domingo, marzo 27, 2022

Onte día redondo

 


    Onte na Mini, na Fonte de Zeta de Baiona, foi un día redondo derredor de Xavier R. Baixeras e a súa lectura poética; con Xosé María Álvarez Cáccamo como mantedor e organizador destas “Lecturas” e coas imaxes que só Manuel Forcadela, o de animo paciente, podería deixarnos para gozar con máis tino cando o desexemos. A tarde alongouse sobre os manteis e aos manxares que Roi ía sazonando, libacións de zumes ben fermentados e amenas conversas. 

Déixovos o agasallo da gravación de Forcadela.

https://youtu.be/4GWSM8qpwlc

 


martes, marzo 22, 2022

Nova “Lectura poética” en “A Mini” con Xavier R. Baixeras


        

Xavier R. Baixeras

Amigos e amigas

    Nesta cuarta xeira das “Lecturas poéticas” imos procurar arrexuntar aínda máis poesía e gastronomía, e quen mellor para facelo que un consumado e recoñecido poeta e gastrónomo como Xavier R. Baixeras. Da primeira faceta só salientar a súa longa traxectoria poética, dende os primeiros anos oitenta do pasado século, con múltiples libros e numerosos premios; da segunda chéganos con citar o seu monumental Dicionario da comida galega: Do abadexo á zorza.

    O tamén tradutor e ensaísta, achegaranos algunhas dos súas últimas creacións poéticas e sabendo das súas afeccións gastronómicas seguro que atopará o xeito de acercarse ás formas mais tradicionais da comida baionesa.

    Esta cuarta “Lectura poética” (coordinadas polo poeta Xosé María Álvarez Cáccamo), será o sábado 26 de marzo e comezará ás 12.30, cunha duración aproximada de 45 minutos.

    As intervencións poéticas están pensadas para celebrarse no exterior, o pé mesmo da Fonte de Zeta, pero como non sempre os deuses do tempo acompañan, no caso de ser preciso poderemos resgardarnos no interior da taparía.

    Graciñas

    Nota: De ter interese en compartir mesa e mantel co Xavier Baixeras podedes facer a reserva no 646 74 93 28 ou en resposta este post.


Co meu agradecemento


    Déixovos a entrevista que me fixo Cilia Torna no Nós de hoxe sobre o meu novo libro editado por Laiovento O terror nas Tebras e outras catas na memoria na que se adiantan os temas que se tratan nesta media ducia de traballos que aínda tamén se fala do Val de Miñor, achegámonos tamén a Tomiño e o Baixo Miño, ao campo de concentración de Oia e a Mos da Louriña. Moi agradecido Cilia Torna.

https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/represion-baixo-mino-foi-brutal/20220321221052139584.html



Catas na memoria en Nigrán

     Antón Seoane

Psiquiatra e músico

 

 

De esquerda a dereita, Juan González, Rosa Pascual, Carlos Méixome e Antón Seoane

    Empregábase para diagnosticar e detectar no paciente a relación entre razón, desvarío e suxestión. Coñecése como test de Rochard. Son láminas en branco e negro, con formas un tanto caóticas, quizais humanas,  xeométricas ou zoomorfas; agás unha mancha vermella colocada ao chou. Observando a reacción detectabamos o chamado  “impacto ao vermello”, a sensibilidade da persoa para ficar engaiolada pola mancha, atrapada nunha especie de hipnotismo ou schok emocional.

    Vivimos tempos nos que prima o hipnotizante embarullando a que debía ser resposta lúcida e organizada ao preocupante, o fondo branco e negro.

    Cando naceu a era dixital, a industria de Hollywood saíu en defensa dos seus clásicos: non se debían tocar, non se debían maquillar, nin colorear; ao facelo, alterábase significativamente a súa historia. Coidamos que nos gustan aquelas películas porque satisfán a nostalxia, mais,  ao mellor, gústannos porque a súa estética, representada na esencia da paleta branca e negra, non engana;  só precisan dúas tonalidades para narrar unha historia. Velaí o paradigma do “Guernica” de Picasso, sen a mínima concesión cromática que mitigue a dor que representa.

    No noso imaxinario non acae a representación dun campo de exterminio cun floreado xardín; a verdade da súa historia só se pode transmitir coas cores antagónicas.  Camiño da cámara de gas, non se debe distraer a conciencia cun atractivo feixe de margaridas. Na súa cor orixinal, as reportaxes sobre a Alemaña nazi abafan cun mundo colorista de bandeiras vermellas coa cruz gamada e xente ensimesmada nun permanente parque temático no que convivían Wagner, a Gestapo e un tipo ridículo, bicando cativos alourados, namentres dirixía o exterminio. A florida postal era só un efecto óptico; a realidade era en branco e negro.

    Tempos confusos, nos que o onte e o agora se dan unha estraña aperta. Maquíllase o que se di, o que se oculta, o que se insulta; vémolo nas actitudes da extrema dereita española,  pero, todo desprende o tufo oculto do branco e negro. O dogma a galope, fanático, os bos radicalmente bos, puros de tanta pura e rancia inquisición; España, una, grande y libre, todo a galope. A intransixencia coma estandarte, a fachenda, notoria e pública, do desprezo de clase e o rexeitamento a calquera conquista social; ata a máis recente, como a regulación da eutanasia. Maquíllanse as ideas, as actitudes e as palabras. Difícil calcular o peso real de calquera delas, cando pesa máis a policromía que as envolve. A mensaxe como trampantollo.

    O croma é o fondo que permite o cine de ciencia-ficción. Todos vivimos sobre ese fondo pararreal, que permite un falso empoderamento individual. Como se puxo de manifesto en recentes eleccións, chegamos a crer que a palabra liberdade tiña unha significación real e certa, cando, en verdade, a charlatanería demostrou o seu desgaste, asociándoa ao slogan escravista, paradigma da alienación actual: merca, faino, divírtete onde, como e cando queiras.

    A maquillaxe, como propaganda, é efectiva, ostentosa e impúdica, obtendo a paradoxal empatía, os parabéns, dos escravos, convencidos para transitar a senda dos amos. Vivimos tempos perversos, de camuflaxe, nos que é preciso afondar no que se esconde trás a algarabía.

    Nos anos trinta do século XX, mulleres e homes, moitos do Valmiñor, xente común, mestres, médicos, panadeiros de Gondomar, mariñeiros de Baiona, parroquias, como a de Priegue, solidaria, sinala Carlos, loitaron por lograr o que agora non sabemos protexer. Coa República chegaba o principio da liberdade, dignidade e do ben común. A eles custoulles, en moitos casos, o que escribía o poeta: “a morte en cada casa”.

    Libros precisos e necesarios no que as verbas recuperan o seu verdadeiro significado: inxustiza, terror, persecución, desprezo, asañamento, odio de clase sempre, puritanismo relixioso, humillación, pero, tamén, liberdade, dignidade, heroísmo, legalidade, espírito solidario. Verbas rescatadas en Catas na Memoria da banalización na que algunhas delas semellan convalecer. O mal perverte a verdade; imprescindible ben.

    Tanto tempo transcorrido, tanta mancha vermella derramada, “Uma gota rubra sobre a calçada cai”, cantaba X. Afonso, tanto descaro, arbitrariedade e desigualdade social e seguimos vítimas do que Franco deixaba ben claro, recollido en Catas na Memoria: “La reconquista del territorio es el medio, la redención de los habitantes, el fin”. Diriamos, a capitulación das conciencias, paso necesario para o fin real: desbaratar, mudar calquera pequena conquista do modelo público, solidario, sometido o afán dun capital especulativo e cobizoso. Tanto é o roubado: banca, eléctricas, tecnolóxicas, privatización sanitaria, educativa, etc, que, nalgúns casos,  o divertimento da conquista do espazo pretende dar sentido a tanta rapina acumulada, como demostran os neoastronautas “pijos”.

    Semella que todo é banal, unha bagatela. As palabras que rescata Carlos axudan a transitar a  época actual, na que o sufrimento, a loita e a morte daquelas mulleres e homes  miñoráns semella que fora de balde. Quizais non estamos á altura, precisando unha reflexión, unha explicación colectiva,  pero, cómpre outra cata na memoria recente.

    Namentres, como na película, o tempo pasa.

    Nigrán, 11 de xuño de 2021

 

"Catas na memoria" en Vigo

Xa leva un ano trouleando pola librarías e nas presentacións. Refírome as miñas Catas na   memoria (Laiovento, 2021), agora a mesma editorial acolleu O terror nas Tebras e outras catas na memoria que comeza a dar os seus primeiros pasos achegándose ás librarías. Nas  moitas   presentacións das Catas na memoria arroupáronme amigas e amigos aos que lle estarei   agradecido para sempre. Entre elas houbo dúas persoas, amigas de longo percorrido, Rosa   Pascual e Antón   Seoane, que achegaron o seu texto escrito. Agora reléndoos  acordo que ben merece a pena que non fiquen esquecidos na gabeta e recupéroos para o Pé do Galiñeiro. Vai  agora o de Rosa e no seguinte post o de Antón. Graciñas aos dous.


Presentación de Catas na memoria en Vigo

 Rosa Pascual Abal

Catedrática de Xeografía e Historia

De esquerda a dereita: Xosé María Álvarez Cáccamo, Rosa Pascual, Carlos Méixome e Telmo Comesaña.


    Os libros teñen a súa xenealoxía, nacen das experiencias persoais, dos intereses, dos compromisos, das achegas e tamén das perdas dos seus autores, en certa forma sempre están relacionados coa súa biografía. Eu percorrín con Carlos unha parte da súa traxectoria e comezarei referíndome  a ese camiño que, na miña opinión, forma parte da xenealoxía deste libro e doutros que virán.

    Carlos e eu fomos durante anos profesores de historia no IES Escolas Proval de Nigrán. Eramos deses profes que cren na importancia e no valor da educación, pensabamos que a través do estudo da historia e do patrimonio da contorna o alumnado descubriría as súas raíces, o valor do patrimonio tanto material como inmaterial e desenvolvería a responsabilidade sobre a súa conservación e difusión. Non é pouca cousa. Unha parte  do programa referíase á ditadura franquista e a súa repercusión no noso Val.

    Esta orientación pedagóxica fixo que fosen actividades habituais pequenas investigacións, exercicios de historia oral e sobre todo as saídas pedagóxicas á contorna. Estas prácticas conectábannos co camiño que abriran anos antes os mestres republicanos cuxa memoria honramos.

    Neses anos, un pequeno grupo fundamos o Instituto de Estudos Miñoráns do que Carlos foi o principal impulsor, ao que lle dedicou varios anos da súa vida, contando coa colaboración xenerosa e desinteresada de moitas persoas do Val. O IEM puxo a nosa comarca nun lugar destacado da cultura galega, impulsou investigacións sobre variedade de temas e creou un importante arquivo. No referido á memoria histórica, fíxose un gran traballo de recollida de documentación e testemuñas orais, de organización de homenaxes e apertura de fosas.

    Detrás deste libro hai anos de investigación seria e rigorosa en arquivos, rexistros orais e outras fontes documentais privadas e públicas, ademais do apoio bibliográfico, aínda escaso, sobre o tema. Todo o que se di apóiase en evidencia primaria de época, que é o que diferenza un libro de historia dunha historieta, e nel enfróntase o relato falseado da historia que se creou durante a guerra, se consolidou e impuxo durante a ditadura e chega ata hoxe.

    O franquismo na procura da súa autolexitimación  precisaba enmascarar a súa orixe, o golpe de estado militar, por iso se forzouse en eliminar a lembranza do pasado democrático, en demonizar a República e manipular a realidade inverténdoa, de forma que as persoas que defendían a legalidade constitucional eran acusadas de rebeldes, traidoras á patria, conspiradoras, xusto todo o que eles eran, estas acusacións constan nas actas dos xuízos consultadas.

    No chamado “Ditame sobre a ilexitimidade dos poderes actuantes no 18 de xullo”, documento do ano 1939, dise que a Fronte Popular gañou as eleccións mediante fraude electoral, que estaba en perigo a unidade da patria polo estatuto de Cataluña, que o goberno republicano estaba ás ordes dunha potencia estranxeira e que ía traer o comunismo. En definitiva unha sarta de mentiras; pero, sóanvos de algo estas afirmacións?

    Para moitos españois de hoxe, incluso políticos, o franquismo non foi un réxime que rematou coas liberdades e os dereitos, cun goberno democrático e lexítimo, para instaurar a represión e o terror, senón un réxime que nos mantivo á marxe da segunda guerra mundial e promoveu o desenvolvemento económico, os 40 anos de paz! Por  todo isto Ángel Viñas conclúe que é preciso que os historiadores sigan cumprindo non só co seu deber intelectual senón tamén co compromiso ético e cívico para facer fronte ás falacias, calotes supercherías e trampas dos que ven na manipulación daquel pasado doloroso unha das claves para as batallas políticas e ideolóxicas do presente.

    O axuste de contas co pasado é moi importante. Se queremos pasar páxina, primeiro haberá que lela, por iso o traballo de Carlos é tan necesario.  Trás deste libro virán outros, hai aínda moitas zonas escuras, o que se refire ás mulleres, por exemplo; outros libros ampliarán e corrixirán o que hoxe sabemos, porque a historia, cando é boa, é sempre un relato inacabado que vai medrando con novos documentos e enfoques.

    A historia que se relata é a dun pobo, de xente que non sabe ler nin escribir, de xente pobre que non ten quen a defenda. Carlos comparte o desexo que a poeta Anna Ajmátova expresa no seu poema Réquiem: “quixera chamalas a todas polo seu nome”, e aínda que a poeta non poida facelo, Carlos si, convoca as vítimas polos seus nomes e apelidos e polos dos seus país e nais, sácaas do anonimato, trátaas con respecto e compaixón, e por iso un texto, que ás veces é una relación de nomes, convertese nun documento emocionante e conmovedor.

    Remato cunha cita, traducida por Manuel Villot, das Tesis sobre a Historia de Walter Benjamin: “Acaso nos roza, a nós tamén, un refacho do vento que envolvía os de antes? Acaso nas voces ás que prestamos oído non resoa o eco doutras voces que deixaron de soar?… Se é así,  un secreto compromiso de reunión está daquela vixente entre as xeracións do pasado e a nosa”.

    E Benjamin mándanos unha mensaxe a nós, a xente do seu futuro: “O que podemos esperar dos que virán non é que nos agradezan polas nosas grandes accións senón que se lembren de nós, que fomos abatidos”.

Vigo 19/10/2021

 

luns, marzo 07, 2022

Graciñas

 



Moitos de vós sabedes que o ano, para min, non comezou moi ben e tampouco seguiu moi alá e para todos non podía ir peor. Pero hai paquetiños que axudan a coller folgos. Graciñas Afonso Ribas. Graciñas Laiovento


Diálogos na Mini con Xulio Ríos sobre "A metamorfose do comunismo na China" xunto a David Reinero e Tino Santiago

 


    Continuamos co noso intento de fusionar gastronomía e cultura. Primeiro puxemos en marcha as “Lecturas Poéticas”, que coordina Xosé María Álvarez Cáccamo, das que xa se celebraron tres sesións e que continuaremos nos próximos meses, con compromisos xa pechados.

    Agora queremos iniciar un novo formato que demos en denominar “Diálogos na Mini”. Tratase de conversar en torno a un libro ou a obra dunha persoa. A actividade constara de dúas partes. Unha primeira aberta ao público, entre as 20.15h. e as 21.15h. e unha segunda de conversa en torno a mesa e mantel co autor ou autora e as persoas convidadas  e todas aquelas que o desexen, previa reserva (646 74 93 28); o prezo do menú preparado polo noso chef é de 20 euros bebida aparte.

Xulio Ríos  

A metamorfose do comunismo na China

    Non podiamos comezar esta nova proposta sen contar con alguén de Baiona. Xulio Ríos é dende hai décadas veciño da nosa vila e nela puxo en marcha un dos proxectos investigadores e divulgadores máis importantes de Galicia, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) que ven de celebrar o seu 30 aniversario. Dirixiuno durante máis de dúas décadas e hoxe é o seu presidente de honra. Especialista en política chinesa, sería prolixo enumerar as súas outras múltiples actividades.

    O diálogo que propoñemos é en torno ao labor de Xulio Ríos e a un dos seus últimos libros, xa non o último, A metamorfose do comunismo na China (Editorial Kalandraka), do que xa se publicaron as súas versións en castelán, portugués e catalán.

    Para iniciar este diálogo en torno a realidade chinesa que a ben seguro derivará cara o papel da gran potencia na saída á agoniante situación que Europa e o mundo está a vivir nestes días contaremos coa presenza de dous xornalistas experimentados: co baionés de adolescencia e formación David Reinero, na actualidade redactor do xornal dixital Praza, e máis co xornalista da Televisión de Galicia, Tino Santiago, presentador de múltiples programas na cadea pública galega e, na actualidade, editor do programa cultural Zigzag.

David Reinero
Tino Santiago


    


Será o venres 11 ás 20:15 na Mini

 Fonte de Zeta 9, Baiona