñado no acordo do Venres Santo de 1998 non empece que, máis cedo que tarde, chegue o momento da convocatoria dun referendo no norte irlandés para acordar sobre a unificación con Irlanda.

O brexit deu azos aos partidarios da unificación de Irlanda e deprimiu os ánimos dos unionistas británicos. A decisión referendada de abandonar a Unión Europea empurrou o nacionalismo escocés a presentar diversas propostas de relación coa UE. O nacionalismo catalán, e moitas persoas demócratas que non se reclaman do nacionalismo, demandan, dende hai anos, algunha forma de consulta sobre a súa relación con España.

A historia non se repite, pero tampouco esvaece.

Luns, seis de marzo de 2017


venres, marzo 03, 2017

A Fábrica. Crónica de corenta anos de acción sindical (1964-2004)


O próximo xoves, 9 de abril, ás 20.00h na Libraida de Gondomar estaremos acompañando a Anxo González Ferreira na presentación do seu libro A Fábrica. Crónica de corenta anos de acción sindical (1964-2004) (Edicións Landoa). 

Na véspera do Día da Clase Obreira Galega rememoraremos catro décadas de loita sindical na principal industria viguesa.

xoves, marzo 02, 2017

Casandra apesarada*

A verdade é que me sorprendeu. O outro día baixando por unha das rúas braguesas perpendiculares á luminosa Praça da República, na branca parede dunha fermosa casa, escrita con letra persoal coidadosamente entrecomiñada, batín  coa frase, así en castelán, “No a la ley mordaza”. Latexoume nos ollos por inesperada. Matinei na ameazante advertencia.

Lembrei a Cassandra (así, con dous s), a rapaza murciana que se enfronta a unha petición de dous anos e seis meses de cárcere polos “chistes” referidos ao almirante Carrero Blanco. A moza de 21 anos, estudante de Historia, seica tuiteou: “Kissinguer le regaló a Carrero Blanco un trozo de luna, ETA le pagó el viaje a ella”. É evidente que ten ben estudado o momento, efectivamente o temíbel conspirador e secretario de estado de Nixon, agasallara, un día antes do atentado, ao que ía ser sucesor de Franco cun anaco de pedra da lúa.

Oxalá que o seu nome non sexa premonitorio. Seica Casandra pediulle a Apolo o don da profecía. O deus concedeullo a cambio de que a fermosa moza se deitase con el. Esta retractouse. O patrón de Delfos cuspiulle na boca e fixo que ninguén crese nos seus vaticinios. Fariamos mal non crer o que Cassandra nos anuncia.

Lembro ben o rostro apesarado, asustado e medorento do meu pai cando, a media mañá daquel 20 de decembro de 1973, entrou na habitación para anunciarme o voo do almirante das “cellas mestas”. Lembro ben a enxurrada de chistes, uns mais graciosos que outros, que aos poucos días inzaban as barras dos bares, as mesas de comedor ou os bancos das prazas. Agora, por facer chistes, corenta e tantos anos despois ameazan unha rapaza con dous anos e medio de cárcere?

No seu último libro o profesor Fontana analiza como o medo obsesivo condiciona o comportamento social, unhas veces inhibindo as respostas colectivas e outras provocando indesexados estoupidos. Son dos que pensan que é inexplicábel a escasa resposta social ante a brutal crise desatada desde o 2008 sen recorrer ao factor medo; como tamén penso que é inconcibíbel o avance da extrema dereita na Europa central e do norte sen ter en consideración mecanismos como o temor ao “outro descoñecido”. Este concepto tamén cumpriría consideralo para explicar a vitoria do personaxe Trump.

Unha extrema dereita que en España non se manifesta abertamente porque está agochada nun partido herdeiro, en gran medida, dos “ollos moles” do xeneralísimo e das “cellas mestas” do almirante pero que se expresa, cada vez con máis intensidade, cando as súas elites se senten inquietas ou cuestionadas.

A persecución (Cassandra, cantante de Def Con Dos, concelleiro de Cangas...) contra a liberdade de expresión ten como finalidade a intimidación da disidencia e a exaltación da superioridade moral das elites estabelecendo uns lindes moi ríxidos para os opositores e moi frouxos para elas. Así ordenan as vítimas segundo un escalafón moral; na cima están as vítimas de ETA e no lugar máis baixo as do franquismo e polo medio aquelas que non poden ser facilmente manipuladas (Alvia, Yak42...). Así que xa saben non se poden facer chistes en Twiter ou na barra sobre Carrero ou similares pero si se poden dicir barbaridades sobre os familiares das vítimas do franquismo en sede parlamentaria, subvencionar á Fundación Francisco Franco ou protexer a exministros e expolicías para que non teñan que responder ante a xustiza.

PS. Guillermo, non sei se será mellor que non publiques estas liñas, non vaia ser que algún deses amordazantes fiscais as poidan consideran unha ameaza contra a seguridade cidadá.

 * Publicado en Novas do Eixo Atlántico, marzo de 2017

Na memoria de Carlos Casares

Neste ano de Casares déixovos as miñas respostas a un breve cuestionario que formulara Rafael Laso Lorenzo e que incorporou no libro Carlos Casares o amigo das palabras (Galaxia, 2013). Agora que pasou o Entroido e a memoria de Carlos abrolla enérxica.

"A Galiña azul" de Alfonso Soliño no paseo Carlos Casares de Gondomar.
Como vías ti a Carlos Casares, como escritor e como persoa?
Tratei a Casares superficialmente polo que non podo máis que relatar a impresión que en min causou un conversador engaiolante, inesgotable, respectuoso coas opinións dos outros, sempre cunha pinguiña de humor tirado da anécdota cotiá.

A verdade é que vai alá unha década. Nos dous anos posteriores á súa morte, nas noites de agosto, no “Eladio” de Panxón, seguimos a reunirnos algúns amigos de Carlos: Miguel Viqueira, Javier Torrente e Xosé María Fonseca Moretón… e, unha noite tras outra, Casares ocupaba as horas do café nocturno e as de estarricar as pernas polo paseo  que agora leva o seu nome, cos títulos das súas obras gravadas en graníticas lousas. Así souben das cousas de Casares e coñecino a través da lembranza agarimosa dos seus amigos.

As nosas posicións ideolóxicas e políticas non eran coincidentes mais había un elo de unión, a dignificación da nosa lingua e cultura, o que realmente lle importaba. De feito coido que Casares, en sentido figurado, descoidou o seu labor como escritor. Explícome, consideraba moi relevante o seu papel como dinamizador cultural, dende as institucións (Galaxia, Consello da Cultura) mais tamén dende o traballo cultural de base, ao pé das asociacións culturais. Sempre estaba disposto, sempre tiña tempo para unha conversa, para idear un Congreso sobre o Conde de Gondomar, que nunca se realizou porque a parca o impediu, para acudir a unha radio local ou para facer de notario no enterro da sardiña. Por iso digo que descoidou o seu traballo de escritor, non tanto porque non atendese as súas obras.

Lembro vivamente o 23 de febreiro de 2002. Tiñamos un acto na Casa de Cultura de Gondomar para presentar unha humilde edición das coplas e actas notariais de quince anos enterrando a sardiña na vila de Don Diego Sarmiento, da que el mesmo fora notario.  Chegaba dunha viaxe a Lisboa, deille o libriño, acariñouno con delicadeza e comentou algo sobre os escasos medios da edición. Despois, na que debeu ser unha das súas últimas intervencións públicas, fixo un breve e fermoso discurso que transcribimos nun monográfico da Revista de Estudos Miñoranos baixo o rótulo, por nós inventado, de "Eloxio da Tolerancia". Coido que este breve texto é moi representativo do pensamento de Casares, un humanista, escasamente político e menos aínda cunha ideoloxía forte, a non ser que entendamos o seu "pensamento débil" como tal.

Que calidades destacarías na súa escrita?
O que máis me atraía era a súa escrita sinxela, directa, clara, aparentemente fácil, que lle permitía facer obras redondas, cando menos para min, como "Ilustrísima”, por certo a identificación entre o tolerante arcebispo e o propio Casares é evidente. Esa escrita sinxela, que sen necesidade de retorcerse conseguía que rematases odiando ao malvado "Deus sentado nun sillón azul", sorrindo ante a tráxica burocracia de "Os mortos daquel verán" ou desacougado ao rematar "O sol do verán".

Se tiveses que escoller unha soa, con cal das súas obrar te quedarías? Por que?
De ter que escoller, elixiría, unha que non é, en sentido estrito, literaria. Refírome ás breves colaboracións xornalísticas de “Á marxe”. Coido que nos últimos anos tíñalle absolutamente collida a medida, non só no sentido da extensión, perfectamente adecuada á lectura urxente do xornal, senón tamén literaria e conceptualmente como reflexión sobre o cotián, o miúdo, o aparentemente irrelevante… escrito nun galego próximo que procuraba acercarse aos lectores, mesmo a aqueles que non acostumaban ler na nosa lingua.

Neste senso teño o orgullo de que cando debatiamos sobre os contidos do monográfico da Revista de Estudos Miñoranos se nos ocorrese encargarlle un artigo sobre o Casares escritor en xornais ao mozo e intelixente xornalista Iago Martinez. A resultas daquel traballo Galaxia encargoulle preparar a edición de “Á marxe”. Deben ir xa oito volumes. De vez en cando collo un tomo, ábroo por onde lle cadra e leo, cun breve sorriso, algunhas daquelas refrescantes “tiras” que ningún escritor galego conseguiu dominar coa mesma mestría, agás Bieito Iglesias, salvadas as distancias conceptuais e lingüísticas. Claro que este non ten a plataforma da última páxina da “Voz”.

Se che fose posible, que lle preguntarías hoxe a Carlos Casares?
Casares era un optimista antropolóxico. Pero no tema da lingua era pesimista, no senso de que coidaba que o galego, non é que fose desaparecer, mais si que o seu uso quedaría reducido a unha minoría. Por iso lle daba tanta importancia á presenza do galego nos espazos máis afastados do seu uso e a facelo doado para as persoas que non o empregaban ou mesmo o rexeitaban.


Hoxe volveríalle preguntar como ve o futuro do idioma. A el que non era nacionalista e dedicou a súa vida á promoción e prestixio da nosa lingua e da nosa cultura. Hoxe cando un se vai facendo cada vez máis pesimista e ten que ver como dende o goberno de Galicia non só non se fan esforzos e achegan medios para restaurar o seu uso social senón que, ben ao contrario, trátase con desleixo e desprezo.

Memoria da inocencia*


Non era doado o mandado: facer un libro sobre os toliños de Xinzo. A tentación, ensarillar unha serie de anécdotas sobre a restra de personaxes virados polo vento do Larouco, polas badaladas de Antioquía, polo croar das rás, ou, explicación xenérica das rarezas ourensás,  polo licor-café.

Mais non estamos ante un principiante, nin ante un afeccionado. Senón ante Antón Riveiro Coello. O escritor de Xinzo  ten demostrado ser un dos grandes narradores contemporáneos e da literatura galega e, ao tempo, quen de manter unha produción constante, profesional, de veterano escritor a pesar da súa xuventude. Así que o encargo de Casares que o autor rememora nas paxinas iniciais da novela non ficou nun relatorio de rarezas senón que se artellou como escintilantes pedriñas preciosas inseridas nun colar traballado por un prateiro de tradición. Riveiro Coello ofrécelle ao seu paisano un éxito póstumo como editor e unha homenaxe estilística na procura da sobriedade, da sensatez, da contención, da aparente sinxeleza, do sorriso irónico e por riba de todo da narración ben construída e comprensíbel.

A Marcelino, “o xograr de Villalón”, tanto lle ten ler o xornal do dereito como do revés. O “Tiroliro” recolle cabichas e Clarita papeis na procura do documento das partillas.  Agustín “O Vicentito” conduce un tráiler que só el ve mentres non para de dar voltas arredor de si. O  “tenente Mateo” é policía secreto en exercicio permanente; don Ramiro, o mestre políglota, alcumado “O Estranxeiro”; Pepe Tejada, anda sempre a preguntar canto mide un quilo; o Pelado de Damil é un franquista elocuente; JB, un toureiro carente de valor pero sobrado de estilo; Rafa Cacá, un anano bombeiro e toureiro; o “Fona” anda atarefado en medir os peidos;  a Enrique “Picamoca” cando o mandan ir á seitura di que non, ”que pica a moca”; O Manequín anda disfrazado todo o ano menos no Entroido que vai espido ... Desta panoplia de “feridos polo vento” destacan dous: o avó Mauro “O morto”, resucitado polo magnesio da cámara fotográfica axuntaba ao seu redor a todos os inocentes, parviños ou toliños da vila e dos arredores dos que levantaba exhaustivo censo e Demetrio, o de corpo lambido, que foxe da vila tan pronto tocan a morto e planta unha árbore cando nace un neno, tras do preceptivo informe do sanatorio.

Mais a novela está construída ao redor de Antón, un mozo adolescente, trasunto do autor, moito máis do que poida un pensar,  que nuns poucos días do verán de 1978 vai descubrir o amor, a morte, o sexo ... Poderiamos pois denominala unha novela de formación? Si, pero demasiado simple. Na miña opinión trátase máis ben dun relato da inocencia ou, mellor, da perda da inocencia dun “teenager” que nos días roubados ao internado descobre o amor: e cando regresa liberado do secuestro salesiano a morte róuballe brutalmente a inocencia. Esa morte, ese desexo incumprido, ese amor roubado deixara un pouso permanente de tristeza, de abatemento, en todo o relato. Mesmo cando de súpeto a vida rescata o adolescente e descóbrelle o sexo. O mundo descuberto ven acompañado de remorsos da traizón: “...dóeme o pracer case na mesma medida en que me atormenta o recordo”  (p. 125) e do sentimento de culpa .

Memoria, culpa, morte e amor, música e literatura sempre presentes na obra de Riveiro Coello construída coa tenacidade e a paciencia do  ourive.


*Publicado en Tempos Novos, febreiro 2017