venres, xuño 12, 2020

A recuperación cívica da memoria no Val de Miñor




* O presente texto é o resultado da fusión, reelaboración e actualización de tres textos xa publicados, dous deles en Murguía Revista Galega de Historia: “As fosas de San Xián-O Rosal. Un modelo de exhumación”, nº 23-24 (xaneiro-decembro, 2011), pp. 97-124 e “Algunhas consideracións ao abeiro das exhumacións das fosas de San Xián (O Rosal) e unha addenda” nº 34 (xaneiro-decembro, 2016), pp. 77-91; e de “La recuperación cívica de la memoria en el Val Miñor” en Fernández Prieto (ed.): Memoria de guerra y cultura de paz en el siglo XX. Ediciones Trea, Xixón, 2012, pp. 219-228

           Como non todo pode ir a papel, deixovolo aqui, a pesar da súa exrtensión, como constancia dun traballo e para quen lle poida interesar.

A recuperación cívica da memoria no Val de Miñor. As fosas de San Xián:algunhas consideracións e unha addenda. 



1.- Os inicios.-

Quizais houbese que comezar afirmando que a recuperación da memoria da persecución franquista principia no mesmo momento en que esta se produce, cando menos no noso estrito ámbito de estudo e acción memorialística, unha pequena comarca do sur de Galicia, o Val de Miñor. Entendo que a afirmación é valida para moitas outras áreas. Dicímolo non só pola permanente resistencia á ditadura senón tamén porque, dende o primeiro intre, houbo reivindicación da memoria das vítimas.

Explícome. A nosa comarca ficou conmovida polo múltiple crime cometido na madrugada do 16 de outubro de 1936 nunha reviravolta da estrada, a uns dous km. de Baiona, en dirección á Guarda. Nas primeiras horas daquel día asasinaron nove persoas. Cinco delas da parroquia mariñeira de Panxón, no concello de Nigrán; as outras catro residentes no termo  de Baiona. Dende aquel momento o lugar ficou denominado como “A Curva dos Nove” ou a “Volta dos Nove”. Nacía un novo topónimo nun evidente exercicio de memoria do trauma e reivindicación dos asasinados.

Relato en síntese. Uns días antes, os represores sospeitaron que nunha casa de Sabarís, no concello de Baiona, estaban agochados dous irmáns coñecidos como “Os Ineses”  por seren fillos de Inés. Entraron  na vivenda; ao  subiren pola escaleira de acceso ao primeiro e único andar, un dos irmáns disparou sobre o grupo de falanxistas e gardas civís comandado polo cabo Manuel González Pena[1], resultando ferido de gravidade o falanxista e garda xurado Luís Refojo Mariño. Os irmáns chimpáronse pola fiestra.  A un matárono no viñedo posterior á casa; o outro contra a tapia do cemiterio parroquial.

Ambos eran destacados dirixentes dos movementos sociais, culturais e políticos de esquerda. Un, Pepe, tamén coñecido como  “Saluto” pois con este alcume asinaba as súas colaboracións na Soli[2], cenetista,  faísta, activista agrario e cultural. O outro, Luís, ugetista, militante do PSOE, concelleiro en Baiona. Ambos estiveran na Arxentina de onde, cando menos Pepe, regresaran deportados e instaláranse na súa parroquia natal. Naturistas e ecoloxistas gañaban a vida cos produtos que vendían na feira de Sabarís e obtiñan nunha moderna explotación agraria  chamada “El Esperanto”. Nunha casa desta vila, da súa propiedade, estaba a sede da UGT, a da CNT así como o local da Sociedade Cultural “Francisco Ferrer i Guardia”.

Tras o golpe militar e a entrada das tropas no Val de Miñor agocháronse en varios lugares ata que se refuxiaron na casa dun home maior que tamén emigrara á Arxentina, culto e cego, e non crego como apareceu por descoido en varias publicacións,  que estaba ao coidado dunha señora maior e iletrada. Dise que o feito de que a anciá mercase o xornal e moito pan provocou as sospeitas dos perseguidores. A Sra. Perfecta, ese era o seu alcuño, aínda que o nome fose Dolores, tamén a mataron e para máis escarnio soterrárona na fosa común cos dous irmáns: primeiro un, despois a anciá e por enriba o segundo dos irmáns.

Ao falecemento do falanxista responderon cun horríbel acto vingativo. Ao coñecer a nova, un grupo de falanxistas e gardas civís, comandados polo cabo Pena, dirixiuse ao cárcere de Vigo. De alí seica non lle deixaron “sacar” ninguén. Achegáronse entón ao centro de detención do Frontón da rúa María Berdiales, controlado pola Falanxe e algúns mandos da Garda Civil. Sacaron nove presos. Leváronos ao centro de detención de Baiona, torturáronos e, na amañecida do mesmo día no que se publicaba na prensa o recordatorio do falanxista morto, asasináronos. Soterráronos nunha fosa común no cemiterio municipal de Baiona, no medio de chanzas e burlas.

Aos poucos días, no lugar do crime, na beira da estrada, mesmo enriba do mar, apareceron nove cruces riscadas coa urxencia do terror. Un  trazo rápido, nove raias verticais cruzando unha liña horizontal. Para desesperación dos criminais e dos xerarcas franquistas, durante anos as cruces rememoraban o crime e a persecución das ideas. As marcas chegaron a ser tan fondas que nin era necesario refacelas. Que saibamos nunca detiveron a ninguén. Uns dicían que as facían os familiares ás agachadas; outros que era “María das cruces”, unha mulleriña un pouco ida; para os máis  era cousa da veciñanza de Baredo cando ían, pola mañanciña, camiño de Baiona, para o traballo ou repartir o leite.

As cruces seguían alí, no lugar de memoria e de conciencia. Lembra Méndez Ferrín (2012:147)  que, nos primeiros anos setenta, uns amigos o levaron ver as cruces fronte á  Bombardeira. A comezos dos noventa, a estrada ancheouse e o lugar ficou baixo o asfalto. Na rocha fendida por mor da ampliación, os alumnos e alumnas do Instituto de Baiona perseveraron na memoria, pintando nove cruces, agora individualizadas, perdendo o unificador trazo horizontal.

Ao longo de catro décadas de memoria os Ineses convertéronse en heroes xenerosos, solidarios, cultos, boas persoas, que agasallaban os nenos con chocolate. Os nove asasinados lembráronse como vítimas propiciatorias dunha inxusta vinganza. O cabo Pena concentrou a suma de todas as maldades e perversións dos sublevados.




Perseverar na Memoria. 1.a. Generoso Valverde, fillo dun dos asasinados do mesmo nome, sinala as cruces a mediados da década dos cincuenta (Arquivo familiar). 1.b. As cruces que transmitiu o alumnado do Instituto de Baiona (Carlos Pereira). 1.c A placa da lembranza deseñada por Fernando Casás (Arquivo IEM)

En 2004 dende o Instituto de Estudos Miñoranos, que non é unha asociación memorialista senón un centro de estudos locais, propuxémonos, como era a nosa obriga,   dar un paso máis na recuperación cívica de memoria dos asasinados na Volta dos Nove. Sabiamos que non poderiamos facer aboiar na sociedade miñorá  aquela persecución, non esquecida mais si agochada por corenta anos de ditadura, nunha transición pilotada dende o cerne do franquismo, coutada por un amago de golpe de estado e dúas décadas de gobernativo esquecemento, se non contabamos co unánime apoio das familias. Eran elas as primeiras que tiñan que reivindicar a memoria dos seus e considerarse  promotores das iniciativas, aínda que logo, por un ou outro motivo, non fosen os seus executores inmediatos; nunca  deberían sentirse dirixidos por alguén que, con maior ou menor xenerosidade, pretendese “devolverlles” a  memoria dos seus pais ou avós, que tiñan moi presente e viva en moitos casos; noutros, os menos, só se trataba de descubrirlles a memoria oculta polo dramático silencio.

O primeiro paso foi constituír unha comisión  na que participaran todas as familias. Lográmolo. Dende aquela contamos coa súa presenza e apoio tanto nos actos relacionados coa Volta dos Nove como nos cabodanos que, dende a inauguración do memorial, se veñen celebrando sen interrupción.[3]  

     A Comisión, integrada por familiares e membros do IEM, contando co apoio do goberno municipal,[4] matinou ao longo de 2004 no xeito de salientar aquel “lugar de memoria” cun elemento coa potencia simbólica, estética e monumental adecuada.

Iniciouse unha campaña de recadación dos fondos para afrontar o custo do proxecto escultórico de Fernando Casás, unha árbore de bronce decepada, cortada, como a vida dos nove veciños do Miñor asasinados, rodeada de 45 loureiros, a  árbore dos heroes[5]. O proxecto púidose realizar aos poucos meses  da toma de posesión do goberno galego resultante das eleccións de 2005, que axudou no impulso final. Era o 69 aniversario dos feitos.

Memorial de Fernando Casás na Volta dos Nove (Arquivo IEM)
Algúns dos familiares o día da inauguración do memorial (Arquivo do IEM)

A potencia simbólica da Volta dos Nove segue a determinar o espazo memorialista no Val de Miñor. Cando o goberno galego declarou o ano 2006 como Ano da Memoria e arribou a Baiona o “Barco da Memoria”, a lembranza dos “Nove” foi protagonista, entre outras actividades, a través dun recital de nove poetas, a exposición de nove obras pictóricas e nove visións fotográficas da peza escultórica de Fernando Casás. Dous anos mais tarde recuperouse parte dese material para conformar un novo proxecto que denominamos “Arte e Memoria. Arte é Memoria”;  algúns dos textos poéticos deron pé a unha suite musical composta por Antón Seoane que acompañaba o libro que recolle os materiais presentados no Barco da Memoria, un documental e as reflexións das diversas persoas que colaboraron nos proxectos sobre a Volta dos Nove (VV. AA. 2007).

2.- A continuidade da recuperación cívica da memoria e unha primeira divagación.-

Fun arrastrado ao activismo da memoria. Quero dicir, non foi o meu un proceso racional, nin resultado dun trauma familiar, nin sequera de rememoracións de relatos da persecución, senón consecuencia dunha serie de encontros que foron provocando novos encontros como se fósemos guiados polo fío dunha Ariadna da memoria.

Gustaríanos achegar unha serie de consideracións, ou se queren  divagacións, que foron abrollando ao longo destes anos de actividade memorialista que nos foi levando dende o vasto baleirado dos rexistros municipais ata a precisión da identificación xenética.

Como dixen,  desenvolviamos un activismo cultural de vocación comarcal, carácter nacional e espírito universal a través do Instituto de Estudos Miñoráns.  Semellábanos evidente que un centro de estudos comarcal debe preocuparse non só dos acontecementos máis recuados no tempo, xa que logo menos conflitivos, senón tamén dos máis contemporáneos como os que na altura na que iniciamos os traballos de documentación seguían velados con intensidade. Tiñamos fotografías deformadas tanto pola deficiente calidade da imaxe como polo paso do tempo. Os rostros borrosos, os xestos diluídos, os nomes ocultos...

Mais ficaba, esvaecida pola fraxilidade da memoria e o paso dos anos, a potencia simbólica, case mítica, das nove cruces reiteradamente gravadas, de maneira urxente, na beira da estrada. Había anos que as cruces desapareceran baixo o asfalto pero seguían presentes na memoria das xentes do Miñor. Foron as cruces as que tiraron de nós cara á memoria. Primeiro a través do traballo de Juan González Pérez (1998), no que, con reiteración, as testemuñas, se referían aos Nove, aos Nove de Baredo, á Volta dos Nove…, logo, en 2004, cando nos propuxemos, como obriga ética, dar un paso adiante na recuperación da memoria dos asasinados.

Primeira divagación.-
Aínda co risco dunha virada no relato, permítanme unha primeira consideración ou se prefiren unha divagación que pode ser de interese. Os que, no remate da ditadura, nos formamos no activismo cultural nacionalista, de esquerda, tiñamos un imaxinario da represión franquista reducido (Casal, Bóveda, Alonso Ríos...); intuíamos unha maior dimensión polo impacto dos albumes de guerra de Castelao[6], leramos a crónica de urxencia atribuída, entre incertezas varias,  a Luís Seoane[7]. Pero non sería ata esta última década e media cando fomos quen de esnaquizar a visión imposta pola ditadura de que na “leal” Galicia non houbera nin guerra nin persecución, pois o apoio ao golpe fora case unánime. Podiamos presentir a extraordinaria dimensión da represión, pero ata que non tivemos nas mans os primeiros datos numéricos achegados polos estudos de historiadores e investigadores locais e non se rematou a sistematización por parte do proxecto “Nomes e voces”[8] non puidemos mudar de raíz o pre-concepto no que nos moviamos. Coido que por dúas razóns.

A primeira porque na tradición nacionalista houbera unha fenda xeracional, empatada só por algunha que outra persoa illada. Unha ruptura entre os que viviran a República e a guerra e a xeración que conformou o nacionalismo galego de esquerdas con certa presenza social nos primeiriños anos setenta.

Mais tamén, segunda razón, porque o que nos chegaba do nacionalismo republicano era a represión sobre os dirixentes políticos (alcaldes, gobernadores...), determinadas xentes da cultura ou sobre os sectores sociais que conformaban o Partido Galeguista en inicial fase de expansión, mais de escasa presenza no movemento obreiro e mariñeiro, o máis castigado pola persecución fascista, como se podía intuír nas estampas de Castelao;  non deixa de ser significativo que o segundo dos álbums o editase a CNT.

Obreiros e mariñeiros estaban, no sindical, vinculados á UGT, de presenza no mundo fabril, e á CNT, predominante no sector do mar. No político ao PSOE, ás organizacións anarquistas (faístas ou pestañistas) ou a un incipiente PCE. Pola súa banda, o agrarismo, máis diverso ideolóxica e politicamente, perdera parte da presenza social das primeiras décadas do século e os sectores máis dinámicos, aínda que minoritarios, estaban tamén vinculados ao anarquismo, o socialismo ou o incipiente galeguismo político. E todo cunha permeabilidade que dende a limitada óptica de estructuras políticas consolidadas non resulta doado de entender. Quizais poidamos exemplificar esta porosidade na zona do Baixo Miño onde os irmáns Noya eran activos obreiristas da Federación Obrera da  Guarda, adscrita á CNT, ao tempo que afiliados, ou cando menos activistas, do galeguismo, impulsores do estatuto e colaboradores do agrarismo dirixido polo galeguista Antón Alonso Ríos que se dera de baixa no partido para concorrer ás eleccións e ser electo deputado en representación da Federación Provincial Agraria (FPA). Para nós o engarce do nacionalismo coa cultura frontepopulista era moi feble.

Emporiso, os familiares dos represaliados identificábanse, na súa maioría, co PSOE, co anarquismo ou co PCE, que representaban esa tradición maioritaria entre os perseguidos con máis saña, e sobre todo co gran símbolo da República: a súa bandeira. Esa identificación explica tamén, en parte, a relativa sorpresa, entre sectores do activismo antifranquista, do importante apoio electoral do Partido Socialista, inexistente na loita contra a ditadura, nas primeiras eleccións da transición. Dicíanos un perseguido que botara doce anos agochado nun tobo: “cando foi das eleccións puxen a garabata vermella e fun votar polos meus, polos socialistas”.

Os trazos que vimos de salientar explican, ao noso entender, que tanto a visualización da persecución como a reivindicación da memoria das vítimas e a súa incorporación ao relatorio do nacionalismo político, fose adiada ata que o movemento social rematou forzando a súa incorporación. Aínda que o aspecto antifascista da restauración da memoria da represión tiña un valor recoñecido en si mesmo, as reticencias políticas non deixaron de estar presentes ata os anos finais do pasado século.
   
3.-A memoria séguese a destecer.-

Ariadna axudaba a desanobelar, tiraba con forza do nobelo para que se fose desenleando. Despois de rematar de armar, atar ou sulfatar as viñas, botaba co meu veciño Álvaro, que era quen facía os labores, longas parrafeadas. Entremedias das demoradas conversas, aos poucos, souben que mataran o seu pai; no 36. A memoria foi emerxendo co paso das xornadas. Informoume de que ademais de a seu pai, Abilio Araújo Barbosa, mataran outro veciño da nosa parroquia, Chaín (Gondomar), coñecido como Manuel de Lucinda. Pouco máis sabía..., que os mataran para un lado de Oia..., polos primeiros de febreiro, e que tamén mataran un mozo de Gondomar, aínda que non era natural do concello, que traballaba como “palero”, isto é, metía o pan no forno nunha coñecida panadería.

     Nas conversas Álvaro narraba con precisión que eran as dez ou once da mañá cando el, un cativo de nove anos, acompañaba o seu pai no atado das viñas no mesmo lugar onde transcorrían as nosas parrafeadas. Achegouse un home cunha escopeta e díxolle ao seu proxenitor que tiña que baixar a Gondomar pois o cabo da garda civil quería falar con el. Xa non volveu!, remataba Álvaro ao tempo que insistía no moito que lle gustaría saber do lugar no que fora asasinado e soterrado o seu pai e xa, como un soño, poder traer os restos para Chaín.

Ao longo de 2007 andei polos rexistros civís dos concellos do sur da provincia de Pontevedra na procura de datos sobre miñoráns asasinados e tamén do pai de Álvaro. Non foi no de Oia, senón no do Rosal onde batemos coas actas de defunción de Abilio e Manuel de Lucinda. Ámbolos dous de orixe portuguesa. Non atopamos, pola contra, dato ningún referido ao “palero”. Coa copia das actas na man procuramos a memoria de Álvaro e fomos quen de profundar na recomposición dos feitos e confirmar documentalmente que os restos de Abilio e Manuel estaban soterrado “en el cementerio del anejo de Sanjián”.[9]

Mais Ariadna termaba do nobelo para que o fío non partise.

Meses mais tarde, recibín a chamada dun amigo, Manuel Rial, que, ata había pouco, fora alcalde de Nigrán. Díxome que un seu veciño, Ulpiano Iglesias, quería falar comigo pois non sabía onde mataran o  seu pai durante a “guerra”.  Na conversa Ulpiano informoume de que a Joaquín de la Iglesia Portela, seu pai, o mataran, non sabía ben cando, a finais de agosto ou principios de setembro e non sabía ben onde, seica para un lado de Oia.

Procuramos nos rexistros. Non apareceu dato  ningún. Polo libro de actas do concello de Nigrán soubemos que fora electo xestor ou concelleiro en 1931. Ulpiano, o fillo serodio de Joaquín, non deixaba de dicirme, entre bágoas, que o seu maior desexo era saber onde estaba enterrado o seu pai e, xa, de ser posíbel, darlle sepultura honrosa. Despois podería morrer tranquilo.

Segundo referencias familiares soterraran o cadáver de Joaquín nun cativo cemiterio á beira dunha pequena capela, baixo unha figueira que estaba fóra do adro. Ulpiano, un cativo de catro meses cando ficou sen pai, non reclamaba nada. Só mantivo, en silencio, a memoria do pai e o permanente recordo dunha familia indefensa á que deixaron na miseria. Só pedía axuda para acadar o seu maior desexo, recuperar os restos paternos, darlle digna sepultura e gardalos humildemente xunto aos da súa maltratada familia. Alguén se atrevía a negarllo?

Días despois daquela primeira conversa con Ulpiano achegámonos ata San Xián na compaña da súa filla Mariña, entusiasmada coa posibilidade de ver cumprido o desexo paterno e o seu propio. Preguntamos ás veciñas. Polas indicacións fomos reconstruíndo a localización non dunha, senón de dúas fosas. As informacións ían cadrando e as hipóteses consolidándose. Na fosa da dereita estarían soterrados o cadáver de Joaquín e o doutra persoa descoñecida. Na da esquerda,  intuíamos, enterraran os restos de Abilio e Manuel e, de ser atinadas as testemuñas orais, un terceiro cadáver que ben podería ser o do “palero”.

Segunda digresión.-

Outra consideración, ou se queren unha nova digresión. Moitos non percibiamos con claridade o valor emotivo e importancia simbólica das exhumacións. Mesmo nos provocaba un certo arrepío un hipotético exhibicionismo non exento dun certo toque macabro. Lembro algunha conversa con responsábeis políticos e culturais nas que se deitaron verbas que poñían distancia coas exhumacións e coa ARMH de Silva que iniciaba o seu impulso. Mais quen se resistía ás emotivas e desconsoladas peticións de Ulpiano e as máis contidas e racionais de Álvaro que expresaban a vontade de achegar recursos económicos dentro das súas limitadas posibilidades para poder levar os restos paternos ao nicho familiar.

Tempo atrás consideraramos a posibilidade de abrir a fosa dos Nove que tiñamos ben localizada no cemiterio municipal de Baiona. O lugar de soterramento estaba sinalado e a vontade dos familiares era exhumalos. Mais sabiamos das dificultades de acadar resultados positivos xa que o camposanto fora ampliado na década dos cincuenta do pasado século e tamén sabiamos que daquela, por suxestión do enterrador, levaran parte dos cadáveres para darlles sepultura. As dificultades anunciábanolas Vicente Valverde, fillo de Generoso, un dos asasinados na Volta dos Nove, cando nos relataba que sendo un mozote, unha tardiña ao  escurecer,  vogara nunha gamela dende Panxón, na compaña da nai, e levaran uns restos que ela recoñecera pola fibela do cinto.

Despois da inauguración da árbore de bronce en memoria dos Nove puxerámonos en contacto coa ARMH para abrir a fosa, pero a carencia de medios económicos, as dificultades anunciadas e a intuición de que as cousas non se poden facer ás presas fixérannos abandonar unha posibilidade que regresaba, unha e outra vez, ante a insistencia do destecer do nobelo da memoria.

Agora temos outra percepción do proceso encetado por Emilio Silva[10] no ano 2000 que rematou en 2003 co soterramento da primeira vítima identificada mediante a proba de ADN. As verbas de Helen Graham (2006), parécennos ben axeitadas para rematar esta segunda digresión:
A devolución dos mortos ao seu fogar conserva unha potente carga simbólica porque os anciáns lembran como o efecto máis devastador da rebelión militar que desencadeou a guerra foi, precisamente, a aniquilación do “fogar” como un espazo seguro.

4.- Seguimos destecendo
As ilusións de Álvaro e Ulpiano de recuperar os restos dos seus respectivos pais andaban a furarnos no caletre. Os familiares dos asasinados na Volta dos Nove eran, con razón, moito máis escépticos.

Como dixen, entramos en contacto coa ARMH e presentamos as nosas inquedanzas a diversos investigadores relacionados co proxecto “Nomes e voces”. Consultamos co profesor Carracedo. As xestións ficarían no ar e o proxecto adiado ata que a Conselleira de Cultura, na altura, Ánxela Bugallo, como veremos máis adiante, nos convocou a unha reunión para estudar as posibilidades de realizar as exhumacións cun equipo multidisciplinar que garantise o máximo rigor científico. Sería  a primeira vez, e coido que segue a ser a única, que dende unha institución do Estado, a Xunta de Galicia, se impulsaba, coordinaba e sufragaba un proceso de exhumación e identificación de vítimas do franquismo. Isto é, que unha institución pública tomaba a iniciativa e non actuaba como mero apoio.

Terceira consideración.-

Escúsenme agora unha última digresión aínda que sexa adiantándonos ao relato. En ningún momento a autoridade xudicial se interesou polo tema. Aínda que semelle asombroso nun estado democrático, estabamos a procurar cadáveres para levantalos, trasladalos dun lugar a outro e soterralos e o aparato xudicial e o policial do estado democrático ignorouno en absoluto.

O Estado, autoreferenciado como democrático dende a constitución de 1978, nunca asumiu que tivese a obriga de facer posible o acceso das vítimas ao aparato xudicial; nin de tomar medidas para reparar os danos causados ás vítimas indirectas; nin de anular as sentenzas de tribunais ilexítimos; nin de atender as peticións de restitución das propiedades; nin de vixiar o cumprimento das leis que rexen o exercicio da xurisdición universal; nin dos programas de avaliación, nin dos recursos, nin de coordinar as iniciativas, nin de vixiar o cumprimento da Lei da Memoria Histórica... O estado autoproclamado como democrático deixou abandonadas as vítimas da persecución e da represión franquista durante a guerra e durante a ditadura. Mirou para outro lado e delegou nas asociacións memorialistas e nos particulares a responsabilidade das exhumacións e da restauración da memoria democrática das vítimas da persecución das ideas.

Teño a impresión de que este mirar para outro lado, este desleixo de décadas, esta inmoralidade, ese discurso egoísta dunha reconciliación resultado da xenerosidade (real por parte dos vencidos, egoísta pola dos vencedores) que, segundo o discurso oficial, “nos” permitiu dotarnos dun sistema democrático e aprobar a constitución, é un dos piares sobre os que se está a erguer e a agudizar a crítica do “réxime do 78”. É esta absoluta falta de sensibilidade do aparato de estado “democrático” cos milleiros de vítimas directas e os moitos milleiros de indirectas, xa na súa terceira ou cuarta xeración, da persecución franquista a que está a cuestionar a lexitimidade democrática da monarquía  post-franquista. Teño tamén a impresión de que a sociedade estase a cuestionar o acordo entre partidos e forzas sociais e económicas que se outorgaron a representación de vencedores e vencidos a través dunha Lei de Amnistía que se perverteu para convertela nunha Lei de punto final para os crimes do franquismo. E teño esta impresión porque unha e outra vez a ferida cicatrizada pola historia volve supurar.

5.- Abilio e Manuel. Os portugueses de Chaín

Na páxina 343 do tomo 30 da sección 3ª do Rexistro Civil do Rosal aparecía, inscrita, o 14 de marzo de 1937,  a defunción de Manuel Prudencio del Rosario, de 33 anos, natural de Santa Aré (coidamos daquela e confirmamos posteriormente que se trataba de Santarém), provincia de Lisboa, Portugal. Indica que estaba domiciliado en Chaín, Gondomar, e que era xornaleiro de profesión. A redacción do apartado sobre o estado civil non deixa de ser curioso, a el referirémonos máis adiante, di: “casado con Lucinda Penedo en mil novecientos treinta y seis” e a acta continúa “y que según los datos facilitados por la fuerza de la G. Civil”, faleceu, non indica o lugar, “el día 11 de febrero último” e engade que a morte foi a consecuencia de “heridas de armas de fuego por disparos de la Guardia Civil según resulta de los informes adquiridos”. Estes datos leváronnos a pensar nun primeiro momento que ou ben pretendían facelos pasar por escapados da xustiza (“fuxidos”) e “xustificar” a súa morte en virtude da “lei de fugas” ou ben se tratase dun escribán pouco hábil que implicou directamente á Garda Civil nas mortes. Como veremos, tratábase da segunda das opcións. O relato documental non coincide coa información oral que nos di que do grupo de asasinos formaba parte algún Garda Civil pero tamén varios falanxistas da vila de Gondomar. Como veremos, temos documentada a intervención dun “cívico”. Sinala tamén a acta que foi soterrado no cemiterio “anejo a Sanjián” e que a inscrición se practica en virtude de “mandato judicial”.

Na páxina seguinte, 343, recóllese a defunción de Abilio Araújo Barbosa, de 36 anos, natural de Coura, Portugal, fillo de Casimiro e de Rosa, domiciliado en Chaín, Gondomar, de profesión xornaleiro e casado con Esperanza Losada, natural de Chaín. O resto da acta é similar, engadindo, como no caso anterior “que no pudieron obtenerse otros datos”.

Tivemos que esperar varios anos para completar a información sobre Manuel. Como dixemos os dous eran cidadáns portugueses; ambos residentes no concello de Gondomar; os dous tiñan relacións de parella con dúas mulleres da parroquia de Chaín. Mais os datos sobre as súas orixes portuguesas ficaban nunha nebulosa, nomeadamente no caso de Manuel,  xa que a súa familia non era quen de indicar nin cando, nin como se establecera entre nós, nin coñecían o nome dos pais nin o lugar de nacemento. Foi grazas ás xestións do xornalista Carlos Pessoa, na altura redactor do Público de Lisboa, que dedicou unha excelente reportaxe[11] ao caso de Manuel e Abilio, quen nos forneceu a información que precisabamos. As súas eficaces xestións nos arquivos do Exército Portugués permitiron localizar a “folhas de matricula” de Manuel Prudêncio do Rosario. Puidemos confirmar así que era, efectivamente, natural de Santarem, en concreto de Pernes, na freguesía do mesmo nome. Nacera o 20 de abril de 1905, fillo de Joaquin Prudêncio e Maria do Rosario. Foi alistado o 21 de xullo de 1925, incorporouse ao exército en febreiro de 1926 e ficou licenciado en setembro de 1927. No apartado de “ocupação” figura “proprietario”, o que non semella nos poida facer pensar nunha “certa” posición económica. Inscrito como analfabeto.

O seu paso polo exército non foi nada doado. Entre abril e xuño de 1927 estivo destinado nunha unidade disciplinar e o seu “registo criminal e disciplinar” está inzado de anotacións comezando coas de setembro de 1926 cando foi sucesivamente condenado a 10 días de “detenção” por ter “em péssimo estado de asseio o arreio cuja limpeza está a seu cargo” e “por ter saido do quartel sem licença” e a outros tantos días porque “a pesar de prevenido por varias vezes pelo oficial encarregado do material de guerra de que não podía usar no cinturão um botão grande (…) não cumpriu esta ordem (…) alterando assim o plano de uniforme e danificando o cinturão que no sítio do botão apresenta um buraco”.

A dez días de prisión disciplinar agravada foi condenado, na mesma data que nos casos anteriores, 4 de setembro de 1926, por “responder inconvenientemente ao Sr. Major” e “pôr-se em fuga na carroça (...) na que levara a ração para os solípedes dos oficiais”; o feito polo que é condenado tivera lugar o 26 de agosto. Ao día seguinte fora beber a unha fonte e demorouse máis tempo do necesario, conducido “de má vontade” ante o oficial, resultou condenado a quince días de prisión disciplinaria agravada. En marzo de 1927 foi condenado en dúas ocasións; a seis días de prisión, o 28 de marzo, e a 20 días o 30 do mesmo mes. A primeira condena foi “por não cumprir prontamente unha ordem que lhe foi dada pelo cabo de día ao grupo (…) se permitiu insultar aquele seu superior dirigindo-lhe uma obscenidade impropia dun militar brioso, ofendendo e dando un pessimo ejemplo ás praças ultimamente alistadas”. A segunda porque estando na prisión militar “se permitiu insultar o 1º cabo”. Foi aínda condenado a outro día de prisión, o 17 de xullo, “por não cumprir prontamente a ordem que lhe foi dada”. No mes de agosto volvería ser condenado a 10 días de prisión: “por sair do quartel (…) iludindo a vigilancia da sentinela”.

O “registo” continúa anotando as multas por “ter faltado á revista de inspecção” dende 1929, ano no que supoñemos se estableceu entre nós. Tería pois 24 anos, mataríano con 32 anos, aínda que na acta de defunción figura con 33. Foron tamén as xestións da Carlos Pessoa as que nos permitiron poñerlle rostro ao nome, achegándonos o retrato de Manuel Prudêncio.

 Manuel Prudêncio do Rosario.
Foto tirada da “folha de matrícula” do exército portugués.
Abilio Araújo Barboza era natural de Coura, Portugal, en concreto da freguesía de Rubiães. Fillo de Casimiro Araújo e Rosa Barboza, segundo os datos que nos forneceu o seu fillo Álvaro. Sabemos que de moi novo veu gañar a vida ás terras do Miñor, este dato parece confirmado ao non existir “folha de matricula” no Arquivo Geral do Exército de Lisboa, aínda que si está recollido nos “Livros de Recenseamento” nos que puidemos contrastar o nome dos pais e saber que naceu o 24 de novembro de 1899, polo que podemos deducir que non debeu facer o Servizo Militar e calcular que debeu ser sobre 1914 ou 1915, con 20 anos ou menos, cando se estableceu entre nós.
Sabemos, por información familiar, que andou de criado na casa do pai da que despois sería a súa muller. Atendeu as terras herdadas pola muller, andou ao xornal, traballou nas obras públicas (estrada de Tui, camiños, pantano de Chaín). Tamén, como bo galego, colleu camiño de América e, como  gondomarés, procurou a vida no Uruguai, aínda que por pouco tempo. Regresou coa proclamación da II República. A pesar da extensa familia de Abilio residente en Gondomar non se conservou ningunha foto súa.

Un feito que nos chamou, en inicio, a atención foi a orixe portuguesa  de ambos os dous, así como do “Tio Juan, O Sombriso”, quen logrou fuxir o día que prenderon a Manuel de Lucinda. Do mesmo municipio que Abilio, do val  tallado polo río Coura, eran os irmáns Freitas Lima, Telmo e José. O primeiro veciño de Panxón dirixente do Sindicato de San Pedro da Ramallosa (UGT) que presidira con anterioridade á sublevación militar e fusilado en Pereiró (29/12/1936); o segundo, veciño de Bouzas,  procesado en causa militar.

O estudo da persecución franquista sobre os cidadáns portugueses está ben avanzado, como en tantas ocasións, polo traballo de Dionisio Pereira (2008, 2013). Nos datos que nos achega, entre fusilados, paseados, mortos en prisión e por outras causas sen determinar, eleva a un total de 62 as vítimas mortais, naturais do país veciño. Delas, 39 fórono na provincia de Pontevedra. A cifra de imputados, presos e deportados elévase a 289; neste caso a maioría na provincia de Ourense (172) e en Pontevedra, 89.

Nos tres concellos do Val de Miñor e máis en concreto no de Gondomar é ben abondoso o número de cidadáns portugueses ou de orixe portuguesa vítimas da persecución en distintos graos e formas.

6.- A información oral sobre os tres asasinados

Como dixemos a media mañá do 10 de febreiro de 1937, un garda cívico da parroquia avisou a Abilio de que o comandante do posto da GC de Gondomar quería facerlle unhas preguntas polo que tiña que baixar ata o cuartel. Detivérono e metérono no calabozo que estaba nos baixos da daquela, e actual, casa do concello. A noitiña daquel día dous homes armados foron prender, na súa casa do Castelo, a Manuel de Lucinda, para que fose declarar a Gondomar. Levaron outro compañeiro canda el, pero este logrou fuxir. Era “Tío Juan O Sombriso”. Esa mesma noite paseáronos.

Ao día seguinte pola mañá cedo, Lucinda, a muller de Manuel, baixou dende o barrio do Castelo para xuntarse con Esperanza, a muller de Abilio, no barrio da Mourisca,  e levarlles o almorzo aos homes presos. Camiño de Gondomar, ao pouco de chegaren ao Picoto, bateron co garda cívico, veciño de Chaín, Antonio Misa, que viña cunha escopeta ao lombo. Botándose a rir, díxolles: “Non vaiades que xa almorzaron!”.

Na vila a triste nova era xa coñecida. As dúas mulleres souberon dos feitos acaecidos “para un lado de Oia” na fonda dunha familiar de Esperanza. Pasado un tempo, un irmán de Esperanza, canteiro, fixo unha marca nunha pedra, cunha picaraña, mais Álvaro, o noso informante,  non era quen de lembrar se fora para indicar o lugar onde apareceron os corpos sen vida ou o sitio onde os soterraron. En todo caso esta marca non fomos quen de  localizala.

Na acta de defunción non figura o nome dos fillos de Abilio, pero deixou cinco: Álvaro, Herminia, Sergio, Eduardo e Dolores, que nacería dous meses despois do asasinato.

Manuel Prudêncio do Rosario, como o seu compañeiro de infortunio e amigo,  traballaba de xornaleiro e, cando o chamaban, picando pedra nas estradas. Namorouse de Lucinda que tiña tres fillos dunha anterior relación (Pura, a maior, Ángel e Amelia). Da relación entre Manuel e Lucinda naceron catro fillos (Manolo, Lola, Álvaro e Angelina). Viviron en Paraboa, despois no Castelo, na parroquia de Chaín. Cando mataron a Manuel, a filla maior de Lucinda non chegaba aos 10 anos, a máis cativa tiña apenas uns meses.

     Cando Lucinda regresou á casa só soubo abrazar a roupa de Manuel e chorar. A súa filla maior, Pura, é quen nos relata a dor da súa nai e as penurias que sufriu para sacar adiante os sete fillos; dous deles morreron de cativos. Pura fálanos con cariño do seu padrasto que coidaba de todos os fillos de Lucinda “como a galiña dos pitos” e tamén de que a súa nai morreu sen saber onde estaba enterrado, só sabía que o mataran “para un lado de Baiona”.

Na acta de defunción de Manuel Prudêncio, similar á de Abilio, só chama a atención que no apartado de estado, indícase que casara con Lucinda en 1936. Resaltábase así o estado de “pecado” no que vivía a namorada parella. Despois do golpe militar moitas parellas casaron nun intento de evitar as penosas consecuencias, baixo un réxime fascista e nacional-católico, do seu amor libre. A propia Lucinda sufrira xa no seu corpo o fanatismo. Algún tempo antes de matar a Manuel, a ela e mais a unha compañeira rapáranlle o pelo ao cero, un dos castigos que os falanxistas aplicaban ás mulleres que vivían en “pecado”.

A memoria de Álvaro movíase entre a minuciosidade do relato reiteradamente repetido, aínda que puidese non ser absolutamente exacto. Contábanos que na parroquia de Chaín (Gondomar) fixeran unha listaxe de persoas que ían matar. Eran sete, contando a Abilio e Manuel. Figuraban na mesma: o sogro de Álvaro; Tío Santiago, que era pedáneo da parroquia; Ramón “O Bombeiro”, que tocaba o bombo na banda de Chaín; Tío Vicente  "O Mariano" e Tío Juan “O Sombriso” ao que xa nos temos referido. Dos sete mataron dous.

Segundo a información de Álvaro non mataron máis porque un veciño da parroquia, que era sarxento do exército e despois foi Garda Civil, Pepito Sorxano, alcumado como “O Guardia”, cando veu de permiso e soubo que os mataran, foi ata a casa do “cívico” Antonio Misa, púxolle unha pistola na testa e díxolle que se se mataba a outro home na parroquia, voáballe os miolos. Non houbo máis mortes en Chaín.

Non fomos quen de atopar documento ningún referido ao “palero” do forno de Laureana.  Segundo testemuñas orais, era máis novo que os anteriores, sobre os 20 anos, e procedía da zona de Noia, probablemente do concello de Lousame ou de Serra de Outes. Seica, naqueles anos, un pequeno grupo de mozos procedentes destas terras se estableceran en Gondomar, algúns deles como zapateiros. Outras fontes, pola contra, indican que viña da zona de Pontevedra. Pouco máis sabemos del. Mesmo o seu nome non está claro, para a maioría dos informantes chamábase Jesús, pero non deixa de haber quen reitera que Manuel era o seu nome[12]. Por informacións máis próximas parece que era o primeiro e mesmo que tiña moza en Gondomar. Non sabemos tampouco se o prenderon o mesmo día que a Manuel e Abilio que foi o mesmo en que os mataron.

Na altura, a importancia económica das panaderías en Gondomar era salientábel. En xullo de1936 estábase a dirimir un conflito laboral no sector que se debería resolver nunha reunión convocada para o día 20 dese mes. A xuntanza non tivo lugar ao declarase o estado de guerra en Vigo. Sabémolo a través da causa 644/1936 aberta por  “supuesto delito de rebelión” contra tres panadeiros: Salustiniano Cortegoso Iglesias, de 33 anos,  que traballaba na panadería de Couso; Santos Pérez González de 26 anos, presidente da “Sociedade de Panadeiros” da UGT e empregado na panadería “Hijos de Ángel Valverde” (a de Laureana), onde traballaba o desaparecido “palero”, e Manuel Rodríguez Amorín, de 26 anos. Para os tres a causa ficou sobresida. Este último declara na causa que na mañá do día 21 soubo que “los revoltosos” requisaran unha camioneta dunha tía súa, Encarnación Amorín, e que empregaron para conducila un individuo, panadeiro na de Ángel Valverde (a de Laureana), pero que tamén é chofer. Esta información é ratificada pola mesma Laureana a requirimento do instrutor. A panadeira expresa a súa boa opinión de Manuel Rodríguez Amorín do que di que traballou na súa panadería o 21 de xullo en “sustitución de otro que tenía la declarante y que se lo habían llevado los revoltosos para conducir una camioneta”. Trátase do “palero”?  Polo de agora non fomos quen de identificalo. Estamos non ante un desaparecido, senón ante os restos dun corpo sen nome. Agardamos que novos datos poidan aclarar de quen se trata.

7. O Sindicato da Construción e oficios varios de Gondomar

Era a gran organización sindical do concello, adherido á UGT.  En xullo de 1936 presidíao Joaquín Míguez Ledo, un xornaleiro de 29 anos que non era natural do Val de Miñor. Iso pode explicar que apenas sexa recordado polas testemuñas orais. Nado en Vilasobroso,  no concello de Mondariz, fillo de Jesusa e de “incógnito”, como figura nos papeis. Sería o chibo expiatorio, a imprescindíbel dose de sangue que os sublevados esixían. Detido, procesárono na causa 805/36 contra varios veciños de Gondomar, entre os que figuraba o alcalde José Pequeño Rodríguez, un labrego de 52 anos, natural de San Pedro da Ramallosa (Nigrán) e veciño de Borreiros (Gondomar), ademais do mestre de Donas  José Cribeiro González e de Manuel Domínguez, Antonio Iglesias, Rogelio Lorenzo González, Manuel Rodríguez Gómez e Feliciano Vargas.

Aos principais dirixentes do Sindicato imputáronos na causa 718/36. A directiva estaba formada, ademais de polo presidente, Míguez Ledo por: Marcelino Súarez Iglesias, Marcial Mariño García, Marcial Alonso Álvarez, Manuel Franco González, Evaristo González (non imputado) e Manuel Domínguez Sanromán  Nesta mesma causa por “rebelión militar” foron tamén procesados: Ascasio Jorge, José Cavaco Durán, José Pereira Costas, Felipe Méndez Núñez, Marcial Alonso, Manuel González Pérez, e Manuel Rodríguez Gómez (incurso nas dúas causas) “O albardeiro”, de 39 anos, natural de Ribadavia e veciño de Gondomar.

Coidamos que Míguez Ledo  pagou coa vida tanto por defender o réxime constitucional, democrático e republicano como pola rabia dos represores ao non poder condenar o mestre de Donas, José Cribeiro González, que se converteu nun dos obxectivos primordiais dos perseguidores.

Como intuímos no caso do panadeiro tamén é máis que probábel que Abilio Araújo e Manuel de Lucinda estivesen afiliados ao Sindicato da Construción e Oficios varios de Gondomar, non só por unha máis que probable afinidade ideolóxica senón tamén porque era o sindicato o que distribuía as xornadas de traballo nas obras públicas entre os seus afiliados, nas que como xa vimos traballaban os dous. Aínda así non demos con ningunha referencia aos dous de Chaín nas causas militares que consultamos.

8.- Joaquín, o carpinteiro de San Pedro da Ramallosa

Joaquín de la Iglesia Portela foi unha das primeiras vítimas da persecución. Aquel crime deixou dolor e miseria para un cativo de catro meses chamado Ulpiano Iglesias Portela, o seu fillo serodio. Nin el, nin nós, podemos precisar a data do crime. Coida Ulpiano que foi polos primeiros de setembro, ou quizais xa en agosto. Procuramos datos no RC do Rosal, mais non demos con eles, se os houber.

Joaquín  nacera o 18 de xullo, ironías da vida!, de 1872. Cumpriu 64 anos o día no que o horror asolou a terra. Enviuvara e casara en segundas nupcias con Dolores Portela. Residía en San Pedro da Ramallosa. Tivo, neste segundo matrimonio, sete fillos: Eduardo, Generosa, Constantina, Pepa, Antonia, Basilisa e Ulpiano. Ao maior, Eduardo, o único en idade de traballar e gañar o pan para os seus, obrigárono a ir á guerra. No “servicio” maltratárono, regresou enfermo e morreu ao pouco tempo. Trouxo a tuberculose da guerra. Entre esta e a fame roubáronlle a vida ás súas irmás Generosa, Antonia e Basilisa.

Joaquín gañaba a vida como carpinteiro. O seu fillo Ulpiano cita, con fachenda, algún dos seus traballos, a porta da casa do médico Fariña ou a carpintería da casa dos Lemos coñecida, daquela como hoxe, por Altamira, no barrio de Cotros, en San Pedro. Conta tamén, con orgullo de fillo, que o único mal que fixera o seu pai fora pertencer á Sociedade de Obreiros de San Pedro.

Como dixemos, era xestor municipal de Nigrán, electo polos votos nas eleccións municipais de 1931[13]. Destituído, como toda a corporación de Nigrán, por un decreto do goberno radical-cedista. A Joaquín e aos demais compañeiros de corporación restituíronos nos seus cargos tras o triunfo electoral da Fronte Popular en febreiro de 1936. Pouco máis sabemos de Joaquín agás algunha referencia recollida por Juan González (1998).

Lembra Ulpiano que escoitara que o viñeran avisar dous mozos, veciños da parroquia, daqueles, di, “aos que lle deron unha camisa azul”, para que se presentase no cuartel da GC de Baiona. Cando saíu da casa e virou o camiño, botáronse sobre el e levárono preso. Nunca máis regresou. Oíu tamén que no cuartel o torturaran salvaxemente e nese labor destacou un falanxista relacionado cunha ferraxería que aínda hoxe está aberta en Sabarís. A dureza destes castigos puideran explicar que Carmen Cabreira, informante de J. González (1998), declare “… e a Joaquín o “Barriga Verde”, que era carpinteiro da Cabreira, este padecía do corazón e cando ía na camioneta para darlle o tiro, antes de matalo, xa morreu, polo medo, do corazón…”.
Joaquín de la Iglesia Portela. Arquivo familiar


9.- Na procura das fosas: a figueira e os feixóns

Localizadas as actas. Recollida a información oral e documental comezou a procura de testemuñas no mesmo lugar  de San Xián. As primeiras informacións remitíronnos a que os restos dos asasinados estarían asombrados baixo a ramaxe dunha figueira chantada na finca que linda co valado da capela, ao lado dereito. Había varias árbores froiteiras pero non unha figueira, nin cativa, nin de grandes dimensións, polo que o reiterado indicador non se puido confirmar, quizais polo simple paso do tempo.Tiñamos a referencia da figueira e da fosa que estaba debaixo. Novos informantes achegaron datos sobre unha segunda fosa, situada á esquerda da fachada da capela. Unha nova revisión do libro de defuncións do Rosal non achegou ningún outro dato.

    Confirmamos, por información da veciñanza, a existencia de dúas fosas. Unha, á dereita da pequena capela onde podían estar os restos de Joaquín de la Iglesia e o seu compañeiro de infortunio. A outra, á esquerda, onde seica estarían soterrados Abilio e Manuel Prudêncio e pode que tamén o mozo panadeiro.

As referencias orais insistían en que todos foron asasinados nas proximidades da estrada de Baiona á Guarda e que os veciños de San Xián subiron os cadáveres, polas empinadas costas, ata o camposanto, bastante distante, nunhas escadas. Alí sotérranos. A uns, os da banda dereita, baixo a desaparecida figueira.

Na outra fosa, na da esquerda, brotaron, meses despois, uns feixóns que seica un dos asasinados levaba nos petos. Os feixóns,  de fermosa flor e intenso colorido, brotaron durante anos, renovando a memoria dos crimes. As nosas informantes, unhas nenas na altura, lembraban con intensidade os corpos transportados nas esqueiras, a figueira de ampla sombra e a beleza intensa das flores dos feixóns que mantiveron viva na súa memoria, e na dos veciños de San Xián, aqueles días de terror.

A esqueira, a figueira e os feixóns transmítennos, setenta e dous anos despois, aquela tráxica páxina da historia universal da infamia. As veciñas de San Xián nada sabían dos mortos, nin de onde eran, mesmo dubidan do número de cadáveres e mesturábanos con outros tres asasinados que pretenderon soterrar tamén en San Xián.

Por aquelas encostadas terras andaron moitos fuxidos do Baixo Miño, entre eles Antón Alonso Ríos antes de mutar no Siñor Afranio do Amaral (Alonso Ríos, 1979) e foron o Gólgota de Manuel Noia, cazado como se dunha animalia se tratara, torturado con saña e asasinado como ben coñecemos polo relato do seu irmán Juan Noia (1996). Naquela altura só tiñamos documentado por escrito o asasinato de Manuel Noia. Non foi esta a única brutalidade que tiveron que contemplar as súas xentes nos tráxicos meses posteriores a xullo de 1936.
        
A información oral situaba varios tráxicos acontecementos nas proximidades da aldea, en concreto, na parte máis baixa da mesma, paralela á liña de costa por onde transcorre a estrada C-550 que comunica Baiona e A Guarda, a uns 40m. sobre o nivel do mar. Entre 1936 e 1937 temos imprecisas noticias de catro asasinatos múltiples, na dos Trigos, no Carrascal, no Alto do Curto e na das Miguelas.

A tradición oral dos familiares, pero sobre todo da xente da aldea, informaban da aparición de corpos no Carrascal e no Alto do Curto e que foron trasladados polos propios veciños ao cemiterio da aldea. Aos poucos a información foise debullando. Os dous asasinados no Carrascal foron trasladados xuntos sobre unha escada empregada a xeito de padiola e sepultados no lado sur da igrexa, debaixo da figueira. No Alto do Curto as informacións dubidaban entre se eran dous ou tres os asasinados e afirmaban que eran de Gondomar, un deles panadeiro que seica tivera amoríos cunha moza que tamén pretendía un garda civil e que por iso o mataran. Debíanse referir ao "palero" de Laureana.

Outras informantes de San Xián contáronnos que no lugar da morte, ao pouco, naceron uns feixóns que tiñan unha flor moi fermosa pois un dos cadáveres traíaos no peto xa que cando o foran prender estaba a mallar neles. Seica, durante anos, os feixóns brotaron coas súas fermosas flores. Como vimos, outras persoas sitúan o brote dos feixóns na mesma fosa. Unha terceira versión di que  non se trataba de  feixóns senón dunhas fermosas flores que uns familiares pousaron enriba da fosa, prenderon ao ano seguinte e brotaron durante moito tempo.

É preciso indicar que despois do 11 de febreiro de 1937 mataron un número indeterminado de persoas (entre tres e cinco) nas Miguelas, tamén na estrada xeral C-550, e que deron orde de enterralas no cemiterio de San Xián, pero diante das protestas do pedáneo Rafael Pérez “O Calán”, argüíndo a cativeza do camposanto, foron soterrados noutro lugar que non sabían precisar se fora na Guarda ou no Rosal. O cemiterio de San Xián  deixou de ser empregado como tal en 1971.

10.- O impulso ás exhumacións

Como dixemos, os desexos dos familiares cos que estabamos en contacto máis frecuente, Álvaro Araújo e Ulpiano Iglesias, de recuperar, de ser posible, os restos dos seus respectivos pais non deixaba de desacougarnos. Puxerámonos en contacto coa ARMH, unha asociación que xa levaba realizadas moitas exhumacións, pero non nos ofrecían máis cá posibilidade de escavar a fosa, traballo que por outra banda podiamos realizar cos medios propios do IEM, pero nada nos aseguraban sobre a correcta identificación dos restos, ademais de darnos uns prazos moi dilatados.

Como tamén xa comentamos, presentamos as nosas inquedanzas a diversos investigadores relacionados co proxecto interuniversitario “Nomes e voces” e, nomeadamente, consultamos con Anxo Carracedo que estivera con nós, uns meses antes, nunha das “Tertulias” mensuais do IEM. O profesor Carracedo dicíanos nun correo que estarían encantados en axudar en todo o que puidesen e indicábanos os pasos a seguir:
O primeiro sería involucrar un antropólogo forense no caso. Temos un bo especialista en Galicia que é Fernando Serrulla, forense de Verín. Estou seguro de que aceptaría.O segundo sería facer unha oficina de información de familiares para consentimentos informados, elaboración de árbores  familiares, etc. Isto é esencial porque segundo a información dispoñible a estratexia analítica é diferente. Mal será que non existan descendentes, pero se non,  non é motivo para non abrilos e non facer as análises de ADN para futuras identificacións que deberán permanecer custodiadas durante un tempo que se determine. Hai que seguir en todo as recomendacións da ISFG.

Brindaba a súa colaboración dicíndonos: "Nós podemos poñer unha persoa e mais un técnico a traballar, pero o custe das analíticas non o podemos pagar". Polo que teriamos que procurar a forma de cubrir tanto os gastos da escavación como as analíticas. Postos en contacto co doutor Fernando Serrulla este brindouse a colaborar no proxecto sempre que se realizase contemplando todos os procesos técnicos e científicos precisos.

    Pero o proxecto non botou a andar ata que a daquela Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, nos convocou a unha reunión para estudar as posibilidades de realizar as exhumacións cun equipo multidisciplinar que garantise o máximo rigor científico. Naquela reunión, presidida pola Conselleira, acompañada polo secretario xeral da Consellería de Cultura, Xosé Carlos Sierra e por Carme Vidal, responsable das iniciativas pola Memoria Histórica deste departamento, participaron tamén o catedrático de Medicina Legal da USC e director do Instituto de Medicina Legal, Anxo Carracedo; o doutor Fernando Serrulla, da Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia; o catedrático da Historia Contemporánea da USC e director do proxecto interuniversitario “Nomes e voces”, Lourenzo Fernández Prieto; e, en representación do Instituto de Estudos Miñoráns, o arqueólogo Xosé Lois Vilar e o autor destas liñas.

11.- As escavacións

A igrexa de San Xián, aldea da xuradía de Marzán,  pertence á  parroquia do Rosal no concello do mesmo nome. Aínda que as terras rosaleiras se identifican nomeadamente coas beiras do Miño, este concello ten unha breve franxa na beiramar atlántica, unha zona de intensas pendentes que baixan dende os altos de San Xián, na serra da Groba, ata o océano; esta pequena cuña entre os concellos de Oia e A Guarda ten como referencia a praia de Portocelo. A media ladeira está o lugar de San Xián.

Durante a  Semana Santa de 2009, un grupo de arqueólogos e arqueólogas voluntarios coa colaboración doutras persoas, tamén voluntarias, dirixidas todas elas por Xosé Lois Vilar, procedemos á apertura das dúas fosas de San Xián.
Emprazamento xeral do lugar onde se atoparon as fosas (E. Méndez/IEM) 


 Fotografía aérea coa situación da igrexa de San Xián. (E. Méndez/IEM)

Tras as pertinentes autorizacións da Dirección Xeral de Patrimonio e do Bispado de Tui, as escavacións en San Xián iniciáronse o luns seis de abril. Antes de encetalas reunimos os familiares, explicámoslles as hipóteses das que partiamos, evitando crear falsas expectativas que xerasen frustración, as características do espazo físico onde se achaban as fosas así como o proceso de exhumación, no caso de dar cos restos.

As primeiras sondaxes realizáronse na parte norte da igrexa seguindo unha primeira información que situaba a fosa á altura da nave da igrexa. Foron sondaxes amplas tratando de atopar os corpos que segundo as informacións estaban deitados en posición leste-oeste, paralelos aos muros da igrexa.

Situación das sondaxes e das fosas identificadas (E. Méndez/IEM)

O resultado desta primeira sondaxe foi negativo. Se ben a partir dos 15/20cm. aparecían ósos soltos, lóxico nun espazo de enterramento centenario, emerxía tamén entullo, ata os 90cm. de profundidade, que interpretamos como resultado das exhumacións dos restos para trasladalos ao cemiterio novo, en 1971. As dúbidas comezaron a roernos os miolos. Procuráronse novas testemuñas, que situaron o punto de deposición á altura do altar. Realizáronse dúas sondaxes máis pequenas, ambas con resultado positivo. Pola contra na fosa do sur, arrimada contra o valado, acertouse xa na primeira cata. Alí estaban, aínda que non sabiamos quen. Tiñamos cinco cadáveres e procurabamos a identificación de tres.

Localizados os corpos procedeuse a retirar a terra que os ocultaba para chegar á identificación dos cadáveres. A orde de deposición parece que se iniciou polo individuo 3, logo continuouse polo individuo 2 e rematouse co individuo 1, a xulgar polas superposicións anatómicas.

Proceso de escavación co Individuo 1 practicamente definido
(E. Méndez/IEM)
Planimetría da escavación coaposición orixinal dos inhumados
(E. Méndez/IEM, a partir de F. Serrulla) 
A segunda das fosas, temporalmente a primeira, pois como dixemos os feitos deberon acontecer a finais de agosto ou nos primeiros días de setembro, apareceu ben arrimada ao valo que delimita o camposanto. Os dous corpos superpostos, depositados, sen ningún coidado, nunha fosa moito máis cativa que a da esquerda. Mesmo riba dela había un arbusto de profundas raíces que dificultou o traballo en exceso e deteriorou os restos. Unha vez identificados os dous cadáveres, sen caixa mortuoria, orientados leste-oeste, coa cabeza cara ao oeste, ambos calzados e con evidencias de violencia nas varias perforacións craniais, procedeuse a deixalos libres de terra. A orde de deposición era primeiro o individuo número 2 e por debaixo o individuo número 1.
Detalle das botas en conexión con outros elementos esqueléticos (E. Méndez/IEM)
A fosa nº 2 presentou moitas dificultades para a súa escavación.
(Foto: JDaniel/IEM)
Baixo a dirección do antropólogo-forense, doutor Serrulla, o equipo de traballo arqueolóxico procedeu ao levantamento dos restos coas debidas precaucións. Unha vez rematadas as exhumacións, o nove de abril, procedeuse á reposición do espazo sobre o que se realizou a intervención arqueolóxica.
 O antropólogo forense Fernado Serrulla (dereita) e o arqueólogo X.L. Vilar. (Foto: JDaniel/IEM)

Ao rematar a escavación en San Xián comezamos coa de Baiona na procura dos restos dos Nove. Como xa comentei, as informacións previas  indicábannos que algúns familiares levaran restos cando foran as obras de ampliación do cemiterio, non tiñamos moitas esperanzas de atopalos. Mais as familias seguían ilusionadas, e animadas polos positivos resultados de San Xián, coa posibilidade de regreso dos seus ao “fogar” como espazo seguro. Sabiamos ben que alí estiveron e ao mellor estaban. As xentes de Baiona gardaran aquel “lugar de memoria” e tras a ampliación deixaran ben sinalado aquel rectángulo verde. Mais as obras provocaran tal revolto que nos fixo desbotar calquera posibilidade de atopar ningún elemento significativo para a identificación dos restos tras uns traballos pesados pero infrutuosos.

Con todo, cómpre dicir que durante décadas respectouse aquel lugar de memoria e cómpre dicir tamén que o goberno municipal da altura negoulles aos familiares o permiso para colocar unha placa na súa lembranza, argüíndo, con absoluto cinismo, que os resultados da nosa escavación indicaban que alí non estaban soterrados.

O equipo de traballo que realizou as escavacións das dúas fosas de San Xián e a dos “Nove”,  dirixido polo arqueólogo  Xosé Lois Vilar e coordinado por Eduardo Méndez Quintas, estaba composto polos arqueólogos Roberto Rodríguez Álvarez, Herminia Rodríguez, Andrea Serodio, a estudante de arqueoloxía Arantxa Getino e contaron coa colaboración de Xilberte Manso De la Torre, Xosé María Bouzó Fernández, Urbano Rodríguez Leirós, Pilar Barreiro Vilas e Carlos Méixome Quinteiro, así como de Anxo Rodríguez Lemos, Ana Rodríguez, Roberto Valverde Sabín, Sergio Alonso Alli, Cristian Alonso Paz e Manuel González “O Tourón”.

12 .- O proceso de identificación

O proceso de investigación antropolóxico-forense e de identificación realizouse ao abeiro do convenio asinado o 18 de decembro de 2008 entre a conselleira de Cultura e Deporte, naquela altura, Ánxela Bugallo, e o, daquela, reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, no que esta última comprometíase a:
executar as análises de material xenético mediante as técnicas e protocolos axeitados ás recomendacións e documentos internacionais de boas prácticas para a identificación de vítimas de desastres naturais ou conflitos armados. Así mesmo, comprometíase a realizar o estudo antropolóxico forense e solicitar, de ser o caso, a colaboración dos organismos oficiais de medicina legal de Galicia.

O proceso comezou cunha entrevista, celebrada o 18 de abril de 2009, entre o doutor Serrulla e os familiares de Abilio Araújo, Manuel Prudêncio do Rosario e Joaquín de la Iglesia Portela. Na conversa o doutor Serrulla inquiriu aos familiares sobre as características físicas e outros trazos útiles para a investigación forense de Abilio, Manuel e Joaquín. Esta información só puido ser fornecida por Álvaro Araújo Losada que contaba nove anos, pero non por Angelina Prudêncio  nin por Ulpiano Iglesias que apenas tiñan uns meses cando o seu pai foi asasinado. Posteriormente o doutor Serrulla procedeu á obtención de mostras de cuspe de Álvaro, Ángelina e Ulpiano para a identificación dos restos.

 Os restos dun dos atopados no laboratorio do doutor Serrulla en Verín
(JDanielIEM) 
O estudo antropolóxico, realizado polo doutor Serrulla, do individuo 1 confirma que os restos pertencen a un varón adulto novo (25-40 anos de idade), de talla arredor de 168cm. e que presenta traumatismo cranio-encefálico severo perimortal, lesión antemortem por disparo de arma de fogo en fémur dereito, lesións antemortem producidas por perdigóns en ambas as pernas.

Pola súa banda dos resultados do estudo xenético segundo Informe 48/09 do Instituto de Medicina Legal da USC, enviado ao laboratorio do doutor Serrulla o 14/6/2010,  conclúese o seguinte:
En termos porcentuais, o valor de probabilidade para a hipótese de que o doante de M1: dentes pertencentes ao esqueleto chamado FOSA 1-ESQUELETO 1 sexa o pai biolóxico do doante de M2: torunda de mucosa oral rotulado con nome de ÁLVARO ARAÚJO LOSADA, é de 99,999999% ( a priori de 0,5).

Ambos estudos permítenlle ao doutor Serrulla afirmar que os restos óseos correspóndense cos do pai de Álvaro Araújo Losada, é dicir, con Abilio Araújo Barboza, que presentan signos de violencia, que a orixe médico legal máis probable da morte é a “homicida”, que os restos óseos presentan signos de ter sufrido disparos de arma de fogo algúns  días antes da morte[14] e que a causa da mesma é  posíbel que estea en relación cun traumatismo cranio-encefálico severo.

O estudo antropolóxico dos restos do individuo 2, que se corresponderían hipoteticamente con Jesús "O palero de Laureana", permítenlle ao doutor Serrulla descartar a posibilidade de que se trate de Joaquín de la Iglesia Portela,  pai biolóxico de Ulpiano Iglesias Portela que, segundo a información oral, atoparíase na fosa 2. E tamén concluír que os restos óseos presentan signos de violencia, que a orixe médico legal máis probable da morte é a “homicida”, e a causa da mesma está relacionada cun traumatismo cranio-encefálico severo producido por “disparos de arma de fogo” e que a vítima recibiu o impacto na cabeza de dous tipos distintos de proxectís (de 9 e 7 mm.) o que suxire o uso de dúas armas distintas.

O estudo antropolóxico do individuo 3 confirman que os restos pertencen a un varón adulto novo (25-40 anos de idade), de talla  arredor de 167 cm. e que presenta traumatismo cranio-encefálico severo perimortal con disparo de arma de fogo que entra polo parietal esquerdo e sae polo dereito e lesión antemortem producida por perdigón nunha perna.

Mentres que dos resultados do estudo xenético segundo informe 47/09 do IML da USC conclúese que:
En termos porcentuais, o valor de probabilidade para a hipótese de que o doante de M3: dentes pertencentes ao esqueleto chamado FOSA 1-ESQUELETO 3 sexa o pai biolóxico do doante de M1: torunda de algodón de  mucosa oral rotulado co nome de ANGELINA PRUDENCIO PENEDO é de 99, 999999% (a priori de 0,5).

En función destes estudos o doutor Serrulla chega ás seguintes conclusión médico legais:
1.- Os restos óseos estudados como “fosa 1-esqueleto 3”  correspóndense cos do pai de Angelina Prudêncio Penedo, é dicir, con Manuel Prudêncio do Rosario.
2.- Os restos óseos presentan signos de violencia
3.- A orixe médico legal máis probable da morte é a “homicida”.
4.- Os restos óseos presentan un signo de ter recibido disparo de perdigóns  algúns  días antes da morte
5.- A causa da morte máis probable está en relación cun “traumatismo cranio-encefálico severo” producido por  “disparo de arma de fogo”.

No que respecta aos dous individuos da fosa 2, o IML da USC, que dirixe o profesor Carracedo, a pesar dos sucesivos intentos que se prolongaron durante meses, non foi quen de realizar unha identificación xenética dado o estado de deterioro dos restos. 

Pola súa banda  o doutor Serrulla, tras o estudo antropolóxico e xenético forense dos restos denominados “fosa 2-esqueleto 2”, conclúe que se trata dun individuo “non identificado”, pero compatible con tratarse dos restos de Joaquín de la Iglesia Portela, que presentan signos de violencia e a orixe médica e legal da morte é a “homicida” e a causa “traumatismo cranioencefalico severo” producido por “tres disparos de arma de fogo” que a vítima recibiu na cabeza e procedentes de dúas armas distintas, e a época da morte é superior a 20 anos e compatible con  que se producise en 1936.

13.- A entrega dos restos

A entrega dos restos exhumados na fosa 1 de San Xián ás familias tivo lugar o sábado 31 de xullo de 2010 ás 12h. na sede do IEM, en Gondomar. Na mesma estivo presente, ademais da ampla familia de Abilio Araújo Barboza, de Manuel Prudêncio do Rosario e de Ulpiano, o fillo de Joaquín de la Iglesia, o equipo de traballo multidisciplinar que realizou o proceso de investigación histórica, exhumacións, estudo anatómico-forense e de  identificación xenética.

No emotivo acto conducido pola escritora Rexina Vega tomaron a palabra o arqueólogo Xosé Lois Vilar que dirixiu as escavacións; o doutor Fernando Serrulla que realizou o estudo anatómico-forense; o catedrático da Universidade de Santiago e director do proxecto “Nomes e voces”, Lourenzo Fernández Prieto, e a, na altura, conselleira de Cultura e Deporte Ánxela Bugallo que  impulsou o proceso de exhumacións. O profesor Anxo Carracedo non puido achegarse ata Gondomar por motivos de traballo.

Tomei a palabra como director, na altura, do IEM e como recompilador de  documentación histórica para dirixirme aos familiares e amigos e lembrar que neste día as xentes de Gondomar recuperaban un chisco da dignidade que lle arrincaran na anoitecida daquel infausto 10 de febreiro de 1937 e recordáballe a Álvaro Araújo, quen infelizmente xa non está con nós máis que no recordo, que cando botabamos aquelas longas parrafeadas nin el nin eu podiamos pensar que algún día Abilio puidese regresar a Chaín, ao seu fogar, como diría Helen Graham (2006), e  ser enterrado no seu cemiterio.

Tomaron tamén a palabra Álvaro Araújo Losada e Angelina Prudêncio Penedo que recolleron os restos dos seus pais para soterralos nos cemiterios de Chaín e Santo Tomé de Freixeiro (Vigo) respectivamente. Cómpre salientar que os restos que coidamos son de Jesús, o "palero" do forno de Laureana, foron soterrados no mesmo nicho que os de Abilio Araújo. "Xuntos morreron e xuntos van descansar" dixo Álvaro Araújo,  cando nos pediu que os restos do "palero" repousasen xunto aos do seu pai. Alí ficaron agardando que nalgún momento as nosas pescudas nos permitan localizar algún familiar e a identificación se poida realizar plenamente.

Con motivo da fusión e reelaboración destes traballos, repasando vellas notas manuscritas atopo a indicación de que cando Angelina, a filla de Manuel de Lucinda, andou a facer as xestións para o enterramento dos restos, falou, non lembramos por que motivo, directamente co enterrador. Este díxolle que non avisase ao cura porque “estes foran os peores” e que mataran tamén a un seu irmán de 19 anos. En efecto, o soterramento de Manuel de Lucinda no cemiterio parroquial de Santo Tomé de Freixeiro realizouse sen cura. Mentres que tras os actos civís de entrega dos seus restos, Abilio e Joaquín foron soterrados coa presenza do cura e o ritual católico.

Os restos de Joaquín foron entregados ao seu fillo Ulpiano e á súa numerosa familia  nun acto celebrado no salón de Plenos do Concello de Nigrán o 27 de novembro de 2010, coa presenza de representantes dos tres grupos municipais presentes na corporación. As primeiras palabras foron as do concelleiro de cultura e investigador da persecución franquista en Nigrán, Juan A. González Pérez, e  do director da escavación arqueolóxica, Xosé Lois Vilar Pedreira. Por parte dos familiares falou a filla de Ulpiano, Marina Iglesias, e pechou o emotivo acto o, na altura, alcalde de Nigrán Efrén Juanes. 

Intervín tamén como director do IEM, tras ler un escrito do doutor  Fernando Serrulla que non puido achegarse ata Nigrán por compromisos laborais urxentes. No texto que conservo, Fernando Serrulla relata as dificultades da identificación dos restos de Joaquín:
El trabajo forense de identificación en el caso de la Fosa 2 de San Xián ha sido enormemente complejo. Por esto hemos tardado tanto. El laboratorio de Genética Forense que dirige el profesor Ángel Carracedo lo ha intentado todo. Se han empleado técnicas para la obtención de ADN que solo se utilizan en muy pocos laboratorios del mundo. Desafortunadamente en los tres intentos realizados no se han obtenido resultados. El motivo ha sido que los huesos – como ocurre en ocasiones- debido a su estado de degradación no han permitido obtener ADN ni en cantidad ni con calidad suficiente para hacer el análisis. Hemos podido saber que el padre de Ulpiano no estaba en la Fosa 1 y por tanto solo podía ser uno de los dos de la Fosa 2. Sin embargo al no poder utilizar la Genética Forense para identificar a Ulpiano nos hemos visto obligados a hacerlo antropológicamente, técnica que no tiene ni de lejos la misma fiabilidad que el ADN. Poniendo en relación los datos obtenidos del estudio antropológico-forense con los obtenidos del estudio histórico consideramos que hay fundamento para pensar que el Individuo 2 de la Fosa es Joaquín de la Iglesia Portela.

Describía:
Los restos de Joaquín de la Iglesia Portela presentaban evidentes signos de violencia. Hemos demostrado que Joaquín recibió tres disparos de arma de fuego en la cabeza, producidos por dos armas distintas. Dos de los disparos desde la nuca y uno desde la zona frontal. Posiblemente también dos personas distintas utilizaron éstas armas que además muy probablemente eran armas cortas. Hallamos dos proyectiles en el interior del cráneo lo que sugiere que estas armas cortas o la munición usada no estaban en buen estado. Por todo ello no tenemos duda que estamos técnicamente y cuando menos, ante un homicidio.

Dirixíase a Ulpiano dicíndolle que era unha enorme satisfacción, e unha honra, ter contribuído a identificar o seu pai e que el e a súa familia poidan agora saber o que pasou e onde estivo todos estes anos. Incluía o forense este importante apunte:
Deseo comentar que el trabajo de investigación en el que hemos participado puede enmarcarse tanto en el Derecho Civil como en el Penal, pero sobre todo es parte del llamado Derecho Internacional de los Derechos Humanos y del Derecho Internacional Humanitario. Por esto es más necesario que nunca trabajar en la investigación de los crímenes de la Guerra Civil y el franquismo desde el punto de vista que proporcionan las Ciencias Forenses. Creemos que otros modos de actuar solo contribuyen a  perjudicar a las víctimas.

E remataba:

Por ultimo quiero deciros que con esta investigación termina el convenio de colaboración entre Xunta de Galicia y la Universidad de Santiago, lo que significa que de momento no podemos seguir haciendo ni exhumaciones, ni estudios antropológicos ni genéticos. Apelo desde aquí al sentido humanitario de nuestros representantes políticos para que atiendan las peticiones de personas que lo único que quieren saber es -como Ulpiano- donde está o qué le pasó a su padre o a su abuelo.

Na miña intervención empataba con esta última consideración de Fernando Serrulla e quixen Lembrar que:
foi esta a primeira e única ocasión na que unha institución do estado impulsou directamente a exhumación de asasinados tras o golpe militar-fascista de 1936. Así pois, infortunadamente os únicos traballos que se puideron realizar ao abeiro do convenio asinado pola conselleira Bugallo, foron os que fixemos no Val de Miñor. Por certo a actual administración autonómica negouse a sufragar os mínimos gastos da escavación, realizada grazas á xenerosidade de veciños e veciñas do Miñor, baixo a dirección técnica do Instituto de Estudos Miñoranos[15]

Na miña intervención non deixei de sinalar o triplo acto[16] fúnebre que naquel día se estaba a celebrar en Nigrán:
Semella que a casualidade como dicimos no noso pensamento ilustrado e racional ou o destino, o fatuum, como dirían as xentes da antigüidade clásica axuntou no día de hoxe, en Nigrán, no cemiterio de San Pedro da Ramallosa, a dúas persoas de ben, a dúas persoas que ergueron durante toda a súa vida a bandeira da xustiza, da dignidade e do compromiso coas xentes do súa terra e do seu tempo. E ámbolos dous vítimas da violencia irracional, como é sempre a violencia, dos que nunca queren perder nin o máis mínimo dos privilexios políticos, económicos e ideolóxicos que ostentan, e para o que están dispostos a cometer as máis grandes barbaridades, por un calculado egoísmo de defensa do que consideran que é seu, naturalmente seu, divinamente seu, o predominio sobre os demais.
Hoxe en San Pedro van ser soterrados dous homes de ben. Joaquín de la Iglesia Portela e Paco de Riego. O primeiro, republicano, concelleiro de Nigrán electo pola vontade popular expresada nas urnas electorais, en maio de 1931, destituído polo ovo da serpe fascista, o goberno radical-cedista de Lerroux e Gil Robles, e restituído no seu posto de concelleiro representante dos cidadáns polo goberno da Fronte Popular en febreiro de 1936. Traxicamente devorado pola besta amamantada nos cuarteis, nas sancristías e nos despachos do capital e do poder. Máis a besta só está durmida pola vontade democrática, pero algúns, que poden sentir ameazadas as súas posicións de privilexio poden, de novo, sentir a tentación de revivila.
En 1936, Joaquín era un home feito e dereito, pai de oito fillos, carpinteiro. Don Paco del Riego un mozo universitario que viña de rematar a carreira comezaba a dar algunhas clases na Universidade. A Joaquín roubáronlle a vida e deixaron aos seus fillos e fillas na miseria. A don Paco roubáronlle a mocidade, tivo que refuxiarse en Vigo, despois alistarse no exército e durante anos recibir, de cando en vez, a visita da policía política por que algún xerifalte franquista se achegaba a Vigo ou por que o réxime preparaba calquera acto de propaganda política. Agora, os dous, dende o alto de San Pedro, ollarán para sempre no mar a liberdade pola que loitaron toda a súa vida.

Anos despois repaso estes escritos, notas e papeis e decátome de como nos deixamos levar pola desmemoria irremediábel. Agora alértome a min mesmo e recordo que apenas fixen referencia ao corpo descoñecido, ensarillado ao de Joaquín, amazocado contra o fondo do valado, comesto por un envurullo inmenso de finas e longuísimas raíces, do que seguimos sen ter noticia. Un cadáver sen nome que adquire unha facilidade especial para o esquecemento. Ao incerto compañeiro do carpinteiro de San Pedro soterrámolo no municipal de San Fiz de Nigrán, baixo unha simple lápida que di DESCOÑECIDO, na agarda, non menos incerta, de que algún día haberá nova que contar del. A memoria veciñal e de Álvaro, o fillo de Abilio, salvou a lembranza de Jesús “o palero de Laureana” e a xenerosidade da familia Araújo acochouno xunto ao restos do camarada no infortunio. Cando refago estas liñas ocorréseme ir tirarlle unha foto ao recanto do descoñecido  e atópome coa agradábel sorpresa de que abundantes e humildes flores frescas o acompañan.

 Repouso do “descoñecido” en San Fiz de Nigrán. Foto marzo 2019.
Non é o único “desaparecido”, empregando o termo tristemente popularizado tras a ditadura militar arxentina, que temos en Nigrán. No seu RC están as cinco actas levantadas o 29 de novembro de 1936, entre os folios 57 e 61 e entre os número 108 e 112. Os cinco cadáveres, catro homes e unha muller, apareceron na Praia de Lourido. Faleceran o día anterior, “a primeras horas”, por “lesiones producidas por arma de fuego” , inscribíronse  no rexistro por orde do Sr. Xuíz, despois de practicarlle a autopsia. A primeira en ser inscrita foi a muller[17] que, con posterioridade, sería identificada como  Carmen Gómez Domínguez, de 38 anos, veciña de Lavadores, do barrio da Bagunda, casada e con dous fillos. Os seus catro compañeiros de infortunio seguen a ser uns descoñecidos. Do primeiro dos inscritos temos algún indicador, ademais da súa idade aproximada, trinta anos, pois padecía anquilose no anular da man esquerda e portaba no peto un pano coas iniciais JA. Dos demais a descrición das roupas e unha aproximación da idade: 30, 45 e 65 anos sucesivamente. Outro descoñecido abriu a listaxe de asasinados no termo municipal de Nigrán, nas Minas das Santinas, o 26 de agosto de 1936, tiña sesenta anos; os investigadores do proxecto Nomes e Voces[18] téñeno identificado como Jesús Fernández Barreiro, pero ningún xuíz, nin autoridade, ordenou realizar a dilixencia necesaria coa súa identificación ao pé da acta de defunción.

14.- Unha addenda

Entre o publico asistente a unha presentación sobre o proceso da exhumacións á que vimos de nos referir[19] atopábase o profesor e investigador Bernando Máiz Vázquez, autor, entre outras moitas publicacións, dunha obra case iniciática (Máiz,1988).  No xantar posterior indicoume que atopara no AMIRN a causa 771 de 1937 “para a depuración de varios extremos relacionados con la muerte de dos súbditos portugueses llamados Manuel Prudencio y Abilio Araújo Barbosa…”. Coa xenerosidade que o caracteriza o profesor Máiz fíxonos chegar, aos poucos días, unha copia da causa.

A breve instrución ordenada pola Comandancia da GC da provincia de Pontevedra ante as reiteradas peticións do Goberno Militar da mesma provincia, vén referendar documentalmente as informacións orais tanto sobre os asasinos como sobre determinadas circunstancias que rodearon o crime ao tempo que poñen de manifesto as complicidades tecidas entre as elites políticas locais empoleiradas ao poder tras a sublevación, que, por outra banda, nunca deixaran de exercelo, e os executores físicos da persecución.

Segundo informacións, que non tiñamos documentadas, a familia de Manuel Prudêncio  do Rosario tomou algunha caste de iniciativa ante o goberno portugués e algunha xestión desta, segundo a nosa interpretación, sería o motivo da apertura da instrución, ou mellor do “paripé” burocrático e mesmo de certas anomalías sobre o caso. Este feito confírmao Dionisio Pereira (2013:156):
tão-só (...), o assassinato conjunto de Manuel Prudêncio do Rosário e Abílio Araújo Barbosa (...), figura na documentaçao consular depositada en Lisboa no Arquivo Histórico-Diplomático dependente do Ministerio dos Negócios Estrangeiros luso.

As fontes orais sitúan a data do crime na noite do 10 de febreiro de 1937. Mais na declaración tanto do garda civil Eduardo Gutiérrez Peón como do “cívico” Domingo Alonso Vila explicítase que aconteceu na mañá do 11. Non hai contradición importante. Na noite foi cando os sacaron do calabozo municipal entre forte resistencia, pancadas e berros que se escoitaron en toda a vila, e os meteron nos coches nos que os trasladaron ata o lugar en que os mataron. A viaxe dende Gondomar ata San Xián temporalízaa o google en 35´, así que cos vehículos e estradas da altura levaría, como mínimo, o duplo[20]. E recordamos que o Garda Cívico Antonio Misa díxolle, na mañá do 11, ás dúas esposas que os seus homes “xa almorzaran”. Foi pois unha noite moi atarefada para os verdugos.

Como comentamos, a recolleita de información ten como fin dar “carpetazo”. Diso se trata e non da apertura dunha causa. A instrución iníciase por orde do Comandante da GC da provincia de Pontevedra, Tomás Rogina, quen ao facerse cargo da mesma atopa dous escritos, do 24 de febreiro e o 24 de marzo de 1937, nos que o Goberno Militar demanda información sobre o que lle aconteceu a Manuel Prudêncio. A ambos escritos a Comandancia do Benemérito Corpo non respondera. Unha nova demanda de información, do 15 de abril, fai que o xefe provincial ordene a reunión de información sobre se Manuel Prudêncio  participara na política local, se se rexistrou o seu domicilio, se se lle atopou algunha arma e se se presentou o atestado correspondente. Pregunta tamén polas razóns polas que Manuel Prudêncio  non foi pasado polas armas en Gondomar e que se lle confirme que se é certo que inicialmente o Comandante do Posto da GC de Gondomar, Eduardo Gutiérrez Peón, negou o fusilamento e cal é a razón pola que o seu cadáver apareceu tan lonxe de Gondomar.

O 23 de abril está en Gondomar o instrutor Capitán accidental da 1ª Cia da GC de Vigo, Gumersindo Salinas Fernández, quen toma declaración ao garda civil Eduardo Gutiérrez Peón e ao civil, membro da garda cívica, Domingo Alonso Vila. Loxicamente coinciden no seu relato. Segundo a súa declaración, as armas que se lle ocuparon a Manuel (unha pistola) e a Abilio (unha escopeta agochada no galiñeiro) non coincidían coas que levaban cando andaron patrullando pola rúas da vila nos días do “movimiento” (lembremos que os feitos acontecen sete meses despois da sublevación militar) e como os detidos dixeron que as outras as tiñan agochadas no monte, dirixíronse cos presos nun coche pola estrada de Pontevedra- Camposancos ata un punto que estes indicaron. Ao deter o automóbil pretenderon fuxir; déronlles o alto; non obedeceron; abriron fogo e resultaron mortos no acto. Alí deixaron os cadáveres. Informan que os acompañantes dos dous portugueses foron eles e mais Ángel Rúa Cabanas quen non pode prestar declaración por atoparse na fronte de Asturias,que fora o que  quen reclamara a presenza de Abilio na comandancia da GC de Gondomar.

Tratábase de dar “carpetazo”. Así se desprende tanto da lectura da instrución como das declaración recollidas coincidentes na súa literalidade, en especial as de carácter máis xenérico referidas á participación política dos asasinados. Os dous portugueses eran comunistas; afiliados á UGT de Gondomar; propagandistas marxistas; contrarios á orde; tiñan pouco amor polo traballo; excitaban os ánimos nos conatos de folga; todas as súas actividades estaban relacionadas co seu ideario político; acudían a mitins ou manifestacións; eran rebeldes, de acción e indesexábeis; coaccionaron con violencia ás persoas de dereitas para que votasen á Fronte Popular polo que fixeron propaganda; ao declararse o “Movimiento Nacional” capitanearon grupos para a requisa de armas e patrullaban pola poboación; asaltaron casas de persoas significadas da dereita ás que lle sacaron armas e comestíbeis e non fixeron cousas peores porque a veciñanza estaba tan amedrentada que lles daban todo o que pedían. Mesmo no caso de Manuel Prudêncio  o informe da GC comeza indicando que “vive del hurto de frutos del campo y monte”.

Para confirmar o “paripé” prestan declaración Latino Salgueiro Pereira e José Quintas Santiago. Ambos coinciden en que saben “por rumor popular” que as “fuerzas” tiveron que facer uso das armas ao darse os portugueses á fuga así como que teñen un gran concepto do destacamento da GC de Gondomar que sempre actuou con “espírito justiciero e imparcial”.

O auditor de guerra insiste en que cómpre acreditar as defuncións así como se se instruíu por parte dalgunha autoridade as actuacións necesarias. Lembramos que a inscrición no RC do Rosal non se realizou ata máis dun mes despois do asasinato, o 14 de marzo de 1937, e quince días despois de que o mando da GC recibise o primeiro escrito do Goberno Militar, ao que non respondeu.

     Nas actas de defunción especifícase que a causa da morte, de Abilio e Manuel de Prudêncio , foi por disparos da “Guardia Civil”; afirmación sorprendente nas actas de defunción que coñecemos, só explicable á luz da información solicitada polos mandos provinciais ante unha hipotética demanda das autoridades portuguesas.

Como sabemos, na fosa da que exhumamos os restos de Abilio Araújo e de Manuel Prudêncio había un terceiro corpo que coidamos se trataba do “palero” do forno de Laureana, que non só nunca foi inscrito no rexistro senón que nin se cita en ningún momento da instrución. É alguén que nunca existiu; só o seu cadáver.

Na farsa colabora o xuíz municipal do Rosal, o médico Juan Pérez Pérez, que achega tres certificacións asinadas o 21 de maio. Dúas fan referencia ás actas de defunción dos dous portugueses, levantadas o 14 de marzo; a terceira alude a unha acta do once de febreiro segundo a cal o xuíz, o alguacil e o secretario do xulgado “constituíronse” en Portocelo, observaron dous cadáveres e ordenaron que os soterrasen no cemiterio de San Xián. Xa que logo o xuíz ordenou o levantamento dos cadáveres o 11 de febreiro pero non tivo tempo ata o 14 de marzo de asentalos no libro de defuncións nin se lle ocorreu instruír ningunha caste de dilixencia como se deduce da incorporada polo capitán instrutor.

    As nosas conclusións ata o momento:

a.- Foi a insistencia da familia de Manuel Prudêncio  ante as autoridades portuguesas a que fixo poñer sobre o papel un crime que ía rematar como un “paseo” máis.
b.- Foi esa insistencia a que obrigou a levantar a acta da defunción, case un mes máis tarde. Non se podía ocultar a morte de Abilio Araújo, portugués e veciño da mesma parroquia que Manuel, e incorporado ás reclamacións ante as autoridades portuguesas, como nos informa Dionisio Pereira, pero si a do “palero”, máis novo e sen familia en Gondomar.
c.- Descuberto o crime aplicouse a legalidade da “lei de fugas” para arquivar o asunto aínda que se tivese que recoñecer que foron os membros da GC, Ángel Rúa Cabanas e Eduardo Gutiérrez Peón e o garda cívico Domingo Alonso Vila, os que realizaron os disparos. Lémbrese que dous dos cadáveres exhumados tiñan feridas “antemortem” de perdigóns, entendemos que da escopeta de Alonso Vila.
d.- A mesma táctica de acompañar o detido na procura dun agocho de armas e despois dispararlle fora empregada polos gardas civís de Gondomar, Claudio Martínez González e José Vázquez Teijeiro, e o mesmo “cívico Domingo Alonso Vila, cando, o 10 de agosto de 1936, acompañaban a José Pereira Costas[21] na procura das escopetas agochadas nun monte de San Miguel de Oia (Vigo) e ao chegar ás Roteas seica foron agredidos por disparos que non se soubo de onde procedían. Ao responder aos mesmos resultou morto aquel mozo, tamén portugués de 18 anos e veciño de Mañufe (Gondomar). O disparo foi a queimarroupa segundo a acta de defunción.
e.- Do mozo que metía o pan no forno temos reiteradas e constantes informacións orais que nos din que estaba detido con Abilio e Manuel e que o levaron con eles. Temos a información de que os tres soterrados eran de Gondomar e un panadeiro; temos os relatos da veciñanza de San Xián que nos fala dunha rivalidade amorosa cun GC. Temos un cadáver acompañando os de Abilio e Manuel identificados por método científico indubidábel; pero esfúmase a súa existencia na documentación.
f.- Sabemos, por diversas testemuñas, que tanto Manuel como Abilio fixeron, despois do golpe militar, unha vida normal nas súas casas e traballos. Non andaron fuxidos, como tampouco o “Tío Juan, O Sombriso”, tamén portugués, a quen foron deter o mesmo día que a Manuel pero conseguiu fuxir. Mesmo sabemos que o día da detención, Abilio andaba a podar nas viñas e baixou de propia vontade á chamada da garda civil.
g.- Os feitos graves que se insinúan contra Abilio e Manuel: patrullar armados nos días seguintes á sublevación, requisar armas ou participar nos momentos de tensión ante a casa de Latino Salgueiro, foran xulgados meses antes e resoltos con amplas condenas e mesmo co fusilamento, en Pereiró, do presidente do Sindicato de Gondomar, Joaquín Míguez Ledo, como xa vimos. Nas causas militares consultadas en ningún momento aparecen reflectidos os nomes de Abilio Araújo Barboza nin de Manuel Prudêncio do Rosario, aínda que é moi posíbel que este sexa o Manuel Prudencio Núñez, de Chaín, citado por un encartado na causa 138/1936

    En síntese, o instrutor considera, por suposto, que “no existe responsabilidad alguna que exigir”. O auditor reconverte a instrución elevando as actuacións a causa por delito de rebelión contra os dous asasinados e sobreséndoa definitivamente. O caso ficaba resolto.

O agasallo do amigo Bernardo Maiz e a revisión e ordenación actual destes escritos permítenme, case unha década despois, non responder, que non é do caso, senón relembrar unha carta ao director publicada no Faro de Vigo[22], dúas semanas despois de iniciadas as escavacións, por José Núñez López, secretario para Galicia da R.E.G.U. A.C.I., que entendo responde as siglas da “Asociación de Retirados, Viudas y Huérfanos de la Guardia Civil”.

Na misiva amosaba o seu estupor porque se dixese con todas as letras que tres  cadáveres dunha das fosas foran asasinados por disparos da Garda Civil e preguntábase, anoxado:
¿Existen esos datos, debidamente comprobados mediante examen de balística y demás circunstancias que los hagan realmente verídicos, para poder hacer tan grande acusación contra miembros de la Guardia Civil, aunque ya hayan transcurrido 72 años?.

     O señor Núñez López demostraba a súa fe:

Si no tuviera cierto convencimiento de que (incluso dentro del confusionismo y desórdenes producidos en los momentos iniciales de la guerra del 36) los autores de los “paseos del amanecer” no los realizaban componentes del Cuerpo de la Guardia Civil, no diría nada y me callaría, pero como soy muy mayor y aún sin haberlo vivido, sí los recuerdo, creo que un cuerpo, que pese a quien pese aún sigue mereciendo el calificativo de benemérita (con mayúscula), no puede esconder la cabeza bajo el ala y deberá abrir una investigación sobre los datos -si los hay- en el concello de O Rosal, para aclarar que crédito merecen, así como lo que “explicó Carlos Méixome” o lo que escribió una periodista.

Non sei se o que pretendía o señor Núñez López era que o benemérito corpo investigase os feitos ou me investigase a min e a xornalista? Infortunadamente nin o benemérito corpo, nin o Estado democrático e os seus xuíces nos fixeron o máis mínimo caso cando andamos exhumando cadáveres e transportando os seus restos dun sitio para outro, non querían ver, non querían saber nada tras trinta anos de réxime democrático.

A respecto desta carta, dúas anotacións. Primeira, o escrito do señor retirado ou orfo da GC, publicada na páxina sesenta do xornal vigués, fixo a casualidade que fose seguida doutra de Antonio Araújo Quintas, sobre o centro de saúde de Gondomar. O neto de Abilio Araújo Barboza era, na altura, alcalde de Gondomar, orfo de avó abatido polos disparos dos membros da GC, Ángel Rúa Cabanas e Eduardo Gutiérrez Peón e do “cívico”, Domingo Alonso Vila. O sistema democrático tampouco semella gozar de boa saúde cando un alcalde ten que comunicarse cos seus veciños a través dunha carta ao director  porque a súa opinión non é recollida coa dignidade informativa que merece.

En segundo lugar, a contundente afirmación do Sr. Núñez López de que “los “paseos del amanecer” no los realizaban componentes del Cuerpo de la Guardia Civil”,  lémbrame algunha das anotacións que realizou Julio Roade, xefe local da Falanxe da Ramallosa en 1938, ao pé dalgunha das solicitudes de afiliación ao partido nas que se fai referencia ao que eufemisticamente denominaban: “limpeza da retaguarda”. Anota Roade: “Respecto a lo que manifiesta el solicitante de la limpieza de la retaguardia se refiere a que prestó servicios con la Guardia Civil. Esta Falange no ha cometido delitos y menos aún crimenes.” Había vítimas pero non vitimarios. Había asasinados pero non asasinos. Nesta ocultación dos vitimarios seguimos, oito décadas despois cando xa ninguén dos que participaron nos feitos está vivo porque, ao mellor, certas herdanzas políticas ou económicas séntense aludidas.

15.- Transmitir na outra beira

O feito de que dous dos cinco cadáveres exhumados fosen cidadáns portugueses empurrounos á  procura dunha aquelada difusión na outra beira, facilitada e orientada por Dionisio Pereira. O Jornal de Noticias e o Público de Lisboa fixéronse eco das exhumacións.

    Como actuou o goberno portugués en defensa dos seus cidadáns? Afirma Pereira (2013:156):
(...) cumpre dizê-lo com rotundidade: das dúzias de episodios em que quarenta cidadãos de nacionalidade portuguesa foram executados de maneira extrajudicial na Galiza entre finais de julho de 1936 e 1940, a que deveríamos acrescentar os casos doutros oito connacionais presos e falecidos por maus tratos nas cadeias franquistas, tão-só um, (…) figura na documentaçao consular depositada en Lisboa no Arquivo Histórico-Diplomático dependente do Ministerio dos Negócios Estrangeiros luso. Do resto silêncio...

É a concreción do que o profesor Fernández Prieto denomina no limiar: “interessada conivência do regime de Oliveira Salazar com o golpe promovido por militares “africanistas”.

Seguimos a considerar que as institucións democráticas portuguesas deberían ter algún xesto, por mínimo que sexa, de recoñecemento dos seus cidadáns vítimas da persecución franquista. Un pequeno chanzo neste camiño subiuse o 12 de maio de 2012 cando se instalou en Monçao un memorial no que figuran 56 nomes de vítimas de fusilados tras parodias de consellos de guerra ou “paseos”. Na relación figuran os cidadáns portugueses-miñoráns asasinados.

No epilogo incorporado ao libro de Pereira (2013:208) recóllese un fermoso texto, lido en Monçao, no momento da inauguración do memorial, pola súa autora, a antropóloga Paula Godinho. Nel  congratulábase por “estar numa homenagem em que são audíveis os falares dos dois lados desta fronteira que nos une” e anotaba:
Vivemos um tempo, como recorda Enzo Traverso que glorifica as vítimas, mas esquece os combatentes. Todos os que aqui homenageamos foram vítimas, embora possam ter sido também combatentes.

O peche do acto inaugural do memorial de Monçao correu a cargo do, na altura, Presidente da Câmara Municipal de Monção, José Emílio Pedreira Moreira, que o clausurou cun emotivo discurso no que entre outras cousas apuntou:
Foi criminoso o acto cobarde e intolerante que os abateu. Mas seria também criminoso continuarem nas penumbras do esquecimento.
Estes homens e mulheres foram portugueses que procuraram trabalho na Galiza, ou participaram na luta pela defesa das ideias republicanas ou filiados em sindicatos ou movimentos cívicos contrários à ideologia fascinante do franquismo. Com coragem, lutaram pelos seus ideais de liberdade, de democracia, de justiça e bem estar social. Foram homens e mulheres de valores humanistas, de aguda consciência cívica, de extrema generosidade: pagaram com a sua própria vida a aventura num projecto de construção de uma história diferente para os povos da Península Ibérica.
Essa semente, porém, esteve longos anos adormecida na terra do tempo. No entanto, os seus ideais não feneceram, antes porem, germinaram, fermentaram, contaminaram e, no fim do séc XX, na Península ibérica, triunfou a democracia, a liberdade e o ideal da igualdade, fraternidade e justiça para todos.
Hoje, estamos todos a prestar uma homenagem bem merecida, embora póstuma, a estes concidadãos portugueses.
Monção orgulha-se por ser aqui levada a cabo a primeira evocação feita em território nacional para trazer à tona da consciência colectiva a memória das vitimas do regime ditatorial daquele negro tempo político. Hoje e aqui, queremos também prestar a nossa homenagem muito especial e muito sentida ao “25 de Abril” de Portugal, lembrando homens e mulheres com ideais semelhantes que, com a mesma generosidade e coragem, conseguiram virar uma importante página de opressão da nossa lusitana história, derrubando uma longa ditadura de 48 anos.”

Memorial en Monçao aos portugueses mortos en Galicia. Inaugurado en 2012

Finalmente a  serie documental “Linha da Frente: A guerra tambén foi nossa” da Rádio e Televisão de Portugal (RTP) elaborada pola xornalista Ana Luísa Rodrigues e a camarógrafa Carla Quirino, emitida o 19 de novembro de 2016, dedicou o seu Episodio 33  sobre a persecución franquista sobre cidadáns portugueses e detívose nos casos de Abilio Araújo Barboza e Manuel Prudêncio do Rosario.

16.- Persistir na  recuperación cívica da memoria

A memoria por recuperar, aínda que só nos limitemos aos anos máis tráxicos da persecución franquista, é tanta que a persistencia no labor non fai máis que abrir portas.

Ao abeiro dunha axuda concedida polo Ministerio de la Presidencia del Gobierno de España, contra o remate de 2009 realizamos un novo proxecto que consistía en fotografar, ordenar, dixitalizar,  transcribir, resumir e  estudar as causas militares abertas contra a veciñanza do Val de Miñor que fomos quen de localizar no Arquivo Militar Intermedio da Rexión Militar Noroeste (AMIRMN), sito no cuartel do Baluarte  de Ferrol. Sospeitamos que o baleirado non foi completo. En todo caso as que localizamos ocupan uns cantos milleiros de folios. Sobre as que se traballou, 27 causas, danos un total de 182 persoas encartadas.

Sobre as vítimas mortais podemos achegar un incompleto resumo numérico pero que non debería andar moi lonxe dos datos definitivos. Teriamos 48 persoas asasinadas nos lindes dos tres concellos miñoráns, delas 18 serían naturais dos mesmos e 24 doutros concellos. Seguimos sen coñecer con exactitude os datos de seis cadáveres.

No RC de Baiona teriamos 16 asasinados, 12 do Val de Miñor e 4 doutros concellos. No de Nigrán o número total chega aos 17, dos que 5 serían miñoráns e outros cinco seguen sen identificarse con exactitude. Mentres que no RC de Gondomar teriamos 15 mortos, un deles do Val, outro descoñecido e 13 de fóra do Miñor.

Mentres, os miñoráns asasinados fóra dos lindes do Val serían 19 que se repartirían entre Vigo (12), O Rosal (5), Tomiño (1), Mondariz (2) e Oia (2). Insistimos no carácter provisorio destes dados e sempre considerados como a cifra máis baixa. Estamos a falar entón, entre miñoráns e mortos no Miñor, de 70 persoas.

Como ramo do proxecto incluíase a realización dunhas xornadas de reflexión e posta en común sobre o estado das investigacións da represión no primeiro franquismo na provincia de Pontevedra que se celebraron en Gondomar o 22 e 23 de outubro de 2010. Ao remate das mesmas, asociacións da memoria, investigadores, historiadores e relatores chegaron ás seguintes conclusións que reproducimos non só polo seu interese documental, senón, sobre todo, pola súa plena vixencia:

    1º.- Con carácter xeral considerar que o termo  “represión” que se adoita empregar podería xerar algunha confusión, a pesar do seu uso consolidado socialmente, pois o que realmente se produciu foi unha “persecución”, decretada polas autoridades sublevadas, contra os sindicatos obreiros, sociedades labregas e partidos democráticos, e non dunha represión ante unha acción previa.
Valorouse que a tensión social que seguen a provocar estes estudos está en relación coa non asunción por parte dalgúns sectores sociais dun conflito que só asumirá  o carácter de “Historia” cando se poida investigar  non só o que aconteceu coas vítimas, senón  tamén tanto cos verdugos como cos salvadores.

    2º.- Resaltar os avances realizados nos últimos tempos na investigación, nomeadamente das vítimas, a cargo de investigadores particulares, asociacións da memoria e do proxecto interuniversitario “Nomes e voces”, así como, agás en contadas ocasións,  reflectir  a ausencia de iniciativa por parte das institucións públicas que se limitan a conceder certas axudas a proxectos concretos ou a actuar ante demandas externas, pero non asumen a investigación como responsabilidade propia.
Aínda así constatouse que o estudo da persecución franquista adoece de grandes lagoas entre as que se subliñaron:
ü A persecución sobre as mulleres, escasamente documentada e, na actualidade, con limitadas posibilidades de transmisión oral. Acadou unha importancia moito maior da que ata o momento se ten divulgado, con maltrato físico (rapado de cabelo, aceite de rícino…), marxinación social e miseria económica.
ü Constatar a importancia do número de persoas naturais de Portugal vítimas da persecución franquista en todas as súas manifestacións, nomeadamente nas áreas lindeiras co país veciño, e demandar o interese das autoridades portuguesas na investigación do acontecido cos seus cidadáns e cidadás.
ü Se ben se ten avanzado no estudo dos procesos militares nos que se viron encartadas milleiros de persoas, pola contra pouco se ten avanzado no coñecemento dos presos e presas por orde gobernativa por ter desaparecido boa parte dos rexistros carcerarios así como por terse destruído, no inicio da transición e por orde do daquela Ministro do Interior, Martín Villa, arquivos policiais, da Dirección Xeral de Seguridade, da Falanxe e da Secretaría Xeral do “Movimiento Nacional”. Neste sentido, reclamamos a inmediata dispoñibilidade da documentación penitenciaria relativa a esta provincia, depositada en malas condicións na Prisión de A Lama.
ü Outro ámbito de investigación, apenas esbozado, é o estudo dos que se viron obrigados, para salvarse, ou forzados a alistarse no exercito franquista, así como dos desertores do mesmo, fuxindo ou cambiando de bando, proba palpable da desafección cara o novo réxime dunha parte importante da xuventude galega.
ü Resaltar a importancia da guerrilla no noso país e a insuficiencia dos estudos realizados sobre a mesma, nomeadamente nas áreas do Deza, Trasdeza e Tabeirós nas que tivo un forte impacto.
ü Subliñar a importancia e descoñecemento da represión económica, non só no referido á  incautación de bens das sociedades labregas, sindicatos obreiros ou partidos democráticos senón tamén das multas e do roubo de propiedades de vítimas da persecución, mediante a tramitación dos Expedientes de Responsabilidades Civís (1937) e dos Expedientes de Responsabilidades Políticas (1939). O estudo desta represión económica podería achegar datos de relevo sobre os beneficiarios dos mesmos e polo tanto dos vitimarios. Neste eido, reclamamos que a documentación existente nos Xulgados de 1ª Instancia de toda a provincia relativa a esta temática, se deposite de xeito inmediato no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, tal e como é preceptivo.
ü Constatar a existencia de puntos negros na investigación en determinados concellos da provincia, nomeadamente na área do Salnés, dos que só se teñen datos do  baleirado dos rexistros civís, libros de cemiterios e causas militares pero escaso coñecemento de información oral.
ü Reflectir o descoñecemento do que lle aconteceu a moitos galegos aos que a sublevación militar colleu fóra de Galicia por motivos laborais (canteiros, cabaqueiros, mineiros, mariñeiros, seitureiros, afiadores, xornaleiros, etc.), debido á súa profesión itinerante.
ü Sinalar como de especial interese a investigación sobre os métodos e sistemas de represión que permitiría unha achega aos motivos que empurraron a determinadas persoas a cometer os crimes que realizaron.
ü Propor a necesidade de considerar a represión nun ciclo histórico máis amplo para entender mellor a súa brutalidade, a súa engrenaxe, as súas motivacións e tamén os seus protagonistas (vítimas e vitimarios) do que se deriva a importancia de ampliar aínda máis os estudos sobre a IIª República e, mesmo, sobre o período da Restauración, nomeadamente  os anos da ditadura de Primo de Rivera.

3º.- Seguimos a constatar as dificultades para acceder a moitos arquivos (municipais, follas de servizo da Garda Civil e outros) mediante dilacións de toda caste. Demandar do Estado a posta a disposición de todos os/as investigadores/as destes arquivos e recomendar a demanda xudicial no seu caso.

4º.- Constatar que máis de sete décadas despois do golpe de Estado o medo segue instalado entre unha parte  considerábel daquelas persoas, nomeadamente familiares, relacionadas coas vítimas.

5º.- Reclamar unha vez máis que o Estado asuma as súas responsabilidades e tome iniciativas no proceso de localización e identificación das vítimas, así como na investigación dos feitos, no canto de delegar nas asociacións da memoria ou persoas dedicadas á investigación, en moitas ocasións de xeito particular. Denunciar a negativa absoluta por parte do actual goberno da Xunta de Galicia a apoiar calquera caste de iniciativa por parte de familiares, asociacións da memoria ou persoas investigadoras, chegando mesmo a non aboar actividades acordadas pola anterior administración e realizadas en tempo e forma.

Por certo, por fortuna, e coa experiencia fresca do incumprimento da Xunta presidida por Feijoo, a axuda da Presidencia do Goberno foinos aboada  o último día da estancia de Rodríguez Zapatero na Moncloa. Soubémolo tras a chamada nocturna dunha eficaz funcionaria, da que non lembro o nome, que nos advertiu de que o goberno entrante tiña pensado facer o posíbel para non realizar o pago dos compromisos adquiridos que ficasen pendentes.

Quizais fose o permanente fío de memoria o que turrase de min para, tantos anos despois, poñerme a ordenar estas catas cando, unha outra vez, a tensión social  sobre a incómoda memoria da guerra de España e do franquismo volve ocupar un lugar salientábel nas disputas políticas.








[1] Sobre o Cabo Manuel González Pena,  ver: Abad Gallego, X.C., 2008: 313-317. Sobre os feitos: Vilar Pedreira, X. L. e Méixome, C., 2005:155-168.
[2] Solidaridad Obrera. Hai varios xornais con esta cabeceira. No que publica “Saluto” é no voceiro da Confederación Regional Galaica da CNT, na fase na que se edita na Coruña entre 1930 e 1934. Ver: Fernández, E. e Pereira, D. (2004:249-250).
[3] Anos máis tarde recibimos o emocionado agradecemento dun fillo de Manuel Aballe, un dos asasinados,  que dende a  Arxentina, país que acolleu a toda a súa familia ao pouco do asasinato do pai, viñera coñecer a terra dos seus pais e atopouse coa insospeitada homenaxe realizada no memorial.
[4] Presidido por Luís Carlos de la Peña e con Ana María Rodríguez como concelleira de cultura e responsábel da recuperación da “memoria histórica”.  A colaboración dos posteriores gobernos municipais foi inexistente, mesmo con serias dificultades que chegaron ata a negar o permiso para colocar  unha placa conmemorativa no cemiterio, na terra baixo a que foron soterrados “os Nove”, persistindo en ocultar un “lugar de memoria”.  Por fortuna, no cabodano dos crimes, en 2019, foi posíbel, coa colaboración do novo goberno municipal, sinalar o espazo de soterramento coa placa conmemorativa deseñada por Fernando Casás.
[5] Infelizmente, tras infrutuosos intentos e o desinterese dos gobernos municipais posteriores, o proxecto de Fernando Casás continua inacabado. Faltan os 45 loureiros que deberían acoller a  árbore de bronce.
[6] Galicia Martir (1937); Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938). Ata 1976 non se editaron  o primeiro e o último; ata 1978 o Atila... Os tres por Akal. Hai unha edición conxunta en A Nosa Terra (1995).
[7] La Galice sous la botte de Franco (1938) asinado por Jean Flory; no mesmo ano unha edición en castelán Lo que han hecho en Galicia. Editouse tamén na Arxentina baixo o título Galicia mártir. En galego baixo o rotulo de O que fixeron en Galicia 1936 en edición de Carlos Pereira Martínez (1998). Hai unha reedición da de 1938 baixo o título de Galicia bajo la bota de Franco (2005)
[8] http://www.nomesevoces.net/
[9] RC do Rosal nº 342 e 343. Libro de defuncións 1936. A capela de San Xián e o seu cemiterio eclesialmente pertencía á parroquia do Rosal. En 1796 os veciños solicitan que se declare parroquia independente e en 1806 o bispado erixiuna como vigairía perpetua. Non se estableceu como parroquia e pasou a ser un anexo da parroquia de Santa María de Oia. Actualmente pertence a esta. Pola contra, administrativamente, pertence á  parroquia do Rosal. Probablemente isto explique as referencias a Oia nas fontes orais, xunto coa identificación do concello do Rosal coa beira do Miño e non do Atlántico.
[10] Silva, E. e Macías, S.: 2003.
[11] Pessoa, C.: “Repressão franquista. Familias de portugueses mortos já podem fazer o seu funeral” en Público 12/02/2011. Fotografia Paulo Pimenta. Tamén pode consultarse en www.minhor.org
[12] Estamos certos de  que o seu nome era Jesús grazas á información fornecida pola amiga Elsa Quintas. A avoa da nosa informante acompañou á daquela moza do “palero” cando esta foi falar con el estando preso no depósito municipal. Falaron por un ventanuco que aínda hoxe se conserva.
[13] A elección do goberno municipal republicano de Nigrán foi un proceso algo estraño ao pretender o último alcalde da monarquía reconverterse en monárquico (republicano?), o médico Severino Alonso Gonda, coa aceptación dos gobernantes republicanos pero co rexeite de parte dos electores. Finalmente celebráronse eleccións e constituíse a nova corporación o 5 de xuño de 1931 baixo a presidencia de Manuel Alonso González e con Joaquín de la Iglesia Portela como concelleiro. O 25 de outubro de 1934 a corporación en pleno será destituída polo goberno radical-cedista. O 21 de febreiro de 1936 o goberno da Fronte Popular restituirá a anterior corporación con Alonso como alcalde e De la Iglesia como concelleiro (Adrio Barreiro, 2008:400-404; Mosquera Veleiro; 2019:61-87)
[14] Desta información que achega o estudo forense non temos información  ningunha.
[15] Cómpre salientar que a administración posterior, presidida por Núñez Feijoo, a pesar de cumprimentar a documentación esixida e co visto e prace da administración saínte, negouse a sufragar, os, aproximadamente, 4.000 euros dos traballos arqueolóxicos das fosas de San Xián e de Baiona.
[16] O de Joaquín de la Iglesia Portela que regresaba ao fogar, o de Francisco Fernández del Riego. Ambos no cemiterio de San Pedro da Ramallosa. E o do compañeiro descoñecido de Iglesias Portela, soterrado no cemiterio municipal de San Fiz de Nigrán.
[17] As autopsias foron realizadas polos médicos de Nigrán Severino Alonso Gonda e Jacobo Martínez Pereiro. Ambos vítimas da persecución dos sublevados. Ao primeiro, encarcerado en San Simón, retiráronlle a licenza para exercer. Sobre o segundo encirrouse a Falanxe de San Pedro e concentrou a súa rabia que mesmo lle puido custar a vida que conservou con fortuna. Sobre Alonso Gonda pódese consultar Lamela García, L., 2008. Sobre o segundo ver causa 1331/36 contra Fermín Martínez Pereira e Victor Manuel Pérez Pérez por intento de atraco, AMIRN.
[18] http://vitimas.nomesevoces.net/gl/
[19] A presentación de “Algunhas consideracións ao abeiro das exhumacións das fosas de San Xián” realizámolas o 30 de novembro de 2012 na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña no marco da XIV Semana Galega de Historia, organizada pola Asociación Galega de Historiadores (AGH) baixo o  rótulo: “Franquismo, investigación historiográfica e memoria histórica”.
[20] Moito máis se temos en conta que, na altura, a estrada Pontevedra-Camposancos que tiveron que percorrer estaba só asfaltada ata o  Cabo Silleiro (Álvarez Limeses, 1936:39).
[21] Causa 138/36 .Folio 22 e 22V. AMIRN.
[22] Faro de Vigo 22/4/2009




Bibliografía citada

Abad Gallego, X.C. (2008): Cen personaxes en torno a una guerra. Vigo: Instituto de Estudios Vigueses.

Alonso Ríos, A. (1996) O siñor Afranio. Ou como me rispei das gadoupas da morte. Vigo: Castrelos.

Anónimo (1998): O que fixeron en Galicia 1936. Edición de Carlos Martínez Pereira. Vigo: A Nosa Terra.

Flory, J. (2005): Galicia bajo la bota de Franco. La edición clandestina de 1938. Reedición en castelá a  partir da tradución do orixinal francés de La Galice sous la botte de Franco. Episodes de la terreur blanche dans les provinces de Galice, rapportés par ceux qui les ont vécus.Santiago: Alvarellos.

González Pérez, J.A. (1998): Nigrán. Memoria dunha guerra 1936-1939. Vigo: Cumio.

Graham, H. (2006): Breve historia de la guerra civil. Madrid: Espasa Calpe.

Lamela García, L.(2008): A represión da masonería viguesa. Vigo: A Nosa Terra.

Máiz, B. (1988): Galicia na II República e baixo o franquismo (1930-1976). Vigo: Xerais.

Méixome Quinteiro, C. (2008): “Da Tomada dos Inesesao campo de concentración de Oia. Notas para un estudo da represión franquista no Val Miñor (1936-1939)” en O Miño una corrente de memoria. Ponteareas: Alén Miño.

Méndez Ferrín, X.L. (2012) : Nós, Galiñeiro. Gondomar: IEM.
Noya, J.(1996): Fuxidos. Vigo: Xerais.

Pereira D. (2008): “A represión franquista contra os cidadáns portugueses naGaliza (1936-1939)” en O Miño una corrente de memoria. Ponteareas: Alén Miño.

Pereira, D. (2013): Emigrantes, exilados e perseguidos. A comunidade portuguesa na Galiza (1890-1940). Santiago: Através.

R. Castelao, A. (1976): Galicia mártir. Madrid: Akal.

R. Castelao, A. (1976): Milicianos. Madrid: Akal.

R. Castelao, A. (1978): Atila en Galicia. Madrid: Akal.

R. Castelao, A. (1995): Galicia mártir. Atila en Galicia. Milicianos. Vigo: A Nosa Terra.

Silva, E. e Macías, S.(2003): Las fosas de Franco. Madrid:Temas de hoy.

Vilar Pedreira, X. L. e Méixome, C. (2005): “A Volta dos Nove: notas para un estudo da represión franquista no Val Miñor” en Murguía. Revista Galega de Historia. Nº 7-8.

VV. AA. (2007): Volta dos 9. Arte e memoria. Arte é memoria. Gondomar: IEM.


Ningún comentario:

Publicar un comentario