sábado, xaneiro 23, 2021

Sebastián Pena ou a memoria traizoeira

 

Sebastián Pena cos seus alumnos e alumnas de Parada (Nigrán) cara 1925 (A. familiar)

En conversa con Timothy Snyder[1], o finado historiador británico Tony Judt argallaba un símil entre historia e memoria como se fosen dúas medias irmás. Esta última é fermosa, pándega, faladora e sedutora; pola contra a outra, a historia, é unha cara de pau vellouqueira e pouco comunicativa. A pesar diso e da súa eterna disputa, non poden vivir a unha sen a outra. Sendo tan distintas, as persoas tenden, coa mellor das intencións, a confundilas e non son quen de distinguir entre o “deber de recordar o pasado” e o “pasado” mesmo. Tan impropio como non diferenciar con precisión os matices, sería, advírtenos Enzo Traverso[2], contrapoñelas de xeito irreconciliábel. As dúas medias irmás comparten a elaboración do pasado. Mais a “experiencia vivida”, en termos de Benjamin[3], sempre vai cargada de subxectividade de quen lembra “acontecementos vividos” aínda que semellen moi afastados da testemuña, e pode, tras o proceso de amplificación social, convertese en “experiencia transmitida” e consolidar un relato parcial do pasado.

 

A leda irmá nova, coa súa facilidade para engaiolar, deixarse engaiolar e transmitirse, foi especialmente inxusta con Sebastián Pena López. Este mestre, natural de Tabeirós, desenvolveu a súa “experiencia vivida” no Val de Miñor, entre as parroquias nigranesas de Parada, onde exerceu o maxisterio moitos anos, e o lugar de Vilariño, na parroquia de San Pedro da Ramallosa, onde fixo niño tras casar con Virginia Fernández Núñez.

Sebastián Pena López
na década de 1930 (A. familiar)

 

A Sebastián Pena López poderiámolo considerar como o prototipo daqueles mestres que chegaron a converterse en símbolo da propia República. Activo na aula, comprometido na vida social e cultural. Os anos vinte foron tempos de reivindicacións laborais, pedagóxicas, culturais e de asociacionismo profesional á beira dalgúns asasinados (Vázquez Grela, Víctor Fraiz, Apolinar Torres...) ou castigados (Luís Pascual Villegas, Benedicto Crespo, José Cribeiro...) polos sublevados.

 

Dende a proclamación da República amosou o seu compromiso: encabezou, en Vigo, a “xunta civil de defensa dos poderes republicanos” para evitar a parálise dunha administración baixo o control dos monárquicos; presidiu o consello escolar local; dinamizou as “misións pedagóxicas” e desenvolveu unha intensa actividade cultural dende a sociedade agraria de Parada. Participou directamente na vida política, como moitos outros republicanos de vello, a través do emilianismo-lerruxista con forte presenza no Val de Miñor. O seu desencanto cos radicais achegouno, como a moitos outros, ao novo agrarismo que andaba a callar derredor da Federación Provincial Agraria, impulsada dende Lavadores por Ramón Alonso Martínez. Constituída en xuño de 1932, aos poucos meses do congreso agrario no que Sebastián Pena ocupou mesa presidencial, converteuse nunha poderosa forza política que se achegaba, sen moito disimulo, ao ideario galeguista, como se comprobou coa elección de Antón Alonso Ríos para representala nas Cortes, en febreiro de 1936. Ata que chegou o horror.

 

A coincidencia no apelido Pena, entre Sebastián Pena López e o cabo da garda civil de Baiona Manuel González Pena, coñecido como “cabo Pena”, provocou unha confusión na transmisión oral da “experiencia vivida”, que ameaza con converterse en “experiencia transmitida” e así nunha falsidade histórica. Sen dúbida é un erro non intencionado, resultado tanto da popularidade do mestre, orador nos grandes mitins agrarios e republicanos, como do descoñecemento do escorregadizo cabo Manuel González Pena, prototipo de represor, de asasino. Non hai causa militar aberta contra as xentes de Nigrán e Baiona na que non estea presente a súa sinatura ao pé dos atestados dos interrogatorios ou dos informes condenatorios; mais, sen dúbida, a acción que estableceu o símil entre “horror” e “cabo Pena” foi cando, para vingar a morte dun colega falanxista, apañou nove veciños do Miñor e matounos na coñecida dende aquela como Volta dos Nove.

 

Sebastián Pena López temeu pola súa vida; ao seu irmán José María furtoulla o pelotón de fusilamento. Sancionárono sen emprego e soldo e, cando lle devolveron a escola, afastárono da casa familiar durante seis anos; mandárono a Pontecesures.

 

O cabo da GC de Baiona
Manuel González Pena, sentado
(A. IEM)

Pretenden estas poucas liñas emendar certa “experiencia vivida”, escoiteille a varias testemuñas referirse ao cabo co nome do mestre, e, en especial, rectificar unha “experiencia transmitida”, en fase inicial e polo tanto corrixíbel, pois nalgunhas publicacións de carácter memorialista ou literario reproducen a subxectividade traizoeira da memoria. Sebastián Pena López, o mestre republicano de Parada, castigado polo sublevados, nada ten que ver co xefe dos represores no Val de Miñor, Manuel González Pena.

 

Publicado en Nós-diario, 23/1/2021

 

 

 

 



[1]Judt T. e Snyder, T. (2012): Pensar el siglo XX. Madrid: Taurus

[2] Traverso, Enzo (2007): El pasado, instrucciones de uso. Historia, memoria, política. Madrid: Marcial Pons.

[3] Sobre a cuestión ver Benjamin, W (2005): Libro de los pasajes. Madrid: Akal e Benjamin, W. (s/d): Tesis sobre la historia y otros fragmentos. Edición e tradución de Bolivar Echevarría. México: UNAM.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario