luns, outubro 26, 2020

A feira. Polo Avieiro de don Emilia (14)


Antigo campo da feira entre a alameda 

e a actual praza do emigrante.


    Un xa vai tan entrado en anos como para lembrar que onde hoxe van os pequerrechos á  escola previa, atracan os autobuses ou acudimos ao auditorio, nun tempo estaba a feira do gando, nun espazo ribeirao do Arenteiro, asombrado por falsos plátanos e franqueado, a xeito de  liña divisoria, por unha ringleira de “casas de comida” que vivían de tratantes, paisanos e miróns que acudían ás dúas feiras mensuais, nomeadamente á do dezaseis[1], e, no verán, das xentes denominadas, en terminoloxía popular, “forasteiras”, ou, cun aquel máis fino, “agüístas”, e ás veces “pouvanas”, cun ton despectivo. Mesmo son tantos como para lembrala, aló no fondo turbio dos espellos, como dirían dona Emilia, Borges ou Ferrín, estarricada por tras da casa dos Quiroga, a alameda e máis a praza do emigrante.

Máis non tantos como para recordar , como dona Emilia, cando “La marejada de la feria cubría a Vilamorta”. Daquela, o campo da feira era a  praza maior, a do concello, da constitución, da república, ou do “generalísimo”, que de moitas formas a alcumaron, segundo as épocas. Aínda que si podo lembrar o día de traballo para as xentes do comercio ou mesmo de goce para uns mozos que procurabamos o contacto con míticas xentes nacionais e populares cando iamos xantar unha ración de polbo, unha posta de vitela, media peza de pan de Cea e un neto de tinto de Cabanelas, preto de becerros e cochos, de tratantes con tesoira, gardapós e caxato e de paisanos sumidos na dubida entre a escaseza da oferta ou volver para a casa co animal sen vender. Agora, xa non mozos, relembramos aqueles aires, cando podemos, na feira de Santos, no Monterroso dun tempo que xa foi.


Feira do pan. Tomada de M.A. Fernández (1992)

Aquela feira rememorouna sobre o papel dona Emilia en 1884, probablemente, xa en crise o seu matrimonio, durante unha viaxe por Europa: “Asemejabase a una gran coral o sinfonía compuesta de voces humanas, relinchos de bestias, gruñidos de cerdos, mugidos de vacas, terneros y bueyes, pregones, riñas, cantares, blasfemias y sonidos de instrumentos músicos”.

O novo campo da feira en 1945. Foto Rizo.
Tomado de M.A. Fernández (1992)

Dona Emilia puxo a  protagonista de El cisne a ollar polo fiestra da casa dos Quiroga, a coqueta e fermosa Nieves, alcumada “a ministra” polas linguas viperinas de Vilamorta, que sempre as houbo. Un, admirado, non pode máis que recoller a naturalista descrición da Pardo Bazán, deixala dicir e calar:

“(…) se veían las olas, un bullir de hombres y animales entreverados, embutidos por decirlo así los unos en los otros. Entre la masa de aldeanos se abría camino frecuentemente un rebaño de seis u ocho becerros, asustados, en dramática actitud; una mula llevada del diestro formaba corro, disparando un semicírculo de coces; oíanse chillidos y ayes de dolor, pero los de atrás empujaban y el hueco volvía a llenarse; un jaco, excitado por la proximidad de las yeguas, se encabritaba exhalando desesperados relinchos, caía al fin, y mordía, hidrófobo de celo, lo primero que encontraba. Los mercaderes de hongos de fieltro hacían muy rara figura, paseando su mercancía toda sobre la cabeza: una torre de veinte o treinta sombreros, semejantes a las pagodas chinas. Otros traficantes vendían, en un mostrador portátil colgado del pescuezo por dos cintas, ovillos de hilo, balduque, dedales y tijeras; los vendedores de ruecas y husos los llevaban alrededor de la cintura, del pecho, por todas partes, como el inhábil nadador lleva las vejigas; y los sarteneros relucían al sol, á modo de combatientes feudales”.

Naquela feira podíase mercar de todo, dende uns papeliños de cor rosa claro que, humedecidos nun prato, non deixaban mosca viva, ata a séneca, un po branco para matar ratos, que se apañaba nos espatos calcarios que forman unha das vertentes do Avieiro, e a infeliz Leocadia, contrapunto de Nieves,  tomou disolvidos en auga para pór fin a unha vida arrastrada polo reseso romanticismo do Cisne.


                                    Publicado en Badal Novas

[1] A feira de fin de mes, sempre foi de menor importancia que a do dezaseis, e  tamén de máis recente creación, celebrase dende 1872. A do dezaseis seica se remonta a tempos baixomedievais como privilexio a favor do Mosteiro de Oseira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario