xoves, xaneiro 16, 2020

En Murguía. Revista Galega de Historia



Acabo de recibir os exemplares do número 39 de Murguía, Revista Galega de Historia, ese pequeno milagre que cada seis meses é quen de realizar o equipo que colabora con Uxío-Breogán Diéguez Cequiel

Como sempre con achegas de moito e variado interese, como podedes comprobar neste resumo de presentación dos contidos

… o testamento de Rodrigo de Moscoso, membro dunha das máis destacadas liñaxes da Galiza do século XV, da man do historiador Miguel García-Fernández, investigador do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Prudencio Viveiro Mogo, do Instituto Galego de Historia, achéganos ao lanzamento de Nós. Boletín Mensual da Cultura Galega, diante do seu centenario, realizando unha transcrición do seu primeiro editorial, así como de dous editoriais moi significativos (o de 1925 e o de 1931). Abre a sección Investigación o profesor da Universidade de Vigo Oscar Diaz Fouces, quen desenvolve un artigo arredor do significado catalanista Josep Maria Batista i Roca, fundador da organización xuvenil Palestra e promotor dos encontros Galeuza no tempo republicano. A seguir o investigador predoutoral da Universidade de Santiago de Compostela Roque Sanfiz Arias mergúllase  na historia do fútbol no concello de Fene até 1936, no marco da expansión por toda Europa deste deporte. O profesor e investigador Emilio Xosé Ínsua realiza un pormenorizado estudo da figura do almirante viveirense do s.XIX Nicolás Fernández Chicarro Leguinechea. Por último, pechan esta sección o docente e investigador Carlos Méixome, quen reflexiona arredor da nación galega a partir da produción historiográfica de Ramón Villares; mentres o bibliotecario e xefe de Servizo da Biblioteca da Universidade da Coruña Pedro Incio realiza unha síntese arredor da difusión referida á investigación científica, pon de en destaque métodos e plataformas/repositorios ao seu servizo.
Na sección A Entrevista destacamos a figura de Consuelo Rodríguez López, Chelo, guerrilleira antifranquista, da man da catedrática da Universidade de Santiago de Compostela Aurora Marco, quen pasou horas de conversas coa loitadora antifranquista de Soulecín que vén de falecer. En Lembranzas sumámonos ás homenaxes a Antonio Fraguas, con motivo do Día das Letras Galegas, da man de Manuel Pazos Gómez do Instituto Galego de Historia.

Neste número como vedes incorporan unhas miñas divagacións sobre o libro de Ramón Villares Identidade e afectos patrios (Galaxia, 2017). Déixovos o enlace que no seu día pendurei no Pé do Galiñeiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario