Ben sabedes da miña devoción
polo intelectual viveirense, non só pola súa personalidade e a súa faceta como
activo galeguista, senón tamén pola súa dedicación ao estudo e divulgación da
figura de don Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar.
Moito lle agradezo ao Consello da Cultura Galega e ao coordinador da área de acción exterior, o amigo Xulio Ríos, terme convidado a participar na xornada “Lois Tobío. Galeguista, tradutor e xornalista” celebrada en maio de 2018 no Teatro Pastor Díaz de Viveiro.
Agora o CCG vén de publicar un
volume cos relatorios alí presentados, entre os que figura o da miña autoría,
un complemento do traballo do amigo Emilio Insua, e no que tamén podedes atopar
o dos amigos e amigas Xan
Carballa, Marga Romero, Montserrat Bascoy Lamelas e Manuel Lombao.
Lois Tobío Fernández
(1906-2003), non foi só un diplomático, senón tamén
un creador, un tradutor, un xornalista e un investigador que desenvolveu unha
intensa actividade. É unha figura fundamental no galeguismo do século XX.
Especialmente preocupado polo noso rexurdir colectivo desde as súas propias
preocupacións persoais. Na publicación “Lois Tobío. Galeguista, tradutor e
xornalista” recóllense diversos estudos que afondan na súa traxectoria en tres
ámbitos esenciais para coñecer o seu armazón intelectual. Trátase da súa
militancia no galeguismo, tanto na preguerra como na posguerra, e as súas
vocacións de tradutor e xornalista que sempre o acompañaron.
O meu traballo
centrase na acción galeguista de Tobío no exilio como
un dos promotores e asesores do Consello de Galiza (1945) do que Castelao foi o seu primeiro presidente, así como no seu
esforzo inxente para dar ao prelo a “Historia de Galicia”, dirixida por Otero
Pedrayo, quen nunca ocultou a excelencia do traballo de Tobío, e a súa implicación no Primeiro Congreso da Emigración Galega (1956), no que desempeñou
un papel determinante.
Achégovos o link da publicación dende onde podedes consultar ou descargar a publicación
Ningún comentario:
Publicar un comentario