José Quiroga Pérez de Deza |
A José
Quiroga Pérez de Deza tratábano familiarmente como Pepe. A súa muller como Pepiño.
Era baixo de estatura. Casárono con 20 anos, cando andaba nos estudos en
Compostela, onde se licenciou en Dereito Civil e Canónico, con Emilia Pardo Bazán,
que tiña 17 anos. A voda celebrouse o 10 de xullo de 1868, na capela das
Torres de Meirás, que mirade a mans de quen foron a parar.
Era o noivo
fillo de Pedro Antonio Quiroga Mendinueta e
María Asunción Pérez de Deza e Pinal, filla esta de Miguel Pérez Guerrero, natural
de Quintela, en Catasós, administrador do Conde de Lemos, señor da xurisdición
do Deza e da torre de Lalín.
Seica, o avó de Pepe, ou
Pepiño, persuadiu o conde de Lemos para que allease as súas posesión dezás, ou
cando menos unha parte substancial, que
remataría nas súas mans a través dun comerciante compostelán que facía
de comprador interposto. A súa nova situación outorgoulle un gran poder
político na zona. Por parte da nai José Quiroga recibiu as casas fidalgas de
Banga, en Cimadevila, e de Cabanelas, en Cabodevila; a de Corneda,no Irixo, e a
casa grande de Quintela, en Catasós (Lalín). Pola parte paterna, recibiu ascasas fidalgas
de Oleiros e Mabegondo, na Coruña; e as
de Redondelle (A Peroxa) e Osebe (Leiro), en Ourense.
Tampouco
eran escasos os bens e rendas da noiva, filla única do avogado José Pardo Bazán
e Mosquera Rivera e mais de Amalia Rúa-Figueroa e Somoza. Recuando na liñaxe
paterna chegábase a empatar nin máis nin menos que co “marechal” Pardo de Cela.
Ao avogado coruñés premiaríao o Papa Pío IX pola súa defensa, durante a
primeira lexislatura do Sexenio Revolucionario (1869/1871), dos intereses da
igrexa co título pontificio de conde. Aínda que estes títulos acostumaban non ser
vitalicios, neste caso déronse dúas excepcións pois, por unha banda, permitíase
a súa transmisión ao primoxénito, sempre que fose de matrimonio legal e “in
face Ecclesiae” e, en consecuencia, sabendo que a única herdeira era muller
permitíase unha nova excepción. Ao final, poderíamos dicir, que o título
normalizouse cando Alfonso XIII, en 1908, nomeou a dona Emilia I Condesa de
Pardo Bazán e para máis fachenda da receptora polos seus méritos literarios.
O
patrimonio inmobiliario de Emilia Pardo Bazán estaba formado polos bens e
rendas das casas fidalgas de San Martín de Meirás (Sada), Miraflores, en
Padriñán (Sanxenxo), o pazo de Rañal, en Moeche, e parte da capelanía das
Enchousas (As Somozas); as casas de Callou en San Fiz de Vixoi (Bergondo), Riopaz
(Ponteceso), Cañás (Carral), e rendas en Aranga, Zanfoga (Pedrafita) e Tamou en
Présaras (Vilasantar), e outras propiedades en Santiago e Curtis que os pais
herdaran; a casa vivenda de rúa Tabernas nº 11 na Coruña, actual sede da Real
Academia Galega, e a da rúa San Bernardo
en Madrid e polos bens e rendas que os país adquirirán procedentes da
desamortización eclesiástica en Malpica
e en san Martín de Ozón.
Segundo
Álvaro das Casas[1], que
non o puido tratar moito, xa que logo fala de oídas, aínda que ben informado, José
Quiroga “era hombre más dado a letras y artes, sabía
mucha música, modelaba muy bien, disponía de una gran biblioteca y entretenía
pacíficamente sus ocios haciendo difíciles trabajos de carpintería”. Non
sei se obedecendo ao criterio popular de gabar a quen están no nicho, continúa
o profesor do Instituto de Noia: “Era lo que se
dice un buen hombre; asistía puntualmente a misa, repartía buenas limosnas,
perdonaba las rentas en los años malos, conversaba con los humildes y sabia
tener en alta estima a los más pobres”. Debía pois contrastar o
seu carácter tanto co da súa activa e rompedora esposa como co do seu irmán
Eduardo, “de vida agitadísima”, segundo Das Casas.
O
matrimonio, residiu en Compostela mentres el remataba os estudos e non se
separou da familia materna. Ao ano seguinte, trasladáronse a Madrid por ser o
pai dela elixido deputado, tras o exilio de Isabel II. O remate da súa breve
estancia paterna no parlamento viaxaron por Europa onde dona Emilia se
enchoupou das súas culturas, nomeadamente da francesa. Tiveron tres fillos,
Jaime, María de las Nieves (familiarmente Blanca) e Carmen. O matrimonio
acabaría por esgazarse tras as duras criticas que xerou a publicación dunha
serie de artigos (1882) despois recollidos en La cuestión palpitante(1883), a decisión de dona Emilia de
dedicarse a literatura e a publicación de Los
pazos de Ulloa (1886), novela na que dona Emilia retrata, e non dun xeito
moi favorábel, o seu cuñado Eduardo[2],
e na súa secuela La madre naturaleza
(1887), na que a escritora aborda con talante racionalista, causando gran escándalo, o escorregadizo tema do incesto.
José
Quiroga viviu un tanto afastado da vida publica, dedicándose ás súa afeccións
privadas e a atender as súas moitas propiedades, unha delas que foi preparando
aos poucos foi o Castelo de Santa Cruz en Oleiros, residencia que compaxinaba
coas casas do Banga e do Carballiño onde, como dixemos, faleceu.
Segundo
Álvaro das Casas debeu ser un bo pai “Amó apasionadamente a sus hijos”.
Recordemos aquí a necrolóxica do ABC[3]:
“Cuando la campaña de 1909 fue a Melilla para estar cerca de su hijo D. Jaime
que había sentado plaza como voluntario”. Das Casas no artigo citado deita unha
enigmática frase “y si no gustó de otros amores bien sabe Dios que suya no fue
la culpa”. O mesmo profesor, reconvertido en reporteiro de El pueblo gallego, fornécenos información sobre os últimos anos da
súa vida. Cóntanos que a súa vellez pasouna polas rúas do Carballiño “entre
cumplimientos y homenajes”, na leal compañía de Juan o seu “cochero de siempre”
, habitando o “caserón de la plaza” onde exhalou o derradeiro suspiro “entre
oraciones y latines” do presbítero José Pinal.
Panteón da familia Quiroga en Banga |
Lápida de José Quiroga Pérez de Deza |
A súa
mentalidade de herdeiro extraordinario, probablemente tamén de membro
derradeiro dunha estirpe, de integrante dunha elite e un tempo esgotado que a
súa muller soubo ver, pero non el, levouno, segundo conta Álvaro de las Casas,
a pedirlle ao seu fiel cocheiro “la matanza de sus caballos para que no fuesen
malvendidos en campo de feria o trato de gañanes”. O señor emulaba un emperador
Han, un faraón, ou o inca do Perú, e quería ir para o outro mundo na compaña
dos seus cabalos, non por vontade imperial, senón por non deixalos en mans dos
que coidaban que o diñeiro todo o podía.
- Que lástema de cabalos!, diriamos
emulando a apostila de Castelao aos bois estragados na praza de touros.
[2] Na reportaxe de Álvaro das Casas que citamos (EPG, 12/9/1935) o propio fillo de Eduardo, Jorge Quiroga,
identifica o protagonista de Los pazos… co seu pai.
Ningún comentario:
Publicar un comentario