xoves, xuño 11, 2020

Bandidos


Así titulou o historiador Eric Hobsbawm un dos seus moitos libros que remataron por converterse en referencia para un xeito de facer historia cos ollos espelidos ante as circunstancias socio-políticas e económicas do momento. O seu Bandits (1969) é una secuela de Rebeldes primitivos (1959) que  abría camiño nesa dirección. Hobsbawm apañaba un pouco da mitoloxía, outro chisco do folclore e unhas páxinas da literatura para enxertar os seus personaxes (Robin Hood, Giulano, Villa...) ou grupos (haiduks balcánicos, dacoits hindúes, cangaceiros brasileiros ou anarquistas españois) e procurar a súa comprensión e interpretación dende a perspectiva da loita de clases.

O noso país, no longo e lento tránsito do antigo réxime ao capitalismo, tamén coñeceu varios destes personaxes ou grupos. A maioría, descoñecidos para o gran público; algún máis presente na mitoloxía popular, como no caso de Pepa Loba.

Hoxe quixera apañar dous feitos esquecidos que, na miña opinión, acaen ben aos paradigmas do mestre británico e ademais teñen elementos en común que os converte case nun asunto familiar; por ser ambas as vítimas “administradores” dunha das  familia  mais senlleiras da aristocracia fidalga, os Quiroga, das terras do ribeiro alto do Carballiño, do Avieiro como lle apuxo a Pardo Bazán á comarca onde  o seu marido, José Quiroga, e o seu cuñado Eduardo tiñan abastadas posesións, entre outros moitos lugares do noso país.

Casa dos Quiroga en Catasós (Lalín)
O home da Bazán era discreto e pouco gustoso de andar nos papeis, aínda así sabemos que nos primeiros días de 1899[1] saíu de Compostela para O Carballiño e detívose na súa casa de Quintela. Sabémolo porque na casa grande de Catasós (Lalín) agardou polo seu mordomo de Arnois, no Ulla, que non chegou. O administrador das súas propiedades nas terras ullás, Manuel Méndez Rodríguez, ex cabo da garda civil e ben coñecido na zona por ser antes, de licenciarse do benemérito corpo, comandante do posto de Ponte Ulla, saíu da súa casa un día dos primeiros de marzo de 1899, ás catro da mañá, para reunirse con don José en Quintela, entregarlle 2.520 pts. en metálico e informalo de como atendía as súas propiedades. Á altura de Valboa, cando se achegaba á  estrada de Ourense en dirección a Lalín, saíronlle ao paso catro homes, dous deles a cabalo, e déronlle o alto. O afouto ex garda civil, lonxe de intimidarse,  desprezounos cun !atrás miserábeis!, ao tempo que tiraba do seu revolver e a emprendía a tiros.

Segundo o redactor había xa grande alarma, pois dende un tempo a esta parte sucedíanse, en toda Galicia, roubos e atentados que denotaban, segundo o xornalista, non só “el propósito de robar” senón tamén “inclinaciones criminales”. Este sería o caso. O varudo administrador bateu cuns destemidos asaltantes que se chimparon sobre el, aínda que lles seguise a disparar, e mesmo é probábel que ferise algún deles. Un dos tiros que lle zorregaron os bandidos pegoulle na “tetilla izquierda” e a bala saíulle “por la espaldilla”. Os salteadores prenderon o  apoderado dos Quiroga e roubáronlle 10.080 reais;  pasáronlle unha corda de nó corredizo polo pescozo, atáronlle os pes a unha árbore e fuxiron de contado. Ao pouco unhas mulleres que pasaban polo lugar escoitaron berros e acudiron en auxilio. Déronlle ceibado os pés, pero o pánico que as apresaba non lles deixaba desfacer o nó, polo que tivo que desenlealo o mesmo ferido. Unha vez liberado xuntou forzas para achegarse ata a casa de José Buela e pedir axuda. Seica o mordomo lle dixo: “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”. Procuroulle cortar a hemorraxia, pero o estado do ferido era grave e dispuxo que avisasen o  párroco de Arnois para que lle administrase os sacramentos. Ao pouco chegou o xuíz da Estrada que iniciou dilixencias das que deduce o redactor que non era o único delito dos asaltantes, así como que eran sabedores da importante cantidade de diñeiro que levaba o mordomo.

Dous días despois[2]o ferido seguía na casa de Buela, asistido polo médico e coa esperanza de que se salvase, mentres a garda civil da Ulla e da Estrada realizaba pescudas para dar cos criminais, que eran, os catro, do Carballiño.  A dous deles coñecíaos ben o ex cabo; un alcumado “O Candán” andaba polas feiras vendendo, unhas veces medias e outras xamóns. Un mes máis tarde estaba case restablecido aínda que seguía na casa de José Buela Rivas ao que os medios non deixaban de gabar[3].

Hobsbawm describiría esta tipoloxía como xente que vivía nos “bordos”  da sociedade, pero non exactamente marxinais, dedicados de cando en vez ao saqueo e vistos con frecuencia pola xente como símbolos de resistencia popular e ás veces ata como heroes.

Un subtipo de bandido sería a figura do vingador, caracterizado non por axudar os campesiños, senón porque ao castigar os opresores concedíalle aos oprimidos unha satisfacción psicolóxica. Este sería o segundo dos casos que hoxe lembramos que ten como vítima outro mordomo da familia, neste caso do ex deputado Eduardo Quiroga.

Casa dos Quiroga na Praza Maior do Carballiño
Segundo as crónicas, ás seis da mañá do 17 de setembro de 1905, o día grande das festas da vila do Arenteiro, na parroquia ribeirá de Cabanelas, un individuo, aproveitando que un dos criados deixara aberta a porta para ir á horta, entrou ata o
Casa dos Quiroga en Cabodevila, Cabanelas, O Carballiño
cuarto do administrador e guindoulle enriba unha bomba inzada de clorato potásico. A parte superior do corpo ficou esnaquizada, a cabeza e o peito convertidos nunha masa informe. Tan potente foi o estoupido que afectou mesmo o  edificio. O individuo deuse á fuga. O administrador das rendas do cuñado de dona Emilia era, segundo o gaceteiro, “un viejo servidor, honrado y fiel guardián de los bienes de su amo”. Ata a casa dos Quiroga, no Carballiño, trasladáronse autoridades e persoeiros da vila e da provincia para transmitirlle os seus pesares a un “emocionadísimo” don Eduardo. Segundo un xornal ourensán que reproducen os demais medios[4], aínda que se descoñecen as causas do atentado, cóidase que estas poderíanse achar na dilixencia coa que o defunto xestionaba os negocios do seu amo, sen permitir que se “hollasen” os intereses que lle estaban confiados. Supoñen, pois, os mesmos xornalistas que se trataría dunha vinganza.

Déixovos esta versión previa do texto publicado en Nós diario, no suplemento “Coñecer” o 2/6/2020.



[1]La Correspondencia de España, 7/1/1899.
[2]El eco de Santiago, 9/1/1899
[3]El eco de Santiago, 5 /3 e 7/3/ de 1899; La correspondencia gallega, 7/3/1899; Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 29/3/1899 e La idea moderna. Diario de Lugo, 07/03/1899.
 [4]La Correspondencia Gallega, 20/9/1905; Gaceta de Galicia: Diario de Santiago, 21/9/1905; El norte de Galicia, 20/9/1905;El Correo de Galicia, 20/9/1905; El Noroeste, 21 /9/1905.



Ningún comentario:

Publicar un comentario