xoves, marzo 02, 2017

Casandra apesarada*

A verdade é que me sorprendeu. O outro día baixando por unha das rúas braguesas perpendiculares á luminosa Praça da República, na branca parede dunha fermosa casa, escrita con letra persoal coidadosamente entrecomiñada, batín  coa frase, así en castelán, “No a la ley mordaza”. Latexoume nos ollos por inesperada. Matinei na ameazante advertencia.

Lembrei a Cassandra (así, con dous s), a rapaza murciana que se enfronta a unha petición de dous anos e seis meses de cárcere polos “chistes” referidos ao almirante Carrero Blanco. A moza de 21 anos, estudante de Historia, seica tuiteou: “Kissinguer le regaló a Carrero Blanco un trozo de luna, ETA le pagó el viaje a ella”. É evidente que ten ben estudado o momento, efectivamente o temíbel conspirador e secretario de estado de Nixon, agasallara, un día antes do atentado, ao que ía ser sucesor de Franco cun anaco de pedra da lúa.

Oxalá que o seu nome non sexa premonitorio. Seica Casandra pediulle a Apolo o don da profecía. O deus concedeullo a cambio de que a fermosa moza se deitase con el. Esta retractouse. O patrón de Delfos cuspiulle na boca e fixo que ninguén crese nos seus vaticinios. Fariamos mal non crer o que Cassandra nos anuncia.

Lembro ben o rostro apesarado, asustado e medorento do meu pai cando, a media mañá daquel 20 de decembro de 1973, entrou na habitación para anunciarme o voo do almirante das “cellas mestas”. Lembro ben a enxurrada de chistes, uns mais graciosos que outros, que aos poucos días inzaban as barras dos bares, as mesas de comedor ou os bancos das prazas. Agora, por facer chistes, corenta e tantos anos despois ameazan unha rapaza con dous anos e medio de cárcere?

No seu último libro o profesor Fontana analiza como o medo obsesivo condiciona o comportamento social, unhas veces inhibindo as respostas colectivas e outras provocando indesexados estoupidos. Son dos que pensan que é inexplicábel a escasa resposta social ante a brutal crise desatada desde o 2008 sen recorrer ao factor medo; como tamén penso que é inconcibíbel o avance da extrema dereita na Europa central e do norte sen ter en consideración mecanismos como o temor ao “outro descoñecido”. Este concepto tamén cumpriría consideralo para explicar a vitoria do personaxe Trump.

Unha extrema dereita que en España non se manifesta abertamente porque está agochada nun partido herdeiro, en gran medida, dos “ollos moles” do xeneralísimo e das “cellas mestas” do almirante pero que se expresa, cada vez con máis intensidade, cando as súas elites se senten inquietas ou cuestionadas.

A persecución (Cassandra, cantante de Def Con Dos, concelleiro de Cangas...) contra a liberdade de expresión ten como finalidade a intimidación da disidencia e a exaltación da superioridade moral das elites estabelecendo uns lindes moi ríxidos para os opositores e moi frouxos para elas. Así ordenan as vítimas segundo un escalafón moral; na cima están as vítimas de ETA e no lugar máis baixo as do franquismo e polo medio aquelas que non poden ser facilmente manipuladas (Alvia, Yak42...). Así que xa saben non se poden facer chistes en Twiter ou na barra sobre Carrero ou similares pero si se poden dicir barbaridades sobre os familiares das vítimas do franquismo en sede parlamentaria, subvencionar á Fundación Francisco Franco ou protexer a exministros e expolicías para que non teñan que responder ante a xustiza.

PS. Guillermo, non sei se será mellor que non publiques estas liñas, non vaia ser que algún deses amordazantes fiscais as poidan consideran unha ameaza contra a seguridade cidadá.

 * Publicado en Novas do Eixo Atlántico, marzo de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario