Pasificación para facer o tostado |
As
señoritas de Molende, Teresa e Elvira, de alá de Cebre, eran amigas das
señoritas de Gondás, tres solteironas e unha “solterita”, aínda que máis
aristocráticas. Tamén o eran das señoritas de Loiro que, cando entraban na
feira do dezaseis en Vilamorta, cada unha portaba un fardo no que levaban a
roupa de lucir, entre o van e a cabeza da burrica ou da mula respectiva.
Daquela xa tiñan casa na vila onde se cambiar; noutros tempos amañábanse como
podían no piñeiral do eco de Santa Margarida, antes de entrar na vila.
É sabido
que Vilamorta é o Carballiño; dixemos que a condesa se refire ao Ribeiro como
El Borde e chámalle Cebre a Cea. Aínda non sendo posíbel identificar con
exactitude física outros topónimos que hoxe citamos é evidente a semellanza
eufónica entre Molende, Gondás e Loiro con Leiro, Godas e Moldes; todos na
contorna da Vilamorta real.
As
señoritas de Molende eran ben diferentes entre si. Teresa, a da mula, grande
amazona morena de ollos negros e raza montesía; Elvira, cabalgadora de burrica,
sentimental e poética, emborralladora de papeis, como diría o avogado García do
seu fillo Segundo, por quen a moza perdía os ventos, ante a indiferenza do
soberbio Narciso. A fortaleza de Teresa permitíalle asombrar cando punteaba
unha ribeirana en desafío danzante co señorito de Limioso. Este tivo que deixar
Las Vides para comprobar se entre o oídio, os merlos, os veciños e as avespas
lle deixaran un acio para un remedio. Tamén as señoritas de Molende tiveron que
abandonar a festividade laboral da vendima para cumprir coas súas obrigas ao
igual que moitas outras persoas convidadas porque “el que mas y el que menos
tiene su poquillo de Borde”.
Teresa
e Elvira tiveron que marchar por ser as súas mans necesarias e imprescindíbeis
para colgar a uva do seu famoso tostado, celebre no país. Desta tarefa,
“graciosa y delicada”, cóntanos dona Emilia[1], “suelen encargarse las
mujeres, y muchas veces las señoras, por no fiar a nadie tal cuidado”. Aqueles
acios pendurados de gallas de acacia ou de mimosa secábanse aos poucos
“reconcentrando en la capsulita de cada globo de uva la ensencia y fragancia
del zumo, como en rico pomo de ágata”. O tostado non se vende, dinos a Bazán, gárdase
na bodega do colleiteiro, ás veces sotérrase para desenterralo o día da voda dun
fillo ou do bautizo dun neto; daquela aparece convertido nunha “pella de azúcar”.Uvas no sequeiro
Como o
fénix, o Ribeiro rexurdiu e hoxe podemos catar viños dunha e outra beira do
Miño, do baixo Avia e do alto Ribeiro, coa personalidade dos colleiteiros que
souberon coutar a ameaza da uniformización. Só precisa perdurar no labor e
atopar mans precisas como as das señoritas de Molende para recuperar con
plenitude o seu viño máis excelso. Niso andan.
O
asunto ten o seu aquel. Trátase de obter un viño naturalmente doce (máis de 300
gr/l de azucre) a través do secado das uvas, nun pendello ben ventilado e baixo
vixiante control sanitario, durante, como mínimo, tres meses. Este coidadoso
labor comeza coa selección dos mellores cachos e moito tino na recolleita para
que non se esmagallen. O sequeiro ha de estar cuberto e á sombra. A
fermentación debe ser lenta e á menor
temperatura posíbel. A maduración, en pipos de carballo ou cerdeira, nunca
inferior ao medio ano e, cando menos, outros tres meses na botella. A lentitude
do proceso e a escasa rendibilidade, non chega a corenta litros por cen quilos
de uva pasa, fan del un viño de ocasión, de cerimonia, de agasallo e prestixio,
ideal para acompañar doces e falares nestas datas, aínda que sexan minguadas
pola ameaza vírica.
As
castes empregadas son as propias da DO Ribeiro, brancas ou tintas. Teño
entendido que na actual recuperación se emprega moito a treixadura en contraste
coa información do padre Eiján que nos indica que para a súa elaboración empregábase
“la variedad de vid llamada Verdal (Verdello)”[2].
No
século XIX e no primeiro terzo do XX este excelso viño reclamábase, como lle
lembraba o administrador dos Quiroga, Ángel Pagán, a Álvaro das Casas, nas
mesas da realeza isabelina[3] e, como vemos nas imaxes,
naquelas nas que se podía de Europa e América. Ata a popularidade de dona
Emilia se empregou como márketing por un comerciante escaso de escrúpulos e
sobrado de habilidades perversas.
El eco de Galicia, 6/1/1921 |
Sei que
nestes días o historiador e amigo Xavier Castro andou a presentar un libro
sobre o tostado[4].
Aínda non o puiden ler, pero adiántanme que o grande estudoso da vida cotiá, a
alimentación e os viños galegos non dubida en poñer o noso tostado á altura do
Tokay húngaro ou do Sauternes da zona de Bordeos. Só falta que produtores e
consumidores o creamos e recuperemos este patrimonio cultural e enolóxico do
Avieiro, do Ribeiro e de Galicia.
Almanaque Gallego 1910 |
Programa das festas de Santiago de Compostela 1885 |
[1] Pardo Bazán, E. (1896):
“Vendimias” en La ilustración artística,
nº 772, p.690, 12/10/1896, en Pardo Bazán, E. (2003): La vida contemporánea. Madrid: Ayuntamiento de Madrid, p.65
[2] Eiján, S. (1920): Ribadavia y sus alrededores. Madrid:
Tip. San Bernardo. Ed. Facsímil (1981). Lugo: Alvarellos; n.1, p.596.
[3] Das Casas, Á (1935): “La casa de Banga”, EPG, 12/9/1935
[4] Castro, X: (2020): Tostado. Vino noble de Galicia. Moaña: Acuarela
comunicación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario