Palacio de Liñares (Prado, Lalín) ou "Palacio de los Recuedos" de dona Emilia |
Acostúmase,
con pouca disimulada fachenda, transferir a “hipotética grandeza” da presenza
de determinadas personalidades de relevo
aos lugares concretos nos que estivo, a fin de gabalos e resaltalos cando, en
moitas ocasións, teñen ben merecidas as gabanzas por si mesmos sen depender da anecdótica
presenza dalgunha personalidade.
Este
é o caso tanto do fútil intento de localizar o espazo concreto no que se
inspirou dona Emilia para escribir Los
pazos, como do lugar físico no que o puxo sobre o papel. Xa comentamos o
esforzo baldío da primeira tentativa. A respecto do lugar onde lle deu forma literaria
está moi difundido o díxome-díxome de que foi na casa de Quintela, cando a
parella estivo en Catasós entre 1886 e 1887, tempada que a futura condesa
aproveitaría para inspirarse tras longos paseos pola fraga. Na disputa por tal
honor entraba tamén a casa de Cimadevila, en Banga. A información sobre estes
pormenores debe proceder de Jorge Quiroga, sobriño neto de dona Emilia, que nos transmite
Álvaro das Casas, na reportaxe mencionada. Á pregunta de se foi en Banga onde
escribiu a súa novela máis coñecida, o herdeiro da fortuna dos Quiroga responde
que non, que foi en Lalín onde a escribiu,
aínda que en Banga “fue inspirada y que son del Ribeiro sus personajes mas
notables y mejor trazadas”. Noutra ocasión volveremos sobre os personaxes.
Do
que temos constancia, neste retorno aos meus dezás espazos infantís, é que a
parella, nas súas estancias na casa de Quintela, desprazábase, con frecuencia, á
tamén lalinense parroquia de Prado, para
visitar a familia amiga dos Taboada, no
seu esplendoroso pazo. Dende o fondo dos meus espellos emerxe, denominado
Palacio de Liñares, se ben é certo que lonxe
do esplendor que debía ter cando o visitaba a parella Quiroga-Pardo Bazán e afastado
tamén do recuperado fulgor de hogano.
As catro pontes Taboada |
Rememoro
a silueta palacial atravesada polo rosmar mecánico e acompasado dunha
locomotora fumegante de chifro ameazante
que amainaba o ritmo que collera nas rectas á saída de Botos e, tras abeirar os
lindes da propiedade pacega, deixando á esquerda o Asneiro, endereitaba, ben amodo… ben amodo…, cara ao novísimo viaduto, deixando aló
no escuro cavorco do pozo do inferno o axitado Deza, antes de acougar na
estación de Taboada-Silleda. De entre as faragullas da miña memoria emerxen
borrosas lembranzas de suicidios e accidentes automobilísticos nas curvas da
estrada que baixa da Borralla, dende a que se ollaba, aló no alto, o metálico
convoi fumegante e, aló no baixo, intuíanse as medievais pedras da fermosa
ponte Taboada, e agora, dando unha reviravolta, observamos o novísimo viaduto
da autoestrada. A ponte Taboada segue marcando, por séculos, o transito entre
as terras dezás e o Trasdeza.
Tras do
pazo, levábame o meu pai contemplar o espectáculo, non sen antes poñer sobre un
raíl un mouro e luxado can para que o pranchase a metálica roda. Acougue o
lector, o can non era un animal senón como se denominaba coloquialmente unha
moeda moi popular de cobre, de 10 céntimos, que se lle botaba na auga cando se
cocía o pulpo, acuñada no último terzo do século XIX, cando Quiroga e Pardo
Bazán visitaban Liñares, pero que se seguiron empregando ata bastante despois
da guerra civil, non foron desmonetizadas ata 1941, e mesmo lle traspasaron a
denominación a uns pequerrechos 10 céntimos de insulso aluminio franquista. O
de botar na auga de cocer o pulpo a
moeda era só cando non se tiña caldeira de cobre, aquelas que o hixienismo
europeísta nos impide ollar cos seus relucentes ventres roxos secando ao ar,
tras ofertarnos o pracer inmenso da tallada ben cocida, ben salgada, ben regada
en aceite e cun chisco de picante.
Di
dona Emilia, sempre tan atinada nos seus bautismos: “en mi geografía novelesca he llamado a esa casa
a la vez tan hospitalaria, tan patriarcal y tan distinguida, Palacio
del Recuerdo”. A escritora
lémbrao arrodeado de carballeiras plantadas:
no con el
caprichoso desorden de la fraga rústica, sino a cordel, y tan altas y añosas,
de tan espléndido arbolado, que recuerdan las francesas de los antiguos
sitios reales. Valen miles de duros esos bosques, que sus dueños, la
señora viuda de Taboada y sus hijos, no quieren, no digo talar, pero ni aun
mutilar.
Daquelas fragas
endereitadas cara ao ceo nada queda, pero Liñares, declarado BIC e restaurado, revive, despois de pasar de man en
man, e en nada se asemella a aquela casona estragada, medio abandonada dos
tempos nos que eu me degoraba por poñer o can debaixo das rodas do tren e
apañar algunha pedriña de negro carbón para quentar a cociña.
Solaina de Liñares |
Aquel “Palacio de Liñares”, a xente así lle chamaba,
xogouno ás cartas o último representante dos Taboada. E perdeuno. O señorito
crápula chamábase Amalio Taboada Bugallo, deputado provincial[1]
e conspicuo representante dunha fidalguía próxima á reflectida, no seu tempo,
por dona Emilia a través de brután Pedro Moscoso no seu Los pazos de Ulloa ou, a touro ben pasado, por dona Elena Quiroga por medio do sofisticado
e culto don Álvaro do pazo da Sagreira, en Viento
del Norte (1951). Un non se priva de imaxinar o disoluto Amalio encetar a costa cara a Liñares
despois de atravesar, na súa tartana ou no seu landó, a ponte Taboada para lle
levar a nova a parentes e serventes do Palacio.
Agora que podemos asentar as nosas plebeas pousadeiras
nas acolchadas e históricas poltronas do casino compostelán, cada vez que o
visito alámpame polos recantos o espectro de don Amelio, lamentándose da mala
fortuna daquela carta que non lle entrou. Pena que cadeiras e sofás non teñan
memoria dos cus que neles pousaron. A morte de Amelio, en 1957, significou a
desaparición da familia que exercera o señorío nas terras lindeiras coa
Trasdeza dende o s. XVI, tanto dende esta casa como dende a próxima, na
parroquia de Bendoiro.
Pazo de Bendoiro (Lalín) |
E se falabamos de eufónicos topónimos no caso do Carballiño, os de Lalín non fican atrás, tampouco en abundancia, máis aló dos xa citados (Lalín, Prado, Catasós, Val do Carrio, da miña nacenza, ou Bendoiro) escóitese: Albarellos, Alemparte, Anseán, Anzo, Barcia, Bermés, Botos, Busto, Cadrón, Camposancos (orixe da miña avoa materna), Cangas (patria paterna), Castro de Cabras, O Cello, Cercio, Cristimil, Doade, Donramiro, Donsión, Filgueira, Galegos, Goiás, Gresande, Lebozán, Lodeiro, Losón, Maceira, Madriñán, Moimenta, Moneixas, Noceda, Palmou, Parada, Rodís, Santiso, Sello, Soutolongo, A Veiga, Vilanova, Vilatuxe, Xaxán, A Xesta, Zobra. Deixei para o derradeiro o meu esdrúxulo apelido, tomado da parroquia de Méixome.
Publicado en Badal Novas 3/10/2020
[1]
Que teñamos documentado, tomou posesión como deputado na sesión do 5/3/1913 e
nese mesmo día pasou a formar parte da súa comisión permanente da deputación en
representación do distrito electoral A Estrada-Lalín. Xeral DPP. Secretaría,
acta sesión constitutiva 1913/05/03 e Ordinaria DPP, comisión permanente acta
1913/05/03.
Ningún comentario:
Publicar un comentario