martes, decembro 29, 2020

Pragas. Polo Avieiro de dona Emilia (23)

 

Oídio ou cinza nun acio

Dona Emilia, e xa é coincidencia, naceu un 16 de setembro, un día grande para o Carballiño, de 1851. Pouco despois chegaba ao Ribeiro unha das súas maiores desgrazas, o oídio. Segundo os cálculos do P. Eiján pódese fixar en 1853 a aparición do maldito fungo[1]. Ese mesmo ano sinálano tanto os estudosos como institucións contemporáneas, tal é o caso da a Sociedade Económica de Amigos do País ou do Congreso Agrícola Galego de 1864.

Procedente de Norte América, a praga descubriuse en Londres (1845). Dende alí pasou á área de París (1848) e estendeuse por Bordeaux, Porto, Roselló... (1851). Onda nós chegou despois de dous anos de pésimas colleitas. O impacto foi brutal. Galicia en xeral e o Ribeiro en particular foron das zonas máis afectadas ao xuntarse as suaves temperaturas cos elevados índices de humidade, que favorecen a súa expansión. As altas temperaturas e a sequidade da terra protexeron o Douro, Rioja, La Mancha e outras zonas vinícolas similares, da praga.

Xofre e fol para dalo

Nalgúns territorios do país substituíuse o cultivo da vide polo do millo e da pataca; mais no Ribeiro non era tan doado o troco[2]. A peste oídica viu acompañada de pésimas colleitas de cereal. O prezo do trigo e do viño disparáronse. Este último pasou de entre 7 e 9 reais a arroba[3], nos anos anteriores, a entre 11 e 14 en 1853; chegando aos 19-20 en 1855. Non parou aí a cousa, a pataca viuse atacada pola peste e reducíronse sensibelmente as colleitas. A pobreza, incluso a fame, estendeuse e, xunto ás pandemias de cólera de 1853 e 1856, puxeron ás nos pés de moitos galegos que colleron camiño de América, na primeira gran enxurrada migratoria; legal dende este mesmo ano de infortunio[4].

Mildieu

Tres anos despois, José Pardo Bazán, pai de dona Emilia, deputado liberal progresista, referíase ao oídio nestes termos: “(...) terrenos vinícolas invadidos por el oidíum, y encontraremos que propiedades cuyo producto quinquenal era hace poco de 300 cargas. Por ejemplo, están hoy reducidas á ocho y á cuatro”[5]. Tivo, despois, apaixonadas intervencións nas Cortes sobre a situación de Galicia: “... ese país que está sufriendo el hambre, la peste y la emigración en masa de sus hijos, que se está convirtiendo en la Irlanda de España, y que se convertirá en la Siberia dentro de pocos años si no se pone un remedio enérgico (…) porque a Galicia no se le atienden sus reclamaciones; porque todas las que hace son inútiles” [6]. Supoño que ás persoas lectoras sóalles esta música.

Sulfato de cobre e cal viva

A do oídio só sería a primeira das pragas bíblicas que sufriu o Ribeiro. Cando dona Emilia era unha mociña de doce anos, en 1863, Europa viuse de novo abafada por outra pandemia americana, do leste dos Estados Unidos. Non era un fungo, senón un insecto miudiño, como un pulgón, un parasito que arma como uns bugallos nas follas da vide, pero tamén nas raíces da cepa; ao cabo de tres anos, acábaas por matar. En 1878, os franceses, que nisto do viño, e noutras cousas, cando menos dende a revolución e Napoleón, levaban adianto, atoparon o xeito de combater o hemíptero, importar pés de castes americanas e enxertar nelas as especies europeas para facelas resistentes á filoxera. Infortunadamente o engado non foi completo. Recuperaron a produción pero os patróns americanos trouxeron consigo outro parasito, o mildio, ou mildeu como lle din no Ribeiro, ao que se fixeron moi sensíbeis tanto os enxertos como as vellas cepas europeas, ás que, no Ribeiro, acaboulles afectando mesmo antes da chegada devastadora do pulgón.

Sulfatadoras

Deuse pronto coa solución. Un científico francés, en 1885, cando dona Emilia deu ao prelo El cisne..., atinou coa mestura axeitada entre sulfato de cobre e cal vivo que se denominou “caldo bordelés” e amosouse como un excelente funxicida. E a vida dos ribeiraos en poucos anos encheuse de foles e sulfatadoras; máis tarde de pés de plantas foráneas para afastar a filoxera.

Chámame a atención que dona Emilia, tan meticulosa na descrición das paisaxes urbanas, moito máis das rurais, ou dos labores das cigarreiras na súa novela inmediatamente anterior, La tribuna (1882), non se detivese na descrición dos atarefados esforzos das xentes de “El Borde” para combater as pragas que o asolaron durante as décadas nas que ela o visitaba, quizais porque a súa estancia era cando a vide “adquiere tan bellas notas purpurinas y doradas” e “se celebra la vendimia” e como nunca “reinó el bullicio, estallaron los cohetes y menudearon romerías y bailes” [7].

Filoxera na folla


Perdíase dona Emilia o goce doutras cores. Os acios e o envés das follas cubertas dunha finiña nube do po resultante de moer as pedras amarelas do xofre: os ollos arrubiados de quen pasaba horas dándolle ao fol; o azul cristalino do sulfato de cobre, o branco agrisado do cal vivo e o líquido azulado, resultante da mestura, que pingaba non só nas follas das videiras senón tamén en ollos, cara e roupas dos sulfatadores. Disparábanse os custos de produción, non só polo xofre e o sulfato, senón por multiplicarse as xornadas de traballo. A competencia dos viños das terras areosas e calorosas facíase imposíbel de resistir nun mercado unificado polo unitarismo estatalista, no que pouco decidían colleiteiros e fidalgos.

Estes detalles escapábanselle a dona Emilia, ao mellor non por falta de sensibilidade, senón pola limitación temporal das estancias ribeirás. En El cisne reprodúcese a vendima como ela a vía, un tempo de balbordo, ledicia e fartura; pero un chisco afastada da realidade. Como di o lema expandido nos últimos anos en camisetas mozas: “o carallo é dar sulfato, que para beber sempre hai xente”.

 

 

 

 



[1] Eiján S. (1920): Historia de Ribadavia y sus alrededores. Madrid: Tip. San Bernardo. Ed. Facsímil (1981) Lugo: Alvarellos. Parece ser que, nese ano de 1853, detectouse por primeira nas viñas do Pazo de Casalderito, en Esposende, Cenlle. Seica dez anos máis tarde, nas mesmas viñas comezouse a combater con xofre Ver: González Pérez, C. (s/d): O viño. Conversas no Ribeiro. Asociación Álvaro das Casas.

[2] Villares, R. (1982): La propiedad de la tierra en Galicia. Madrid: Siglo XXI.

[3] Piqueras Haba, J. (2020): “El oídium en España: La primera gran plaga americana del viñedo. Difusión y consecuencias 1850-1870” en Scripta Nova. Revista electrónica da U. de Barcelona. A arroba eran 16 l.; a ola de viño, en xeral, tamén. No Ribeiro, na banda do Avia, o máis común é que a ola sexan 16,50 l, isto é 33 cuartillos, polo que un moio eran 132 l., mentres que no Ribeiro do Miño a ola son 32 cuartillos, polo tanto 16 l., o que fai que o moio teña 128 l. aínda así en parroquias do Carballiño, Boborás ou Cea a ola podía ter ata 18,24 l. Ver: http://www.enciga.org/files/boletins/66/Fernandez_Gonzalez_Frutos_As_unidades_de_medida_nas_investigacions_historicas.pdf

[4] Villares, R. e Fernández, M. (1996): Historia da emigración galega. Santiago: Xunta de Galicia.

[5] DSC, 29/1/1856. No ribeiro una carga é un cesto culeiro acugulado de uvas.

[6] DSC, 28/3/1856

[7] Pardo Bazán, E. (1896): “Las vendimias” en La ilustración artística, nº772, 12/10/1896

Ningún comentario:

Publicar un comentario