Dona Mariquiña. Óleo sobre lenzo, 67,5x56; s/d,s/s. Último cuarto do s. XIX. Casa-museo EPB |
O
mestre acabaría tamén administrando os bens dos Quiroga, cando estes estaban da
man do sobriño político de dona Emilia, Jorge, e quizais xa en vida do seu pai Eduardo,
do que algún día comentaremos o seu relevante papel como inspirador literario
da condesa.
Don
Ángel, home conservador e católico como correspondía á familia dos seus
administrados, participou activamente tanto na asociación católica de mestres[3] como no “Sindicato
católico-agrícola comercial del Ribero del Avia y Miño”[4] e soubo gañar o aprecio
popular manexando con xeito os seus fíos para conseguir unha escola nova, con
xardín, condicións hixiénicas e “el correspondiente material de enseñanza”, que,
despois dunha misa solemne, na que se lle “administró la comunión a los niños”,
inaugurouse con todo boato en presenza do inspector, de representación
municipal, do director do convento de San Clodio e dos pais. A todos lles
serviu un “esplendido desayuno” non sen antes entregarlles “a los 58
alumnos más aplicados una libreta de la Caja Postal de Ahorros con una peseta
de imposición, obsequio hecho por el maestro Sr. Pagán, con el fin de inculcarles
el amor al estudio, al trabajo y al ahorro”[5]. Don Ángel, este era o
trato que se lle daba, tamén soubo engaiolar unha nativa de Cabanelas, dona
Jorgelina, coa que casou en 1926, actuando como xuíz Jorge Quiroga[6], que foi tamén padriño do
seu primeiro fillo, nomeado Eduardo[7] en lembranza do cuñado de
dona Emilia.
Entre
as brumas do meu espello emerxe unha dona Jorgelina de face difusa e un don
Ángel, moi maior, pero aínda con boa planta, enfardado, con garabata e
sombreiro de feltro, que subía con dificultade a costa do balneario apoiándose
nun fino bastón, indicio de status, camiño da casa que tiñan na estrada de
Astureses. Esa imaxe bretemosa xurdía no meu maxín cada vez que ollaba a Burt
Lancaster troupeleando polas praderías da Italia setentrional anunciando a
morte do vello Berlinghieri no Novecento
do Bertolucci. Os dous, como Otero Pedrayo, eran pantasmas do século XIX; o
mesmo que os seus administrados.
Mais
volvendo ao rego e ao título. Entre os dous pazos, recórdanos Das Casas, pasou os
seus días quen, no Ribeiro, era chamada “doña Mariquita”. A min chíanme os
ouvidos e escoito dona Mariquiña, e así lle debían chamar, cando menos as
xentes populares, diga o que diga o home de María Natividad Ulloa Sotelo, da
casa dos Ulloa de Esposende de Ribadavia, ou dixérano como o dixeran as elites
fidalgas. Tratábase de María Asunción Pérez Pinal, aínda que a ela se refire
como María Asunción Pérez de Deza y Pinal. Nisto a fidalguía era moi mirada; xa
que tiñan que ficar neste chanzo baixo, moi baixo, con respecto da
aristocracia, cando menos aparentar. Así que Das Casas, ou De las Casas era
simplemente Casas, ou Mariquiña era só Pérez, o de Deza era un engadido, e dona
Emilia era Pardo Rúa e non Pardo Bazán y Rúa Figueroa. Pero eses “des” daban
“charmé”.
Pazo de Redondelle, A Peroxa |
Ao que
iamos, Mariquiña ou María Asunción, sogra de dona Emilia, naceu cando os mariscais
Jean de Dieu Soult e Michel Ney andaban a fungueirazos pola nosa terra en nome
da liberdade para só deixaren un xeito para amentar os cans, na casa de
Quintela, en Catasós. Así que polo 1808. Era filla de Miguel Pérez Guerrero,
administrador do conde de Lemos nas terras do Deza, e achegou ao seu matrimonio,
casaron na igrexa de Banga o 16 de novembro de 1835, con Pedro Antonio Quiroga
Mendinueta, as casas e rendas de Banga, Cabanelas, Corneda, no Irixo, e
Quintela en Catasós; mentres que o seu home, que nacera co século dezanove e
faleceu aos 75 anos, axuntaba as de Oleiros, Mabegondo, Redondelle na Peroxa e
Osebe en Leiro. Dinos Das Casas que morreu “rascandole los pies al siglo”, polo
que non debeu de facelo moito antes que o seu fillo Pepe, marido da condesa.
Pazo dos Quiroga en Santo Tirso de Mabegondo (Abegondo) |
Seguindo
o fundador dos Ultreyas[8], alguén a alcumou “Doña
Carlos III”, polas súas teimas construtoras. Ergueu a gran casa do Carballiño,
que se debeu rematar nos primeiros anos da década oitocentista dos cincuenta, converteu
a casa de Banga nun auténtico palacio e foi xenerosa coa construción da igrexa
do Carballiño, á que agora se lle chama vella, e que non o é tanto, pois
inaugurouse xa encetado o século pasado. Continúa o profesor de Noia “era
una
viejita muy donairosa (...) cónica y blanca como un huso de lana merina,
arrugada como una uva pasa y sonriente como un hada de cuento” polo que seica deixou profunda pegada entre as xentes
ribeirás. A señora de Banga chegou a gozar da amizade de Pepa “A Loba”[9] e actuar como a súa
banqueira; cando a bandoleira precisaba cartos recorría a dona Mariquiña que
llos emprestaba; non aclara se tamén os branqueaba. Das Casas refírese en todo
momento a unha Pepa Loba de carne e óso e lamenta que non tivese ocasión de
coñecela, relatando que nunha ocasión entrou, en Ribadavia, na casa dun
“usurero matachín” que ao vela comezou a tremer e a pórse pálido, polo que xefa
de gavela conformouse con pegarlle un par de labazadas e levarlle o chapeu
fungo que despois alguén vendeu na feira de Maside.
Aquela
dona Mariquiña que con tanto agarimo rememora Das Casas era a sogra, no máis
pleno sentido pexorativo do termo, de dona Emilia, quen sempre a considerou
responsábel do fracaso do seu matrimonio. Máis iso é asunto doutra muiñada.
Publicado en Badalnovas
23/1/2021
[1] El
pueblo gallego, 12/9/1935
[2] El
correo de Galicia, 19/11/1917
[3] El
correo de Galicia, 27/12/1919
[4] El
pueblo gallego, 4/2/1927
[5] El
pueblo gallego, 26/5/1927
[6] El
correo de Galicia, 26/9/1926
[7] El
pueblo gallego, 19/6/1927
[8] Sobre De las Casas pódese consultar
Diéguez Cequiel, Uxío-Breogán (2003): Álvaro
de las Casas. Vigo : Galaxia.
[9] Tres lustros antes da crónica de Das
Casas, Antonio Rey Soto viña de publicar una reelaboración novelada sobre esta
mítica e multipresente personaxe, Rey Soto, A. (1918): La Loba. Madrid: Imprenta de Juan Pueyo. Sobre a célebre bandoleira
escribiu o meu profesor de Historia Aurelio Miras Azor (1968): Juventud de Pepa Loba, Vigo: Faro de
Vigo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario