xoves, outubro 08, 2020

Contra a pena de morte

 

    

Nas Portas, en Soutordei (Ribas de Sil) fica un só veciño.
Referiámonos na última colaboración deste “Coñecer” de Nós Diario a Liborio Pérez cuxo agarrotamento causaría profundo pesar na cidade de Lugo, uns meses antes de que lle acontecese o mesmo a Demetrio, o autor das mortes en Quintiá de Lor.

 

Segundo relatan El norte e El correo de Lugo (2/10/1900), en San Clodio, parroquia central de Ribas de Sil, notouse dende había días a ausencia do ancián Santiago Pérez González. As investigacións ordenadas polo xuíz de Quiroga atoparon rápida resposta no habelencioso indagador, o cabo, ao que tamén citamos na anterior achega,Benigno Araújo López, ao que o xornalista José de Cora lle apuxo con bo tino o alcuño de “Sherelock Holmes lugués”.

 

O garda civil, “despois de hábiles interrogatorios e oportunos acareos” e “tras dous días e dúas noites de investigacións”, conseguiu a confesión, como autores do estrangulamento do septuaxenario, do seu fillo Liborio e do seu xenro Manuel. Segundo os xornais as desavinzas orixinadas polas reiteradas ameazas do vello de vender o “capital” e desherdar os  fillos por non cumprir coa congrua e achegarlle as rendas acordadas así como a demanda xudicial interposta, estarían na orixe do crime.

Aquel día Santiago saíu da casa, en San Pedro, ben pretiño de San Clodio. Pillou camiño das Portas, na parroquia de Soutordei. Ao chegar a onde a senda cruza co Rego do Santo, saíronlle ao paso os dous mozos. Era sobre as dez da mañá. Deberon discutir, é posíbel que o vello se achegase á  aldea co propósito de acordar con quen pretendía mercarlle as terras e esas intencións chegasen aos ouvidos de fillo e xenro. O caso foi que Liborio botoulle as mans ao pescozo e coa axuda de Manuel esganouno. Agochárono no rego, baixo lousas e ramallos. Na escuridade da noite, coa axuda de María Manuela Quiroga Gómez, nora do defunto, baixo unha inmensa treboada, subiron o cadáver nunha escada, levárono a uns 3 km. e guindárono nunha profunda fondada.  

Abadía de San Clodio (Ribas de Sil)

Quen nos conta os detalles non son os xornais de hai 120 anos, senón o Sr. Argento, único veciño que fica nas Portas. El foi de cativo co seu pai ata Pombeiro de Sala, no couto de Augas Santas, onde botaron o cadáver. O relato paterno achéganolo agora a nós. Seica no fondo do cavorco, resultado das prospeccións mineiras romanas, había auga e os da xustiza non se atrevían a baixar; así que un veciño, un pouco tolitates, meteuse nun barreño de cobre, dos que se empregaban para escaldar os porcos, e baixárono con cordas ata o fondo da sima. Meteu o cadáver no caldeiro e despois subírono a el. Pagáronlle 10 pesetas, todo un capital.

 

A causa “do horrendo crime, pouco frecuente na nosa rexión” (El regional, 3/12/1901) viuse ano e medio despois na audiencia de Lugo, ante un xurado. A expectación era máxima, en especial cando o fiscal anunciou a petición de morte para Liborio. O día sinalado, togados e público enchían a sala. A defensa de Liborio Pérez Coutado e Manuel Álvarez Sabín correu a cargo do avogado Emilio Tapia Rivas. A oportunidade non se lle podía escapar e non a deixou ir. Luciuse e, a pesar da insistencia do fiscal na petición de morte por parricidio, convenceu co argumento de “obcecación” o  xurado. Este condenou a Liborio a cadea perpetua, a Manuel a 17 anos e absolveu a María Manuela. Manuel volveu ás Portas tras cumprir, dinos o Sr. Argento, pero morreu poucos anos despois. Liborio converteríase en protagonista dunha nova traxedia.

 

O ministerio fiscal interpuxo recurso de casación no Supremo. A sala segunda pediu a causa a audiencia luguesa e sinalou unha nova vista. O fiscal consideraba que non podía haber “arrebato” porque un pai levase a fillo, xenro e nora aos tribunais. A defensa de quenda correu a cargo dun prestixioso avogado, Emilio Rancés,  que, a pesar do seu esforzo, non foi quen de impedir que o supremo devolvese a causa modificando a sentenza e condenando a Liborio á pena de morte.

 

O trasacordo xudicial orixinou un gran descontento na cidade. Os medios de prensa lugueses, en especial El norte de Galicia, o xornal conservador dirixido por Tapia, e El regional abandeiraron a petición de indulto e contra da pena de morte. Non o fixo así o monárquico La idea moderna, dirixido polo avogado Acevedo, contrincante de Tapia Rivas.

 

O bispo e o cabido catedralicio dirixíronse ao rei pedindo o indulto e ao conde de Pallares para que reunise os deputados e senadores co mesmo fin. O colexio de avogados, o casino, a cámara de comercio, o concello, as sociedades obreiras, a deputación, a cámara agricola… tamén demandaron o perdón. O concello ribasilense conseguiu a intervención do seu bispo, o de Astorga.

 

Cando o goberno de Sagasta o denegou, as presións dirixíronse cara a Alfonso XIII que iniciaba o reinado persoal tras cumprir 16 anos. Con motivo da coroación concedérase o tradicional indulto pero non lle afectara a Liborio por estar o proceso en casación.

 

No cárcere de Lugo agarrotaron a Liborio

O rei tampouco foi indulxente, comezaba mal un reinado que non remataría.  O 7 de novembro de 1901 Liborio era agarrotado no patio do cárcere de Lugo. A axitación luguesa removería conciencias.

 

Publicado en Nós Diario 3/10/2020

 

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario