As mentalidades
primitivas procuran a simplicidade, a coherencia, que a realidade cadre coa
lóxica, co racional, co que é “natural”
e doado de comprender. Por exemplo, no relato bíblico, escolleuse a bondade de
Abel, por vítima, e alcumouse a maldade como cainita, por asasino. Máis a disputa
resulta ben máis complexa, pouco dada á simple disxuntiva entre perversidade e
benevolencia. Caín, o primoxénito, era labrego e enrabiouse porque deus gababa máis
os agasallos que lle facía o seu irmán saltimbanqui que pasaba o día a tocar na
frauta detrás das ovellas, mentres el se eslombaba partindo terróns para apañar
unha mísera colleita. O deus inxusto desprezaba o esforzo e recoñecía o folgazán,
ata consentir a súa glorificación no relato bíblico. Caín colleulle tal zuna a
Abel que acabou non só por matalo senón por ignorar o seu crime.
Ata aí unha
lectura simple. Mais o relato continúa. Caín
foi castigado polo capricho de deus a vagar por terras ermas ata que atopou
acougo e fundou a primeira cidade que chamou, ao igual que o seu fillo, Enoc.
As reviravoltas da vida e dos anos converteron os labregos en urbanos e os
silos preñados de cereais provocaron a envexa dos pastorís frautistas e deles,
como é ben coñecido, xurdiron os invasores que, co roubo e a destrución,
estragaban as colleitas labradas durante décadas.
Dunha
lectura máis complexa podemos inducir que do castigo divino e do crime humano
xurdiu o progreso da cooperación e a esperanza, sempre incumprida, da
igualdade.
A resultas da súa grande obra, a cidade, os cainitas víronse con
forza para desafiar o deus antolladizo e “asaltar os ceos”, erguendo unha
torre ata onde el acougaba do seu atarefado labor resolutorio. Iracundo,
estragoulles o xoguete e ademais condenounos a falar linguas diferentes para
impedirlles a colaboración, aquel grande invento dos sosegados labregos
axuntados en aldeas para facerlles fronte aos excitados e violentos pastores,
sempre enzoufados en sangue animal.
Como é
sabido, outra vez o relato se simplificou. De novo deus equivocouse e o que el
desexaba fose castigo converteuse en bendición. A diversidade cultural acelerou
a cooperación e achegou máis igualdade, pois o que uns matinaron chegou aos
demais e, mellorado, ou non, adoptouse ás novas circunstancias.
O relato
simple prende nestes tempos de pandemia. É así como o meu tío-avó, Nilo, sempre
me anda a preguntar, quen o botou? Refírese ao bicho ese. Alguén o tivo que botar. Ou ti cres
que foi deus? Meu tío-avó é un volteriano rabioso, e, aínda sen sabelo, nin
sequera coñecer moito do gavacho, coida que iso de deus é un conto asiático.
Fronte ás súas preguntas, as miñas tentativas racionais de ignorante atrevido
sempre fracasan. Alguén o botou fosen os chinos ou os americanos, o caso é saber para que, remata concluínte.
Daquela,
como non lle dou a razón, aproveita para meterme o dedo no ollo. Moi ben
racional, dime, e vós que tropeleades… que tropeleades… que non vos dades posto
de acordo nin en como escribir a lingua que falamos, que parecedes fillos de
Caín!
Publicado
en Tempos Dixital 8/6/2020
Ningún comentario:
Publicar un comentario