xoves, decembro 31, 2020

Tres cabaleiros españois e unha consideración previa. A persecución franquista no Baixo Miño.

 


Acto falanxista en Tui

  A Lito Oliveira e     Mario Rodríguez,   portadores de memoria.


Consideración previa

    As miñotas foron as últimas terras galegas en ser sometidas. En Tui entraron o 26 de xullo. No mediodía do 28 na Guarda. A  resistencia foi produto da fortaleza da Fronte Popular  e, na miña opinión, da capacidade e fraternidade dos dirixentes. No labor de tecer complicidades compre resaltar ao núcleo inicial galeguista (A. Ríos, D. Calzado e Paquiño de Figueiró) que souberon dialogar cos agraristas tomiñeses, cos obreiristas guardeses, adscritos á CNT, e coa mocidade cultivada de Tui. Ao enfiado dende o novelo á urdidoira axudaron o cenetista Gumersindo, republicanos como Diz Jurado e Álvarez Limeses, socialistas como H. Losada e salientaron dous semanarios: o tudense La tribuna, dirixido por Guillermo Vicente, e o guardés El nuevo heraldo de J. Noia.

Tres cabaleiros

    Conta Alonso Ríos que cando lle ordenaron, en conversa telefónica, ao capitán de carabineiros, logo fusilado, Marcelino Rodríguez Blanco que sublevase a guarnición e se apoderase da cidade, este solicitou ao comunicante que se identificase. Respondéronlle: “Le habla un caballero español”. 

    Estes cabaleiros dirixiron e practicaron a caza de coellos e raposos. A tres destes últimos (Ríos, Noia e Vicente) chegáronlle a poñer prezo: 50.000 pts, vivos ou mortos. Dous lograron sobrevivir, o ex-alcalde de Tui, faleceu na tobeira. Enrabechados polos raposos fuxidos os cabaleiros descargaron lume e furia sobre as xentes miñotas.

    Un deles foi José Peñarredonda Fernández (1893-1961). Graduado en Toledo en 1911, afíxose ao tacto viscoso do sangue en Marrocos. Na Lexión estranxeira ascendeu a capitán. Ferido de gravidade no rostro, ficoulle unha evidente cicatriz; poderíaselle aplicar o dito unamuniano, en resposta a M. Astray sobre que un mutilado carente de grandeza espiritual “es de esperar que encuentre un terrible alivio viendo como se multiplican los mutilados a su alrededor””.

José Peñarredonda


    Retirado pola reforma de Azaña, regresou a Tui. En abril de 1936 foi detido xunto a “outros fascistas” por, segundo A. Piña[1], intentar roubar a punta de pistola as actas das eleccións. Segundo Darío Á. Blázquez[2], tamén o detiveron nos días  en que a cidade permaneceu baixo a legalidade republicana. Da cadea saíu para a alcaldía. Na breve estancia ao fronte da mesma, ata o 26 de outubro de 1936, suprimiu a festividade dos mártires de Sobredo e construíu a mitoloxía tudense de Calvo Sotelo. Actuou como un miserábel  ao acusar a Vicente, último alcalde republicano, de roubar 400 pts ou ao cubrir os postos como médicos municipais de Diz Jurado e Álvarez Limeses, cando ambos estaban presos e sen xulgar. Despois serían fusilados.

    A patria chamábao a máis altos deberes. Nun discurso radiado dirixiuse aos que non se decataban que aquilo non era un  vulgar golpe de estado senón unha loita a vida ou morte “entre las fuerzas nacionales y el marxismo”[3]. Da súa xestora municipal formaban parte Pablo Bugraín Domínguez, Juan Martín Alonso, Manuel García Lastra, Raimundo Tapia Seoane e Manuel Cordovés Millet. Este último, alcalde no bienio negro, será quen o substitúa. Polo cargo pasaran Tapia Seoane, Rosendo Bugarín, José Jurado Romero e o irmán de Peñarredonda, Ramón. Dominarán durante décadas a vida tudense.

    Incorporouse a 33 compañía da IX Bandeira da Lexión, da que sería comandante. En xullo de 1937 ordenou desfilar polo centro de Teruel, ante a máis enérxica protesta do bispo, aos seus lexionarios enarborando na punta das baionetas  piernas, brazos, orejas, testículos y otros órganos de un ciento de rojos que hicieran prisioneros y fusilaran con una ametralladora[4].

    Dinos J. Reverte que P. Kemp, un mozo fascista inglés[5], sinalou, en varias ocasións, a crueldade do seu admirado Peñarredonda cos brigadistas internacionais. Nunha delas os seus compañeiros, cumprindo ordes, liquidaban un a un aos prisioneiros, fundían a baioneta nos caídos e disparaban contra os feridos. Noutra, o propio  Kemp quixo interceder por un brigadista; pediu permiso para facelo ante o propio Peñarredonda. O tenente coronel, que estaba a almorzar,  respondeulle: “llévalo y mátalo”. Atordado e vacilante ante a resposta, o mozo só puido escoitar: “lárgate y te advierto de no cumplir la orden”. Esta visión do ex alcalde tudense tamén a comparte Hugh Thomas que confirma a súa teima asasina coas brigadas internacionais[6].

    A batalla de Teruel prolongaríase ata febreiro de 1938; na segunda metade do ano produciuse a do Ebro. Peñarredonda mandaba a 1ª brigada da división de Yagüe. Non sabemos con precisión o que pasou. Segundo Thomas, autorizárono a retroceder; segundo Reverte fixérono prisioneiro, precisamente os odiados brigadistas. Que pasou con el? Thomas, afirma que pouco despois estaba a dirixir tropas no Ebro, onde volveu ser humillado ata o punto de retirarse e non se soubo máis del na guerra.

    Os amigos tudenses argúen que se tratou dunha falsa denuncia da que saíu absolto[7]. O certo é que o “valente e leal lexionario” rematou expedientado e expulsado do exercito, segundo se recolle no BOE[8] “sin perjuicio de las responsabilidades que puedan derivarse del procedimiento judicial a que se halla sujeto”. Desenganado retirouse á finca familiar de Bouzabalada.

    No discurso radiofónico ao que fixemos referencia, Peñarredonda dille aos que demandan un rápido escarmento, que, para que sexa eficaz, compre facelo coa serenidade incompatíbel coa precipitación. Nese labor sereno da “limpeza” están a traballar, segundo Peñarredonda, día e noite, cinco xuíces, pois salvada a cidade (...) hai tempo para todo o demais.  

    Un deses xuíces, outro cabaleiro aínda que sen o rechamante paso pola academia, era Maximino Méndez Varela (1887-1957),  prototipo de militar africanista de reenganche. En 1909 entrou no exercito;  serviu en Melilla (1909-1916) onde coñeceu a untuosidade do sangue derramado. Vai facendo a súa carreira ata chegar a alférez. Xura fidelidade á República; danlle unha medalla e retiro ben pago en base ao decreto de abril de 1931[9].

    O 20 de xullo de 1936 preséntase ante o comandante de Vigo, Felipe Sánchez, quen lle encomenda actuar como xuíz instrutor de causas en Tui. Despois, a pesar da idade, vai para os 50 anos, terá que incorporarse  ás frontes de combate,  onde será habilitado como capitán. Finalmente ficará a disposición do inspector de campos de concentración, quen, en xaneiro de 1939, destinarao como xefe do campo do convento de S. María, en Oia. Os presos alcumarano “capitán castaña”, non só polos lapotes que se repartían senón tamén por alimentalos a base de auga fervida na que choutaba algunha castaña.

    Interésanos aquí o seu labor como instrutor da causa 529/936 “contra los dirigentes y auxiliares del movimiento contra las fuerzas del ejército nacional en la ciudad de Tuy y contornos y los promotores de la huelga general llevada a cabo en la misma entre el 18 de julio y el 27 del mismo mes”[10]. Seica os  “directores” acordaran o “alzamiento revolucionario”, o 17 de xullo, nunha xuntanza na casa de Enrique Jaso Paz, logo executado como a súa filla e un fillo paseado. Só podemos deternos nesta causa contra trinta veciños de Tui para sinalala como unha especie de “causa xeral contra a República en Tui” argallada para condenar e responsabilizar do “caos republicano” aos representantes das clases medias (médicos, comerciantes e funcionarios) que actuaron na política democrática da cidade episcopal. A causa dirímese entre o informe solicitado polo instrutor ao xefe da policía aduaneira de Tui, Manuel Romero Singler,  e os testemuños de dúas mulleres, ambas viúvas. Unha veciña de Jaso. A outra, Clotilde Rodríguez Silva, unha moza de 22 anos, con varios fillos, viúva de José Fernández Costas, un sindicalista cenetista asasinado no Aloia. Neses días Clotilde sabería do asasinato de dous dos seus cuñados e máis do sogro. Non lle debeu custar moito ao futuro “capitán castaña” arrincarlle a declaración acusadora. Como a moza non sabía escribir, asinaron os interrogadores: o instrutor, o capitán Benigno Aznar, o tenente Eduardo Forcén e o sarxento Teodosio Baquero Monforte. Á instrución tamén achegará os seus informes o capitán-alcalde Peñarredonda que propón unha longa listaxe de testemuñas, rematada “por supuesto” con “Rosendo Bugarín Domínguez, jefe de la Falange” (alcalde de Tui entre 1944 e 1952).

Rosendo Bugarín


    Algúns dos imputados ficarán mortos nos cavorcos do Aloia, outros, con máis medios e apoios conseguiran fuxir ou agocharse. Os máis confiados rematarán ante o pelotón de fusilamento (Diz Jurado, Álvarez Limeses, Serafín Fernández e o seu fillo Julio, Manuel Domínguez León e José Felipe Muñoz). No rexistro civil de Tui temos recollido, entre fusilados, mortos “en combate con el ejercito” ou por “disparos de arma de fuego”, ata abril de 1939, o nome de 128 persoas.

    O terceiro cabaleiro tamén ulira o sangue en Marrocos. Salvador Buhigas Novo[11] (1902-1938) incorporouse, co inicio da república, ao corpo de carabineiros. O seu capitán, Marcelino Rodríguez Blanco, ordenoulle arresto domiciliario por sospeitar das súa implicación na conspiración. Tras a caída de Tui puxérono á fronte dunha “heteroxénea columna”, en palabras de Noia, formada por uns pouco carabineiros e unha mestura de falanxistas, gardas cívicos e dereitistas. Encargáronlle abrir a estrada ata A Guarda e “limpar a  retagarda”. Segundo ían avanzando destituía gobernos municipais e nomeaba outros. En Tomiño a Francisco Pino Carrera; no Rosal a José Sánchez García.

Os militares desfilando polas rúas de Tui


    Antes de entrar na vila guardesa á heteroxénea tropa, xa se lle sumaran os falanxistas locais Fernandito Jiménez e José Jurado Romero (alcalde de Tui entre 1951-1957). Pararon ante a redacción de El Nuevo Heraldo e esnaquizaron as rotativas. Achegarse ao concello onde os agardaba Brasilino Álvarez para facer entrega do poder municipal. Despois fusilárono. O novo goberno local estaría presidido por  Paco Moreno Álvarez, “garda cívico” e xefe  local da CEDA. Debeulle ser de proveito a Buhigas a experiencia miñota na organización de perseguidores e practicas de limpeza; a mediados de setembro estaba a instruír a lexión falanxista lucense antes de incorporarse ao fronte de Asturias; despois encargouse de formar a columna falanxista ourensá que enviarán á fronte de Guadalaxara, onde falecerá en 1938.

“y demás camarilla de asesinos”

    Darío Á. Blázquez no primeiro dos capítulos da súa serie “Fuxidos” anuncia que dirá o nome dos perseguidos, pero non o do seus perseguidores ou executores “porque non quero que os fillos ou netos poidan ser aldraxados”. Dicíao en 1977, cando era un dos primeiros en recuperar a memoria dos perseguidos. Corenta anos despois aínda fican temores a ofender a quen non se pode sentir ofendido, porque nada fixo.

    O limitado espazo non permite nin facer reconto dos perseguidores citados polas testemuñas e que indicamos na bibliografía mínima, pero non podemos menos que referir algúns nomes reiterados.

J. Noia conta que no hotel do Tegra houbo un xantar no que participaron, entre outros, o capitán da GC Joaquín Teresa Pomares, o tenente Buhigas e o alcalde Paco Moreno. Nel negociouse o número de mortos precisos para “limpar” a vila. Os militares puxeron sobre a mesa un número elevado, falase de trinta; o alcalde seica o logrou rebaixar a cinco. A acta de defunción destes cinco sinala como causa da morte “encuentro con la fuerza pública”. Esa “fuerza”, dinnos Noia e Urís, estaba formada por Severo Sobrino Vicente, Anselmo Fernández Estévez, “Fernandito” Jiménez Varela, Severino Fernández, Óscar Rodríguez González  e algúns máis. A listaxe, segundo Urís Guisantes[12], fora elaborada  “pola Falanxe Local que presidía Manuel Franco Cadilla”. O grupo inicial da Falanxe guardesa xuntouse derredor do cura Cándido Rodríguez Vicente[13] e actuaría dirixida dende Tui por José Mª Salgado Méndez Núñez e Miguel Saez Mon, verdadeiros xefes do “Escuadrón del amanecer”. A estes dous últimos entregoulles o comandante militar de Tui, capitán Eduardo Rodríguez González, a Manolo Noia, para sacarlle onde se agochaban o seu irmán Juan, Alonso Ríos e Guillermo Vicente. As torturas e vexacións e o seu asasinato aterrorizaron as xentes miñotas como da calafríos ler o relato de Josefina García Segret do que lle fixeron “Francisco Pino, Álvarez Aldir, de Santiago, Tomé, Bugarines y demas camarilla de asesinos” ao seu home, o mestre de Forcadela, a Paquiño de Figueiró, ao ferreiro de Caldelas, a Zuñiga e a Besada.


Bibliografía mínima:

Alonso Ríos, A. [1979] (1996): O siñor Afranio. Vigo: A Nosa Terra.

Álvarez Blázquez, D. (1977): “Historias de fuxidos” en  La Voz de Galicia. Serie de dez artigos (abril-xullo).

Cerecedo, F. (1977): “Cuando la sangre llegó al Miño” en Historia 16, 19/2/1977.

García Segret, J. (1982): Abajo las dictaduras. Vigo: Da autora

Noya, J. [1976] (1996): Fuxidos. Vigo: Xerais.



[1] http://laguerracivilentuy.blogspot.com/2009/ Diario de Pontevedra, 24/4/1936.

[2]  Á. Blázquez, D.: La Voz de Galicia, 10/7/1977.

[3] Rodríguez Gallardo, A. (2008): “A represión franquista no concello de Tui” en  VV.AA.: O Miño, unha corrente de memoria. Ponteareas: Alén Miño.

[4] Segundo unha información que Rogelio Martínez lle fai chegar a José Bergamín. Ver https://rebelion.org/requetes-y-atrocidades-del-franquismo/ e Martorell https://rebelion.org/edgar-gonzalez-requetes-y-represion/.

[5] M. Reverte, J. (2005): La batalla del Ebro. Planeta: BCN; referencias tomadas  do libro de Kemp (1975): Legionario en España. Ver tamén  Southworth, H. (1986): El mito de la cruzada de Franco. Plaza &Janes:BCN.

[6] Thomas, H. (1976): Historia de la guerra civil española. Círculo de Lectores: BCN (p.901, t.2).

[7] Trías de Bes e Martínez Gamallo (2007): Los alcaldes de Tui del siglo XX. Pontevedra: DePo.

[8] BOE, 15/9/1938, nº 77, p.1250

[9] AGMS-Archivo General Militar de Segovia.

[10] AIMNOR- Arquivo Intermedio Militar do Noroeste, Ferrol

[11] Sobre Buhigas ver Abad Gallego (2008): Cen personaxes en torno a unha guerra. Vigo;IEV.

[12] https://republicanosminhotos.blogspot.com/p/recuperando-memoria.html

[13] Fora o promotor de Acción Católica. Ver as memorias infantís inzadas de estereotipos nacional-católicos de Álvarez Seoane (2007) Guerra civil en el “Baixo Miño”. Vigo: Cardeñoso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario