É
certo que xa antes se iniciara na creación literaria2
pero será con posterioridade á publicación de O
pacto galego... cando
se asente neste camiño3
no que acadou o premio Xerais (2004) e o García Barros (2006). Agora
achéganos un breve ensaio4
sobre o seu amigo homenaxeado co Día das Letras deste ano e unha
breve biografía para acompañar unha escolma dirixida ao mundo
escolar5.É
un lugar común, ademais dunha evidencia contable, que ao falar de
Manuel María se sinale o seu exceso de produción “só de poesía,
publicou corenta e sete libros, pode que algún máis que non aparece
nas obras completas...” (p. 7); “Nin a mellor guía crítica
parece capaz de orientar o lector entre os 1.525 poemas que, a risco
de erro, escribiu (p. 59). Veiga procura atopar unha razón para ese
exceso: “Pero ese número de libros que publica, a todas luces un
exceso, a que se debe? Reitéranse os temas: as reflexións sobre a
súa vocación de poeta, os pequenos detalles da natureza, a paixón
pola súa muller, a crítica política, o prego, a burla das modas. É
como dar voltas nun círculo, probablemente buscando a mellor
versión, a máis acertada, do mesmo sentimento. Pero non pode ser só
iso. Máis alá da estética, parece buscar algo” (p. 9).
venres, abril 29, 2016
Falando con M. Veiga de Manuel María
domingo, abril 24, 2016
A árbore que acollía*
![]() |
| Campaña a prol dos topónimos. BNG, Vigo, 1984 |
Coñecino
ao pouco eu chegar a Vigo, en 1981. Ambos profesores na vella FP
dunha materia chamada Formación Humanística, un interesante
remexido de cousas. O nacionalismo galego sufría unha crise
profunda; por erradas decisións políticas e pola fragmentación
cainita. En Vigo a desfeita era total. Daquela naceu o BNG. Formamos
parte dos primeiros consellos nacionais ata a asemblea crucial do
Carballiño. Alí deixámolo. Compartimos longas e pesadas viaxes a
Compostela, aínda non se rematara a navallada, que “O Carballo”
convertía en magnificas sesións de debate sobre o divino e o
humano, como a el lle gustaba. Mente analítica, sintética,
conceptual, brillante, contundente, provocadora...
Lembro
unha noite de regreso de Compostela; paramos en Caldas a estirar as
pernas e tomar un café. Entramos nun bar no que unha ringleira de
homes ancorados na barra miraban un Madrid-Barça.
Entrou e dixo: Visca o Barça. Aquela ringleira virouse como se fose
un só home e unhas olladas entre sorprendidas e rabiosas
atravesáronnos. “O Carballo” botou unha espontánea gargallada.
Así era o crente, cristián e paúl que quixo que o incinerasen, a
súa última provocación.
No
ciclo anual (2006-07) de Tertulias do Instituto de Estudos Miñoranos
tiven o pracer de convidalo. Funo buscar a Marín, pasamos longas
horas de conversas. Ao día seguinte achegueino á residencia dos
paúles e prolongamos a conversa. No camiño, antes de chegar a
Marín, meteu a man no peto, deume uns folios mecanoescritos e
díxome: por se os queredes publicar na vosa revista. O texto do
Carballo non era moi acaído para unha revista de estudos locais.
Algúns
días despois de saber, a través de Xan Carballa, da súa morte,
andei a remexer nos seus libros e no medio das súas magnificas
conversas con Xan e Santiago Prol rexurdiron os folios que me
entregara aquela mañá do sábado 13 de xaneiro de 2007. Aquí na
revista dos historiadores galegos fican públicos.
Como
cando o coñecín, hai trinta é cinco anos, a expresión política
da nación cidadá sofre unha profunda crise, por erradas decisións
políticas e a fragmentación cainita. Cómpre o tino e sabedoría de
varios Carballos.
venres, abril 22, 2016
Arrandeando as memorias
Os
humanos somos seres “de” memoria, non simples animais “con”
memoria. Somos construcións da memoria. É por iso que a
“in”-memoria, soportable, con atroz sufrimento, nunha ditadura,
vírase en brutal inhumanidade cando é o resultado da determinación
biolóxica que nos deixa inermes e indefensos, ese baleiro repentino
que non se entende, que non se acepta, que nos pon fronte á finitude
da conciencia, da agoniante realidade dos limites temporais e
espaciais. A brutalidade da enfermidade da “non”-memoria, da
amnesia, da suspensión da conciencia, da disolución da identidade,
da perda do pasado, ata do propio nome, é o detonante da nostalxia
non paralizante da memoria de Manuel, o protagonista-narrador de As
últimas galerías1,
a primeira novela de Xosé María Álvarez Cáccamo.
Un
protagonista que irá reconstruíndo a memoria da nai a partir da
lembranza da felicidade infantil e xuvenil, da admiración pola forza
materna que non deixaba que a infección lle traspasase a súa pel
para poder atender así os fillos, os asuntos da casa, para facer
deporte... “Collo o camiño de volta cara a abaixo pola rúa da
Bouza. Cesa a miña nai na súa angustiosa demanda. Non hai casa onde
levala nin fillos cativos que agarden por ela. O piso da avenida do
Sur deshabitado (...) pero non podemos regresar. Alí xa non podes
vivir...” (p. 15).
mércores, abril 20, 2016
Unha viaxe berlinesa
| Muro de Berlín. |
Como
as persoas, as cidades tamén se cruzan no camiño; sen agardalas.
Pásame con algunhas, como Berlín. Cidade que non estaría entre as
miñas prioridades viaxeiras, en especial por ser un de caste
pousona. Primeiro por un agasallo e despois por un galano amoroso e
musical, o caso é que, en menos dun ano, andei en dúas ocasións
polo “Unter den Linden”.
Acudimos
a gozar dun divertido e magnifico home-paxaro, un espectacular
Sarastro, unha non tanto, nin tan maléfica, Raíña da Noite e a
súa filla, seria en exceso, e un insulso Tamino, rodeados dunha
espectacular escenografía condicionada polas reducidas dimensións
do Teatro Schiller. Ao día seguinte acudimos ao racionalista
edificio da Filharmónica para escoitar a súa orquestra interpretar
o “Concerto para piano nº 2” de Rachmaninov e a “Sinfonía nº
3” de Tchaikovsky. Sendo eslavos orientais e apaixonados os
compositores, non podían ser menos nin o director, nin o pianista,
ambos rusos e xudeus. O leste paira incesante sobre o ceo berlinés.
martes, abril 12, 2016
II República e galeguismo*
Dentro
de cinco días cúmprense 85 anos da proclamación da II República
española. Dentro de algo menos de catro meses será o 80 aniversario
da sublevación militar e fascista contra o réxime democrático.
Ambos
acontecementos semellan cousa de tempos ben recuados, dun pasado
afastado. Sen embargo os dous seguen ben presentes tanto na sociedade
española como entre as elites políticas e na mentalidade da
cidadanía.
Cando
menos para tres xeracións. Aquela que poderiamos denominar “nenos
e nenas da guerra”, nacida antes de 1939 (aproximadamente uns catro
millóns de persoas en todo o estado; en Galicia sobre unhas
300.000); a dos “nenos e nenas da autarquía”, nacida entre 1939
e 1958, os máis novos teñen un chisco menos de sesenta anos (preto
duns nove millóns de persoas no estado e de 600.000 no noso país);
e a dos “nenos e nenas reformistas” nacida entre 1959 e 1973 (uns
nove millóns e medio de persoas no conxunto; en Galicia sobre unhas
700.000). Só a cuarta xeración, a das persoas nacidas despois de
1973, as maiores con algo máis de corenta anos (uns 12 millóns no
estado; entre nós algo máis de 900.000), manteñen, en parte, unha
distancia, non só temporal senón sobre todo mental, cos feitos
acaecidos hai oito décadas e a súa prolongación ata o presente.
Tres
destas catro xeracións viviron baixo esa especie de anomalía
histórica que foi o franquismo e protagonizaron o restablecemento da
democracia nun, tamén anómalo, proceso que demos en chamar
“transición, que “transitou” baixo a permanente ameaza dun
golpe militar (que simulou un fracaso para triunfar) e o temor a unha
nova guerra.
sábado, abril 02, 2016
A quen lle debe temer Europa?
Nos
últimos anos a industria cinematográfica francesa leva camiño de
aprender que na súa arte, como nas outras, o choio consiste en ter
algo que contar e facelo ben. Asunto ben simple pero non moi doado.
Para conseguilo, vaise, aos poucos, desprendendo daqueles prolongados
e insufríbeis minutos de introspección intelectual a que era tan
afeccionado.
Sexa
como for, o francés é, na práctica, o único cine europeo que
asemella ser quen de sobrevivir con autonomía industrial e narradora
ao oligopolio produtor e distribuidor das “majors”. Téñeno ben
merecido. Xa dende cando, aló polos primeiros noventa do pasado
século, defenderon con paixón o que se denominou “excepción
cultural” co fin de limitar a absoluta desregularización do
comercio promovida e imposta polo efervescente neoliberalismo
daqueles anos. Aquela defensa da “excepción” por parte dos
gobernos e en xeral da sociedade francesa provocou a irritación de
ilustres liberais que afirmaban “que os produtos culturais son
tamén mercadorías” aínda que recoñecesen que o “seu valor
cultural rara vez coincide co seu valor artístico”, e
esclarecesen: “esta é unha deficiencia que só a educación e a
cultura poden ir corrixindo”. Nisto último teñen razón pero a
rectificación nunca a vai facer “as mans invisíbeis” do
mercado senón políticas públicas de promoción e difusión
cultural. O mercado poderá levar, como é o caso do persoeiro de
quen entresacamos as frases anteriores, á portada do Hola, ou
a moitas, a troulear por brillantes corredores de porcelanosa, mercar
nas tendas máis glamurosas, convidar a elegantes ceas de aniversario
e a outros parties sociais, pero non a dinamizar nin a cultura
“popular” nin a “alta” cultura.mércores, marzo 02, 2016
Paseo compostelá pola memoria, a culpa, a morte e o amor
Procuro
seguir as súas obras, aínda que un non sexa nin narrador, nin
critico, nin profesor de literatura, senón só un lector, mesmo non
tan constante como desexaría, de novela. Gusto de Riveiro porque é
garante dun texto coidado, puído, sen petulancias, que discorre
cunha aparente sinxeleza, resultado da teimosía correctora, que nos atrapa co seu persoal estilo de narrar e tamén porque, como Borges,
gusto de “gabarme daqueles libros que me foi dado ler”. Os
elefantes chegan tras catro anos soñando historias e enfiándoas
para que os protagonistas nolas narren, cada un súa realidade, como
se fose nun filme de grande orzamento cunha cámara nos ollos.
Despois o escritor realiza a montaxe. A arte cinematográfica
preside, dende o título, a novela que se desenvolve no estilo
“riveiriano”, perfeccionado tras as máis de 700 páxinas de
Laura no deserto. De estirpe limiá como Carlos Casares,
coincide con el na habelencia para narrar e ensarillar historias,
pola contra Riveiro prefire que o seu “estilo” se note pero
como afirma de Casares con “Unha prosa sempre ao dispor do que
contaba”1.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)



