martes, outubro 20, 2020

Un meigallo sobre don Ricardo



Se non fose tan estrito no seu racionalismo é probábel que don Ricardo coidase, como eu, que lle botaron un meigallo.   

Tras décadas agardando un mínimo recoñecemento institucional, aínda que fose só simbólico, chegou o día que tantos esforzos concentrou, que tantas dores causou, que tantos ruxe ruxe alentou. Ficamos sos, ollando como o pauliña pandémica o somerxía, outra volta, no Lethes, nun novo esquecemento, aínda que só fose da figura grave e senlleira, pois o importante, a súa obra e rigor, recordarase por tirios e troianos.

Lembrei, ante o reclamo de Guillermo, un xantar de hai ben anos derredor de Paco del Riego. Non lembro con nitidez o lugar, tampouco, con exactitude, se xa era presidente oficial da Real Academia ou era un segredo a voces, ante a unanimidade que espertaba. O que si lembro é que había percebes e albariño. Tras a pertinente discusión acerca de se cirrípedes ou crustáceos, xurdiu, nalgún intre o nome de Carvalho. A mención provocou algún comentario irónico, incisivo ou despectivo, non sobre o profesor, vállame deus!, senón sobre o seu pecado orixinal, causante, segundo algúns, da “guerra fratricida” que aínda perdura.

E como as dúas cousas ían xuntas, Carvalho e o seu pecado, o e os comentarios eran insistentes, don Paco, sen deixar de descabezar cirrípedes, con aquel seu desplante de rosmón irredento, soltoulles aos comentaristas enrabiado: “cando vós aínda non nacerades, xa Carvalho fixera máis pola lingua que faredes na vosa vida”. A conversa derivou de contado por asuntos máis mundanos.

Mais Carvalho non foi só filólogo, aínda que esa fose a súa vocación, polo que quixera lembrar unha súa participación nun servizo que valería por toda unha vida de dedicación á  nación.

Recordábao Tobío nun libro homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos (Castro, 1978), confirmouno o propio Carvalho nas súas conversas con Pillado e Fernán Vello (Sotelo Branco, 1986). Tobío nas súas Décadas (Castro, 1994) debúllao polo miúdo. O ano en que Carvalho remataba a carreira de Dereito, foi dos primeiros avogados da República, entre ambos, na biblioteca da facultade compostelá, seguros de que a República sería federal e resolvería a cuestión das nacionalidades, e por encargo do Seminario, puxéronse a elaborar un anteproxecto de estatuto para empregalo nos posteriores debates.

Do grupo de traballo formaban parte Bóveda, Paz Andrade e Risco. Segundo Carvalho, ninguén enviou nota ou apuntes como quedaran. Segundo Tobio, alguén, sen concretar, enviou algo, quen non o fixo foi Risco; despois armou unha das del. O caso foi que, en poucos días, atendendo aos textos constitucionais e estatutarios das nacións emerxidas entre os rescaldos da Gran Guerra e ao espírito wilsoniano da autodeterminación das nacións, redactaron un articulado que no seu primeiro artigo dicía: “Galiza é un estado libre dentro da República Española”. O texto publicouse o 6 de maio de 1931 e serviulles de argumentario aos galeguistas nos anos seguintes. Pouco despois houbo unha segunda edición precedida dun estudo económico da autoría exclusiva de Alexandre Bóveda. A república non foi federal, o estatuto non foi o que eles desexaban, pero acadárono, e nós herdámolo. Cando poidamos, mellorémolo. Que razón tiña don Paco.

 

Doce de outubro de 2020

No 97 aniversario da fundación do

Seminario de Estudos Galegos

 

Publicado en Novas do Eixo Atlántico, outubro de 2020

Ningún comentario:

Publicar un comentario